Adolf Hitler

politico alemán nado en Austria e lider do Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores
(Redirección desde «Hitler»)

Adolf Hitler (en alemánAdolf Hitler[ˈadɔlf ˈhɪtlɐ] (AFI)De-Adolf Hitler.ogg escoitar), nado en Braunau am Inn (Austria) o 20 de abril de 1889 e finado en Berlín o 30 de abril de 1945, foi o líder do Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (en alemán Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, NSDAP), tamén coñecido por Nazi, unha abreviatura do nome en alemán (Nationalsozialistische), sendo aínda oposición aos socialdemócratas, os Sozi. Hitler converteuse en chanceler e, posteriormente, ditador alemán. Era fillo dun funcionario de alfándega dunha cidade fronteiriza de Austria con Alemaña. Foi o xefe do goberno de Alemaña dende xaneiro de 1933 e xefe do goberno e de Estado (Reichsführer) dende agosto de 1934. Desenvolveu unha política baseada na necesidade de expansión territorial para obter o chamado "espazo vital" (Lebensraum), o anticomunismo e o antisemitismo, que tería a súa maior expresión no Holocausto.

Modelo:BiografíaAdolf Hitler

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento20 de abril de 1889 Editar o valor en Wikidata
Braunau am Inn, Austria Editar o valor en Wikidata
Morte30 de abril de 1945 Editar o valor en Wikidata (56 anos)
Führerbunker, Alemaña Editar o valor en Wikidata
Causa da mortesuicidio, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturavalor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Presidente de Alemaña
2 de agosto de 1934 – 30 de abril de 1945
← Paul von HindenburgKarl Dönitz →
Reichsstatthalter Prusia
30 de xaneiro de 1933 – 30 de abril de 1945
← sen valor
Chanceler do Reich
30 de xaneiro de 1933 – 30 de abril de 1945
← Kurt von SchleicherJoseph Goebbels →
Parlamentario da República de Weimar
Membro do Reichstag da Alemaña nazi
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Residenciacastelo de Kransberg (1944–1945)
Barackenkasernement Oberwiesenfeld (1914–1914)
Wolfsschanze
nova chancelería do Reich
apartamento de Hitler en Múnic
Führerbunker
Berghof Editar o valor en Wikidata
Ideoloxía políticaNazismo, Antisemitismo, supremacismo branco, Fascismo, anticomunismo e antixitanismo Editar o valor en Wikidata
Relixiónvalor descoñecido e Opinións relixiosas de Adolf Hitler Editar o valor en Wikidata
EducaciónAbadía de Lambach
Bundesrealgymnasium Linz Fadingerstraße Editar o valor en Wikidata
Altura175 cm Editar o valor en Wikidata
Peso72 kg Editar o valor en Wikidata
Cor dos ollosAzul Editar o valor en Wikidata
Cor do peloCabelo castaño Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoNazismo, Propaganda nazi, Xunta militar, política, militar, pintor e político Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Linz
Berghof
Wolfsschanze
Berlín
Viena
Múnic
Führerbunker Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1914 Editar o valor en Wikidata - 30 de abril de 1945 Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido dos Traballadores Alemáns (1919–1921)
Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores Editar o valor en Wikidata
Membro de
Interesado enColección de arte Editar o valor en Wikidata
Influencias
Carreira militar
LealdadeImperio Alemán Editar o valor en Wikidata
Rama militarExército Imperial Alemán, Wehrmacht, Exército de Baviera, Infantaría e Reichswehr Editar o valor en Wikidata
Rango militarGefreiter (1914–)
Gefreiter (1914–) Editar o valor en Wikidata
Comandante de (OBSOLETO)Wehrmacht Editar o valor en Wikidata
ConflitoPrimeira guerra mundial
segunda guerra mundial
Primeira batalla de Ypres
Batalla de Fromelles
Ofensiva do Somme
Batalla de Arras
terceira batalla de Ypres
ofensiva de primavera
Primeira Batalla do Marne
Invasión de Polonia
Putsch de Múnic Editar o valor en Wikidata
Compañeiro profesionalIosif Stalin Editar o valor en Wikidata
Participou en
1940Aktion T4
29 de setembro de 1938Pacto de Múnic
1933Holocausto
9 de novembro de 1923Putsch de Múnic Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Outro
FamiliaEdmund Hitler (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeEva Braun (1945–1945), morte do cónxuxe Editar o valor en Wikidata
ParellaEva Braun (valor descoñecido–1945)
Maria Reiter
Geli Raubal Editar o valor en Wikidata
PaisAlois Hitler Editar o valor en Wikidata  e Klara Pölzl Editar o valor en Wikidata
IrmánsIda Hitler
Paula Hitler
Gustav Hitler
Edmund Hitler
Otto Hitler
Alois Hitler
Angela Hitler Editar o valor en Wikidata
ParentesJohanna Hiedler, avoa materna
Geli Raubal, filla da irmá
Leo Raubal Jr., fillo da irmá
Bridget Dowling, cuñada
William Patrick Hitler, sobriño
Heinz Hitler, sobriño
Franziska Braun, sogra
Ilse Braun, cuñada
Gretl Braun, cuñada
Therese Schmidt, tía
Anton Schmidt, curmán entregue
Elfriede Hochegger, sobriña
Johann Schmidt fillo, curmán segundo
Johann Schmidt, curmán entregue
Maria Koppensteiner, curmá entregue
Johanna Pölzl, tía
Eduard Schmidt, curmán entregue
Adolf Koppensteiner, curmán segundo
Aloisia Veit, curmá segunda
Maria Schicklgruber, avoa paterna
Josef Veit, curmán segundo
Viktoria Veit, curmá segunda
Josefa Veit, curmá segunda
Johann Schicklgruber, bisavó
Theresia Pfeisinger, bisavó
Johann Baptist Pölzl, avó materno
Martin Hiedler, bisavó
Anna Maria Göschl, bisavó
Josepha Schicklgruber, tia-avó
Peter Raubal, sobriño neto
Heiner Hochegger, sobriño neto
Hedwig Mickley, cuñada
Friedrich Braun, sogro
Martin Hammitzsch, cuñado Editar o valor en Wikidata
Condenado poralta traición Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
1 de setembro de 1939-2 de setembro de 1945segunda guerra mundial Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Гитлер Адольф)
Hitler and Genghis Khan (en) Traducir
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0386944 Rottentomatoes: celebrity/adolf_hitler_6 Allmovie: p366810 Metacritic: person/adolf-hitler
BNE: XX943009 Musicbrainz: 8530d70e-778c-4eba-b08d-831d16783c03 Discogs: 223385 Allmusic: mn0000592028 WikiTree: Hitler-3 Find a Grave: 4708 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Primeiros anos

