Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles

O Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles ou Servicio de Emigración de los Republicanos Españoles (SERE) foi o primeiro organismo de auxilio aos republicanos exiliados logo da derrota na Guerra Civil Española, creado en París en febreiro de 1939 e adscrito á dirección de Juan Negrín (en xullo de 1939 creouse a Junta de Auxilio a los Republicanos Españoles, na órbita de Indalecio Prieto). O seu presidente foi Pablo de Azcárate, que fora embaixador de España en Londres durante a guerra, aínda que o verdadeiro control estivo nas mans do ministro de Facenda no exilio, Francisco Méndez Aspe.

Ante a presión das autoridades francesas, encirradas polo goberno franquista, o SERE desapareceu a comezos de 1940, sendo disolto oficialmente o 16 de maio de 1940, apenas un mes antes da caída de París ante os nazis.

Historia editar

Francisco Méndez Aspe foi o principal responsable do SERE, debido ao seu control das "finanzas" do exilio.[1] En abril de 1939 o presidente do Goberno, Juan Negrín, designou a Alejandro Viana Esperón xefe da Sección de Emigración do SERE. Debido ao control das finanzas por Méndez Aspe, os postos de presidente, que ocupaba Pablo de Azcárate, e ata certo punto do director, ocupado por Bibiano Fernández Osorio-Tafall, eran superfluos, razón pola cal Azcárate, que xa presentara por primeira vez a súa dimisión ao constituírse a JARE, e Osorio-Tafall presentaron a súa dimisión en outubro de 1939. O posto de presidente suprimiuse.[2] No caso de Osorio-Tafall a súa dimisión tivo tamén unha dimensión política polas súas diferenzas con Negrín, posto que non volveu participar en actividades políticas. Non así no caso de Azcárate.[3] Méndez Aspe encargouse da reorganización do servizo.[4]

En representación do SERE creouse en México o Comité Técnico de Ayuda a los Refugiados Españoles (CTARE) encabezado polo doutor José Puche Álvarez e cuxo obxectivo foi recibir, aloxar, proporcionar auxilio e distribuír aos inmigrantes polo territorio mexicano. O SERE foi o responsable dalgunhas das expedicións de refuxiados cara América máis coñecidas: a bordo do buque Sinaia (Sète 25/05/1939-Veracruz 13/06/1939; 1599 refuxiados), o Ipanema e o Mexique. Calcúlanse nus 6000 os refuxiados chegados aos Estados Unidos Mexicanos da man do SERE.

En xullo de 1939 o SERE suspendeu as axudas sen dar máis explicacións, presuntamente esgotados os seus recursos. O CTARE pediu auxilio económico á delegación (mexicana) da JARE, presidida por Prieto, para atender as necesidades económicas requiridas para o desembarque dos aproximadamente 600 pasaxeiros do buque Cuba.[5] O CTARE tamén suspendeu o servizo de comedores e albergues en México en xullo de 1940. Todas as xestións da JARE encamiñadas a facer posibles embarques colectivos de refuxiados españois, en Francia ou no norte de África, resultaron infrutuosas, se ben en 1941 conseguiu facer efectiva a viaxe do buque portugués Quanza desde Casablanca con case 400 refuxiados, e en marzo de 1942 o do buque Nyassa con outros 800.

A todos estes buques cabe engadir a viaxe do Winnipeg, xestionada por Pablo Neruda, que entrou no porto de Valparaíso (Chile) o 3 de setembro de 1939 con arredor de 2200 pasaxeiros.[6][7]

Co obxectivo de escolarizar aos fillos dos refuxiados, o SERE creou en México o Instituto Luis Vives (agosto de 1939), aínda hoxe en funcionamento. Ademais, en 1940 creáronse noutras localidades (Veracruz, Córdoba, Torreón, Tampico e Tapachula así como os que funcionaron en Xalapa e en Cuernavaca) os colegios Cervantes.[Cómpre referencia]

A xestión do SERE recibiu duras críticas do historiador libertario Francisco Olaya Morales, que considera probado documentalmente que os seus fondos procedían do espolio, foron administrados sen ningún control, e en beneficio único de altos cargos republicanos afíns a Negrín.[8]

Legado documental editar

Os arquivos do CTARE están dende 1981 no Arquivo Histórico do Instituto Nacional de Antropología e Historia de México. Os arquivos de Juan Negrín están depositados na Fundación Juan Negrín, As Palmas de Gran Canaria, cedidos pola súa neta Carmen Negrín.

Notas editar

  1. Mateos 2009, pp. 68.
  2. Mateos 2009, pp. 68-69.
  3. Mateos 2009, pp. 69-70.
  4. Mateos 2009, pp. 80.
  5. Acta 89 de la Delegación mexicana de la JARE de 05-07-1940, entre outras. Véxase Portal del Archivo Carlos Esplá Arquivado 05 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine.
  6. Sánchez Cuervo, Antolín; Hernández Toledo, Sebastián (2014). "La estancia de María Zambrano en Chile". Universum (Talca) 29 (1): 125–137. ISSN 0718-2376. doi:10.4067/S0718-23762014000100007. Consultado o 27 de maio de 2020. 
  7. "Winnipeg: 80 años de la misión de amor de Neruda". 
  8. Olaya Morales (2004: 81-18),

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar