Guitarra eléctrica
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
Unha guitarra eléctrica é unha guitarra cun ou máis transductores electromagnéticos ("pastillas") que converten as vibracións das cordas en sinais eléctricas capaces de ser amplificadas e procesadas. Hai guitarras sen caixa de resoancia (guitarra eléctrica sólida) ou cunha caixa máis pequena do habitual (semisólida), ás veces con buratos cara ao exterior con formas en "f" semellantes aos das caixas de resoancia dos violíns e outros instrumentos acústicos.
Inventada en 1931, a guitarra eléctrica fíxose moi necesaria para os músicos de jazz xa que estes precisaban amplificar o seu son debido a que o resto dos instrumentos das bandas tiñan unha sonoridade máis alta. Dende entón a guitarra eléctrica converteuse no instrumento máis importante da música popular, e é moi usada en moitos estilos, incluíndo todos os xéneros de rock and roll, heavy metal, música country, pop, jazz, blues, e incluso a música clásica contemporánea.
Historia
editarAdolph Rickenbacher pode considerarse o inventor a guitarra eléctrica, aínda que a aparición deste instrumento foi un proceso no que colaboraron gran cantidade de músicos, fabricantes e técnicos durante os anos 30 e 40 nos Estados Unidos. A súa popularidade comezou na época das big bands, xa que os instrumentos amplificados fixéronse necesarios para competir cos volumes das grandes seccións de vento comúns en orquestras de jazz dos anos 30 e 40. Inicialmente, as guitarras eléctricas tiñan corpos de guitarras acústicas con transductores electromagnéticos engadidos.
Os primeiros anos
editarAs guitarras eléctricas foron orixinalmente deseñadas por grupos de luthiers, entusiastas da electrónica e fabricantes de instrumentos, en variadas combinacións. As primeiras guitarras eléctricas, que usaban corpos de guitarras eléctricas, usaban pastillas de tungsteno e foron fabricadas nos anos 30 por Rickenbacker. En 1935, un científico soviético, traballando independentemente dos seus colegas occidentais, foi coñecido por producir unha guitarra rusa eléctrica chamada "Kuznetsov electromagnetic guitar". Foi exhibida nunha exposición tecnolóxica en Moscova, pero o seu desenvolvemento parouse debido á hostilidade do réxime de Stalin coa música de guitarra.
A primeira gravación dunha guitarra eléctrica foi do guitarrista de jazz Beddie Durham en 1937. Durham amosoulle o instrumento a un novo Charlie Christian, que o fixo famoso e é xeralmente coñecido como o primeiro guitarrista eléctrico e unha grande influencia para os guitarristas de jazz nas décadas seguintes.
A versión do instrumento máis coñecida hoxe en día é a guitarra eléctrica de corpo sólido, unha guitarra feita de madeira sólida, sen caixas de resoancia no seu interior.
Finalmente unha compañía, Audiovox, construíu e ofertou unha guitarra eléctrica de corpo sólido a mediados dos anos 30. Rickenbacher, posteriormente Rickenbacker, ofreceu un molde de aluminio de guitarra eléctrica, alcumada The Frying Pan (a tixola), en 1933, que tiña xa un son moderno e agresivo.
Outra guitarra eléctrica de corpo sólido foi deseñada e construída polo músico e inventor Les Paul a principios dos anos 40, traballando fóra de horas na fabrica de Gibson Guitar. A súa guitarra tronco (chamada así debido a que o mastro insertábase no corpo, nunha única e longa peza de madeira) foi patentada e é considerada a primeira da súa claser, aínda que o seu deseño non se asemalle moito á guitarra les Paul vendida por Gibson.
Fender
editarEn 1950 e 1951, o fabricante de compoñentes electrónicos e amplificadores de instrumentos Clarence Leonidas Fender deseñou a primeira guitarra eléctrica de corpo sólido comercialmente exitosa, que foi inicialmente chamada "Esquire" e tiña unha pastilla magnética sinxela. A versión de dúas pastillas da Esquire foi bautizada como "Broadcaster". Porén, Gretsch tiña unha batería cun nome semellante (Broadkaster), polo que Fender cambiou o nome a "Telecaster" facendo referencia ao novo fenómeno da televisión.
No ano 1954 Fender sacou ao mercado a Fender Stratocaster. A Stratocaster presentaba varias melloras e innovacións con respecto á Telecaster.
Partes da guitarra
editarCorpo
editarNormalmente é fabricado con madeiras duras, como pradairo, amieiro, caoba ou freixo, aínda que ás veces de materiais sintéticos como o luthite. Ten no seu interior as compoñentes electrónicas e pode ser semisólido cunha pequena caixa de resoancia. A densidade da madeira incide no lapso que unha nota permanece sostida despois de pulsar a corda (a maior densidade, maior tempo).
As cordas fíxanse a el por medio da ponte. Hai diversos tipos de ponte, cada un con características específicas que inciden no son final do instrumento, e incluso algunhas pontes inclúen pastillas pezoeléctricas para captar a vibración das cordas, ou pancas de vibrato para variar lixeiramente a tensión das cordas e causar un efecto vaivén na entoación.
No corpo están inseridos os controis de volume e ton, así como o selector de pastillas no caso de que a guitarra teña varias. Dependendo do número de pastillas permite elixir calquera delas ou unha combinación de dúas, dando así máis posibilidades de sons.
Mastro
editarEstá feito dunha ou varias pezas de madeira, e ten no seu interior unha barra de aceiro ou outro material moi resistente, chamada alma, para contrarrestar a tensión das cordas. Ademais a alma conta cun parafuso nun dos seus extremos que permite axustar a curvatura do mastro. O mastro ou mango únese ao corpo pegado, que é a técnica tradicional, ou ben aparafusado, técnica popularizada polo construtor de guitarras Leo Fender. Actualmente para o pegado do mango empréganse colas sintéticas, pero tamén se seguen a empregar, xeralmente de forma artesana, colas naturais a base de coláxeno animal.
Un elemento fundamental no mastro dunha guitarra é a pestana, que consiste nunha pequena peza colocada entre o caravilleiro e o comezo do diapasón, no que se apoian as cordas. Ten uns sucos do tamaño das mesmas que permite que estas queden fixas na súa posición. Para fabricar este elemento, emprégase óso de forma tradicional sendo aínda hoxe o material máis utilizado, non obstante nas últimas décadas apareceron elementos novidosos como o latón, o grafito ou outros materiais sintéticos de menor difusión.
Sobre o mango atópase o diapasón, que é onde se apoian os dedos ao tocar e sobre el se colocan as cordas de forma lonxitudinal. Xeralmente se empregan madeiras duras na súa fabricación, coma o ébano ou o pau rosa, aínda que ás veces o atopamos feito de pradairo ou incluso doutras madeiras.
Sobre o diapasón e en perpendicular ás cordas atópanse os trastes; pequenas barras metálicas de diversas aliaxes que entran en contacto coa corda ao apoiar nela os dedos. A súa función é acurtar a parte da corda que entra en vibración para poder afinar as diferentes notas de forma precisa.
Outro elemento que aparece habitualmente no diapasón son os marcadores de posición, que son marcas nos trastes impares agás nos trastes 11 e 13 e que marcan tamén o traste 12 (oitava). Serven como referencia visual para o instrumentista. Poden ser uns sinxelos puntos pero tamén existen guitarras con deseños ornamentais. No pasado adoitaban ser de nácara ou marfil, pero actualmente a maioría son de plástico.
Caravilleiro
editarÉ o extremo do mastro onde as cordas van enroladas a unhas pezas metálicas cilíndricas cun parafuso sen fin que regula a tensión da corda e polo tanto a súa afinación.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guitarra eléctrica |