editar

Adolf Hitler naceu no serán do 20 de abril de 1889 na vila de Braunau am Inn, a 55 km de Linz, próxima á fronteira alemá. Era o cuarto fillo dos seis que tiveron Alois Hitler, un oficial de alfándegas, e Klara Pölzl. Adolf foi o primeiro fillo que sobreviviu á infancia; do resto dos fillos só Paula sobreviviu. En 1892 a familia trasladouse a Passau, Baviera ao ascender seu pai. Xa xubilado o pai, en 1895 a familia trasladouse a Fischlham, unha pequena comunidade rural a 45 km de Linz, e alí Hitler comezou os seus estudos na escola local con boas notas. En 1896, cando Alois, un fillo que o pai de Adolf tivera doutro matrimonio, marchou da casa, a irritabilidade do pai aumentou. En 1897 a familia moveuse a Lambach e Adolf asistiu a clases de canto no seu mosteiro. En 1898 a familia asentouse definitivamente en Leonding, unha aldea nas proximidades de Linz. Nesa época afeccionouse ás novelas de Karl May e seguiu obtendo boas notas no colexio.

En 1900 comezou en Linz as clases no Realschule, instituto de secundaria que daba preferencia ás materias técnicas e científicas. Alí sentiuse atraído polo nacionalismo panxermanista de Georg Ritter von Schönerer, pero escolarmente o ano foi un fracaso e tivo que repetir curso. En 1903 morreu seu pai. No curso 1904 por causa das súas malas notas tivo que proseguir o instituto en Steyr e en 1905 deixou os estudos e durante dous anos dedicouse a unha vida despreocupada na compaña da súa familia, asistindo a representacións de teatro ou ópera. Nesa época adquire a súa paixón por Richard Wagner.

Anos en Viena e Múnic

editar
 
Adolf Hitler (dereita) xunto a Benito Mussolini

En 1907 tentou ingresar na Academia de Belas Artes de Viena, onde, debido a súa inclinación cara ó debuxo arquitectónico non foi aceptado. O 21 de decembro morría a súa nai dun cáncer de peito. Hitler falará dos anos que pasou en Viena entre 1908 e 1913 como a época máis dura da súa vida. Neses anos comeza a súa teima contra dos xudeus. O diñeiro íaselle esgotando, pero negábase a ingresar no funcionariado ou aceptar un traballo en Leonding. En outubro de 1908 suspendeu por segunda vez o exame de ingreso na Academia de Viena. Dende setembro de 1909 viuse obrigado a vivir na rúa ou en cuartos baratos e en decembro de 1909 buscou refuxio no Asyl für Obdachlose, un albergue nocturno para pobres. En febreiro de 1910 trasladouse a outro albergue con mellores condicións e comezou a pintar cadros que o seu socio, xudeu, vendía nos bares, facendo algún diñeiro.

En maio de 1913, logo de cumprir os 24 anos, recibiu a parte da herdanza do seu pai que lle correspondía e marchou a Múnic, quizais para eludir o servizo militar. Alí segue vendendo as súas pinturas nos bares e cafés. O 18 de xaneiro de 1914 a policía de Múnic detívoo a petición das autoridades austríacas por non se rexistrar para o servizo militar pero, considerado inútil para o servizo, regresou a Múnic.

Primeira guerra mundial

editar

Cando estoupou a primeira guerra mundial, Hitler presentouse voluntario no exército bávaro, dándoselle destino no 16º Rexemento de Infantaría da Reserva. Tras un período de adestramento en Múnic, o 29 de outubro o rexemento chegou a Lille e ao pouco entrou en combate en Bélxica. Hitler ascendeu a cabo o 3 de novembro e o 9 de novembro quedou asignado como ordenanza ao estado maior do rexemento coa misión de servir de correo, recibiu a Cruz de Ferro de segunda clase en decembro de 1915 por salvar a vida do seu comandante. En outubro de 1916 resultou ferido nunha perna e estivo hospitalizado dous meses preto de Berlín. O 4 de agosto de 1918 recibiu a Cruz de Ferro de primeira clase. O 14 de outubro a consecuencia dun ataque de gas mostaza quedou cego temporalmente e recibiu a nova da derrota alemá nun hospital militar.

Entrada en política

editar

Despois da guerra, Hitler mantívose no exército ata o 31 de marzo de 1920. Nunha época de revolucións en toda Alemaña, a Hitler deixoulle unha fonda impresión negativa a Revolución de Baviera, e o feito de que parte dos seus dirixentes foran xudeus afondou o seu antisemitismo, pero o certo é que Hitler foi elixido en representación do seu batallón nas eleccións que o goberno da República Soviética de Baviera organizou nos cuarteis.

Logo da desaparación da RSB, entre maio e xullo de 1919 foi recrutado polo servizo de intelixencia do exército como V-Mann (informador) e en xuño asistiu a un curso de adoutrinamento político que daba na Universidade de Múnic Karl Mayr, este elixiu a Hitler como un dos instrutores destinados a adoutrinar politicamente os soldados destinados en Lechfeld.

O 12 de setembro de 1919 asistiu como informador a unha xuntanza do Partido dos Traballadores Alemáns (DAP), un pequeno partido que contaba con 50 militantes, pero diante a intervención dun separatista bávaro, Hitler tomou a palabra e o xefe do partido, Antón Drexler invitouno a afiliarse, cousa que fixo aos poucos días, aínda que é posible que tivese ordes de infiltrarse no DAP. En pouco tempo converteuse no principal orador do partido, que actuaba principalmente nas cervexarías. O 24 de febreiro de 1920 o DAP, baixo o impulso de Hitler, realizou o primeiro grande acto de masas, ao que asistiron 2000 persoas e no que se repartiu o programa do partido (feito por Drexler e Hitler), dividido en 25 puntos, e dende marzo o DAP utiliza o nome de Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), o 1 de agosto de 1921 o NSDAP adoptou o principo de xefatura como base organizativa e Hitler como o seu líder, a militancia chega a 3.200 fronte a só 190 a comezos de 1920. Ernst Röhm converteuse no contacto de Hitler co exército e as asociacións patrióticas, substituíndo a Meyr, e converténdose no organizador do que a partir de outubro de 1921 adoptaría o nome de SA (Seccións de Asalto). Tamén foi fundamental á hora de buscar financiamento para o partido, ao que tamén contribuíu Dietrich Eckart, o que resultou decisivo para mercar o xornal Völkischer Beobachter e convertelo no órgano do partido en decembro de 1921. En setembro de 1921 dirixiu persoalmente o ataque contra un mitin organizado pola Bayernbund, a organización independentista dos monárquicos bávaros. Otto Ballerstedt o seu líder acudiu aos tribunais e Hitler ingresou en prisión durante un mes, entre o 24 de xuño e o 27 de xullo de 1922. A organización de Hitler por esa época seguía sendo basicamente local, pero o 20 de outubro de 1922 incorporóuselle a sección de Nuremberg do Deutsche Werkgemeinschaft, o que supuxo a incorporación de 14.000 militantes a un partido que contaba con só 6.000.

Führer

editar

A partir da toma do poder en Italia por Benito Mussolini, o 28 de outubro de 1922, foise desenvolvendo dentro do NSDAP o culto ao Führer, que Hitler fomentaba. A ocupación francesa do Rühr o 11 de xaneiro de 1923 supuxo un aumento do ambiente nacionalista en Alemaña e aumentou a afiliación ao NSDAP, que en novembro chegaba aos 55.000 membros. No I congreso do partido, que se celebrou o 27 de xaneiro, Hitler saudou pola primeira vez co brazo en alto a semellanza dos fascistas italianos. Por esa época estableceuse a colaboración co xeneral Erich Ludendorff, personaxe clave da dereita nacional, que Hitler tentou utilizar no seu proveito no intento de golpe de estado do 8 de novembro de 1923, que en principio contaba co apoio de Gustav von Kahr, o home forte de Baviera, pero a última hora retiroulle o apoio. Hitler e 600 membros da SA ocuparon o local no que estaba falando Kahr diante 3000 persoas e detivérono cos outros dous membros do triunvirato que gobernaba Baviera. Ernst Röhm co resto dos membros das SA tiñan ordes de ocupar os cuarteis de Múnic. Kahr aparentemente aceptou apoiar o golpe. Cando Hitler marchou para apoiar a ocupación do cuartel de enxeñeiros Ludendorff puxo aos membros do triunvirato en liberdade e estes aproveitaron para organizaren a resistencia e garantir a lealdade da policía e o exército ás autoridades legais.

Tras o fracaso do golpe, a policía detivo a Hitler o 11 de novembro e acusouno de alta traizón. Hitler converteu o seu xuízo, que se celebrou en marzo de 1924, nun escenario propagandístico. O 1 de abril o tribunal condenou a Hitler a cinco anos de cárcere, que debía cumprir na prisión de Landsberg, onde recibiu un trato de favor. Durante a súa estadía no cárcere dedicouse a ler (Nietzsche, Chamberlain, Karl Marx, Otto von Bismarck...), escribir cartas e ditar o texto da primeira parte de Mein Kampf (A miña loita) a Emil Maurice e Rudolf Hess. A primeira parte do libro apareceu en xullo de 1925 e a segunda parte, escrita xa cando Hitler estaba en liberdade, apareceu en decembro de 1926. Os textos antes de se publicaren sufriron múltiples correccións por, entre outros, Stolzing-Cerny e Bernard Stempfle. Mentres estivo no cárcere dirixiu o NSDAP, oficialmente ilegalizado, Alfred Rosenberg. Durante a súa estadía na prisión Hitler comezou a adquirir a noción de ser o home predestinado a salvar Alemaña. O 20 de decembro de 1924 Hitler foi amnistiado e comezou a reconstruír o partido, que se resentira da perda do liderado de Hitler, dividíndose en múltiples faccións rivais. O 30 de abril de 1925 renunciou á nacionalidade austríaca, para evitar unha posible deportación. Durante sete anos permanecerá como apátrida.

