Festival Internacional de Cine de Donostia

certame cinematográfico
(Redirección desde «Festival de Cine de San Sebastián»)

O Festival Internacional de Cine de Donostia (en éuscaro: Donostiako Zinemaldia, en castelán: Festival de San Sebastián, en inglés: San Sebastian International Film Festival) é un certame cinematográfico da máxima categoría (A) acreditada pola FIAPF iniciado o 21 de setembro de 1953 na cidade vasca de Donostia. Ten lugar anualmente a finais do mes de setembro.

Festival Internacional de Cine de Donostia
Tipofestival de cinema
Data de fundación1953
SedeDonostia
PaísEspaña
43°19′27″N 1°58′41″O / 43.3243, -1.978
Na rede
https://www.sansebastianfestival.com
IMDB: ev0000588 Facebook: sansebastianfestival Twitter: sansebastianfes Instagram: sansebastianfes Youtube: UC6ScD2J0bxxAQhbsWcjraRw Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Palacio Kursaal, sede do festival.

O de Donostia é o máis importante dos festivais de cine de España e dos países de fala hispana e un dos máis lonxevos e prestixiosos de Europa. Algúns dos acontecementos máis salientables da súa historia son a estrea mundial da película Vértigo, de Alfred Hitchcock, a estrea europea da saga de Star Wars ou a estrea mundial de Melinda and Melinda, de Woody Allen.

No seu máis de medio século de existencia, o festival propiciou o descubrimento de novos talentos do mundo do cine, ó mesmo tempo que gozou da presenza e do apoio de estrelas internacionais consagradas coma Alfred Hitchcock ou Audrey Hepburn.

O axustado do orzamento e a importante competencia do resto de festivais internacionais deu lugar a unha progresiva diminución no número de estrelas de cine que acudiron a Donostia nas últimas edicións. Con todo, o papel predominante do cine e a participación da cidadanía donostiarra no certame son o que máis atractivo resulta ós participantes, que ven no de Donostia o festival de categoría A máis puramente cinematográfico de cantos se celebran. O compromiso social e o apoio ó cine independente son algunhas das características das últimas edicións.

Historia editar

 
Entrada do Auditorio Kursaal durante o Festival.

Tras ser concibido para a súa primeira edición en 1953 como unha Semana Internacional de Cine impulsada polo comercio local, no ano 1954 adquiriu a denominación de Festival Internacional de Cine, ó facerse cargo da organización do certame o Sindicato Nacional de Espectáculos e o Ministerio de Información e Turismo. Na devandita segunda edición obtivo da Federación Internacional de Asociacións de Produtores Cinematográficos (FIAPF) a categoría B (festival non competitivo).

En 1955 o Festival outorgou a primeira Cuncha de Prata como premio distintivo do certame (a gañadora foi Giorni d'amore, de Giussepe de Santis), primeiro galardón concedido polo Festival a unha película estranxeira. Ó ano seguinte, en 1956, a FIAPF non recoñeceu ó Festival e, malia isto, en 1957 concedéuselle a categoría A (competitivo), quedando establecida a Gran Cuncha de Ouro como principal galardón (sendo a gañadora outra película italiana, La nonna Sabella, de Dino Risi). O Festival perdeu a categoría A nos anos 1963 e 1980-1984, período este último no que o certame sufriu unha grave crise.

O Festival de Cine de Donostia é un dos máis prestixiosos de Europa, xunto ó Festival de Cannes, a Mostra de Venecia, a Berlinale ou o Festival Internacional de Cine de Karlovy Vary. Por el pasaron grandes directores, actores e produtores, tanto para recibir galardóns como para amosar as súas películas fóra de concurso.

Celébrase a finais do mes de setembro de cada ano, incorporando, ademais da sección Oficial (competitiva) outras como Zabaltegi, seccións monográficas e retrospectivas e outras actividades relacionadas coa cinematografía.

Ademais dos premios da sección oficial, concédense outros, entre os que destaca o Premio Donostia, outorgado ás grandes carreiras cinematográficas.

 
Auditorio Kursaal durante a gala de clausura da 54 Edición (2006)

Actualmente está organizado por unha sociedade anónima coa denominación do Festival en cuxo accionariado participan a partes iguais o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (Ministerio de Cultura), o Goberno Vasco, a Deputación Foral de Guipúscoa e o Concello de Donostia.

Desde xaneiro de 2001 o festival está dirixido polo guipuzcoano Mikel Olaciregui, en substitución de Diego Galán.

O Festival Internacional de Cine de Donostia estabilizouse nun bo nivel medio, encomiado polos profesionais do cine de todo o mundo. A súa principal característica, diferenzadora do resto de festivais, é a capacidade de atracción dos propios donostiarras, que inundan as salas de cine da cidade, na que durante eses días só se emiten películas do Festival e a prezos reducidos. Trátase do do Festival con maior asistencia de público di circuíto de Festivais internacionais de primeira categoría.

Entre os últimos fitos do festival cabe sinalar a estrea mundial en exclusiva da película Melinda & Melinda (2004), de Woody Allen, que asistiu ó Festival.

Seccións editar

O Festival está constituído por diversas seccións.

Seccións a concurso editar

Sección Oficial editar

A Sección Oficial é a máis alta categoría a concurso do festival. Nela participan películas a concurso de alto orzamento, coa condición de que non foran presentadas previamente a outros festivais. O número medio de películas que participan nesta sección é de arredor de quince.

Zabaltegi editar

Trátase dunha sección informativa que ofrece un completo panorama da actualidade cinematográfica, xa que nela pódense ver algunhas das mellores películas previamente presentadas noutros festivais internacionais, dentro do apartado denominado Perlas doutros festivais, así como interesantes obras de novos cineastas e algúns dos últimos traballos dos compoñentes do xurado oficial. Considérase a sección máis alternativa do festival, lugar idóneo para o descubrimento de novos directores e actores e de películas comprometidas e, moi acotío, de profunda carga social.

Zabaltegi ('lugar aberto', en éuscaro) é un espazo libre, aberto a todo tipo de estilos, duracións e temáticas. O aire informal das proxeccións, moi distintas da elegancia que caracteriza as da Sección Oficial, propicia un contacto directo entre o público e os directores e actores das películas, sendo habitual a comparecencia en directo dos realizadores tralas proxeccións para responder a preguntas do público e intercambiar ideas con el. É este último un dos puntos fortes do Festival e que o diferenza doutros.

Horizontes latinos editar

Nesta sección preséntanse películas inéditas en España rodadas por un director latino ou inspiradas nas comunidades latinas e financiadas totalmente ou en parte en América Latina. Consta, ademais, de dous apartados:

  • Made in Spain: Ofrécese unha rigorosa selección de películas españolas, en colaboración co Sales Office do festival.
  • Cine en construción: O seu obxectivo é o de brindar novas oportunidades a películas independentes latinoamericanas e españolas en fase de posprodución e ofrecer ós seus directores e produtores, en colaboración cos Encontros Cines de América Latina de Toulouse, un lugar de intercambio directo con profesionais e institucións como paso decisivo para chegar ó público.

Seccións fóra de concurso editar

Retrospectivas editar

Son ciclos de películas clásicas ou máis modernas programados coma homenaxe a distintas figuras do mundo do cine. En cada edición hai tres retrospectivas:

  • Retrospectiva clásica: Ciclo no que se proxectan películas clásicas coma homenaxe a un actor ou director do cine clásico.
  • Retrospectiva temática: Nesta retrospectiva trátse un tema social determinado a través dunha coidada selección de películas.
  • Retrospectiva contemporánea: Este ciclo componse de películas co denominador común de que en todas elas actúa ou están dirixidas pola figura homenaxeada, que debe ser un profesional cinematográfico en activo.

Velódromo editar

 
Oliver Stone, que presentou a súa película World Trade Center no Velódromo durante a edición de 2006

Consiste na emisión de películas para un público popular, principalmente infantil, no Velódromo do complexo deportivo de Anoeta. Neste recinto instálase unha macropantalla e proxéctanse películas para todos os públicos. O obxectivo destes pases é achegar o festival a todos os cidadáns.

Outros apartados editar

Escola de Cine editar

Durante o festival celébranse os Encontros Internacionais de Escolas de Cine, un intercambio de ideas e experiencias entre estudantes de cine de Europa e América Latina que inclúe proxeccións dos traballos destes estudantes. Organizado en colaboración coa canle cultural europea de televisión, Arte, e o Goberno francés, inclúe un adianto en estrea mundial dos traballos do Atelier/Masterclass antes de ser emitidos por esta canle. Co fin de proporcionar a máxima visibilidade ós traballos dos futuros cineastas, o festival pon á súa disposición a videoteca e o Sales Office.

Sales Office editar

O Festival Internacional de Cine de Donostia pon a disposición dos profesionais da industria cinematográfica unha oficina denominada Sales Office deseñada á súa medida para facilitar o peche de acordos de financiamento ou produción de películas, facilitando a propia organización o contacto entre os distintos profesionais do cine nun contorno íntimo e propicio.

O Sales Office ofrece conexión a internet, videoteca con cabinas, salas de proxección e de reunións, expositores con información e stands informativos.

Premios editar

Premios oficiais editar

 
Jeanne Moreau, presidenta do Xurado da 54ª edición (2006)

Os premios oficiais concédense só a películas presentadas na Sección Oficial do festival. O encargado de outorgalos é o Xurado oficial do Festival, composto de destacadas figuras do mundo do cine. Estes premios son os recoñecidos internacionalmente e coa máxima categoría pola FIAPF.

Premios non oficiais editar

 
Entrada á sala de cámara do Kursaal, onde se emiten as películas da sección Zabaltegi

Á marxe dos citado premios oficiais, o Festival concede outros baixo patrocinio publicitario e con diferentes tipos de xurado.

  • Premio Nuevos Directores
    Un xurado internacional distinto do oficial é o encargado de outorgar o premio de 90.000 euros a algnha das primeiras ou segundas longametraxes dun director incluídos tanto na Sección Oficial como en Zabaltegi. O premio repártese, a partes iguais, entre o director da película e o importador español.
  • Premio do público
    O público, mediante a súa puntuación tralo visionado de cada película, é o encargado de decidir a película gañadora deste premio de entre as presentadas na sección Perlas doutros festivais de Zabaltegi. Ten como obxectivo estimular a importación de películas de calidade e está dotado con 30.000 euros en concepto de axuda á promoción.
  • Premio da Xuventude
    Trátase do único premio concedido por mozos do circuíto internacional de festivais. Está composto de 350 rapaces de entre 17 e 21 anos, tanto españois coma estranxeiros, elixidos de forma colectiva en centros escolares ou mediante inscrición no seu centro de estudos. Os participantes avalían cada película cunha votación posterior á súa exhibición, e teñen a posibilidade de charlar cos directores e intérpretes. Este xurado valora as películas de Novos Directores (primeiras ou segundas longametraxes dun director, tanto de Zabaltegi coma da Sección Oficial).
  • Premio Horizontes
    É un premio concedido polo Festival a algunha das películas da sección Horizontes. Ten como fin estimular a produción e distribución de películas lationamericanas inéditas en territorio español, e está dotado con 18.000 euros.
  • Premio de Novos Guionistas
    Este premio ten como obxectivo impulsar a escritura cinematográfica. Concédese a algunha das películas de Novos Directores, e o premio de 15.000 euros outórgase ó guionista.
  • Premios Cine en Construción
    Para outorgar estes premios avalíanse as distintas películas da sección Cine en Construción de Horizontes Latinos. Están encamiñados ao financiamento definitiva dunha película en proceso de posprodución.
  • Premios Cine en Movemento
    Un comité selecciona varias películas, que tenrán a oportunidade de moverse nunha xira organizada polo Festival de Donostia a través de diversos puntos do mundo.
  • Premio Outra Mirada
    Trátase dun premio outorgado por TVE, patrocinador do festival, a aquela película que mellor reflicte o universo feminino, desde unha óptica comprometida coa igualdade e a non discriminación.

Premio Donostia editar

 
Matt Dillon, Premio Donostia da edición de 2006, xunto coa actriz Lucía Jiménez

Creado en 1986, ten como obxectivo homenaxear a un actor pola súa traxectoria profesional. O primeiro premiado foi Gregory Peck.

Outros premios editar

Premio FIPRESCI editar

O Premio FIPRESCI [1] da crítica internacional, decidido por máis de 350 profesionais de todo o mundo de entre a produción cinematográfica internacional de toda a temporada, outórgase no Festival Internacional de Cine de Donostia.

Premio Nacional de Cinematografía editar

O Premio Nacional de Cinematografía, concedido polo Ministerio de Cultura, entrégase anualmente nun acto celebrado no Hotel María Cristina durante o Festival de Cine.

Sedes editar

 
Fachada do Teatro Victoria Eugenia
 
Entrada ó Hotel María Cristina durante o Festival de Cine, co Teatro Victoria Eugenia ó fondo

O Festival se desenvólvese en distintos puntos de Donostia. As oficinas da organización están situadas preto do Kursaal, e están abertas todo o ano: os responsables do Festival dedícanse os doce meses do ano á organización da seguinte edición. As proxeccións teñen lugar en distintos escenarios:

  • Palacio de Congresos e Auditorio Kursaal
    No auditorio proxéctanse as películas da Sección Oficial e celébranse as galas de inauguración, clausura e entrega de premios. Na sala de cámara proxéctanse as películas de Zabaltegi, así coma outras proxeccións especiais. Nas Salas Polivalentes do Kursaal sitúase o Sales Office así coma outras oficinas de información.
  • Teatro Victoria Eugenia
    Sede principal do Festival ata a construción do Kursaal en 1999. Por el desfilaron as principais estrelas do cine internacional desde 1953.
  • Hotel María Cristina
    A pesar de non ser, propiamente, un punto cinematográfico, o feito de ser o lugar de aloxamento das estrelas que acoden ó Festival convérteno nun lugar de especial interese e transcendencia. Polas súas luxosas habitacións e salóns pasaron as máis importantes personalidades do cine internacional dos últimos tempos.
  • Cines Príncipe
    En dicha sala de cine, situada fronte ó Museo San Telmo na Parte Vella donostiarra, proxéctanse documentais, pases de prensa e outras películas do festival abertas ó público.

Ademais de nestes tres puntos, no resto de salas de cine da cidade durante o Festival só se proxectan películas das diferentes seccións do certame. esta maneira, calquera cidadán que o desexe, e a un prezo reducido, pode gozar de todas as películas do Festival.

Visitantes ilustres editar

               

Palmarés editar

Xurados e palmarés do Festival Internacional de Cine de Donostia

1953 | 1954 | 1955 | 1956 | 1957 | 1958 | 1959 | 1960 |
1961 | 1962 | 1963 | 1964 | 1965 | 1966 | 1967 | 1968 | 1969 | 1970 |
1971 | 1972 | 1973 | 1974 | 1975 | 1976 | 1977 | 1978 | 1979 | 1980 |
1981 | 1982 | 1983 | 1984 | 1985 | 1986 | 1987 | 1988 | 1989 | 1990 |
1991 | 1992 | 1993 | 1994 | 1995 | 1996 | 1997 | 1998 | 1999 | 2000 |
2001 | 2002 | 2003 | 2004 | 2005 | 2006 | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012

Cuncha de Ouro
Cuncha de Prata ó mellor director
Cuncha de Prata á mellor actriz
Cuncha de Prata ó mellor actor
Premio do Xurado á mellor fotografía
Premio do Xurado ó mellor guión
Premio Donostia

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar