Luis Buñuel

director de cinema español

Luis Buñuel Portolés, nado en Calanda (provincia de Teruel) o 22 de febreiro de 1900 e finado en Cidade de México o 29 de xullo de 1983, foi un director de cinema aragonés, nacionalizado mexicano e considerado un dos máis importantes e orixinais na historia do cinema mundial. A meirande parte da súa obra foi realizada en México e Francia.

Modelo:BiografíaLuis Buñuel

(1929) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Luis Buñuel Portolés Editar o valor en Wikidata
22 de febreiro de 1900 Editar o valor en Wikidata
Calanda, España Editar o valor en Wikidata
Morte29 de xullo de 1983 Editar o valor en Wikidata (83 anos)
Cidade de México Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecirrose hepática Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaTolocha (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
RelixiónAteísmo Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade Complutense de Madrid Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióndirector de cinema, compositor, poeta, produtor de cinema, fotógrafo, escritor, actor, montador, guionista, realizador Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1928 Editar o valor en Wikidata - 1983 Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoSurrealismo Editar o valor en Wikidata
MovementoSurrealismo Editar o valor en Wikidata
Participou en
24 de xuño de 1977Documenta 6 Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeJeanne Rucar (1934–) Editar o valor en Wikidata
ParellaConcha Méndez Editar o valor en Wikidata
FillosJuan Luis Buñuel
 () Editar o valor en Wikidata
PaiLeonardo Buñuel González Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0000320 Allocine: 193 Allmovie: p83516
BNE: XX880229 Musicbrainz: dcd99496-36a0-4715-9441-ab4c8af6cbdf Discogs: 3744240 WikiTree: Buñuel_Portolés-1 Find a Grave: 6946038 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

O seu pai, Leonardo Buñuel González, orixinario de Calanda, onde tiña un negocio de ferraxaría, obtivo unha gran fortuna en Cuba. Trala guerra de Cuba liquidou os seus negocios e volveu á súa vila natal, onde casou con María Portolés Cerezuela, moito máis nova que el, coa que tivo sete fillos: Luis (1900), María (1901), Alicia (1902), Concepción (1904), Leonardo (1907), Margarita (1912) e Alfonso (1915). Ó pouco de casaren foron a vivir a Zaragoza e a partir de entón repartiron as súas vacacións entre Calanda (tódalas semanas santas) e Donostia.

Luis Buñuel estudou en Zaragoza nos Xesuítas, ata que acabou o bacharelato con 17 anos, partindo para cursar estudos universitarios a Madrid.

Para iso aloxaríase na Residencia de Estudiantes fundada pola Institución Libre de Enseñanza na que permaneceu sete anos. Alí Buñuel trabou amizade con Salvador Dalí, Federico García Lorca, Pepín Bello e Juan Ramón Jiménez entre outros. Participou nos faladoiros ultraístas e nas do café Pombo, que dirixía Ramón Gómez de la Serna, tódolos sábados de 1918 a 1924. Cos seus compañeiros da Residencia fixo os seus primeiros ensaios de posta en escena, con versións delirantes do Don Juan Tenorio nas que actuaban Lorca e Dalí entre outros compañeiros.

Nesta época publica contos e poemas en revistas de vangarda, e incluso tiña preparado un libro que os recompilaba co título de Un perro andaluz. Moitas das imaxes dos seus escritos destes anos, previos ó surrealismo francés, pasarían ó seu cinema. Tamén tivo coñecemento nestes anos das tendencias internacionais máis importantes do pensamento e da arte, e mostrou interese pola Galería Dadá, e a obra de Louis Aragon e André Breton.

A asistencia de Buñuel á conferencia que Louis Aragon deu na Residencia sobre o surrealismo animouno a decidirse a desprazarse en 1925 a París para coñecer a cidade que nese momento era a capital cultural do mundo.

Primeiras películas

editar

Coñeceu o cinema moi novo, cando aínda era un espectáculo de feira. Durante toda a infancia viu moitas películas (a súa curmá tiña acceso desde a cociña á pantalla dun dos primeiros cinemas de Zaragoza). Cando tiña trece anos, á volta dunha das habituais viaxes a París dos seus pais, regaláronlle un teatro con personaxes de cartón; con este teatro ofrecía representacións, que presentaba durante semanas ós mozos da vila.

No tempo que permaneceu en Madrid adoitaba ver cinema, pero non foi ata que se estableceu en París cando comezou a velo intensivamente: habitualmente tres películas ó día, unha pola mañá (xeralmente proxecións privadas, grazas a un pase de prensa), outra pola tarde nun cinema de barrio e outra pola noite, á vez que colaboraba como crítico en varias publicacións, entre elas en Cahiers d'Art de París. Foi colaborador en publicacións de cinema e arte como Alfar, L'Amic de les Arts, Helix, Horizonte ou La Gaceta Literaria.

O pianista Ricardo Viñes propónlle a dirección escénica de El retablo de Maese Pedro de Manuel de Falla, que, estreada en Ámsterdan o 26 de abril de 1926 supuxo un importante éxito. Esta experiencia levouno a escribir unha peza de teatro de cámara de vangarda titulada Hamlet en 1927, estreada no «Café Sélect» de París.

A súa conversión ó cinema produciuse tras ver a película As tres luces (Der müde Tod) de Fritz Lang. Varias semanas despois presentouse nunha rodaxe ó coñecido director de cine francés Jean Epstein e ofreceuse a traballar en calquera labor a cambio de aprender todo o que puidera acerca do cinema, e Epstein acabou permitíndolle desempeñar o cargo de axudante de dirección na rodaxe das súas películas mudas Mauprat e A caída da casa Usher (La Chute de la Maison Usher), de 1928.

Nestes anos Buñuel colaboraría como actor nuns pequenos papeis, como o de contrabandista na película Carmen, dos estudios Albatros, con Raquel Meller, e en La Sirène des Tropiques con Josephine Baker. Esta bagaxe familiarizouno cos oficios da cinematografía e permitiulle coñecer a bos profesionais e actores que despois colaborarían con el en Un chien andalou e L'âge d'or. Ó mesmo tempo colabora como crítico cinematográfico en La Gaceta Literaria de Madrid e a parisiense Cahiers d'Art, publicacións nas que Buñuel deixa constancia das súas concepcións cinematográficas, nas que non se prodigará no sucesivo. Alí eloxia o cinema de Buster Keaton e ataca por pretenciosa a vangarda cinematográfica francesa, onde militaba o propio Jean Epstein. É coñecida a súa ruptura con este ó negarse o aragonés a traballar no novo proxecto do máis reputado dos directores vangardistas franceses, Abel Gance.

Vivamente interesado polo grupo surrealista de André Breton, comeza a trasladar ós seus compañeiros da Residencia de Estudiantes as novidades desta tendencia, escribindo poemas dun surrealismo ortodoxo e instando a Dalí a que se traslade con el a París para coñecer o novo movemento.

En 1928 prepara un guión cinematográfico sobre Francisco de Goya con motivo do centenario que patrocinaba unha comisión zaragozana. Non chegou a bo termo, como tampouco un proxecto baseado nun guión de Ramón Gómez de la Serna que se ía titular El mundo por diez céntimos, no que o fío condutor ía ser a tal moeda e como ía cambiando de dono.

Para xaneiro de 1929 Buñuel e Dalí, en estreita colaboración, ultiman o guión dun filme que se titularía sucesivamente El marista en la ballesta, Es peligroso asomarse al interior e, por fin, Un chien andalou. Foi rodado finalmente en abril do mesmo ano cun orzamento de vinte e cinco mil pesetas que achegou súa nai e que se estreou en xuño no Studio des Ursulines, un cinema-club parisiense, e que alcanza un clamoroso éxito entre a intelectualidade francesa, pois permaneceu en exhibición nove meses consecutivos no Studio 28.

A finais do mesmo ano vólvese reunir co pintor catalán para escribir xuntos o guión do que sería máis tarde L'âge d'or, pero a colaboración xa non resulta tan fluída, pois entre os dous interponse o grande amor de Dalí, Gala Éluard. Buñuel comeza a rodaxe da película en abril de 1930, cando o pintor estaba gozando dunhas vacacións con Gala en Torremolinos. Cando descobre que Buñuel xa acabara a película co sustancioso mecenado dos Vizcondes de Noailles, que desexaban producir unha das primeiras películas sonoras do cine francés, Dalí séntese marxinado do proxecto e trazoado polo seu amigo, o que orixinaría un distanciamento entre eles que se iría incrementando no futuro. A película baseábase no relato do Marqués de Sade 120 días de Sodoma. A estrea da película tivo lugar o 28 de novembro de 1930. Cinco días máis tarde, grupos de extrema dereita atacan o cinema no que se proxectaba e, aínda máis grave, as autoridades francesas prohibiron a película e requisaron tódalas copias existentes.

En 1930 viaxou a Hollywood, contratado pola Metro Goldwyn Mayer como «observador», co fin de que se familiarizara co sistema de produción estadounidense. Coñeceu a Charles Chaplin e Serguéi Eisenstein. En 1933, financiado polo seu amigo Ramón Acín, filmou Las Hurdes, tierra sin pan, un documental sobre a comarca estremeña. A súa prohibición supúxolle un gran desengano, xa que non o agardaba, e menos da República.

O 23 de xuño de 1934 casa con Jeanne Rucar, moza francesa á que coñecera en 1925 cando estudaba anatomía en París e que fora medalla de bronce de ximnasia artística nos Xogos Olímpicos de París 1924. Con ela tivo dous fillos, Jean Louis e Rafael. O primeiro naceu en París e o segundo en Nova York. Falaba ben o francés e o inglés (este último idioma estudouno en Francia, mentres traballaba para a Paramount, e perfeccionouno en Estados Unidos).

Recentemente casado, aceptou un traballo en Madrid para a Warner Brothers, como director de dobraxe. En 1935, con axuda dalgún diñeiro familiar, fundou, xunto a Ricardo Urgoiti, a produtora Filmófono. Filmófono competía coa Cifesa dos irmáns Casanova, principal produtora española da década dos 30 (Nobleza baturra, entre outras), e produciu as películas Don Quintín el amargao, onde debutou no cinema a gran bailaora Carmen Amaya, e La hija de Juan Simón, ¿Quién me quiere a mí? e ¡Centinela alerta!. Todas elas foron rendibles e supuñan a consolidación da industria cinematográfica española dos anos trinta. Porén, a guerra civil abortaría este proxecto.

A guerra civil. Estados Unidos

editar

O golpe de estado franquista sorprendeuno en Madrid. Así como Dalí aliñuose con Franco e simpatizou co bando nacional, Buñuel sempre permaneceu fiel á democracia da República; non obstante, non deixou por iso de axudar a amigos seus do bando franquista cando estiveron en perigo de morte. Así, logrou que liberasen a José Luis Sáenz de Heredia (primo irmán de José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falange), pois traballaran xuntos en Filmófono. Era coñecido que Sáenz de Heredia simpatizaba con Franco e, de feito, máis adiante levaría a cabo un filme sobre un guión do propio Franco (Raza) e a película propagandística Franco, ese hombre.

En setembro de 1936 saíu de Madrid nun tren ateigado cara a Xenebra, vía Barcelona. En Xenebra entrevistouse con Álvarez del Vayo, neses momentos ministro de Asuntos Exteriores da II República, xa que este o citara. O ministro mandouno a París como home de confianza de Luis Araquistáin (entón embaixador en Francia) en diferentes misións, principalmente de intelixencia. Incluso chegaría a realizar algunha viaxe relampo a España.

Colaborou coa II República todo o que puido, incluso unha vez en Baiona lanzou panfletos con globos que voaban con vento sur en dirección á península. O 16 de setembro de 1938 visitou Hollywood por segunda vez. O goberno republicano español desde o exilio encargoulle a supervisión (como conselleiro técnico e histórico) de dúas películas acerca da guerra civil española. Os seus amigos Charles Noailles e Rafael Sánchez Ventura axudárono nos gastos de viaxe.

En 1941, cando comezaba Cargo of Innocents, a asociación xeral de produtores estadounidenses prohibiu toda película en contra de Franco, o que significou a fin do proxecto no que estaba implicado Buñuel. Sen traballo e con pouco diñeiro, aceptou a encarga de dirixir a selección de películas antinazis que lle ofrece o Museo de Arte Moderna (MOMA) de Nova York. Despois de que a súa muller e os seus fillos se reuniran con el, en 1943 foi despedido do museo a raíz da publicación do libro A vida secreta de Salvador Dalí, onde o pintor tachaba a Buñuel de ateo e home de esquerdas. Un xornalista do Motion Pictures Herald atacou a Buñuel nun artigo onde advertía acerca do perigoso que resultaba a presenza deste español nun museo tan prestixioso. Buñuel reuniuse con Dalí en Nova York para pedirlle explicacións e esa entrevista significou a ruptura das súas relacións.

Volveu a Hollywood e púxose a traballar para a Warner Brothers como xefe de dobraxe de versións españolas para América Latina. Acabada a colaboración coa Warner en 1946, quedou nos Ánxeles en busca dun traballo relacionado co cinema e na espera de que lle concederan a nacionalidade estadounidense que solicitara.

Etapa mexicana

editar

Cando Luis Buñuel aínda estaba vivindo do cartos que aforrara o ano anterior, a casualidade quixo que nunha cea na casa do cineasta francés René Clair se encontrara con Denise Tual, a viúva do actor ruso Pierre Batcheff, o protagonista de Un can andaluz (de nome real Piótr Bachev, que se suicidara en 1932). A muller, que volvera casar co produtor francés Ronald Tual, ofreceulle traballar no novo proxecto que tiña intención de realizar: a produción en Francia dunha versión de La casa de Bernarda Alba, para o cal quería comprarlle a Federico García Lorca os dereitos da película. A dirección seríalle encargada a Buñuel.

Denise, que chegara aos Ánxeles co interese de coñecer mellor a industria estadounidense do cinema, tiña intención de realizar a nova película entre París e México; para isto aproveitou o camiño de regreso a París para facer escala en México e concretar algúns asuntos co produtor francés de orixe rusa exiliado en México Oscar Dacingers. Unha vez alí souberon que García Lorca vendera os dereitos a outra produtora que poxara máis alto.

Truncado o proxecto, Luis Buñuel tivo a sorte de que Dacingers lle ofrecera outro traballo: producir unha película comercial co coñecido cantante mexicano Jorge Negrete e a primeira figura arxentina Libertad Lamarque. Buñuel aceptou e, unha vez arranxados tódolos papeis de residencia e instalado coa súa esposa e os seus fillos, ingresou na industria mexicana do cinema. A primeira película da súa etapa mexicana, Gran casino, en palabras de Agustín Sánchez Vidal "constituye un rotundo fracaso, y le costará tres años de inactividad",[1] o que obrigou a Buñuel a manterse co diñeiro que lle enviaba a súa nai tódolos meses.

En 1949, a piques de abandonar o cine, fortuitamente Dacingers pediulle que se fixera cargo da dirección de El gran calavera, xa que Fernando Soler non podía ser á vez director e protagonista. O éxito desta película e a concesión da nacionalidade mexicana animaron a Buñuel a idear un novo proxecto máis na liña do que el quería: propúxose a Dacingers unha película baseada no argumento ¡Mi huerfanito, jefe!, aventuras dun mozo vendedor de lotería. A esta boa oferta seguiu unha mellor resposta: ¿Por que non realizaba unha historia sobre os nenos pobres mexicanos? Así, en 1950 Luis Buñuel realizou Los olvidados, película con fortes vínculos con Las Hurdes, tierra sin pan, que non gustou ós mexicanos ultranacionalistas (Jorge Negrete o primeiro), xa que retrataba a realidade de pobreza e miseria suburbana que a cultura dominante non quería recoñecer. Pero o premio ó mellor director que lle outorgou o Festival de Cannes de 1951 supuxo o seu recoñecemento internacional e a súa rehabilitación por parte da sociedade mexicana.

En 1952 filmou Robinson Crusoe, primeira película que se roda en Eastmancolor. Esta e The Young One (1960) son as súas dúas películas rodadas en inglés e producidas en Estados Unidos.

Luis Buñuel, sempre comprometido coas súas ideas, asinou un manifesto en contra da bomba atómica estadounidense. Por iso e tamén a consecuencia de apoiar a revista antifascista España Libre, que tamén se posicionaba en contra dos Estados Unidos (aínda que Buñuel dixera que os Estados Unidos era a terra máis fermosa que coñecera) foi incluído na famosa lista negra estadounidense ata 1975. Cada vez que pasaba polos Estados Unidos eran interrogados el a súa familia. Cando alguén lle preguntaba se era comunista sempre contestaba o mesmo: que era un español republicano.

En 1960 volta a España para dirixir Viridiana. Por precaución, a súa irmá agardábao en Portbou, por se fora necesario abortar a viaxe. En 1961 a película, coprodución hispano-mexicana rodada en España con guión de Julio Alejandro, obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes. O xornal vaticano L'Osservatore Romano condenou a fita, á que tachaba de blasfema e sacrílega. Inmediatamente despois a censura española da época prohibiu a película.

Outras destacadas producións da súa etapa mexicana foron Susana (1951), Él (1953), Ensayo de un crimen, Nazarín (1958), que obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes de 1959, e El ángel exterminador (1962), que constitúe unha das súas películas máis importantes e persoais.

Etapa francesa

editar

Xa na súa etapa mexicana Buñuel rodara varias películas de produción francesa. As eloxiosas críticas europeas de Ensayo de un crimen, nunha época caracterizada en Francia polo desencolvemento da Nouvelle vague, ábrenlle as portas da cinematografía gala. Así, viaxa a este país en 1955 para rodar Cela s'apelle l'aurore, o que lle dá a oportunidade de visitar a súa nai en Pau.

En abril de 1956 filmou A morte nese xardín, baseándose nun guión de Luis Alcoriza e Raymond Queneau, que adaptaba a novela homónima de Lacour.

Tras varios proxectos abandonados da novela de Pierre Louÿs La femme et le pantin (A muller e o pelele), que frutificaría na súa última obra, Cet obscur objet du désir), dirixiu en 1959 La fiévre monte à El Pao, titulada en castelán Los ambiciosos, na liña do cinema de compromiso político e social, que amosaría tamén Le Journal d'une Femme de Chambre, (1963), adaptación da novela de Octave Mirbeau.

En 1966 estréase Belle de jour, que obtivo en 1967 o León de Ouro na Mostra de Venecia. Esta película obtén en Francia un extraordinario éxito de público. A partir desta obra, as súas estreas vanse converter en acontecementos culturais e o produtor Serge Silberman aseguroulle a completa liberdade e os recursos suficientes para a produción dos seus filmes que caracterizaría a etapa final da súa obra.

En 1970, volveu rodar en España: Tristana, esta vez en réxime de coprodución e protagonizada por Catherine Deneuve, que xa protagonizara Belle de jour.

En 1972 recibía o Oscar á mellor película estranxeira por O discreto engado da burguesía, co que foi o primeiro director español en conseguilo. Esta película, xunto coa rodada en 1968, A vía láctea (La Voie Lactée) e A pantasma da liberdade (1974), conforman unha especie de triloxía que ataca os alicerces do cinema de narrativa convencional e atacaba o concepto causa-consecuencia avogando pola exposición do azar como motor da conduta e do mundo.

En 1977 pon o colofón á súa obra con Cet obscur objet du désir, que recibiu o premio especial do Festival de Cine de San Sebastián, e revisa temas tratados anteriormente en Viridana ou Tristana.

Os seus pensamentos

editar

Ós catorce anos empezaron as súas dúbidas sobre a relixión, principalmente acerca da resurrección da carne, o xuízo final, o inferno e o diaño. Segundo el mesmo dixo, era "católico e ateo, grazas a Deus". Amante do tabaco, do alcol (para el, un bar era un lugar de meditación e recollemento) e dos bordeis (se ben dicía que unha vez casado xamais foi infiel), quixo liberarse das normas e principios da sociedade que en herdanza lle deixara todo un sistema de prohibicións e represións. Gustáballe a puntualidade, o ben vestir, deitarse cedo e madrugar e chegou a ter unha gran colección de armas. A súa primeira pistola tívoa ás agachadas con catorce anos, aínda que bastante antes xa xogaba coa do seu pai.

Durante toda a súa vida, Buñuel foi un rebelde, ata o último momento estivo loitando contra si mesmo. O seu interior ditáballe unhas normas sobre a morte, a fe, o sexo... que a súa conciencia non podía aceptar. Esta dualidade marcouno desde a súa máis tenra infancia. Buñuel rompeu barreiras loitando a favor da liberdade.

Xa con poucos anos coñeceu a morte de preto, cando un campesiño da súa vila foi asasinado por outro dunha navallada. El conseguiu coarse na autopsia. Previamente, vira como as aves rapaces devoraban un burro morto e, así, cando tivo a ocasión, comprou un burro morto para poder ver repetida a escena: era como se gozase vendo como os voitres lle arrincaban os ollos e comían o burro, esgazando as súas carnes.

Gustáballe reflectir a visión pesimista e cruel da vida. Así o fixo en Las Hurdes, tierra sin pan, en Los olvidados... Porén, el era pacífico e sempre estivo obsesionado coa súa propia morte. A súa irmá Conchita adoitaba recordar que de pequena acompañara ó seu irmán a visitar camposantos e este tendíase nas mesas das autopsias. A Luis gustáballe asistir ós enterros da súa vila, así o enterro que ten lugar en Abismos de pasión era un reflexo dos recordos da súa mocidade, segundo confesou el mesmo.

A visión de Buñuel chocaba coa realidade. Tiña moi presente a posibilidade da destrución da Terra, pensaba nas guerras, a bomba atómica. Afirmaba que nin a liberdade nin a xustiza existían. A pantasma da liberdade reflicte o seu pensamento. Era tenro, piadoso, de vida ordenada. Tivo unha vida desafogada e unha infancia feliz, pero a súa conciencia levábao a pensar no que el chamaba a Idade Media (os comezos do século XX e as súas miserias), é dicir, as inxustizas, que reflectiu en Abismos de pasión, Nazarín, Él, A morte nese xardín, The Young One...

Viviu os anos de represión sexual, quixo realizar unha película pornográfica, pero desistiu. Asistiu a orxías e bordeis, pero non consumou, sempre lle foi fiel á muller. O tema do sexo foi tratado en moitas películas súas: The Young One, Cet obscur objet du désir... pero en casa foi un puritano, que non permitía dicir palabróns. Foi profundamente celoso, non permitía nin unha mirada cara a súa muller. Nunca lle gustou a orde establecida. Xa de pequeno foi rebelde, resistiuse a levar o uniforme ó colexio, pero á vez, e como se dixo, levou unha vida moi ordenada. Non lle gustaba a relixión nin o exército, pero sempre falou ben da súa estancia cos Xesuítas e do servizo militar.

Era, en certo modo, un anarquista, pero na súa casa respirábase disciplina, non permitíndo ás mulleres asistir ás reunións de homes. O libro de memorias de Jeanne Rucar chámase Memorias dunha muller sen piano porque Buñuel, sen preguntar a ninguén, regalou o piano da súa muller a un amigo que lle trouxera tres botellas de viño.

Non foi nacionalista, pero añoraba España e a terra da súa infancia; nacionalizouse mexicano por pragmatismo, pois xa estivera a punto de nacionalizarse estadounidense uns anos antes. Non lle gustaba viaxar, pero gozaba ó visitar os sitios que lle traían bos recordos. Non desexaba ir por Hispanoamérica e quedou a vivir en México. Unha señora mexicana que fora veciña súa na Colonia del Valle da cidade de México comentou que Buñuel nunca esqueceu as súas raíces: en Semana Santa víao só polo xardín da súa casa facendo redobres cun tambor e dando voltas e voltas.

Luis Buñuel viña dunha familia burguesa e moi relixiosa, estudou e viviu a disciplina da relixión, pero poderíase argumentar que parte do seu traballo ten como meta, entre outros obxectivos, cambiar a sociedade na que vivimos, que se basea na relixión, a familia e a orde establecida, e que impón unha moral e un comportamento social da que nin sequera a burguesía que sustenta o poder é libre. Quixo que tódalas súas obras fosen queimadas e así ter descanso e dignidade desde o nada.

Se sempre lle obsesionara a morte, nos últimos cinco anos de vida, xordo, con pouca vista, con algunha operación que outra, deixou de ver cinema, televisión e apenas collía un libro, coa excepción de A vellez de Simone de Beauvoir, que lía e relía. Pensaba na súa morte e na fin do mundo, bromeaba cos demais acerca da súa senectude. Coa axuda do seu amigo Jean-Claude Carrière, que durante máis de 18 anos recompilou material de entrevistas e conversas nos descansos das filmacións, escribiu Mon dernier soupir ('O meu último suspiro'). Xa o título reflicte a obsesión que tiña nos últimos momentos da súa vida; non quería darlles importancia, pero pensaba neles. Como era ateo, pensaba en reunir o día da súa morte a tódolos seus amigos ateos e confesarse. Para el, ser bromista era unha forma de demostrar que estaba en contra da orde.

Luis Buñuel faleceu o 29 de xullo de 1983 de madrugada, a causa dunha insuficiencia cardíaca, hepática e renal. As súas últimas palabras foron para a súa muller Jeanne: "Ahora sí que muero". Mantívose fiel á súa ideoloxía ata o final, non houbo ningunha cerimonia e actualmente descoñécese onde repousan as súas cinzas.

Cronoloxía

editar
  • 1900 - Nace en Calanda e, con catro meses, trasládase coa súa familia a Zaragoza.
  • 1904 - En Zaragoza cursa ata os estudos de Bacharelato, primeiro en Corazonistas (con maioría de franceses), logo durante sete anos no colexio Xesuíta de El Salvador (na actualidade derrubado), na praza de Aragón, a media pensión (cunha gorra como uniforme).
  • 1908 - Asiste por primeira vez ó cinema Farrucini (unha barraca cunha lona como cuberta) para ver unha película coloreada a man de deseños animados. Durante moitos anos o cinema era considerado unha atracción de feira e aínda tardou uns anos en haber cinemas estables.
  • 1913 - Paralelamente ós seus estudos, desde os trece anos estuda violín. Toca no coro da Virxe do Carme de Zaragoza. Viaxa a Vega de Pas (Cantabria).
  • 1915 - Os xesuítas expúlsano do colexio a causa dunha borracheira. Matricúlase no Instituto de Enseñanza Media de Zaragoza, máis tarde chamado Goya, como alumno libre. Le A orixe das especies de Darwin.
  • 1917 - Instálase como interno na recentemente fundada Residencia de Estudiantes de Madrid co propósito de estudar, inducido polo seu pai, Enxeñaría Agrónoma. Nesta época faise naturista e leva unha alimentación e vestimenta espartana. Gusta de lavarse con auga xeada. Toma parte das actividades do cinema-club da residencia.
  • 1920 - Inicia os estudos de entomoloxía co doutor Ignacio Bolívar y Urrutia, que abandona para matricularse en Filosofía e Letras, rama de Historia, xa que se informara de que varios países ofrecían traballo como lector de español a licenciados en Filosofía e Letras e el quería viaxar. Representa, xunto con Salvador Dalí e Federico García Lorca, Don Juan Tenorio de Zorrilla na Residencia de Estudiantes.
  • 1921 - Ano do desastre de Annual. Coñece na residencia ó irmán de Abd el Krim. Comeza a amizade cos novos incorporados á residencia: García Lorca, e Dalí. Visita por primeira vez Toledo.
  • 1923 - Morre seu pai en Zaragoza e inicia o servizo militar. Publica o seu primeiro artigo. O día de San Xosé funda a paródica Orde de Toledo e noméase a si mesmo condestable. Para ser cabaleiro había que embebedarse e estar toda a noite sen durmir. A ela pertenceron, entre outros, Dalí, Pepín Bello, Alberti...
  • 1924 - Licénciase en Historia e renuncia ó doutoramento. Dalí realízalle o seu primeiro retrato.
  • 1925 - En xaneiro deixa a residencia e marcha a Francia despois de asistir á conferencia que dá Louis Aragon en dita residencia. Coñece en casa do seu amigo Joaquín Peinado a Jeanne Rucar, coa que casará en 1934.
  • 1926 - O 26 e 27 de abril dirixe El Retablo de Maese Pedro, de Falla, en Ámsterdan. Matricúlase na academia de cinema de Jean Epstein en París, para quen traballará como axudante. Escribe, por encarga, un guión sobre Goya, no centenario da súa morte, que será rexeitado polo comité organizador dos actos conmemorativos, por falta de orzamento.
  • 1927 - Escribe Polismos. Colabora como crítico literario en Cahiers d'Art de París e na Gaceta Literaria de Madrid. Viaxa á Residencia de Estudiantes para dirixir un ciclo de cinema.
  • 1928 - Únese ó grupo surrealista de París. En colaboración con Ramón Gómez de la Serna termina o guión de Caprichos, que nunca se chega a rodar. Colabora no número especial da gaceta literaria Cinema 1928.
  • 1929 - O 2 de abril inicia o guión e rodaxe de Un chien andalou. Nun principio quixo chamalo El marista de la ballesta. Dous días antes de acabar a película incorporouse Dalí, que fai de marista arrastrado. A película estreouse para un público selecto en París o 6 de xullo.
  • 1930 - Inicia La bestia andaluza, que acaba chamándose La edad de oro. Estréase en París o 28 de novembro e xera unha gran polémica, ata que é retirada das pantallas. Viaxa a Zaragoza, antes da súa primeira viaxe a Hollywood contratado pola Metro Goldwyn Mayer como observador. Alí coñece a Charles Chaplin e Serguéi Eisenstein.
  • 1931 - Chega a España en vésperas da proclamación da II República. La edad de oro proxéctase en Madrid e Barcelona.
  • 1932 - Asiste á primeira reunión da Asociación de Escritores Revolucionarios (AERA). Sepárase do grupo surrealista e afíliase ó Partido Comunista Francés. Contratado pola Paramount, regresa a España e traballa como responsable de sincronización.
  • 1933 - Realiza e estrena o documental Las Hurdes, tierra sin pan, película prohibida pola República, por considerala denigrante para España. Asina un manifesto contra Hitler con Federico García Lorca, Rafael Alberti, Sender, Ugarte e Vallejo.
  • 1934 - Visita en París a Dalí, xa casado con Gala. Dalí compórtase moi indiferente con Buñuel, con quen empeza o seu distanciamento. Casa con Jeanne Rucar na alcaldía do distrito XX de París, sen invitar á familia, con tres testemuñas improvisadas (unha delas, un transeúnte descoñecido) e, despois de comer, volve a Madrid, ó ser contratado pola Warner Brothers como director de dobraxe.
  • 1935 - Con axuda familiar funda a produtora Filmófono con Ricardo Urgoiti e produce Don Quintín el amargao e La hija de Juan Simón, entre outras.
  • 1936 - Estala a guerra civil española. Entérase do asasinato de García Lorca, morte que o apena moito. Buñuel, que permanece fiel á República, é enviado a París como man dereita de Luis Araquistáin, embaixador español en París. Supervisa e escribe xunto a Pierre Unik o documental España leal en armas. Realiza o seu bautismo aéreo en varias viaxes relampo a España, en misións de guerra.
  • 1937 - Supervisa para o goberno republicano o pavillón español da Exposición Internacional de París. Dalí píntalle o seu segundo e último retrato: El sueño.
  • 1938 - O 16 de setembro viaxa aos Estados Unidos por segunda vez. O goberno republicano encárgalle a supervisión (como conselleiro técnico-histórico) de dúas películas sobre a guerra civil española en Hollywood.
  • 1941 - Ó final da guerra civil atópase só e sen traballo en Hollywood, pero ofrécenlle traballo no Museo de Arte Moderna de Nova York como produtor asociado para a área documental e supervisor e xefe de montaxe de documentais para a Coordinación de Asuntos Interamericanos, que dirixe Nelson Rockefeller. A súa misión é seleccionar películas de propaganda antinazi; ten despacho propio e persoal ó seu cargo. A súa muller e os seus fillos reúnense con el.
  • 1943 - >Reencóntrase en Nova York con varios membros do grupo surrealista. É obrigado a renunciar ó seu traballo no MOMA a causa do libro La vida secreta de Salvador Dalí. Reúnese con Dalí en Nova York, onde lle pide unha explicación ós seus ataques. As extravagantes explicacións daquel supoñen a súa ruptura como amigos.
  • 1944 - Sen diñeiro e sen traballo, acepta traballar para a Warner Brothers e trasládase a Hollywood. Traballa como director de dobraxe de versións españolas, co obxectivo de que toda película saia dobrada desde Hollywood e sexa distribuída, xa que se prefería a dobraxe á versión orixinal subtitulada. Cando queda sen emprego comeza a escribir guións.
  • 1945 - Coincide con José Rubia e outros exiliados españois en Nova York.
  • 1946 - Está a punto de nacionalizarse estadounidense. Por azar, e confiando nun proxecto que lle ía encargar, marcha a México desde os Estados Unidos. O proxecto non sae adiante, pero na cidade de México coñece a Oscar Dacingers, quen lle ofrece traballo: realizar unha película comercial con Jorge Negrete. Buñuel acepta e instálase en México coa súa esposa e os fillos.
  • 1947 - Estréase Gran Casino, que resulta un fracaso económico.
  • 1949 - Nacionalízase mexicano. Estrea en México El gran calavera.
  • 1950 - Regresa de visita a París. Estrea en México Los olvidados, que se enfronta a un gran rexeitamento.
  • 1951 - Obtén o gran premio do Festival de Cannes por Los olvidados, o que supón de novo o seu recoñecemento internacional e a súa rehabilitación en México.
  • 1952 - Filma en inglés Robinson Crusoe, primeira película que se rodou en Eastmancolor. Tódolos días envíanse as copias a California para comprobar os resultados.
  • 1954 - Dirixe El río y la muerte. É elixido membro do xurado do Festival Internacional de Cinema de Cannes.
  • 1955 - Dirixe Así es la aurora. É incluído na lista negra estadounidense.
  • 1956 - Realiza La muerte en el jardín. The National Film Theatre of London realiza unha retrospectiva da obra de Luis Buñuel.
  • 1958 - Realiza Nazarín, primeira das tres películas que rodou con Paco Rabal.
  • 1959 - Nazarín gaña a Palma de Ouro do Festival de Cannes. Realiza Los ambiciosos.
  • 1960 - Estréase Los ambiciosos. Dirixe por última vez unha obra teatral, Don Juan Tenorio, en México. Realiza e estrea nos Estados Unidos A moza, a súa segunda e última película en inglés. Volve a España.
  • 1961 - Obtén a Palma de Ouro do Festival de Cannes por Viridiana, coprodución hispano-mexicana rodada en España. O seu éxito é enorme e a polémica que crea, aínda maior. L'Osservatore Romano condena a película por blasfema e sacrílega. Automaticamente, a censura española da época prohibe a película. O director xeral de Cine é obrigado a dimitir. En España non se pode ver a fita ata 1977.
  • 1962 - Realiza El ángel exterminador, na que alude a Salvador Dalí.
  • 1963 - Con Diario dunha camareira inicia a súa época francesa e a cooperación co produtor Serge Silberman e o guionista Jean Claude Carrière.
  • 1964 - Filma a súa última película mexicana, Simón del desierto, que non acaba como estaba proxectada por falta de orzamento. Aínda así, obtén o león de Prata da Mostra de Venecia ó ano seguinte (1965).
  • 1965 - Xunto a Jean Claude Carrère, prepara as adaptacións de El monje e Là-bas.
  • 1966 - Cando prepara o guión de Belle de Jour, Dalí telegráfalle desde Figueras e ofrécelle preparar a segunda parte de Un chien andalou. Realiza Belle de Jour en Francia.
  • 1967 - León de Ouro na Bienal Mostra de Venecia por Belle de Jour.
  • 1968 - Filma en París La Vía Láctea, rodaxe que se ve alterada polo Maio do 68.
  • 1969 - A Mostra de Venecia outórgalle o gran premio de homenaxe polo conxunto da súa obra.
  • 1970 - Buñuel volve a rodar en España. Trátase de Tristana, rodada en Toledo.
  • 1972 - Recibe o Oscar á mellor película estranxeira coa película francesa O discreto engado da burguesía. É o primeiro director español en recibilo. A película íase rodar en España, pero non se puido realizar por causa da censura. Visita Os Ánxeles, onde vivía o seu fillo Rafael. George Cukor invítao a el e a varios cineastas importantes (Alfred Hitchcock, Billy Wilder, G. Stevens, William Wyler, R. Mulligan, Robert Wise, Rouben Mamoulian...), ó seu amigo Jean Claude Carrière e ó seu fillo Rafael a comer na súa honra.
  • 1974 - Realiza A pantasma da liberdade.
  • 1977 - Ese oscuro objeto del deseo recibe o premio especial do Festival de Cinema de San Sebastián. Por fin, pódese ver Viridiana en España.
  • 1979 - Prepara o seu último guión con Jean Claude Carrière, La novia de medianoche, película que non chegará a realizar.
  • 1980 - Última viaxe a España. É operado de próstata.
  • 1981 - Cincuenta anos despois de ser prohibida, reestréase en París La edad de oro. É hospitalizado por problemas da vesícula. Agustín Sánchez Vidal publica a súa obra literaria. O Centro Georges Pompidou de París organízalle unha homenaxe e Un chien andalou proxéctase nunha pantalla colocada no teito.
  • 1982 - Publica as súas memorias (Mi último suspiro), de gran valor autobiográfico.
  • 1983 - Morre a causa dun cancro o 29 de xullo no Hospital Inglés da cidade de México. É nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Zaragoza.

Filmografía

editar

Como director

editar

Entre 1929 e 1977 dirixiu un total de 32 películas. Ademais, en 1930 rodou Menjant garotes ("Comendo ourizos"), unha película muda de unicamente catro minutos, coa familia Dalí como protagonista.

Como asistente de dirección

editar
  • Mauprat (Jean Epstein, 1926).
  • La sirène des tropiques (Mario Nalpas e Henri Étiévant, 1927).
  • La chute de la maison Usher (Jean Epstein, 1928).

Como produtor ou supervisor

editar
  • Un chien andalou (1929).
  • Don Quintín el Amargao (Luis Marquina, 1935).
  • La hija de Juan Simón (Nemesio M. Sobrevila e José Luis Sáenz de Heredia, 1935).
  • Quién me quiere a mí (José Luis Sáenz de Heredia, 1936).
  • Centinela alerta (Jean Grémillon, 1936).
  • España leal en armas (Jean-Paul Le Chanois, 1937). Documental propagandístico tamén coñecido como España 1936 ou Madrid 1936.

Como guionista en películas non realizadas por el

editar
  • Si usted no puede, yo sí (Juan Soler, 1950).
  • Le moine (Ado Kyrou, 1965).
  • La novia de medianoche (Antonio F. Simón, 1997). Con guión de L. Buñuel e José Rubia Barcia adaptado por Lino Braxe.

Como actor

editar
  • Mauprat (Jean Epstein, 1926).
  • Carmen (Jacques Feyder, 1926).
  • Albatros (1927).
  • Un chien andalou (1929).
  • La hija de Juan Simón (Nemesio M. Sobrevila e José Luis Sáenz de Heredia, 1935).
  • Llanto por un bandido (Carlos Saura, 1964).
  • En este pueblo no hay ladrones (Alberto Isaac, 1964).
  • A pantasma da liberdade (1974).

Obra literaria

editar

Luis Buñuel realizara varias intentonas en diversos campos antes de dedicarse ó mundo do cine. Durante a súa estancia na Residencia de Estudiantes de Madrid escribiu algúns contos e historias breves que logo se recompilaron baixo o título de Escritos de Luis Buñuel.

  • Una traición incalificable
  • Instrumentación
  • Suburbios
  • Tragedias inadvertidas como temas de un teatro novísimo
  • Por qué nunca uso reloj
  • El ciego de las tortugas
  • Teorema
  • Lucille y sus tres peces
  • Ramuneta en la playa
  • Caballería rusticana
  • Una historia decente
  • La agradable consigna de Santa Huesca

Surrealista

editar
  1. Sánchez Vidal, A.: Luis Buñuel, Cátedra, Madrid, 2004 (4ª ed.), pág. 47. ISBN 84-376-2151-8.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Aub, Max: Conversaciones con Buñuel. Seguidas de 45 entrevistas con familiares, amigos y colaboradores del cineasta aragonés, Aguilar, 1985. ISBN 84-03-09195-8.
  • Buñuel, Luis y Carrière, Jean-Claude: Mon dernier soupir, París, Éditions Robert Laffont, 1982. Edición española titulada Mi último suspiro, Barcelona, Random House Mondadori, colección Debolsillo, 1982. Traducido por Ana María Fuente. ISBN 84-9759-504-1
  • Buñuel, Luis, Escritos de Luis Buñuel, ed. Manuel López Villegas, Madrid, Páginas de espuma, 2000. ISBN 84-931243-0-3
  • Buñuel, Luis: Obra literaria, ed. Agustín Sánchez Vidal, Zaragoza, Ediciones de Heraldo de Aragón, 1982.
  • Krohn, B. y Duncan, P. (ed.): Luis Buñuel. The Complete Films, Colonia, Taschen, 2005. ISBN 3-8228-3375-4
  • Pérez Turrent, T. y De la Colina, J.: Luis Buñuel: prohibido asomarse al exterior, México, Joaquín Mortiz/Planeta, 1986. ISBN 968-27-0215-1. Edición española titulada Buñuel por Buñuel, Madrid, Plot Ediciones, 1993. ISBN 84-86702-20-8.
  • Rubia Barcia, José: Con Luis Buñuel en Hollywood e despois, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1992. ISBN 84-7492-582-7
  • Rucar, Jeanne y Marín del Campo, Marisol: Memorias de una mujer sin piano, Madrid, Alianza, 1991. ISBN 84-206-9619-6
  • Sánchez Vidal, A.: Luis Buñuel, Madrid, Cátedra, 2004 (4ª ed.) ISBN 84-376-2151-8

Ligazóns externas

editar