Os anos posteriores á saída da cadea de Hitler foron anos de recuperación económica, do Tratado de Locarno, do plan Dawes e do ingreso de Alemaña na Liga de Nacións. A república de Weimar vivía o seu mellor momento, e aínda que o 27 de febreiro de 1925 o NSDAP volveu ser legal, Hitler tivo prohibido falar en público en boa parte de Alemaña ata 1927 e nesa época a súa influencia na sociedade alemá era escasa, aínda que o número de militantes aumentou ata chegar aos 100.000 en 1929.

Refundación do Partido Nazi

editar

Logo de saír da cadea, Hitler distanciouse de Ludendorff, en parte polo seu anticlericalismo, e prometeu ás autoridades bávaras actuar dentro da legalidade. A resposta das autoridades foi permitir a volta á legalidade do NSDAP. Pero desta volta o refundado Partido Nazi non ía quedar restrinxido a Baviera, Hitler rompeu co resto dos partidos völkisch (nacionalistas de dereitas) e estendeu o partido polo centro e norte de Alemaña, traballo que encargou a Gregor Strasser, aínda que mantivo Múnic como a sede central.

Hitler propuxo a Ludendorff como candidato á presidencia do Reich polo NSDAP, pero o resto do movemento völkish apoiou a Karl Jarres, o candidato conservador. Nas eleccións o xeneral só obtivo o 1,1% dos votos, o que supuxo a súa desaparición da vida pública, que era o que pretendía Hitler.

Tras algunhas resistencias internas, que procedían sobre todo de dirixentes do partido nacionalsocialista do norte de Alemaña, entre eles o primeiro Joseph Goebbels, na Asemblea Xeral do NSDAP do 22 de maio de 1926 o liderado de Hitler saíu reforzado no seo do partido. Na Concentración do partido do 3 e 4 de xullo en Weimar (onde Hitler non tiña prohibición de falar en público) apareceron pola primeira vez as SS, e o partido converteuse nun partido centrado no seu führer. Aínda que máis pequeno que antes do golpe, internamente mostrábase moi cohesionado. O saúdo de Heil Hitler, que se viña utilizando dende 1923, fíxose obrigatorio dentro do partido en 1926, e dende ese ano Hitler escolleu o Obersalzberg, unha zona illada montañosa, como lugar para descansar da vida política (posteriormente construiría alí o complexo de Berhof).

Nas eleccións ao Reichstag de 1928 o NDSAP tan só obtivo o 2,6% dos votos e 12 escanos. Diante o fracaso electoral Hitler cambiou de estratexia e comezou a mirar para as zonas rurais e á clase media do norte de Alemaña.

Depresión de 1929

editar

Coa depresión económica de 1929, que trouxo tamén o aumento das tensións políticas, Hitler e o seu partido aumentaron a súa proxección no seo da sociedade. Nas eleccións ao parlamento de Saxonia de maio de 1929 tras unha intensa campaña, na que Hitler deu catro mitins, o NSDAP conseguiu o 5% dos votos. A República de Weimar entraba nunha nova fase política co aumento da popularidade de Hitler entre a poboación alemá. En xuño, Coburgo converteuse na primeira cidade con alcalde nazi. Co afundimento da bolsa de Nova York en outubro de 1929, a crise económica converteuse en depresión, e Hitler e o seu partido conseguiron atraerse a boa parte da poboación alemá, desesperada pola situación económica. Nese ano Hitler trasladou a súa residencia a un dos mellores barrios de Múnic.

Antes da celebración das eleccións anticipadas ao Reichstag, a facción de esquerdas do NSDAP dirixida por Otto Strasser deixou o partido logo das presións de Joseph Goebbles, que foi o encargado por Hitler para dirixir a campaña electoral nazi. Hitler participou en 20 grandes mitins durante a campaña con discursos baseados na procura da unidade de Alemaña para superar a crise e en ataques á democracia. Nas eleccións de setembro os nazis conseguiron o 18,3% dos votos e 107 escanos, pasando a ser o segundo partido de Alemaña, e Hitler unha figura coñecida internacionalmente.

En 1930 estoupou unha crise no seo das SA. Hitler encargoulle a dirección de novo a Ernst Röhm a comezos de 1931 para reestruturalo. O 18 de setembro de 1931 a sobriña de Hitler, Geli Raubal, apareceu morta dun tiro na casa de Hitler, onde vivía dende 1929. Había rumores de que mantiñan unha relación, aínda que nunca se demostrou, e logo da morte de Geli apareceron nos xornais especulacións de que el ordenara asasinala, aínda que o máis probable é que se suicidara.

Cara ao poder

editar

Heinrich Brüning, o chanceler, estaba convencido de que Hitler apoiaría a reelección de Paul von Hindenburg, pero non foi así e houbo convocatoria de eleccións presidenciais en 1932, nas que Hitler presentou a súa candidatura, xa que adquiriu cunha argucia legal a nacionalidade alemá. Na primeira volta obtivo o 30% dos votos, pasando á segunda, na que obtivo o 36,8%, reforzando a súa posición nas eleccións estatais do 24 de abril, converténdose o seu partido no primeiro de Prusia co 36,3% dos votos, e en Anhalt fixéronse coa presidencia. O 29 de maio Hindenburg nomeou como chanceler a Franz von Papen, que convocou novas eleccións para o Reichstag a celebrar o 31 de xullo de 1932, e uns días antes von Papen destituíu o goberno socialdemócrata prusiano, favorecendo as aspiracións electorais do partido de Hitler, que conseguiu o 37,4% dos votos e 230 escanos, converténdose no primeiro partido de Alemaña. O 6 de agosto Hitler celebrou conversacións secretas co ministro de defensa, Kurt von Schleicher, nas que esixiu a chancelería para el, pero Hindenburg rexeitou ese acordo. Von Papen pensou en disolver o Reichstag e pospoñer indefinidamente as eleccións ou en incluír o NSDAP no goberno con Hitler como vicechanceler, ao que Hitler se opuxo. Convocáronse novas eleccións para o 6 de novembro. Hitler suspendeu temporalmente a súa campaña o 1 de novembro ao saber que Eva Braun, a súa amante, tentara suicidarse.

Nas eleccións o NSDAP conseguiu o 33,1% dos votos e 196 escanos, unha baixada en relación aos comicios anteriores. Hindenburg nomeou novo chanceler a Schleicher, que principiou negociacións co SPD e Gregor Stasser, dirixente nazi enfrontado coa política que seguía Hitler. Pero estas negociacións fracasaron e Hitler foi nomeado chanceler o 30 de xaneiro de 1933 nun goberno de coalición co DNVP no que había outros dous nazis (Hermann Göring e Wilhelm Frick). Convocáronse novas eleccións para o 5 de marzo de 1933, que se caracterizaron pola violencia das organizacións paramilitares próximas aos nazis (SA, SS e Stahlhelm) nos estados controlados polos nazis, e en especial en Prusia, onde se prohibiron os mitins dos comunistas e mesmo se chegou ao asasinato de militantes comunistas, ademais de prohibir a prensa comunista e do SPD. Hitler fixo o papel de moderado, condenando os ataques de radicais contra os partidos de centro e fomentando o temor a un posible levantamento comunista. Dende o goberno, Hitler co Decreto de emerxencia para a protección do Pobo e o Estado suspendeu indefinidamente as liberdades individuais e limitou a autonomía dos länder tras a queima do Reichstag, na noite do 27 de febreiro en plena campaña electoral, que atribuíu aos comunistas do KPD, o que supuxo a detención ou o exilio dos seus máis importantes adversarios, coa detención masiva de comunistas e socialdemócratas. Nas eleccións o NSDAP conseguiu o 43,9% dos votos e 288 escanos, co que a coalición de goberno obtivo a maioría absoluta. Hitler mandou deter os deputados comunistas, co que quedaron excluídos, ilegalmente, do parlamento e fíxose co control dos länder que ata entón non tiñan goberno nazi. O 22 de marzo abriuse o primeiro campo de concentración nas proximidades de Dachau e o 23 de marzo o Reichstag aprobou a Lei de autorización (Ermächtigungsgesetz) que lle transfería ao chanceler a capacidade lexislativa. Para a aprobar foi preciso o apoio do Zentrum que a votou despois de que Hitler lle dese garantías ao seu xefe, Ludwig Kaas de respectar a liberdade e autonomía da Igrexa católica e non destituír os funcionarios que militaban no Zentrum. Posteriormente prohibíronse as centrais sindicais e o SPD e o resto dos partidos autodisolvéronse; tan só o NSDAP permaneceu como partido legal. Mentres ía desenvolvéndose en todo o país o culto ao Führer, xa non do partido, senón do Estado, como un dos fundamentos do novo réxime, o saúdo Heil Hitler! declarouse saúdo alemán e fíxose obrigatorio para os funcionarios en xullo de 1933.

O 10 de setembro Hitler asinou un concordato co Vaticano que lle garantía unha certa autonomía á Igrexa católica, pero fracasou no intento de crear unha organización eclesiástica luterana centralizada controlada polo réxime. O 14 de outubro Hitler retirou a Alemaña das conversas sobre o desarmamento da Conferencia de Xenebra e da Liga de Nacións e convocou novas eleccións ao Reichstag, das que saíu un novo goberno enteiramente controlado polo NSDAP. En xaneiro de 1934 aboliuse a soberanía dos länder. Hitler utilizou as SA para illar politicamente ao vicechanceler von Papen, pero as SA aumentaban progresivamente a súa independencia respecto ao partido e dentro delas xurdiu o culto a Röhm en detrimento de Hitler. Ademais, o exército vía con preocupación as súas pretensións de facerse co ministerio de defensa e de atribuírlles ás SA a defensa nacional. Hitler aproveitou algunhas informacións dun posible complot do seu líder Ernst Röhm e o temor a que o exército recollese as críticas que Von Papen fixera ás SA e ao propio Hitler nun discurso pronunciado o 17 de xuño, na Universidade de Maguncia, para eliminar os seus xefes na coñecida como a Noite dos coitelos longos do 30 de xuño de 1934, e tamén outros líderes non relacionados coa SA morreron ese día como Gregor Strasser e o antigo chanceler Kurt von Schleicher. Röhm, que fora detido persoalmente polo propio Hitler, foi executado o 1 de xullo e as SA quedaron reducidas a un órgano de instrución e de práctica de deportes militares.

Terceiro Reich

editar
 
Hitler con Mussolini en Múnic, 1940.

O 2 de agosto de 1934 morreu o presidente Hindenburg e Hitler unificou a presidencia e a chancelería do Reich nun novo posto, Führer und Reichskanzler, que asumiu el. O xuramento de lealdade que prestou o exército á súa persoa tras a morte do presidente confirmou a ditadura persoal de Hitler e deu inicio a un xeito de goberno arbitrario e desordenado, baseado na persoa, que se reflectiu nas cada vez máis escasas reunións do gabinete, que deixaron de celebrarse en 1938.

O 13 de xaneiro de 1935 no plebiscito que se celebrou no Sarre o 91% decidiu o ingreso en Alemaña. Hitler promoveu a promulgación das coñecidas como leis de Nuremberg a fins de 1935 polos que os xudeus perdían a cidadanía alemá, prohibíanse os matrimonios mixtos e o acceso a empregos públicos aos xudeus.

En marzo de 1935 o goberno de Hitler volveu introducir o servizo militar obrigatorio, e o 7 de marzo de 1936 30.000 soldados entraron en Renania, rexión ata entón desmilitarizada, coa pasividade de Francia e Gran Bretaña, nun proceso que levou á reconstrución da potencia militar alemá e que puña fin ás limitacións que o Tratado de Versalles impuña a Alemaña, o que levou a popularidade de Hitler aos niveis máis altos do seu goberno.

Nas eleccións lexislativas que se celebraron o 29 de marzo de 1936, a lista nacionalsocialista, a única que se podía presentar, obtivo o 98,9% dos votos. O 1 de abril Hitler enviou a Joachim von Ribbentrop a Londres para ofrecerlle ao goberno británico un acordo que eliminase as tensións que provocara a remilitarización de Renania. A resposta foi negativa, pero os británicos manifestáronse a favor dun novo acordo internacional que substituíse ao de Locarno de 1925. A mellora de relacións con Italia posibilitou que Austria pasase á órbita alemá tras a sinatura dun tratado o 11 de xullo de 1936.

O 1 de agosto comezaron os Xogos Olímpicos de Berlín, que se converteron nun éxito propagandístico da nova Alemaña nazi. Hitler asistiu case todos os días ao Estadio Olímpico de Berlín para ver os triunfos dos atletas alemáns.

Na guerra civil española Hitler enviou homes para axudar aos sublevados dirixidos polo xeneral Francisco Franco Bahamonde e esa guerra serviulle para testar a capacidade operativa das novas forzas armadas alemás. Contra o parecer dos diplomáticos do ministerio de exteriores alemán, que preferían reforzar as relacións con China, o 27 de novembro aprobou o Pacto Anti-Comintern entre Alemaña e o Xapón.

O 12 de febreiro de 1938 Hitler forzou o chanceler austríaco Kurt Schuschnigg, baixo ameaza de invasión militar, a permitir a entrada do líder dos nazis austríacos, Arthur Seyss-Inquart, no seu goberno. O 9 de marzo o chanceler austríaco anunciaba a convocatoria dun referendo sobre a unión con Alemaña, o que precipitou os acontecementos. Hitler envioulle un ultimato no que pedía a dimisión do chanceler, Schuschnigg consultou cos británicos, e diante a negativa destes a darlle seguridade sobre o apoio británico á independencia austríaca, dimitiu. Diante da negativa do presidente austríaco a nomear o líder dos nacionalsocialistas austríacos chanceler, Hitler ameazou coa invasión militar, e aínda que o presidente acabou cedendo, realizou a invasión do exército alemán, sen ningunha resistencia austríaca. A Anschluss (unificación con Alemaña) materializouse o 12 de marzo coa entrada de Hitler en Viena e finalmente, o 13 de marzo, Austria converteuse nunha provincia do Reich. Tras a incorporación de Austria intensificou a presión sobre o goberno de Checoslovaquia coa escusa de defender os dereitos da minoría alemá dos Sudetes, o que conduciu ao acordo de Múnic entre Alemaña, Gran Bretaña, Francia e Italia no que se acordou a incorporación dos Sudetes á Alemaña. Aínda así Hitler ordenou entrar en Praga o 10 de marzo de 1939 e proclamou o Protectorado de Bohemia e Moravia.

Segunda guerra mundial

editar
Véxase tamén: Morte de Adolf Hitler.
 
Xornal coa nova da morte de Hitler.

Hitler comezou a reclamar os territorios que Alemaña cedera a Polonia como consecuencia do Tratado de Versalles e o 23 de agosto de 1939 Alemaña e a URSS asinaban un pacto secreto de non agresión, no que acordaban a repartición de Polonia. O 1 de setembro de 1939 o exército alemán entrou en Polonia. O Reino Unido e Francia, que tiñan tratados de asistencia mutua con Polonia, declararon a guerra a Alemaña, comezando a segunda guerra mundial. En abril de 1940 ordenou ao exército alemán ocupar Dinamarca e Noruega, en maio ordenou o ataque sobre Francia, conquistando os Países Baixos, Luxemburgo e Bélxica no proceso. Francia rendeuse finalmente o 22 de xuño de 1940. Esta serie de vitorias convenceu ao seu principal aliado, Benito Mussolini de Italia, a entrar na guerra do lado de Hitler en maio de 1940.

O Reino Unido, que evacuara as súas forzas dende Dunquerque, continuou a loitar en solitario na Batalla do Atlántico e Hitler ordenou atacar por aire ás illas Británicas na que se coñeceu como batalla de Inglaterra, un preludio da planeada invasión alemá.

O 22 de xuño de 1941 Hitler deu a orde de atacar a Unión Soviética, o que supuña a ruptura do pacto de non agresión que asinara con Stalin, o que supuxo a conquista dos estados bálticos Belarús e Ucraína. O exército alemán detívose ás portas de Moscova, en parte pola dureza do inverno e a falta de equipamentos para soportalo e pola resistencia do exército soviético. Xunto coa derrota en Stalingrado supuxo o maior revés do exército alemán e un punto de inflexión cara á vitoria dos aliados que culminaría en maio de 1945 coa toma conxunta de Berlín polos exércitos dos EEUU, Francia e a URSS.


Predecesor:
Ningún
(Reichskanzler Kurt von Schleicher
da República de Weimar)
  
Reichskanzler do Terceiro Reich
 
1933 - 1945
Sucesor:
Joseph Goebbels

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar