Diccionario da literatura galega
O Diccionario da literatura galega —publicado en catro tomos— é un dicionario en lingua galega. Está coordinado pola doutora en filoloxía galega Dolores Vilavedra, contando con autores e autoras como Helena González Fernández e Ana Belén Fortes, entre outros. O primeiro tomo data de 1995 e, o cuarto, de 2004; todos os tomos contan cunha sobrecuberta que protexe as pastas duras que conforman o esqueleto do libro. Foron publicados en Vigo pola Editorial Galaxia.
Diccionario da literatura galega | |
---|---|
Autor/a | Dolores Vilavedra et al. |
Cuberta | Francisco Mantecón |
Orixe | España |
Lingua | galego |
Tema(s) | literatura galega |
Xénero(s) | dicionario |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1995-2003 |
Formato | tapa dura |
[ editar datos en Wikidata ] |
Obxectivos
editarEste proxecto «pretende ofrecerlles ós lectores non só un compendio crítico e informativo da produción literaria galega e os seus autores, senón tamén unha análise dos diversos elementos que configuran o fenómeno literario realizada dende a nosa literatura»[1]. Alén disto, a obra renova a tradición de dicionarios de literatura galega. O Diccionario de escritores en lingua galega (1992), de Francisco Fernández del Riego, vai ser unha parte fundamental da bibliografía, xunto con títulos como Historia da literatura galega contemporánea, de Ricardo Carballo Calero.
Tomos
editar- I: O primeiro tomo leva por título Autores (1995) e trátase dunha listaxe en orde alfabética dos autores e autoras que, até 1994, publicaron canto menos un libro en lingua galega. Neste participaron Iris Cochón, Luciano Fernández, Ana Belén Fortes, Helena González Fernández, Henrique Monteagudo, Ramón Nicolás, María do Carmo Ríos Panisse e Dolores Vilavedra. Como criterio de selección de entradas para Autores fixaron como data límite decembro do ano 1994. Teránse en conta todos os autores e autoras que, como mínimo, teñan publicada unha obra en lingua galega. A extensión de cada entrada vai en función do «valor tanto extrínseco coma intrínseco da obra».[1]
- II: O segundo tomo, titulado Publicacións periódicas (1995), é a primeira parte de dúas referidas a publicacións. Esta está centrada nos textos xornalísticos. Segundo o prólogo, «Con este volume pretendemos simplemente certificar ata que punto o desenvolvemento do discurso literario galego non só dependeu do xornalístico, senón que mesmo existiu (sobre todo en determinadas etapas como o primeiro Rexurdimento ou a posguerra) gracias a el».[1] Colaboran Ana Belén Fortes, Helena González Fernández, Susana Mayo, Henrique Monteagudo, Noemí Pazó, Marcos Valcárcel, Dolores Vilavedra e Miro Villar. «O criterio fundamental que orientou a selección das publicacións periódicas aquí comentadas foi, obviamente, o de que nelas se inclúen textos literarios en galego, ou comentarios e estudos sobre literatura galega. Intentamos flexibilizar este criterio atendendo en primeiro lugar a criterios diacrónicos e tamén ó carácter de efeméride que posúen algunhas das publicacións incluídas sen incluíren algún texto -literario ou non- en galego».[1]
- III: O terceiro tomo que conforma o dicionario, Obras (2000) é a segunda parte das referidas ás publicacións, esta vez coa listaxe de obras. Ofrece un comentario crítico a duascentas corenta e nove obras da historia literaria galega en orde alfabética. Conta coa colaboración de Teresa Bermúdez, Maria Cuquejo, Ana Belén Fortes, Helena González Fernández, Xosé Antonio Neira Cruz, Iolanda Ogando, Noemí Pazó, Teresa Seara, Marcos Valcárcel, Miro Villar, Iris Cochón, Silvia Gaspar e Xosé Manuel Varela. A selección para Obras fíxose tendo en conta ao lector ou lectora escasamente iniciado, querendo funcionar como unha axuda, mais tamén querendo facer accesíbeis novas obras para poder avanzar no estudo da literatura galega. Este repertorio foi consensuado polos colaboradores e colaboradoras para dar testemuño do percorrido da literatura galega.
- IV: O cuarto -e último- tomo, Termos e institucións literarias (2003) ten como obxectivo complementar os tomos anteriores, por requirimento dos lectores e lectoras, e afondar en todos aqueles conceptos de tipo terminolóxico, periodolóxico e sistémico. Colabora Teresa Bermúdez, Ana Belén Fortes, María Liñeira, Helena González Fernández, María Xesús Lama, Iolanda Ogando, Noemí Pazó, María do Cebreiro, Teresa Seara, Dolores Vilavedra e Rexina Vega. O criterio para o volume foi dar visibilidade a certos conceptos e institucións que, normalmente, non gozan desta, recoñecendo así «a súa importancia como promotores non só de autores e obras senón de xéneros e tendencias creativas, e da súa relevancia como institución nun contexto tradicionalmente tan deficitario nelas coma é o galego».[2]
Estrutura
editarA obra ten forma de dicionario e a súa organización é en orde alfabética. Cada tomo responde a unha estrutura propia, tendo todos en común unha dedicatoria inicial e un prólogo.
- O tomo Autores conta cunha lista de abreviaturas ao comezo, seguindo coa relación de nomes de autores e autoras. Cada entrada contén: data e lugar de nacemento e defunción (se a houber); unha biografía onde se destacan obras, estilo, orientación política e premios, tamén adoitan aparecer as referencias bibliográficas, mais non sempre.
- Publicacións periódicas tamén conta cunha lista de abreviaturas, seguido da lista de publicacións. Cada entrada conta con: nome do autor -ou autora-, nome, lugar e ano da publicación, tamén a casa editorial e a bibliografía de a ter. Acaba cun índice onomástico.
- O terceiro, Obras, despois da relación de obras, formada por: nome da obra e autor -ou autora-, biografía do autor, contexto da obra e bibliografía. O tomo finaliza cun índice de autores.
- O último, Termos e institucións literarias, abre cun apartado de termos literarios. Tras este, preséntase o corpus: definición, época, principais axentes e obras e bibliografía. Este tomo conta cun apartado final de cadros: métrica, cantigas medievais, literatura popular, xeracións e grupos poéticos do século XX.
Recepción crítica
editarA primeira entrega, I Autores, foi recensionada por Andrés Pociña no número 130 da revista Grial, co artigo "Un diccionario literario galego como é debido". Nel o autor destaca varios aspectos mellorábeis, como a ampliación da bibliografía ou como a adición das iniciais do ou da responsábel de cada entrada, mais di que «o conxunto presenta unha liña de traballo clara e convincente, en que estas pequenas tachas que lle apoño soamente son o resultado dunha lectura feita con moitísimo interese, e co coidado que merece unha obra tan importante, tan meritoria, tan ben realizada, tan útil e proveitosa para o estudo da literatura galega».[3]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Diccionario da literatura galega. Vigo: Editorial Galaxia. 1995-1997. OCLC 34669594. ISBNs: 8482880195, 848288137X e 8482883658.
- ↑ Diccionario da literatura galega / 4. Termos e institucións literarias. Vigo: Ed. Galaxia. 2004. ISBN 8482886568. OCLC 176874733.
- ↑ Pociña, Andrés (1996). "Un diccionario literario galego como é debido". Grial XXIV (130): 272–274. ISSN 0017-4181.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Pociña, Andrés (1996): "Un diccionario literario galego como é debido" Grial 130 (XXIV) 272-74.
- Vilavedra, Dolores (coord.) (1995): Diccionario da Literatura Galega I: Autores. (Vigo: Galaxia). ISBN 8482880195
- Vilavedra, Dolores (coord.) (1997): Diccionario da Literatura Galega II: Publicacións periódicas. (Vigo: Galaxia). ISBN 848288137X
- Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da Literatura Galega III: Obras (Vigo: Galaxia). ISBN 8482883674
- Vilavedra, Dolores (coord.) (2003): Diccionario da Literatura Galega IV: Termos e Institucións Literarias (Vigo: Galaxia). ISBN 8482886576