Serra da Enciña da Lastra

parque natural en Rubiá

Serra da Enciña da Lastra
Marco Legal
Figura de Protección: Parque natural, ZEC
Ano de constitución: 2002
Superficie: 3151,67 ha
Lexislación:
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Provincia de Ourense
Concellos: Rubiá
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é unha paraxe protexida que comprende a contorna da serra da Enciña da Lastra, unha das serras orientais de Galiza. Está situado na zona nordés da provincia de Ourense, no concello de Rubiá, comarca de Valdeorras, xusto no límite coa comarca do Bierzo. Foi declarado parque natural no ano 2002. Ten unha extensión de 3151,67 ha e unha altitude media de 684 m.

O parque abrangue a serra e un val calcario de pendentes pronunciadas e cantís entre os que destacan a pena Falcoeira, o val do Inferno ou os penedos de Oulego. O río Sil discorre durante uns catro quilómetros polo extremo oriental do parque, remansado nese tramo polo encoro de Penarrubia. O outro curso de auga permanente é o río Galir, alén da existencia doutros regatos estacionais.[1]

Os puntos de máxima altitude da serra son O Piornal, con 1529 metros sobre o nivel do mar e a pena Tara, con 1089 metros, nos penedos de Oulego.

Área de especial interese faunístico e florístico polo seu carácter limítrofe entre a rexión mediterránea e a eurosiberiana, o parque abrangue a mellor representación de vexetación mediterránea en Galicia, con números endemismos de ámbito reducido. Posúe tamén destacadas poboacións de aves rapaces, entre as que destaca a presenza do voitre branco, aguia real e falcón peregrino. A menor dureza do solo calizo propiciou a formación de abundantes covas —que aquí se denominan palas— que acubillan importantes colonias de morcegos, das máis importantes de Galicia. Outro punto de interese radica na presenza de pasteiros mediterráneos característicos de zonas rochosas de montaña.

Clima editar

O parque natural atópase nunha zona climática de transición entre os dominios oceánico de montaña e oceánico-mediterráneo, cunha precipitación media anual de 594 mm e unha temperatura media de 12,9 °C. Segundo estudos levados a cabo pola Xunta de Galicia o parque presenta o clima máis seco de Galicia, de tipo mediterráneo tépedo.[2]

Xeoloxía editar

 
Os Penoucos da serra da Lastra.

Os terreos de natureza calcaria, moi restrinxidos a nivel galego, atópanse principalmente na serra da da Enciña da Lastra onde forman unha unidade coas áreas veciñas do Bierzo, que se inclúe xeograficamente na zona xeolóxica ástur-occidental leonesa. Trátase do dominio da denominada calcaria da Aquiana, de tipo marmóreo e natureza recifal, estratificación pouco marcada e en ocasións totalmente dolomitizada.(ref) Debido á súa natureza, estas calcarias presentan restos fósiles de briozoos e outros organismos do período ordovícico, testemuñas dunha época en que esta zona se encontraba somerxida baixo o mar. A área é altamente singular no ámbito galego, desde os puntos de vista xeomorfolóxico, ecolóxico e paisaxístico, polo gran desenvolvemento, extensión e pendente que alcanzan os cortados calcarios, que chegan a superar os 200 m de altura e teñen a súa mellor representación no estreito do Covas, na pena Falcoeira e nos penedos de Oulego. Así mesmo, aquí atópase o mellor exemplo de morfoloxía cárstica de Galicia, albergando a maior rede de covas e simas da Comunidade Autónoma, entre as que destacan as existentes nas inmediacións de Covas e Biobra, non afectadas polo encoro. Por outra parte, a parte inferior das vertentes da serra está constituída por lousas e cuarcitas. A este nivel, son elementos xeomorfolóxicos relevantes os conos de dexección e os depósitos detríticos de lousas, cuarcitas e calcarias, presentes en Covas e no seu contorno. A elevada singularidade do espazo natural foi tida en conta polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España ao incluír parte da área no Punto de Interese Xeolóxico "Minas de Pintura" (PIG OR-3), que, ademais dun depósito presilúrico de limonita situado en Pardollán, de elevado interese estratigráfico, inclúe o estreito de Covas e o macizo calcario de Penarrubia.

Flora e fauna editar

No parque natural áchanse unha ampla variedade de especies animais e vexetais raras, ameazadas e de distribución marxinal ou moi restrinxida en territorio galego. A situación xeral da serra da Enciña da Lastra atópase bioxeograficamente na rexión mediterránea, limitando coa rexión eurosiberiana (rexión na que se encadra a meirande parte de Galicia), e adscríbese cronoloxicamente ao subsector berciano do sector ourensán-sanabrés, pertencente á provincia carpetano-ibérico-leonesa. Os fondos do val correspóndense co piso mesomediterráneo, caracterizado pola presenza de bosques de esclerófilos, como as aciñeirais, cuxos elementos se entremesturan cos do piso supramediterráneo nos cumios da serra nos que priman os bosques de coníferas ou de especies marcescentes, como as quercíneas (aciñeiraQuercus ilex—, acivroIlex aquifolium— e sobreiraQuercus suber).

Flora editar

O parque natural abarca a mellor representación de vexetación mediterránea en Galicia e nel describíronse un total de 16 asociacións ou comunidades vexetais naturais e seminaturais, entre as que se contan bosques mediterráneos calcícolas, espiñeirais, salgueirais, tomiñeiras, vexetación de paredóns calcarios e diversos tipos de pasteiros. A riqueza florística é elevadísima, coñecéndose a existencia de máis de 450 taxons de flora vascular, dos que 62 teñen nesta área calcaria as súas únicas poboacións en Galicia, mentres que outros 55 taxons, tamén calcícolas ou parcialmente calcícolas, aparecen noutros puntos da xeografía galega, aínda que en parte restrinxidos a este e outros afloramentos calcarios. Polo menos 40 taxons son endémicos da Península Ibérica e seis sono de Galicia. Como mínimo, considérase que 26 destes taxons son raros ou encóntranse ameazados en Galicia.

   
Petrocoptis grandiflora (esquerda) e Armeria rothmaleri (dereita) endemismos restrinxidos ao ámbito do parque natural

De moi especial significación son as comunidades ligadas a rochedos calcarios, e en particular a asociación de caméfitos propia de paredóns verticais, nas que a cantidade de endemismos, algúns de distribución moi reducida, é moi alta, incluíndo a Campanula adsurgens, Crepis albida subsp. asturica, Festuca burnatii, Leontodon farinosus, Petrocoptis grandiflora. Tamén relacionados con solos calcarios, posúen igualmente unha gran relevancia as tomiñeiras de Thymus zygis, propias do subsector berciano e únicas en Galicia, así como diferentes tipos de pasteiros calcícolas mediterráneos e orocantábricos, presentes na parroquia de Oulego, Rubiá. Estas comunidades son o hábitat de Armeria rothmaleri e Dianthus merinoi, tamén endémicas de ámbito reducido.

 
Exemplar de castiñeiro nun souto do parque

Entre a vexetación arbórea e arbustiva predominan os aciñeirais de carácter calcícola, que recobren máis dunha terceira parte do espazo natural e son os máis extensos de Galicia. Están caracterizados pola aciñeira. E o érbedo acompañados por arbustos mediterráneos como Genista hystrix, o aderno de folla estreita (Phillyrea angustifolia) ou o escornacabras (Pistacia terebinthus), e, dependendo da altura, da profundidade dos solos e da orientación, pola sobreira, a abeleira, e o cancereixo, e en cuxos claros aparecen a lavanda e diferentes especies de xaras. Tamén característicos da zona son os espiñeirais que aparecen nas orlas dos aciñeirais, integrados por numerosos arbustos espiñosos e plantas rubideiras, na súa maior parte produtores de froitos carnosos, entre os que cabe significar diferentes especies de cerdeiras, abruñeiros, escornacabras, estripeiros, roseiras bravas e silvas.

Presentan tamén un grande interese os salgueirais riparios, que, a pesar de se atoparen limitados pola influencia do encoro de Penarrubia, se corresponden cunha asociación propia do tramo do Sil a cabalo das provincias de provincia de Ourense e provincia de León, na que se dá unha gran variedade de salgueiros, acompañados polo lodoeiro, o freixo e o ameneiro. Pola súa parte, os vellos soutos de castiñeiros contan cunha notable extensión e están ben implantados nos arredores de aldeas, como en Oulego, Covas, Biobra ou Pardollán, conservando exemplares centenarios.

Fauna editar

 
O voitre branco ten no parque o seu único punto regular de nidificación en Galicia

A existencia de grandes cortados calcarios, a abundancia de froitos carnosos en espiñeirais, os ambientes agropecuarios ben integrados e, en suma, a elevada diversidade de hábitats nunha área de transición bioclimática son determinantes da existencia da comunidade de aves nidificantes máis rica e senlleira de Galicia, con máis de 100 especies, unha excelente representación de avifauna rupícola e mediterránea no ámbito galego e unha rica comunidade de aves rapaces. Entre as derradeiras sobresae a presenza de polo menos 21 especies, incluíndo entre as nidificantes (12 especies diúrnas e 6 nocturnas) o voitre branco (Neophron percnopterus) (unha das 2 únicas parellas que crían en Galicia de xeito regular (2007, 2008, 2009)[3]), a aguia real (Aquila chrysaetos) (1 parella[4]), a aguia albela (Circaetus gallicus) (2-3 parellas), a aguia calzada (Hieraaetus pennatus) (2-3 parellas), o falcón peregrino (Falco peregrinus) (3 parellas), e o bufo real (Bufo bufo) (1 parella). Tamén se rexistrou a presenza da aguia perdigueira (Hieraaetus fasciatus), moi rara en Galicia. Ademais, entre a avifauna rupícola reprodutora están a pomba das rochas (Columba livia) (maior poboación galega), o andoriñón real (Apus melba) (13 parellas e única poboación no interior de Galicia), a andoriña dos penedos (Ptyonoprogne rupestris), a andoriña dáurica (Hirundo daurica), o merlo rubio (Monticola saxatilis), e o azul (Monticola solitarius), o corvo (Corvus corax), a gralla pequena (Corvus monedula), e a choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax) (10-15 parellas e poboación non reprodutora de máis de 100-150 exemplares, un dos mellores puntos de Galicia), notándose tamén neste mesmo medio a presenza invernal dos pouco comúns azulenta alpina (Prunella collaris), e gabeador vermello (Tichodroma muraria). Hai unha variada mestura de avifauna eurosiberiana e mediterránea, ligada a aciñeirais, soutos, espiñeirais e matogueiras, con numerosas especies de distribución bioxeográfica marxinal, moi localizada ou mesmo única na Comunidade Autónoma, como o picanzo cabecirrubio (Lanius senator), o papamoscas cincento (Muscicapa striata), o rabirrubio de testa branca (Phoenicurus phoenicurus), a papuxa carrasqueira (Sylvia cantillans), a papuxa real (Sylvia hortensis), o pardal das rochas (Petronia petronia), ou o bicogroso (Coccothraustes coccothraustes). Hai un pequeno continxente de aves acuáticas no encoro de Penarrubia, entre as que cabe mencionar, como invernantes, o mergullón cristado (Podiceps cristatus), e o pato cristado (Aythya fuligula).

A lista de mamíferos do parque ourensán é das máis completas de Galicia, estando confirmada a presenza de 39 especies, aínda que se podería chegar ás 50 cunha prospección máis detallada, segundo se desprende do próximo da área de distribución e dos requirimentos de hábitat dalgúns posibles compoñentes. É ben coñecida e do máximo interese a riqueza da comunidade de quirópteros, dos que están presentes polo menos 9 especies, incluíndo algunhas raras e de distribución marxinal en Galicia, como o morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale), o morcego das ribeiras (Myotis daubentonii), o morcego das covas (Miniopterus schreibersii) (con importante poboación a nivel estatal), ou o morcego rabudo (Tadarida teniotis). Tamén é destacable a variedade e abundancia de carnívoros, entre os que cabe citar o gato bravo (Felis sylvestris), a lontra (Lutra lutra), o armiño (Mustela erminea), o teixugo (Meles meles), o tourón (Mustela putorius), e a garduña (Martes foina). Menos frecuente é o lobo (Canis lupus), que parece presentarse ocasionalmente na zona. O oso pardo (Ursus arctos), existente polo menos ata o século XIX, visitou novamente estas serras nos últimos anos nalgunhas ocasións. Os grandes herbívoros do parque son o corzo (Capreolus capreolus), e o xabaril (Sus scrofa), que acadan boas densidades e ocupan sobre todo os aciñeirais.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Serra da Enciña da Lastra na web de Parques Naturais da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Xunta de Galicia), consultada o 27 de maio de 2014
  2. "La Serra da Lastra tiene el clima más seco de Galicia, con 12 grados de media". La Región (en castelán). 2009-08-27. Consultado o 2020-04-17. 
  3. http://www.seo.org/media/docs/31alimo.pdf Arquivado 17 de novembro de 2011 en Wayback Machine. El alimoche común en España acceso 02/01/2012
  4. http://www.seo.org/media/fotos/32_Aguilareal.pdf Arquivado 17 de novembro de 2011 en Wayback Machine. El águila real en España acceso 02/01/2012

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • As montañas de Galiza. A Nosa Terra, 2006. ISBN 84-8341-126-1
  • Alejandro Parrón Franco, Ordenación cinegética del parque natural "Serra da Enciña da Lastra", 2011.
  • Javier Amigo Vázquez, Joaquín Giménez de Azcárate Moreno, Íñigo Pulgar Sañudo, Guía de la flora del Parque Natural "Serra da Enciña da Lastra", Consellería de Medio Ambiente, 2005, 95 p.

Ligazóns externas editar