Coñécese como Putsch de Múnic ou Putsch da Cervexaría[1] ao errado intento de golpe de estado do 8 e 9 de novembro de 1923 en Múnic, levado a cabo por membros do Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán (NSDAP) e polo que foron procesados e condenados a prisión Adolf Hitler e Rudolf Hess, entre outros dirixentes nazis.

Putsch de Múnic

Data 8-9 de novembro de 1923
Lugar Múnic, Alemaña
Resultado Vitoria do Reichswehr
Líderes
Adolf Hitler
Erich Ludendorff
Ernst Röhm
Rudolf Hess
Hermann Göring
v.Scheubner-Richter
Gustav R. von Kahr
Otto von Lossow
Forzas en combate
3000 100
Baixas
16[1] 4

Preludio editar

Centenares de persoas acudían a unha das máis grandes cervexarías de Múnic, a Bürgerbräukeller, onde se reunían os primeiros afiliados do nacente Partido Obreiro Nacional-Socialista de Alemaña (NSDAP) a principios da década dos anos 20.

Hitler tomara a xefatura do NSDAP desde 1921, partido político que rexeitaba as condicións do Tratado de Versalles (1919) que dera fin á primeira guerra mundial e puña a Alemaña nunha posición sumamente comprometida no económico, con fortes sancións territoriais e militares. En setembro de 1923, Hitler anuncia a celebración de 14 reunións con dirixentes de dereita. O primeiro ministro bávaro Eugen Ritter von Knilling declarou o estado de emerxencia, nomeou a Gustav von Kahr como Comisario bávaro e colocou ao Xeneral Otto von Lossow á fronte da Reichswehr.

As intencións de Hitler víronse influídas pola Marcha sobre Roma, encabezada por Benito Mussolini en 1922.[2] Hitler planeou utilizar Múnic como base da súa loita contra o goberno da República de Weimar e proclamar un Estado rebelde en Baviera, iniciando unha guerra contra a República para avanzar até Berlín.[3]

O putsch editar

Na tarde do 8 de novembro de 1923, Hitler, xunto cun continxente da SA, chegou á cervexaría Bürgerbräukeller onde o gobernador de Baviera, Gustav von Kahr, pronunciaba un discurso diante de tres mil acodes. Preto de seiscentos homes da SA bloquearon as saídas. Hitler, rodeado polos seus copartidarios Hermann Göring, Alfred Rosenberg e Rudolf Hess, entrou pola porta dianteira ás 20:30 horas, disparou un tiro ao teito e saltou sobre unha cadeira gritando: «A revolución nacional comezou!».

De inmediato declarouse un goberno provisional na mesma cervexaría. Os cuarteis da Reichswehr (o exército da República de Weimar) e os da Policía foron ocupados por partidarios do golpe, non necesariamente nazis. Hitler e algúns dos seus correlixionarios tomaron como reféns ao Comisario de Baviera, Gustav von Kahr, e aos seus dous homes máis importantes, von Lossow e von Seisser.

Ao amencer do 9 de novembro, as forzas do comandante da SA Ernst Röhm (entre as que se atopaba un mozo Heinrich Himmler), seguindo ordes de Hitler, ocuparon o Ministerio de Defensa bávaro e enfrontáronse ás forzas gobernamentais, sufrindo dúas baixas. Mentres tanto, o tres homes do goberno retidos na Bürgerbräukeller foron liberados baixo palabra de compromiso coa «revolución nacional» por un inxenuo Erich Ludendorff. O tres gobernantes, inmediatamente despois de ser liberados, deron ordes á Policía de acabar coa revolta e mostráronse firmes nos seus postos. Ante esta situación, Ludendorff propón marchar ao centro da cidade para tomala, seguro de que a súa presenza inhibiría a soldados e policías de calquera acción represiva; non moi convencido, Hitler accedeu.

Uns 2.500 homes marcharon directamente cara á Marienplatz, a praza onde se atopa o Concello de Múnic, e alí topáronse cunha importante masa de xente que saíra á rúa decatada do altercado. Tras uns minutos de desconcerto ante semellante aglomeración, Ludendorff decidiu que se continuase camiñando cara ao Ministerio de Defensa e así atoparse cos homes de Röhm, para o que había que atravesar a Odeonsplatz (Praza do Odeón). Ao longo do camiño íanse unindo máis persoas apoiando a Hitler e o putsch. Con todo, unha vez arribada a marcha á entrada da Odeonsplatz, xusto á altura do Feldherrnhalle (monumento aos xenerais alemáns das guerras patrias) atopáronse cun grupo de policías que lles bloqueaban o paso. Ambos os grupos de homes armados quedaron fronte a fronte durante uns segundos, ata que de súpeto soou un disparo e comezou un importante tiroteo. Hitler e Göring foron feridos, o último puido escaparse. Nunca quedou claro quen disparou primeiro.

Hitler refuxiouse en casa dun amigo, Putzi Hanfstaengl, onde mesmo planeou suicidarse, pensando que sería fusilado polas autoridades. Pasou dúas noites escondido no ático de Hanfstaengl e á terceira noite, a Policía chegou e arrestouno. Foi levado á prisión de Landsberg, onde soubo que ía ser xulgado por alta traizón.

Mártires do Feldherrnhalle editar

O catorce militantes nazis mortos pola Policía na Feldherrnhalle e os dous membros da liga paramilitar nacionalista Reichskriegerflagge caídos fronte ao Ministerio de Defensa bávaro foron considerados mártires e heroes do movemento nacional-socialista. Despois de 1933 os seus restos foron trasladados até o mesmo Panteón dos Heroes da Odeonplatz e rendíaselles respecto e culto cada 9 de novembro. A frase Und Ihr habt doch gesiegt! («E con todo, triunfastes!») fíxose de uso obrigatorio na mitoloxía nazi do heroísmo.

 
Monumento nazi erixido aos seus mortos durante o Putsch.

Estes foron:

  • Allfarth, Félix, comerciante.[4]
  • Bauriedl, Andreas, sombreireiro.
  • Casella, Theodor, empregado bancario.[5]
  • Ehrlich, Wilhelm, empregado bancario.
  • Faust, Martin, empregado bancario.[5]
  • Hechenberger, Anton, cerralleiro.
  • Körner, Oskar, comerciante (vicepresidente do NSDAP).
  • Kuhn, Karl, empregado de hotel.
  • Laforce, Karl, estudante de enxeñaría.
  • Neubauer, Kurt, criado.
  • von Pape, Klaus, comerciante.
  • von Der Pforten, Theodor, secretario do Tribunal Rexional Superior.
  • Dr. von Scheubner-Richter, Max Erwin, doutor en enxeñaría.[6]
  • Rickmers, Johann, ex capitán de cabalaría.
  • von Stransky, Lorenz Ritter, enxeñeiro.
  • Wolf, Wilhelm, comerciante.

Tamén resultaron mortos catro policías no tiroteo:

  • Friedrich Fink
  • Nikolaus Hollweg
  • Max Schobert
  • Rudolf Schraut

Consecuencias editar

 
Hitler xunto aos demais acusados polo Putsch de Múnic durante o xuízo.

Tres días despois do putsch, Hitler e algúns outros conspiradores foron arrestados por cargos de traizón,[7] mentres que outros escaparon a Austria. As oficinas do NSDAP foron pechadas, e o seu xornal, o Völkischer Beobachter (O Observador do Pobo) foi secuestrado e prohibido. Tras un xuízo no que foi tratado con certa clemencia, cumpriu só nove meses dos cinco anos aos que fora condenado. O cárcere na cal Hitler foi recluído autorizou que recibise a visitantes case diariamente e durante moitas horas. Durante este tempo ditou Mein Kampf ao seu secretario Rudolf Hess.

Ludendorf foi absolto. Röhm e o doutor Wilhelm Frick foron liberados a pesar de ser achados culpables. Göring, que lograra fuxir, fíxose adicto á morfina e a outras drogas como consecuencia da ferida de bala que sufriu nunha perna e ao forte tratamento que recibiu.

Pero o substancial do fracaso do golpe foi o cambio de estratexia que motivou, ao percibir Hitler a imposibilidade de conquistar o poder pola vía insurreccional naquel momento. A partir dese instante, centrarase en crear un partido de masas para tentar facerse co control de Alemaña de acordo á constitución, pervertendo en certa medida o carácter de «antipartido» e de reacción á política liberal clásica que o movemento nazi tivera na súa orixe. Este pragmatismo é común aos movementos fascistas triunfantes no período de entreguerras, xa que Mussolini tamén reconverteu os iniciais Fasci italiani di combattimento no Partido Nacional Fascista en 1921, pouco antes de acceder ao poder en Italia co beneplácito do monarca Vítor Manuel III.

 
A prisión de Landsberg

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Dan Moorhouse, ed. The Munich Putsch. Arquivado 05 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine. schoolshistory.org.uk, accessed 2008-05-31.
  2. Kershaw 2008, pp. 125–127
  3. Piers Brendon, The Dark Valley: A Panorama of the 1930s, p. 36 ISBN 0-375-40881-9
  4. Christian Zentner, Friedemann Bedürftig (1991). The Encyclopedia of the Third Reich. Macmillan, New York. ISBN 0-02-897502-2
  5. 5,0 5,1 Die Geschichte eines Hochverräters, Franz Eher Verlag, Munich 1928.
  6. Balakian, Peter. The Burning Tigris: The Armenian Genocide and America's Response. New York, HarperCollins, 2003 p. 407 ISBN 0-06-055870-9
  7. Hitler, Adolf (1924). Der Hitler-Prozeß vor dem Volksgericht in München [The Hitler Trial Before the People's Court in Munich]. Munich: Knorr & Hirth. OCLC 638670803. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar