Max Aub

escritor español

Max Aub Mohrenwitz, nado en París o 2 de xuño de 1903 e finado en Cidade de México o 22 de xullo de 1972, foi un escritor en lingua castelá de orixe franco-alemá.

Max Aub
Nome completoMax Aub
Nacemento2 de xuño de 1903
Lugar de nacementoParís
Falecemento22 de xullo de 1972 e 23 de xullo de 1972
Lugar de falecementoCidade de México
NacionalidadeEspaña, Alemaña, México e Francia
Ocupaciónescritor, guionista, profesor universitario, dramaturgo, poeta e crítico literario
CónxuxePerpetua Barjau Martín
FillosElena Aub
PremiosBolsa de estudos Guggenheim, Bolsa de estudos Guggenheim e Bolsa de estudos Guggenheim
Na rede
IMDB: nm0041255 Allocine: 85701
Dialnet: 265562 Find a Grave: 7611782 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A súa obra céntrase sobre todo na novela e no teatro. Foi un dos representantes senlleiros dos narradores españois no exilio, ó que marchou en 1939 obrigado polo seu apoio á Segunda República Española. A súa obra máis coñecida é a serie de novelas El laberinto mágico, no que se recrean os antedentes e o desenvolvemento da guerra civil española.

Traxectoria editar

A familia paterna do escritor ten a súa orixe na vila de Aub en Franconia. No barrio xudeu desta vila viviu a familia ata comezos do século 18, época na que o tiveron que abandonar por causa das persecucións antixudías. Seu pai, Friedrich Aub, representante de comercio, nacera en Múnic e a nai Susana Mohrenwitz en París, onde naceu tamén Max Aub e onde pasou a infancia e foi escolarizado no Collège Rollin.

Ó inicio da segunda guerra mundial o pai de Max Aub, que se encontraba de viaxe de negocios en España, foi declarado Persona non grata polo estado francés a causa da súa orixe alemá, e negouselle o permiso a regresar a Francia. Max Aub, súa nai e súa irma Magadalena abandonaron París e emigraron a Valencia. Alí Aub estudou na escola na "Alliance Française" e na "Escuela Moderna", para obter en 1920 a graduación de bacharelato.

Na época escolar fixo amizade co futuro filósofo José Gaos, o escritor Juan Chabás, o futuro pintor Genaro Lahuerta e o sociólogo José Medina Echevarriá. En contra dos consellos da familia e dos profesores renunciou a seguir unha carreira universitaria e fíxose representante de comercio, co desexo, expresado por el mesmo, de acada-la independencia económica.

A carreira de escritor editar

O seu interese pola literatura comezou xa nos anos de escola, cando estivo abonado a revistas literarias coma a Nouvelle Revue Française e escribiu os seus primeiros textos. Aub aproveitaba as viaxes de negocios para relacionarse con artistas e escritores. Neses anos coñeceu a Jorge Guillén, Gerardo Diego, Federico García Lorca, Enrique Díez-Canedo e Luis Buñuel.

Baixo a influencia do último deles escribiu as primeiras pezas de teatro "experimental", que non foron, porén, representadas. En 1923 mentres estaba en Zaragoza foi testemuña do golpe de estado de Miguel Primo de Rivera, experiencia que recolleu no seu roman à clé "La calle de Valverde" (A rúa de Valverde), novela na que aparecen entre outros os escritores Vicente Blasco Ibáñez e Miguel de Unamuno.

Aub librou do servizo militar por curto de vista e, en 1926, casou en Valencia con Perpetua Barjau Martín, coa que tivo tres fillas: María Luísa, Elena e Carmen. En 1927 entrou como socio na empresa de seu pai. As súas preocupacións políticas concretáronse coa entrada en 1929 no Partido Socialista Obrero Español. Coa chegada en 932 de Segunda República Española participou como orador en diversos mitins.

Neses anos gañou certa fama no mundo teatral. En 1933 Viaxou a Unión Soviética xunta con Medina Echevarriá e García para tomar parte nun festival de teatro e preparar a representación dalgunhas das súas obras. Alí coñeceu a autores como Jacques Copeau, Max Reinhardt, Erwin Piscator e Bertolt Brecht que ían influír na súa obra posterior. Aub mostrouse receptivo as teorías sobre o teatro de Vsewolod Emiliewich Meierhold, Konstantin Sergeiewich Stanislawski e Alexander Tairov.

Nos anos 1934 e 1936 Aub dirixiu en Valencia o teatro El Búho. Grazas ás viaxes que fixo a Berlín, Madrid e París coñeceu a André Malraux, Gustav Regler e Ernest Hemingway.

Guerra civil e consecuencias editar

Despois do inicio da guerra civil en xullo de 1936 uniuse a "Alianza de escritores antifascistas para a defensa da cultura". Como membro desta asociación participou activamante no congreso internacional de escritores de 1936,[Cómpre referencia] na que coñeceu a Luis Araquistáin, cónsul español en París que o levou como agregado cultural á capital francesa. Permaneceu nese posto de decembro de 1936 a xuño de 1937 e foi o encargado de presentar na exposición universal de 1937 o cadro Guernica de Pablo Picasso, que lle fora encargado ó pintor polo goberno español.

Entre xaneiro e abril de 1940 viviu coa súa familia en Francia, época na que tentou producir xunto con André Malraux a película Sierra de Teruel. Foi denunciado como comunista e internado no campo de concentración de Le Vernet. Foi liberado despois dalgunhas semanas e volto a encarcerar o 2 de xuño de 1941.

Neses anos foille moi importante a amizade de Henri Matisse, André Malraux e André Gide. En novembro de 1941 foi deportado a Alxeria e encerrado na prisión de Djelfa. Escapou coa axuda duns amigos despois de sete meses na cadea. Conseguiu un visado para os Estados Unidos coa axuda do escritor John dos Passos, pero perdeu o barco no que debía partir e o visado foille revogado, tendo que permanecer tres meses en Marrocos, agochado no soto dunha clínica xudía para mulleres en Casablanca. Coa axuda do cónsul de México en Casablanca puido por fin partir, chegando a Cidade de México en outubro de 1942. En 1946 puido reunirse alí coa muller e as súas fillas.

O exilio mexicano editar

Na Cidade de México foi profesor ata 1951 na Academia de ciencias teatrais e cinematográficas e traballou entre 1943 e 1953 como escritor de guións, tradutor e director. Dirixiu durante algúns anos unha emisora de radio. Entre os seus amigos do período mexicano estiveron Alfonso Reyes, Octavio Paz e Carlos Fuentes. A partir de 1949 publicou a revista Sala de Espera. En 1951 quixo asistir ós funerais de seu pai morto en Valencia, pero foille denegado o permiso de entrada polas autoridades franquistas. Un intento anterior de reunirse cos seus pais en Francia fracasara tamén pola negativa das autoridades francesas, que mesmo ameazaron con deter ós pais do escritor. O escritor dirixiu unha carta aberta ó presidente Vincent Auriol que non tivo resposta positiva. Finalmente, en 1954 Aub puido reunirse con súa nai no sur de Francia. A esta viaxe seguíronlle outras por Europa. A nai de Aub morreu en setembro de 1962 en Valencia, pero foille de novo negada a entrada en España.

Anos de viaxe editar

Entre finais de 1962 e comezos do 1963 fixo a presentación en Nova York dunha exposición do pintor Jusep Torres Campalans. O pintor era un invento de Aub, que o creou para unha das súas novelas. Con ese pseudónimo pintou varios cadros que chamaron a atención sobre a obra do pintor ficticio.[Cómpre referencia] Durante a estadía nos Estados Unidos foi invitado como conferenciante polas Universidades de Harvard e Yale.

En 1966 viaxou comisionado pola UNESCO a Oriente Próximo e fundou na Universidade de Xerusalén o departamento de literatura latinoamericana, do que el mesmo foi profesor de novembro de 1966 a febreiro de 1967.

Entre decembro de 1967 e febreiro de 1968 estivo como conferenciante na Habana, en Cuba, onde vivía unha filla súa. José Castellet e Jorge Semprún ofrecéronlle unha praza no instituto de cultura latinoamericana "Casa de las Américas", que aceptou de boa gana.

En 1969, durante unha visita á súa filla María Luísa en Londres, sufriu un ataque cardíaco que lle custou case doce semanas de hospitalización.

Tres anos antes morrer, en 1969 puido visitar España cun visado turístico. Co apoio de Carlos Barral e Manuel Tuñón de Lara. Entre agosto e novembro recorreu o país e mesmo conseguiu recuperar unha parte da súa biblioteca, que estaba na universidade de Valencia, aínda que tivo que renunciar a moitos volumes. Aub deixaría entrever nas súas cartas que a España de Franco non era xa a súa terra.

Morreu o 23 de xullo de 1972, ós 69 anos de idade, en Cidade de México.

Obra editar

Novelas editar

  • Luis Álvarez Petreña (1934/1965/1971; edicións sucesivamente ampliadas)
  • El laberinto mágico: Campo cerrado (1943), Campo de sangre (1945), Campo abierto (1951), Campo del Moro (1963), Campo francés (1965) e Campo de los almendros (1967).
  • Las buenas intenciones (1954)
  • Jusep Torres Campalans (1958)
  • La calle de Valverde (1961)

Narracións editar

  • Ciertos cuentos, cuentos ciertos (1955).
  • Crímenes ejemplares (1957).
  • Cuentos mexicanos (con pilón) (1959).
  • La verdadera muerte de Francisco Franco y otros cuentos (1960).
  • El zopilote y otros cuentos mexicanos (1964).
  • Historias de mala muerte (1965)

Teatro editar

  • El desconfiado prodigioso (1924)
  • Espejo de avaricia (1927)
  • Narciso (1928)
  • San Juan (1943)
  • Morir por cerrar los ojos (1944)
  • El rapto de Europa (1946)
  • Deseada (1950)
  • Obras en un acto (1960)
  • No (1962)
  • El cerco (1968)

Ensaios de crítica literaria editar

  • Discurso de la novela española contemporánea (1945)
  • La poesía española contemporánea (1947)
  • La prosa española del siglo XIX (1952).

Lírica editar

  • Los poemas cotidianos (1925).
  • Diario de Djelfa (1944 e 1970).
  • Antología traducida (1963, 1972).
  • Versiones y subversiones (1971).
  • Imposible Sinaí (1982).
  • Antología de la poesía mexicana 1950-1960 (1960).

Autobiografía editar

  • La gallina ciega. Diario español (1971).
  • Diarios (1939-1972). Edición, estudo introdutorio e notas de Manuel Aznar Soler. Barcelona, Alba Editorial, 1998.
  • Nuevos diarios inéditos: 1939-1972. Edición de Manuel Aznar Soler, Sevilla, Renacimiento, 2003.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar