Comarca de Valdeorras
A comarca de Valdeorras é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é O Barco de Valdeorras. A cal pertencen os concellos de O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. En total abrangue 969,2 km², caracterízase pola súa elevación, aquí está o maior cumio de Galicia, a Pena Trevinca (2127 m). O xentilicio é valdeorrés/valdeorresa.
Comarca de Valdeorras | |
---|---|
![]() | |
Provincia | Provincia de Ourense |
Área | 969,2 km² |
Poboación | 27.000 hab. (2014) |
Concellos | O Barco de Valdeorras O Bolo Carballeda de Valdeorras Larouco Petín A Rúa Rubiá A Veiga Vilamartín de Valdeorras |
Xentilicio | valdeorrés/valdeorresa |
XeografíaEditar
O río Sil conforma a comarca en tres áreas, o propio val e as serras que se sitúan ao seu norte e sur. O val do Sil contén numerosos sedimentos terciarios, nas serras do sur, Serra do Eixe, Serra Calva e Serra Segundeira atópanse as maiores altitudes de Galicia, dominando os relevos abruptos con abondosas formas periglaciais. O relevo montañoso do norte fórmano a Serra de Cereixedo, Serra dos Cabalos e Serra da Enciña da Lastra. O sistema fluvial da comarca céntrase no Sil, é o principal curso de auga e todos os outros ríos son afluentes del, os tributarios da dereita son ríos curtos, xa que os cumios están próximos ao val, destacando o río Éntoma, e o Leira, os tributarios da esquerda son máis longos, destaca entre eles o Casaio. O clima da comarca é oceánico de montaña nas áreas máis elevadas e oceánico de matiz mediterráneo no Val do Sil. Valdeorras conta con espazos protexidos, o parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o Macizo Central e o Pena Trevinca.
Concello | habitantes ano 2014 |
---|---|
O Barco de Valdeorras | 13.899 |
O Bolo | 1.013 |
Carballeda de Valdeorras | 1.697 |
Larouco | 544 |
Petín | 961 |
A Rúa | 4.634 |
Rubiá | 1.494 |
A Veiga | 965 |
Vilamartín de Valdeorras | 1.793 |
Total | 27.000 |
Censo total 2014 | 27.000 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 2.931 (10.85 %) |
Entre 15 e 64 anos | 16.780 (62.15 %) |
Maiores de 65 anos | 7.289 (27 %) |
HistoriaEditar
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2019.) |
A chegada dos romanos cambiou substancialmente o val. O principal elemento romanizador foi a construción da Vía XVIII da que quedan como mostra varias pontes na actualidade. Tras os romanos, que buscaban o ouro que había no río Sil, chegaron os suevos e os visigodos e posteriormente, a repoboación, o cristianismo e a influencia das ordes monásticas.
En 1624 púxose en marcha o mosteiro das Ermidas, que se converteu no máis importante lugar de culto da comarca. Durante a Guerra da Independencia, o val de Valdeorras asistiu a diversas escaramuzas entre as tropas francesas por unha banda e o exército inglés xunto coas tropas españolas e os guerrilleiros locais.
En 1822, esta comarca, xunto coa veciña de Trives, pertenceu á provincia do Bierzo (a provincia do Vierzo), coa que aínda pertencendo hoxe día a provincias diferentes, León e Ourense, manteñen importantes lazos económicos e de servizos. En 1833 separouse a provincia berciana en dúas; segundo o deputado leonés, Benito Lobato, “era partidario de deixar para Ourense unha parte do Bierzo con tal de manter a maior porción con León (…)”.
A finais do século XIX tivo lugar un feito decisivo para a economía e a historia humana de Valdeorras: o 1 de setembro de 1883 abriuse ao tráfico a liña férrea Palencia-A Coruña, quedando o val comunicado por ferrocarril á modernidade. Finalmente, durante boa parte do século XX o acontecemento máis notable foi a constante emigración primeiro a Cuba e América do Sur (a Arxentina, o Uruguai...) e posteriormente a Alemaña, Francia e Suíza principalmente.
Galería de imaxesEditar
- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes da comarca de Valdeorras
Viño de denominación de orixe Valdeorras. Na comarca de Valdeorras, e en concreto nas ribeiras do río Sil, o cultivo da vide é unha das principais actividades económicas.
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Docampo Paradelo, Gustavo e Picouto, Millán (1992). O Barco e a terra de Valdeorras. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-87674-23-5.
Outros artigosEditar
Este artigo sobre comarcas de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |