Nikita Mikhalkov
Nikita Sergeyevich Mikhalkov (ruso: Ники́та Серге́евич Михалко́в), nado en Moscova o 21 de outubro de 1945 é un cineasta e actor ruso.
Gañou o León de Ouro do 48.º Festival de Cinema de Venecia (1991) e foi candidato ao Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa polo filme Urga. Gañou o premio nesa categoría con Utomlyonnye solntsem, que tamén logrou o Grand Premio do Festival de Cinema de Cannes. En 2007 recibiu o "León Especial" do Festival de Venecia pola súa contribución ao cinema.
Familia
editarMikhalkov naceu dentro dunha distinguida e artística familia. O seu bisavó foi gobernador imperial de Iaroslavl, e a nai deste princesa da casa de Golitsyn. O pai de Nikita, Sergei Mikhalkov, foi un célebre autor de literatura infantil e ademais escribiu a letra do himno nacional en tres ocasións en 60 anos (dous conxuntos de versos empregados no himno da Unión Soviética e a letra do himno de Rusia). A nai, a poeta Natalia Konchalovskaya, era filla do artista de vangardas Pyotr Konchalovsky e neta doutro pintor destacado, Vasily Surikov. O irmán máis vello de Nikita é o cineasta Andrei Konchalovsky, coñecido polas súas colaboracións con Andrei Tarkovskii e polos seus filmes de acción en Hollywood, como Runaway Train e Tango e Cash.
Traxectoria
editarCarreira como actor
editarMikhalkov estudou interpretación no estudio para nenos do Teatro da Arte de Moscova e despois na Escola Shchukin School do Teatro Vakhtangov. Sendo aínda un estudante, apareceu no filme de Georgi Daneliya Ya shagayu po Moskve (1964) e no filme do seu irmán Home of the Gentry (1969).
Director
editarMentres continuaba a súa carreira como actor, entrou en VGIK, escola estatal de filme de Moscova, onde estudou dirección co cineasta Mikhail Romm, profesor do seu irmán e de Andrei Tarkovsky. Dirixiu a súa primeira curtametraxe, Девочка и вещи, en 1968 e outra en 1970, trala súa graduación, Спокойный день в конце войны. Nesa época apareceu en máis de vinte filmes, incluíndo Dyadya Vanya (1972), dirixido polo seu irmán, antes de coescribir, dirixir e protagonizar a súa primeira longametraxe, Svoy sredi chuzhikh, chuzhoy sredi svoikh, en 1974, ambientado trala guerra civil rusa da década de 1920.
Co seu segundo filme, Raba lyubvi (1976). conseguiu fama internacional. Ambientado en 1917, segue os esforzos dun equipo de cinema para realizar un melodrama mudo nunha cidade balneario mentres a revolución crece ao seu arredor. O filme, baseado nos últimos días de Vera Kholodnaya, foi aclamado na súa estrea nos Estados Unidos.
O seu seguinte filme, Neokonchennaya pyesa dlya mekhanicheskogo pianino (1977) foi unha adaptación da obra de Chekhov Platonov, e gañou o primeiro premio no Festival de Donostia. En 1978, mentres protagonizaba o filme épico do seu irmán Sibiriada dirixiu Пять вечеров, historia de amor sobre unha parella separada pola segunda guerra mundial que se atopa de novo dezaseis anos despois. O seu seguinte filme, Несколько дней из жизни И. И. Обломова (1980), con Oleg Tabakov como o protagonista do título, baséase na novela clásica de Ivan Goncharov sobre un mozo nobre preguiceiro que se nega a deixar a súa cama. Родня (1981) é unha comedia sobre unha muller provinciana en Moscova que loita contra as enleadas relacións dos seus parentes. Bez svideteley (1983) é unha conversa durante unha longa noite entre unha muller (Irina Kupchenko) e o seu exmarido (Mikhail Ulyanov) cando quedan encerrados por accidente nun cuarto. O filme gañou o premio da FIPRESCI no Festival de Cine de Moscova.[1]
A principios da década de 1980 recuperou a súa carreira como actor aparecendo nas populares Vokzal dlya dvoikh (1982) e Жестокий романс (1984), de Eldar Ryazanov. Nesa época interpretou a Henry Baskerville na versión soviética do Can dos Baskerville. Participou en moitos outros filmes, como Svoy sredi chuzhikh, chuzhoy sredi svoikh, Raba lyubvi e Neokonchennaya pyesa dlya mekhanicheskogo pianino.
Éxito internacional
editarIncorporando varios relatos de Chekhov, Oci ciornie (1987) foi protagonizado por Marcello Mastroianni como un vello que conta unha historia dun romance cando era máis novo cunha muller que nunca puido esquecer. O filme foi moi recoñecido e Mastroianni recibiu o premio ao mellor actor no Festival de Cannes[2] e unha candidatura ao Óscar pola súa interpretación.
O seu seguinte filme, Urga (1992), ambientado no mundo dos mongois, recibiu o León de Ouro e foi candidato ao premio Óscar. Anna: 6–18 (1993) documenta o crecemento da súa filla Anna dende a infancia á madurez.
A produción máis célebre de Mikhalkov é Utomlyonnye solntsem (1994), que tiña lugar no ambiente paranoico do Gran Terror de Iosif Stalin. O filme gañou o Gran Premio de Cannes[3] é o Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa.
En 1996, foi o presidente do xurado do Festival de Cinema de Berlín.[4]
Carreira posterior
editarMikhalkov empregou o triunfo crítico e financeiro de Utomlyonnye solntsem para conseguir os 25 millóns necesarios para o seu proxecto máis épico ata o momento, The Barber of Siberia (1998). O filme, estreado fóra de concurso no festival de Cannes de 1999,[5] deseñouse como un espectáculo patriótico de consumo doméstico. Incluía a Julia Ormond e Oleg Menshikov, que aparece regularmente nos filmes de Mikhalkov, nos papeis principais. O propio director interpretou o tsar Alexandre III de Rusia. O filme recibiu o Premio do Estado e aumentou os rumores sobre as ambicións presidenciais do director, que, pola contra, escolleu administrar a industria do cinema ruso. A pesar da oposición de directores rivais, foi elixido como presidente da Sociedade Rusa de Cineastas e dirixe o Festival de Cinema de Moscova dende 2000. Tamén estableceu o premio Aguia de Ouro da Academia en oposición ao tradicional premio Nika.
En 2005 volveu á súa carreira como actor protagonizando tres filmes: The Councillor of State, un filme de misterio sobre a personaxe de Fandorin que logrou un récord de público en Rusia; Zhmurki, comedia negra sobre a mafia rusa e Persona non grata, de Krzysztof Zanussi. En 2007 dirixiu e protagonizou 12, adaptación do drama xudicial 12 Angry Men, de Sidney Lumet. En setembro dese ano, 12 recibiu un León de Ouro especial pola "brillantez consistente" da obra e foi gabado por moitos críticos no festival de Venecia. O ano seguinte, 12 foi candidato ao Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa na 80ª edición dos Oscar. Tamén actuou como produtor executivo no filme épico 1612.
No festival de Cannes de 2010 Mikhalkov presentou o drama épico Utomlyonnye solntsem 2,[6] que foi seleccionado como representante de Rusia nos premios Oscar.[7]
Vida privada
editarA primeira esposa de Mikhalkov foi a recoñecida actriz rusa Anastasiya Vertinskaya, coa que casou o 6 de marzo de 1967. En setembro de 1966 nacera o seu fillo, Stepan. Coa súa segunda esposa, a ex-modelo Tatyana, tivo un fillo, Artyom (nado o 8 de decembro de 1975), e dúas fillas, Anna (nada en 1974) e Nadya (nada o 27 de setembro de 1986).
Opinións políticas
editarMikhalkov está involucrado activamente na política rusa. É coñecido polos seus puntos de vista ás veces nacionalistas rusos e eslavófilos.
En outubro de 2006 visitou Serbia para apoiar a soberanía deste país sobre Kosovo[8] e dous anos despois volveu para apoiar a Tomislav Nikolić, candidato ultranacionalista á presidencia serbia. Mikhalkov participou nunha reunión de "Nomocanon", organización xuvenil serbia que nega os crimes de guerra cometidos polos serbios na guerra de Iugoslavia. Nun discurso dado á organización, Mikhalkov falou sobre unha "guerra contra a Ortodoxia", citando o cristianismo ortodoxo como "a principal forza que se opón cultural e intelectualmente a McDonald's". En resposta á súa afirmación, un xornalista preguntou a Mikhalkov: "Que é mellor, McDonald's ou o stalinismo?" Mikhalkov respondeu: "Depende da persoa".[9] Mikhalkov descríbese a el mesmo como monárquico.[10][11]
Mikhalkov é seguidor do presidente ruso Vladimir Putin. En outubro de 2007, Mikhalkov, que produciu un programa de televisión para o 55.º aniversario de Putin, asinou unha carta aberta pedíndolle abandonase o cargo tras rematar o seu tempo no goberno.[12]
O liderado de Mikhalkov en estilo vertical na Unión de Cinematógrafos foi definido por moitos cineastas e críticos rusos como autocrático, e provocaron que moitos membros abandonasen a Unión e formasen unha asociación rival en abril de 2010.[13][14]
Dende 2015, Mikhalkov ten prohibida a entrada en Ucraína polo seu apoio á anexión de Crimea de 2014.[15][16]
Notas
editar- ↑ "13th Moscow International Film Festival (1983)". MIFF. Arquivado dende o orixinal o 07-11-2013. Consultado o 08-02-2013.
- ↑ "Festival de Cannes: Dark Eyes". festival-cannes.com. Arquivado dende o orixinal o 10-07-2011. Consultado o 19-07-2009.
- ↑ "Festival de Cannes: Burnt by the Sun". festival-cannes.com. Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2011. Consultado o 2009-08-30.
- ↑ "Berlinale: 1996 Juries". berlinale.de. Arquivado dende o orixinal o 16-05-2013. Consultado o 01-01-2012.
- ↑ "Festival de Cannes: The Barber of Siberia". festival-cannes.com. Arquivado dende o orixinal o 10-07-2011. Consultado o 11-10-2009.
- ↑ "Hollywood Reporter: Cannes Lineup". hollywoodreporter. Arquivado dende o orixinal o 22-04-2010. Consultado o 16-04-2010.
- ↑ ""Цитадель" Михалкова выдвинута на "Оскар"". Penza. Consultado o 19-09-2011.
- ↑ Михалков: "Я приехал, чтобы поддержать сохранение Косова в составе Сербии"[Ligazón morta]
- ↑ Ragozin, Leonid (21–27 de xaneiro de 2008). "Точка невозврата". Russian Newsweek 4 (178). Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2009. Consultado o 14 de maio de 2009.
Михалков прищурился еще хитрее и нанес главный риторический удар: «Потому что православие – это основная сила, противостоящая культурному и интеллектуальному макдоналдсу»...Вдруг из зала раздался провокационный вопрос: «А что лучше – макдоналдс или сталинизм?» – «Ну это кому как», – ответил сын лауреата Сталинской премии.
- ↑ Великое интервью о великом кино Arquivado 26 de novembro de 2010 en Wayback Machine.. Kommersant.ru. 11-05-2010.
- ↑ Никита Михалков сдал мигалку
- ↑ Bayer, Alexei (24 de marzo de 2008). "Sympathy for the devil". The Moscow Times. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2008. Consultado o 24 de marzo de 2008.
- ↑ НАМ НЕ НРАВИТСЯ Arquivado 12 de abril de 2010 en Wayback Machine. – manifesto dos que iniciaron a nova unión
- ↑ "Opponents of Nikita Mikhalkov to Found Alternative Union of Cinematographers". Russia-ic.com. 19-04-2010. Consultado o 13-10-2013.
- ↑ Hollywood Reporter
- ↑ Pravda
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nikita Mikhalkov |
Bibliografía
editar- Larsen, Susan (outono de 2003). "National Identity, Cultural Authority, and the Post-Soviet Blockbuster: Nikita Mikhalkov and Aleksei Balabanov". Slavic Review 62 (3): 491–511. JSTOR 3185803. doi:10.2307/3185803.