Hilozoísmo (literatura)

(Redirección desde «Hilozoísmo»)

O hilozoísmo[1] (termo procedente da filosofía, introducido por Ricardo Carballo Calero[2] para referirse a esta corrente literaria na súa Historia da literatura galega contemporánea), tamén chamado imaxinismo[3], foi un movemento poético nacido en Galicia durante a época das vangardas históricas, aínda que inspirado na poesía popular e afastado, en realidade, do espírito destas[4]. O primeiro cultivador foi Luís Amado Carballo. Así se refire a el o crítico ferrolán:

"En fin, é o hilozoísmo, o animismo, o que nos parez caracterizar a imaxe do noso poeta, que nos presenta unha natureza viva, animal, humana[5]."

Identifícase como hilozoísta, pois, a poesía de temática centrada na representación dunha paisaxe rural ou natural fortemente humanizada e coa recorrencia a elementos pertencentes á cultura aldeá, non exenta de certo folclorismo[6]. A innovación do hilozoísmo, corrente polo demais debedora das vellas tendencias panteístas e franciscanas de poesía galega, consistiu en vestir a tradición de novas imaxes e ritmos, é dicir, de incorporar (e renovar) elementos populares ás veces influídos polo tratamento da metáfora que estaban a espallar vangardas coma o ultraísmo[2]. Nos poemas hilozoístas a natureza cobra o maior protagonismo a partir desas imaxes autónomas, en ocasións á procura do achado audaz, que a presentan viva e en constante movemento.[7]

Denominacións e orixes editar

Carballo Calero (o primeiro crítico en utilizar o termo hilozoísmo aplicado á obra de Amado Carballo), tanto na súa obra referencial coma en traballos anteriores[8] bautizara tamén esta estética co nome de escola neo-románica, xa que entendeu que nela se homenaxeaba, como antes fixera Noriega Varela, o mundo rural, os pequenos espazos, as cousas ínfimas. Pola súa parte X. L. Méndez Ferrín, no estudo que precede a súa edición da obra completa de Luís Amado Carballo en galego (1970[9]), denomina esta escola como "imaxista", xa que crea imaxes plásticas, presentando unha natureza activa. Cómpre precisar que o imaxinismo é un movemento de vangarda xa existente noutras literaturas e nada ten que ver co hilozoísmo.

Na opinión de certos críticos[2] o poeta en español Juan Bautista Andrade, natural de Pontevedra, sería un antecesor do que se deu en chamar despois hilozoísmo. Mais Andrade mantiña unha boa amizade[10] con outros dous poetas pontevedreses, Xoán Vidal Martínez e, sobre todo, con Luís Amado Carballo, o verdadeiro impulsor do movemento. Ademais, como máis adiante veremos, esta corrente prescribe o uso do verso octosílabo mentres en Andrade predomina o dodecasílabo.

Ramón González-Alegre e Rey Romero, dada a procedencia destes dous escritores, denominan o hilozoísmo "escola pontevedresa". A nomenclatura localista non tivo éxito, xa que poetas cultivadores da tendencia non haberían nacer na ribeira do Lérez.

O hilozoísmo non formou parte da vangarda galega editar

A pesar de que a práctica totalidade dos manuais escolares -e algunha obra de referencia[11]- repiten desde hai décadas que tanto o neotrobadorismo coma o hilozoísmo son vangardas galegas, o certo é que non existe apenas apoio crítico[12] para afirmalo[4][2] en canto que ningunha das dúas correntes responden á maioría das características encadrables no movemento das vangardas históricas[13] (tamén denominadas Ismos): reacción agresiva contra a literatura anterior, conciencia de grupo (articulada moitas veces en torno a un ou varios manifestos), vocación internacional, ruptura temática e formal etc.

Así, en sentido estrito, só Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro serían representantes da vangarda plena[2] no campo da literatura galega. O crítico Xosé R. Pena sitúa o hilozoísmo baixo a etiqueta de "vangarda pactada" (en calquera caso, non encadrable nos Ismos) dado que os versos de Amado Carballo e os seus seguidores constitúen, como xa advertira Carballo Calero, un punto de encontro entre a tradición imaxinista-paisaxista da lírica galega e a presenza daquelas novidades vangardistas que eran consideradas "axeitadas á espiritualidade galega" por parte dos mentores do nacionalismo.

O éxito de Amado Carballo -saudado como verdadeiro innovador dunha "estética apropiada para os novos" por parte de personalidades significativas como Antón Villar Ponte ou o mesmo Vicente Risco- e a excelente recepción da súa obra por parte dunha crítica coetánea que se mostraba moi receosa coa vangarda plena[14] dan sentido, segundo Xosé R. Pena, ao concepto de vangarda pactada (de seu un oxímoro, porque se algo caracteriza o vangardismo, como reflicte en Galicia o manifesto "Máis Alá", é a actitude hostil a calquera transacción). Sendo Cabanillas "o poeta por antonomasia" das Irmandades e movementos afíns, Amado Carballo e o hilozoísmo conformarían iso que certa crítica pretende definir a posteriori como vangarda necesaria, vangarda enxebre ou vangarda pactada. Tal paradoxo terminolóxico faría referencia, indirectamente, ao intento de supervisar a produción artística por parte das elites galeguistas dos anos 20.

Entre as xeracións máis novas da posguerra identificouse esa "estética amolecida[15]" como un manifesto tácito de moderación que lanzaban os dirixentes da política cultural daquel tempo. O que tampouco quere significar que se minusvaloren as achegas da poesía hilozoísta, en ocasións brillante no seu pulo reformador e na capacidade para dialogar, por exemplo, coas artes plásticas da época.

Trazos principais editar

Algúns dos seus principais trazos son:

  • Tematicamente, a natureza é a grande protagonista (panteísmo) a través da prosopopea. O elemento humano apenas aparece e, cando o fai, fúndese coa paisaxe.
  • Emprego abondoso de imaxes, ás veces audaces (visionarias).
  • Forte presenza do elemento plástico e cromático.
  • Uso do tradicional verso octosílabo (en antítese con respecto á poesía que escriben na altura os autores da vangarda, galegos europea, abonados ao versolibrismo).
  • Ambientación rural, aparecendo con frecuencia elementos folclóricos, relixiosidade popular, bucolismo e franciscanismo.
  • Presenza do mar, mais visto desde terra (nas vangardas coma o creacionismo o mar era de seu unha imaxe autónoma e relacionada con outras)
  • Uso da toponimia (conectada co paisaxismo), ao xeito de Pondal, con calidade evocadora e/ou enfática.
  • Presenza de estranxeirismos, sobre todo empréstitos do francés e inglés. Isto si conecta o hilozoísmo co multilingüísmo de vocacións cosmopolita presente nas vangardas galegas e europeas.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Hilozoísmo.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Pena, X. Ramón (2013-<2019>). Historia da literatura galega ? (1a edición ed.). Vigo. p. 222. ISBN 978-84-9914-551-8. OCLC 871573716. 
  3. Méndez Ferrín, X. L. (1990). De Pondal a Novoneyra (2. ed ed.). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-7507-460-3. OCLC 64450729. 
  4. 4,0 4,1 Diccionario da literatura galega ?. Vigo: Editorial Galaxia. 1995. p. 52. ISBN 978-84-8288-019-8. OCLC 34669594. 
  5. Carballo Calero, Ricardo (1975). Historia da literatura galega contemporánea (2ª ed.). Vigo: Galaxia. p. 700. ISBN 978-84-7154-227-4. OCLC 2019432. 
  6. "DITERLI - Termo". bernal.cirp.gal. Consultado o 2022-09-10. 
  7. Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5. 
  8. Carballo Calero, Ricardo (1955). Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (en castelán). Gredos. 
  9. Amado Carballo, Luís (1970). Obras en prosa e verso. Castrelos. 
  10. Acuña, Ana (2005). "Voz e memoria: a correspondencia entre Xoán Vidal Martínez e Xosé M.ª Álvarez Blázquez". Madrygal. Revista de estudios gallegos (8): 19-31. 
  11. Diccionario da literatura galega. Vigo: Galaxia. [<2000>-2004]. p. 126. ISBN 978-84-8288-658-9. OCLC 433610211. 
  12. Vilavedra, Dolores (1999). Historia da literatura galega. Vigo: Editorial Galaxia. p. ?. ISBN 978-84-8288-258-1. OCLC 46678488. 
  13. Calderón Gómez, Jorge (2005). "Las vanguardias históricas en perspectiva". Nómadas. Critical Journal of Social and Juridical Sciences 12 (2). ISSN 1578-6730. 
  14. Manuel Antonio (2015). Obra completa - Epistolario. A Coruña: Fundación Barrié. p. ?. ISBN 978-84-9752-062-1. OCLC 794704449. 
  15. Ferrín, Xosé Luís Méndez (22/12/2011). "Cunqueiro, terríbel". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 8/9/2022.