O ultraísmo é unha vangarda poética xurdida en Madrid en 1918, que tiña como principal propósito sintetizar todas as tendencias da vangarda mundial co mesmo desexo de ruptura e anhelo de novidade.

Características

editar

O ultraísmo foi un movemento literario iniciado en España en 1918, seguindo o modelo creacionista de Vicente Huidobro. Enfrontábase ao modernismo e ao novecentismo,[1] que dominaran a poesía en lingua española desde fins do século XIX. Á sombra deses estímulos americanos, os ultraístas reuníronse no faladoiro do Café Colonial de Madrid, presidida por Rafael Cansinos Assens e animada por Guillermo de Torre, Juan Larrea, Pedro Garfias, Ernesto López-Parra, Pedro Iglesias Caballero, José María Quiroga Plá e os irmáns Rivas Panedas.[2] O círculo iríase ampliando e chegaría a atraer a atención dun mozo Jorge Luis Borges, pupilos como Rogelio Buendía, Isaac del Vando Villar, Eugenio Montes e Gerardo Diego, ou de militantes feministas como Lucía Sánchez Saornil.

Os poetas ultraístas buscaron:

  • Sobrevaloración da imaxe e da metáfora, converténdose en moitas ocasións en múltiples (varias incluídas nunha soa).
  • Innovación na tipografía: uso de espazos en branco e ausencia de signos de puntuación.
  • Supresión da rima e incluso do ritmo.

Orixe e manifestos

editar

O círculo inicial ultraísta recoñecía como padriños o chileno Vicente Huidobro e os franceses Mallarmé e Apollinaire. E aínda que non o mencionan, hai que anotar a súa contemporaneidade co movemento «dadá» creado en Zúrich por Tristan Tzara. Max Aub sintetiza as teses vangardistas dos ultraístas no seu «desexo de afastamento da masa, levando ao seu natural fin o iniciado polos “raros” de finais do século XIX. A literatura era ‘de’ e ‘para’ iniciados».[1] Teses dalgunha maneira herdeiras do futurismo, aínda que limitado ao literario e sobre todo ao poético. Durante máis dunha década a súa actividade e ideoloxía creativa quedaron reflectidas nas revistas Cervantes (1919-1920), Grecia (Sevilla-Madrid), Vltra (1919-1920) en Oviedo e Vltra (1921-1922) en Madrid, Horizonte (Madrid, 1922-1923) e, con menos forza, en Alfar (A Coruña), Reflector (Madrid, 1920) ou Ronsel (Lugo). Tamén hai que citar a Cosmópolis (1919-1922), que, aínda que non é ultraísta, publica os artigos críticos e ensaios sobre literatura de vangarda de Cansinos Assens, Guillermo de Torre ou Borges. Outras revistas de existencia efémera e que serviron de peche para un ultraísmo que coñecería o seu ocaso, xa entrada a década dos vinte, son Perseo (1919), Tableros (1921-1922) ou Revista de Casa de América de Galicia (1921-1927).[3] Ao longo da súa existencia, o movemento deu a luz varios e variados manifestos. O primeiro publicouse no número de xaneiro de 1919 da revista Cervantes.[4] Outros manifestos ultraístas posteriores pero importantes foron o redactado por Guillermo de Torre en Madrid, en novembro de 1920,[5]​ ou o escrito por Borges e publicado na revista Vltra, en Madrid, o 20 de maio de 1921.[6]

Deuse a circunstancia que entre dous dos países europeos máis afastados de Europa, nun momento de eclosión das vangardas nacionalistas, como Polonia co formismo, florecido entre 1917 e 1922, e España co ultraísmo, chegáronse a intercambiar ideas e materiais.[7]

Borges e Vltra

editar

Un mozo Jorge Luís Borges que se instalou coa súa irmá Norah Borges no Madrid de 1919[8] implicouse pronto no ambiente dos faladoiros que gobernaban o ambiente cultural da capital de España. Finalmente, as súas preferencias caeron ao lado do culto hebraísta Cansinos Assens; froito diso e da súa amizade co ultraísta, pintor e afeccionado ao haiku Jacobo Sureda,[9]​ foi o manifesto subscrito por ambos os dous xunto con Juan Alomar e Fortunio Bonanova, publicado en 1920 na revista Baleares. Opúsculo que sería precedente das actividades ultraístas na Arxentina reflectidas en Prisma (1921-1922) e Proa (1922-1923, priméra época). Período que o propio Borges sintetizou no seu artigo publicado en 1921 na revista Nosotros, de Buenos Aires, e que pode resumirse no seguinte programa:[10]

  1. Uso da metáfora.
  2. Borrado das frases medianeiras, os nexos e os adxectivos inútiles.
  3. Abolición dos «trebellos ornamentais»,​ o confesionalismo, a circunstanciación, as prédicas e a nebulosidade rebuscada.
  4. Síntese de dúas ou máis imaxes nunha, que prolonga dese modo a súa facultade de suxestión.
  5. Imaxes e metáforas chocantes, ilóxicas, onde destacan o mundo do cinema, do deporte, do adianto técnico: «Os motores soan mellor que hendecasílabos» (Guillermo de Torre).
  6. Tendencia a establecer unha disposición tipográfica nova das palabras do poema, pretendendo dese modo facer ver unha fusión da plástica e a poesía.
  7. Neoloxismos, tecnicismos e palabras esdrúxulas.
  8. Eliminación da rima.
  9. Canto a obxectos do mundo moderno (o automóbil, a lámpada…).

Nas artes plásticas

editar

A tradución estética e plástica do ultraísmo envorcouse nas portadas e ilustracións das revistas que divulgaron o movemento, con artistas como:[11]

  • Eva Aggerholm
  • Rafael Barradas
  • Norah Borges
  • Daniel Vázquez Díaz

O ultraísmo en Galicia.

editar

A revista Ronsel foi unha porta aberta ao ultraísmo en Galicia.[12]

Algúns poemas de Manuel Antonio poden estar no ultraísmo.[13]

En Romances galegos de Eduardo Blanco-Amor, segundo o Diccionario da literatura galega:[14]

"O eixo temático dominante é o amor, habitualmente non correspondido, cunha importante presencia de símbolos homoeróticos. Relevo, pois, do intimismo sentimental, unido á visión sensitiva, impresionista, que transforma a realidade nun estilizado e ó tempo plástico cadro de imaxes, por veces cun vangardista aceno lúdico na liña de Amado Carballo. A natureza funciona asimesmo como correlato escénico nas características "estampas" cercana ó creacionismo e por veces ó ultraísmo."

Eugenio Montes por influencia de Gerardo Diego optou polo Ultraísmo e publicou en revistas desa corrente como Cervantes, Grecia, Ultra, Perseo, Cosmópolis e Horizonte.

O poeta ourensán Xavier Bóveda, que nunca publicou en galego, colaborou en Grecia con vinte anos, reclamándose ultraísta. Así, é un dos asinantes do manifesto a prol do “ultraísmo” que aparece na revista xa no número XI do 15 de marzo de 1918.[15]

  1. 1,0 1,1 "Max Aub" (en castelán). 2023-04-19. 
  2. "Un manifiesto literario - ULTRA (1919) - La nueva literatura". losmanifiestos.com (en inglés). Consultado o 2023-06-19. 
  3. "CVC. Rinconete. Literatura. Las vanguardias en nuestras revistas, 3. Primeras revistas españolas de vanguardia, por M. Ángeles Vázquez.". cvc.cervantes.es. Consultado o 2023-06-19. 
  4. Soler, Manuel Aznar (2014-04-07). República literaria y revolución (1920-1939) (en castelán). Editorial Renacimiento. ISBN 978-84-8472-913-6. 
  5. "Guillermo de Torre, Manifiesto Ultraísta Vertical". www.filosofia.org. Consultado o 2023-06-19. 
  6. "Manifesto ultraísta" (PDF). /literatura4ima. 
  7. Inés Ruíz Artola (2012). «¿Marginados en la periferia? Las vanguardias en España y en Polonia». En Universidade de Santiago de Compostela, ed. El caso del ultraísmo y el formismo. Congreso Español de Historia del Arte: 828. ISBN 978-84-9887-840-0.
  8. Hernández, Jorge F. (2016-06-17). "Borges en Sol". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-06-19. 
  9. García (Hamburg), Carlos. "Semblanza de Jacobo Sureda (1901-1935). Con un texto de Sureda sobre Borges (1925)". 
  10. Borges, Jorge Luis (diciembre de 1921). «Ultraísmo». Nosotros 39 (151): 466-471.
  11. "Otros futurismos: vorticismo, vibracionismo artehistoria.com". www.artehistoria.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2023. Consultado o 2023-06-19. 
  12. Infante Ruiz, María del Mar (2006). ""Ronsel": una puerta abierta al movimiento ultraísta en Galicia". Campus stellae : haciendo camino en la investigación literaria, Vol. 2, 2006, ISBN 84-9750-612-X, págs. 60-68 (Servicio de Publicaciones = Servizo de Publicacións): 60–68. ISBN 978-84-9750-612-0. 
  13. Ferrín, Xosé Luís Méndez (2011-12-22). "Cunqueiro, terríbel". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2023-06-19. 
  14. Vilavedra, Dolores (Coord) (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Autores. Ed. Galaxia. p. 80. ISBN 84-8288-019-5. 
  15. Areal, Redacción (2017-04-14). "GALEGOS EN “GRECIA”". AREAL. Revista Cultural de Sada. AC Irmáns Suárez Picallo. Consultado o 2023-06-19. 

Véxase tamén

editar