Un fanzine é unha publicación afeccionada, xeralmente realizada de forma colectiva sobre un tema especializado, sen unha periodicidade estable e sen ánimo de lucro. Adoita ter como obxectivo dar a coñecer os seus autores e compartir os seus intereses, que poden abranguer temáticas moi variadas, xa sexan centradas nun só aspecto (música, banda deseñada...) ou cun carácter máis xeral.

O termo foi acuñado no ámbito anglófono durante a primeira metade do século XX e é un acrónimo do inglés fanatic magazine ("revista fanática").[1]

Características

editar

Estas publicacións adoitan ser gratuítas, renunciando todas as persoas involucradas na súa creación a percibiren algunha retribución económica. Adoitan ser distribuídas sen custo algún ou ben cargando os custos de envío ou unha cantidade nominal para cubrir custos. Tamén é habitual o intercambio deste tipo de material entre as comunidades de fans. Porén, algúns fanzines chegaron a profesionalizarse ata certo punto, sendo difícil saber se continúan a encaixar dentro da definición deste termo.

Polos seus contidos máis habituais e relacionados con este medio, así como pola súa linguaxe propia rompedora e experimental, os fanzines asócianse normalmente á "cultura xuvenil", se ben a amplitude conceptual destes fan que tamén haxa espazo neles para estudos máis "serios", ou mesmo de carácter erudito. Os fanzines tamén se acostuman relacionar polo seu carácter marcadamente underground cos movementos contraculturais dos anos 60 e 70 do século XX en diante (especialmente na Francia de 1968).

Os seus contidos abranguen as máis variadas temáticas. Entre elas pódense incluír a banda deseñada, música, ficción científica, política, poesía, colaxe, artes plásticas, feminismo, vexetarianismo, veganismo, cinema ou videoxogos.

Nos últimos anos, co desenvolvemento de novas tecnoloxías da comunicación apareceu unha variante do fanzine: o webzine (ou e-zine). Trátase dun fanzine non editado en papel, senón distribuído a través de Internet.

Fanzine galego

editar

Considérase como primeiro fanzine galego a publicación Xofre. Historieta galega[2], autoeditado en 1979 por Miguelanxo Prado, Fran Jaraba e Xan López Domínguez, coincidindo co Día das Letras Galegas. Na publicación, ligada á banda deseñada e da que se tiraron 1500 exemplares con portada a dúas cores e tamaño A5, colaboraron Ricardo Lázaro e Suso de Toro (co pseudónimo de Alvarito).[1]

De 1981 é Xatrude, editado pola Aula de cultura do Casino-Ateneo de Monforte de Lemos[3] e dirixido por Antón Rodríguez López[4]. Cara a 1980 apareceron Kinkaya Fina en Marín, da man de Miguel Villanueva Graña[5], Rosalinda en Santiago de Compostela, editada por Javier Valle-Inclán Alsina[6], Castrellis en Vigo, e La Barandilla na Coruña, coordinada por Mercedes Modroño e Herminio Otero, como órgano de expresión do grupo poético do mesmo nome.

Xa en 1982 apareceu en Ferrol El patito feo[7], editado por Eduardo Galán, Antonio Ánxel Cubero, Xan López Domínguez e Francisco Oti. Publicáronse seis números, e nel apareceu a primeira historieta pornográfica da banda deseñada galega, In vita e in morte de madona Laura, de Eduardo Galán[8]. Tamén en 1982 apareceron Lado Salvaje na Coruña, Valiumdiez en Vigo e Diplodocus en Santiago de Compostela. En 1983 apareceu en Carballo A Ameixa Cacofónica, en Lugo Atlántico Express, e en 1984 Tintiman en Vigo e La Naval na Coruña.[9]

  1. 1,0 1,1 Vilavedra (2004), p. 110
  2. Xofre. Historieta galega, ficha en Cultura Galega.
  3. Cal Martínez, R. (1987). La prensa alternativa en la zona no urbana de Galicia (1975-1984) (PDF). Universidad Complutense de Madrid. 
  4. González Fernández, B. (1993). "Poetas lucenses vivos do século XX". Lvcensia (7): 22. 
  5. "Miguel Villanueva presenta “La estructura atómica de la materia” en el Museo Manuel Torres". Latamuda. 2 de febreiro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2021. Consultado o 21 de marzo de 2021. 
  6. Íñiguez, M. (2008). Enciclopedia histórica del anarquismo español. Vitoria. ISBN 978-84-612-4219-1. 
  7. Galán Blanco, E. (1993). "A historieta". Informe da Comunicación en Galicia (PDF). Consello da Cultura Galega. 
  8. "Eduardo Galán Blanco". Tebeosfera. 
  9. Campos Calvo-Sotelo (2004), p. 347

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar