Banda deseñada

serie de debuxos que constitúen unha historia

Un cómic ou historieta é unha forma de arte visual que forma unha historia secuenciada espacialmente por medio de viñetas ilustradas. Coñécese por tira cómica a historieta breve dunha única liña horizontal que se publica en xornais e revistas [1] e só constitúe banda deseñada cando ademais de debuxos conta con texto[2] integrado nas viñetas[3]. Un sistema de comunicación artística similar é a novela gráfica.

Historieta Little Sammy Sneeze (1904-06) por Winsor McCay.

Profundando un pouco máis, pódese dicir que normalmente a banda deseñada (que se basea na síntese da linguaxe verbal, icónica e secuencial) é un medio principalmente narrativo, aínda que é posible encontrármonos algunhas ligadas coa descrición, ensaio ou mesmo poesía (líricas).

A banda deseñada é denominada tamén literatura de imaxe, narrativa debuxada ou arte secuencial. O papel predominante na narración é o das imaxes; as palabras están subordinadas sendo posible a súa total desaparición.

Historia editar

Diversas manifestacións da antigüidade e da idade media poden axustarse á definición de banda deseñada: pinturas murais exipcias e gregars, relevos romanos,[4] vitrais de igrexas, manuscritos iluminados con viñetas cadradas que conteñen debuxos en secuencia narrativa, como as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, códices precolombianos, Biblia pauperum, o tapiz de Bayeux[5] etc. Coa invención da imprenta (1446) producíronse xa aleluias e coa litografía (1789), iniciouse a reprodución masiva de debuxos, entre elas as imaxes de Épinal. O artista Hokusai é un antecedente da banda deseñada xaponesa.

 

Os teóricos da banda deseñada debaten se o tapiz de Bayeux é un precursor da banda deseñada.

Na primeira metade do século XIX, destacan pioneiros como Rodolphe Töpffer, mais será na prensa como primeiro medio de comunicación de masas, onde máis evolucionou a banda deseñada, primeiro en Europa e despois nos Estados Unidos. Neste país implantouse definitivamente o globo de diálogo, grazas a series maioritariamente cómicas e de grafismo caricaturesco como The Yellow Kid (1894), xeralmente considerado a primeira banda deseñada contemporánea, The Katzenjammer Kids (1897), Krazy Kat (1911) ou Bringing up father (1913). Rapidamente popularizouse esta forma nos xornais dos EEUU, aparecendo obras dunha gran calidade artística como Little Nemo in Slumberland de Windsor McCay, recoñecido por moitos como a primeira obra mestra do medio. Ata os anos 40 houbo un crecemento moi importante, pasando de ser pequenas tiras infantís, a seriais con páxinas completas a todo cor nos xornais más importantes e a aparecer revistas e libros. Aínda que en principio era considerado infantil ou humorística, a BD creou series como Terry and the pirates que tiñan forza e drama suficiente para saírse desa clasificación. Comezaron a triunfar as tiras de aventuras de grafismo realista, como Flash Gordon (1934) ou Prince Valiant (1937). Estas invadiron Europa a partir de 1934 con Le Journal de Mickey, aínda que con resistencias como Tintín (1929) e Le Journal de Spirou (1938), e movementos orixinais como a novela en imaxes. A partir deses anos, as tiras de prensa estadounidenses comezaron a acusar a competencia dos comic-books protagonizados por superheroes.

Trala segunda guerra mundial, as escolas arxentina, franco-belga e xaponesa adquiriron un gran desenvolvemento, grazas a figuras como Oesterheld, Franquin e Tezuka, respectivamente. Entre os anos 20 e 60 a BD como forma de contar historias estendeuse por todo o mundo. Unha gran cantidade de países comezaron a producir BD para consumo propio, nacendo series que nos seus países de orixe son consideradas clásicos: E capitán Trueno, El guerrero del antifaz ou Mortadelo e Filemón en España, Astérix en Francia, Tintín en Bélxica etc.

 
Little Nemo, de W. McCay

Denominacións editar

A expresión "banda deseñada" é un calco do francés bande dessiné, que tamén se usa no portugués. Porén, no Brasil esta denominación é practicamente descoñecida e coñécese coma história em quadrinhos.

O termo en lingua inglesa comics deriva das obras de humor ("cómicas") que predominaban nas primeiras tiras publicadas nos xornais estadounidenses; o uso do termo fíxose estándar tamén para obras non humorísticas. Moitas linguas tomaron as súas palabras para o medio do inglés, como ocorre no ruso (Комикс, transliterado komiks)[6] e no alemán (comic).[7] No castelán tamén é coñecido pola denominación de cómic, aínda que tamén é popular no castelán de España o nome tebeo, debido a unha revista de bandas deseñadas moi popular na posguerra chamada TBO. O caso do Brasil é análogo: a expansión da revista Gibi tamén levou a que se estendese o seu nome para este tipo de literatura. En italiano denomínanse fumetti ("pequenas nubes") en referencia ao globo de diálogo.[8]

O termo chinés manhua[9] e o coreano manhwa[10] derivan dos caracteres chineses con que se escribe o termo xaponés manga.[11]

Elementos editar

A imaxe editar

A unidade mínima teórica é a viñeta, recadro onde se enmarcan as imaxes. Nela temos o encadramento, a selección que se fai do espazo e a perspectiva, igualiño ca no cinema. Segundo se faga, poden aparecer diversos planos:

  • plano xeral: personaxes, local, edificio, obxectos.
  • plano enteiro: personaxes de corpo enteiro.
  • plano medio: personaxes cortados polo van.
  • primeiro plano: rostro dos personaxes
  • plano detalle: detalles do corpo humano.

Ademais, estes planos están vistos desde unha determinada altura. A isto chámaselle ángulo de visión:

  • normal: á altura dos ollos
  • picado ou vista de paxaro: visto de arriba a abaixo
  • contrapicado ou salto de ra: de abaixo a arriba.

O marco das viñetas pode ser simple, ornado, non existir marco delimitador ou mesmo que a imaxe ocupe toda unha páxina ou un fondo onde se sitúan outras viñetas.

Poden ter forma irregular, e a súa orde e forma inflúen no ritmo narrativo e na percepción tanto directa como en matices sentimentais da acción.

Recursos e convencións gráficas editar

A banda deseñada desenvolveu unha serie de efectos visuais que non existen propiamente na realidade ou noutras artes e que a súa interpretación ven da intuición ou da sociedade:

Liñas cinéticas: indican o movemento dos personaxes, o dinamismo. Hainas de moitos tipos, desde liñas simples que indican a traxectoria do movemento ata grandes masas de liñas paralelas que indican que un fondo estase a mover.

Metáforas visuais: debuxos ou signos abstractos que suxiren unha acción ou estado de ánimo. Varían levemente duns estilos a outros e tamén dependen do mercado de orixe da BD en cuestión. Por exemplo: as estrelas ao redor dunha cabeza poden indicar mareo.

O texto editar

Os textos poden ser:

  • Globos de diálogos: onde aparecen as voces dos personaxes.
  • Globos de pensamentos: espazos para expresións e pensamentos dos personaxes.
  • Textos de apoio: fóra dos globos ou inseridos entre as viñetas. Reforzan o papel do narrador.
  • Onomatopeas: palabras que representan ruídos e acostuman estar fóra dos globos, mais introducidas nas viñetas.

Estilos ao redor do mundo editar

As tradicións europeas, estadounidenses e xaponesas das bandas deseñadas seguiron camiños diferentes.[12] Os europeos consideran que a súa tradición comeza co suízo Rodolphe Töpffer en 1827 e os estadounidenses ven o inicio na tira de Richard F. Outcault The Yellow Kid (1890), aínda que moitos tamén recoñecen o precedente de Töpffer.[13] Xapón ten unha longa historia de bandas deseñadas ata a segunda guerra mundial. O artista ukiyo-e Hokusai popularizou o termo manga para as bandas deseñadas a principios do século XIX.[14] Estes son os tres mercados que teñen predominancia tanto na aplicación de formatos de publicación como nos estilos.

Escola estadounidense editar

 
Portada de The Flame, por Will Eisner.

O mercado anglosaxón está formado polos países de fala inglesa e que ten nos EEUU como o principal produtor. É un mercado que amosa predilección polas series de superheroes e de ciencia ficción. Despois dunha época (ata os anos 70-80) na que as tiras nos periódicos foron formato habitual e máis respectado, na actualidade os formatos habituais son o comic book (revista grampada dunhas 24-32 páxinas habitualmente, aínda que hai moitos exemplos de maior cantidade e que é especialmente utilizado para os superheroes), a novela gráfica (que é a adaptación do modelo de álbum europeo e que é habitualmente utilizado para obras independentes), a revista (máis común no Reino Unido, con exemplos como 2000 A.D.). Desde hai algúns anos os países iberoamericanos teñen unha forte dependencia deste mercado e son satélites del. Como autores máis coñecidos están Will Eisner, Jack Kirby, Neal Adamas, Milton Caniff ou Jim Lee.

Escola europea editar

Francia-Bélxica editar

O mercado franco-belga, tamén coñecido como europeo, xa que estes dous países, que comparten as editoriais e o mercado, son a cabeza da banda deseñada europea a nivel comercial. Exceptuando algún país como Italia (que ten tamén un bo mercado e produción propia estilisticamente recoñecible) os principais autores de BD europea traballan para editoriais franco-belgas. España, Alemaña e outros países xiran estilisticamente arredor de Francia, e aínda que debido á sensibilidade e os movementos propios de cada país hai variacións estilísticas, a banda deseñada europea ten un estilo narrativo e visual común. Aínda que os temas preferentes son a ciencia ficción e as aventuras, a banda deseñada europea mostra unha variedade de xéneros e un aprecio polas obras independentes e de autor moito maior que o mercado anglosaxón. Os formatos habituais son o álbum (libro en aproximadamente A4 de entre 48 e 96 páxinas) e a revista de prepublicación (chamada así porque as series saían por entregas nunha revista antes de ser publicadas en álbum, e que durante moitos anos foi o principal formato e está agora en clara decadencia), aínda que están cada vez máis presentes formatos imitados doutros países, como o comic book, o tomo recompilatorio xaponés (tankōbon) e dende hai pouco o modelo de revista de prepublicación xaponesa ou zashi. O mercado europeo ten tamén como calidade o feito de ser moi aberto a cómics de diferente orixe e non só á produción propia. Autores europeos importantes: Franquin, Jean Giraud, tamén coñecido como Moebius, Miguelanxo Prado, Hugo Pratt, Hergé ou Enrico Marini.

España editar

España tivo un mercado moi estendido nos anos 40 e 60, con series como Capitán Trueno ou Zipi Zape. Non obstante, coa chegada da televisión o mercado comezou a decrecer e debido á ditadura, a época de transición á banda deseñada adulta e experimental, que en Francia, Italia, Xapón e Arxentina chegara nos anos 60 e 70 non chegou ata os anos 80, nos que despois dun gran crecemento da produción o mercado colapsou e case desapareceu a produción nacional. Na actualidade a grande maioría dos produtos son traducións de obras estranxeiras e os autores nacionais traballan habitualmente para editoriais francesas, italianas e norteamericanas.

Galiza editar

Nos últimos anos a banda deseñada galega goza de boa saúde acaparando grande aceptación tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras.[15] Son moitos os autores e colectivos que teñen participado en certames internacionais chegando mesmo a seren premiados en varias ocasións (Salò Internacional del Cómic de Barcelona, Festival de Banda Deseñada de Angoulême etc.).

Neste eido destaca a figura de Miguelanxo Prado sendo un dos primeiros en destacar xa nos anos 80 participando na fundación da revista galega Xofre e en múltiplas revistas españolas do underground. Nos 90 con obras como Trazo de xiz obtivo diversos premios, como o Alph-Art ao mellor álbum estranxeiro do Festival de Angulema. Prado é o autor galego máis recoñecido, tendo colaborado nas revistas de maior difusión do estado dos últimos corenta anos, como Creepy, Comix Internacional, 1984, Zona 84, El Jueves (onde tamén colaborou o historietista galego Das Pastoras), Cairo e Cimoc, e traballou con artistas internacionais como Steven Spielberg e Neil Gaiman.

A década dos 1990s terá grande importancia na difusión da banda deseñada no país a denominada explosión manga, avivada polo éxito entre o público infantil e xuvenil de diversas series de animación xaponesas baseadas en BD. Así na TVG comezaríanse a emitir series coma o Dr Slump ou As bolas máxicas que axiña acadaron unha grande popularidade que non deixaría de medrar ata a aparición do programa Xabarín Club dentro do cal, alén de emitir series baseadas en manga se emitiron filmes baseados en Astérix, a serie do Corto Maltés, se produciron animacións propias como Os Vixilantes do Camiño, ou mesmo había un espazo dedicado especificamente á banda deseñada co Dr.TNT e Silvia Superestar. Tamén comezan a destacar neste final de século a realización de diferentes xornadas e salóns de exposicións dedicados á BD en diferentes vilas e cidades galegas, entre os cales se podería destacar o Viñetas desde o Atlántico que se celebra tódolos anos na Coruña durante o verán.

Xa a finais dos 90 e no comezo do século XXI comezarían a ter importancia en Galiza o desenvolvemento de revistas dedicadas ao cómic. En 1999 nace Golfiño a cal, en dúas etapas diferentes, durou ata 2004 e na cal participaron case todos os autores galegos do momento. Pouco despois, en 2001, naceu a revista BD Banda en torno á cal se irá xestando un colectivo homónimo dedicado activamente á difusión e promoción da novena arte en Galiza. En 2003 o Colectivo Chapapote publicou o tebeo colectivo H2Oil, no que participaron máis dun cento e artistas galegos e de todo o mundo, entre eles David Rubín, Miguel Porto, Miguel Alonso, Jano, Rafael Losada, Alberto Vázquez, Hugo Covelo e moitos outros. Tamén en 2003 naceu o fanzine Barsowia cunha orientación estética máis alternativa e que é editado polo colectivo Polaqia. Entre os autores a destacar estarían José Domingo, Rubín, Kiko da Silva, Jacobo Fernández Serrano, Alberto Guitián, Emma Ríos, Victor Rivas, Leandro, Tirso Cons, Javi Montes, Manel Cráneo, Pepe Carreiro (Os Bolechas) etc. Outras revistas de BD galega editadas neste século son a revista Oink!, vinculada ao Xabarín, a Revista Retranca e a Viñeta de Schrödinger. Ademais a maioría de xornais e outras publicacións xornalísticas galegas contan con ilustradores e humoristas gráficos que conteñen viñetas en galego diarias desde hai décadas, como Quesada e Gogue (en Faro de Vigo), Xosé Lois (O Carrabouxo en La Región ou A Nosa Terra), Siro, Nachortas, Xaquín Marín, Davila (O bicheiro) etc.

A escola profesional de banda deseñada e ilustración O garaxe hermético foi fundada en Pontevedra no ano 2012 e conta entre os seus profesores a Kiko da Silva e Miguelanxo Prado. Ademais dos cursos anuais e as clases maxistrais, a escola convoca un premio anual que inclúe a publicación da obra pola Editorial Xerais.

Italia editar

Italia tivo un mercado moi forte en Europa, con fortes editoriais e series moi populares ligadas aos fumetti (banda deseñada en italiano). O estilo propio dos autores italianos, dentro de Europa, ten unha certa independencia. Nos últimos anos, as similitudes co mercado francés son maiores e moitos dos autores consagrados da BD italiana traballan para editoriais francesas. Un autor recoñecido é Milo Manara.

Iugoslavia editar

Iugoslavia tivo unha época dourada nos anos 30 no que á produción de BD se refire. Houbo unha gran xeración de autores que, atentos á produción que viña dos EEUU produciu series moi populares. Despois da guerra o goberno comunista prohibiu gran cantidade de BD, pero despois dos anos 60, a diferenza doutros países comunistas, Iugoslavia permitiu a entrada de cómics doutros países. Isto permitiu que coa influencia e coñecemento de obras internacionais xurdira unha nova xeración de prata e unha serie de autores que estaban dentro da innovación da BD en Europa. Despois da guerra dos Balcáns moitos dos seus autores exiliáronse a Francia e EEUU. Nos últimos anos xurdiron novas revistas e o mercado está a crecer.

Xapón editar

Artigo principal: Manga.

O mercado xaponés é o mellor implantado no seu país de orixe, cunha implantación social sorprendente desde o punto de vista occidental. A súa estética mestura en orixe a arte tradicional xaponesa (visible nos ukiyo-e) e a estética propia da banda deseñada e animación occidental, dando como produto unha estética propia moi característica. Produce unha cantidade e variedade de series inmensa.

 
Rakuten Kitazawa creou a primeira banda deseñada moderna do Xapón, en 1902)

Na actualidade, a súa influencia déixase notar nos mercados de Corea e China, onde xurdiron produtos autóctonos cunha estética moi semellante e con formatos na maioría das ocasións idénticos. Os seus formatos son o zashi ou revista de prepublicación, habitualmente en papel moi barato e con moitas series e o tankōbon ou tomo recompilatorio, de menor tamaño. Autores recoñecidos son: Osamu Tezuka, Katsuhiro Otomo, Akira Toriyama, Jiro Taniguchi, Go Nagai, CLAMP.

Outros mercados editar

Aínda que na actualidade o mundo da BD depende destes tres vértices, estilisticamente e historicamente hai outros:

Arxentina editar

Durante os anos corenta, antes da a aparición da televisión, Arxentina tivo un crecemento moi importante na produción de Bd. Houbo unha gran cantidade de revistas, de diferentes xéneros e apareceron diferentes xeracións de debuxantes de gran recoñecemento internacional. Alberto Breccia, coñecido como un dos máis importantes debuxantes da historia e gran experimentador gráfico, Hugo Pratt, que aínda que era italiano formou o seu estilo na Arxentina, Francisco Solano López, que xunto co guionista Héctor Germán Oesterheld (considerado un dos mellores guionistas de banda deseñada do mundo) creou en 1957 a obra mestra El Eternauta. Esta historia, situada en Bos Aires é o primeiro antecedente da «banda deseñada de autor», desenvolta despois en Europa. As diferentes crises económicas fixeron moito dano ao mercado e á viabilidade económica deste e a ditadura militar asasinou ou obrigou a exiliarse a unha gran cantidade de autores, deixando un mercado que é unha sombra do que foi e que depende cada vez máis do mainstream dos EUA. Outros autores son Horacio Altuna e Quino, creador de Mafalda.

China editar

O cómic chinés, quedou dividido na produción que facía a propia China (cunha produción estatalizada e illada dos produtos doutros países) e a que se facía en Hong Kong e Taiwán, máis libres e fortemente influenciadas por outros países. En Hong Kong e Taiwán tiveron unha forte influencia dos modelos anglosaxóns de BD ata os anos sesenta, nos que os debuxos animados e as BD do Xapón comezaron a ser traducidos e distribuídos alí. Outra influencia temática foron os filmes de artes marciais dos anos 60 e 70. Unha das series que marcou a estética do cómic chinés foi "Chinese Heroe" nos anos oitenta. A estética habitual da Bd chinesa actual é semellante á xaponesa, pero ten preferencia por un maior detalle e realismo e polo uso da cor (o manga xaponés é case sempre en branco e negro).

Corea editar

O manhwa ou cómic coreano, que na actualidade está moi fortemente influenciado pola produción xaponesa (ata o punto de que as BD coreanas habitualmente confúndense coas xaponesas).

Xéneros editar

Un xénero narrativo é un modelo ou tradición de estruturación formal e temática que se ofrece ao autor como esquema previo á creación de bandas deseñadas, ademais de servir para a clasificación, distribución e venda das mesmas. Todo xénero clasifícase segundo os elementos comúns das bandas deseñadas que abrangue, orixinariamente segundo os seus aspectos formais (grafismo, estilo ou ton e, sobre todo, o sentimento que busquen provocar no lector), e temáticos (ambientación, situacións, personaxes características etc), de tal xeito que «as características de guión, planificación, iluminación e tratamento»[16] dunha banda deseñada variarán segundo o xénero ao que pertenza. Alternativamente, os xéneros do cómic defínense polo formato de publicación. Como explica Daniele Barbieri, «a división por xéneros é distinta e independente da división por linguaxes», de tal forma que

independentemente da linguaxe en que estean contadas (literatura, cinema, teatro, banda deseñada ou calquera outro marco), a maior parte das historias policíacas, por exemplo, teñen máis características en común entre si que, poñamos por caso, coas fábulas de animais; e estas últimas, á súa vez, teñen entre si moitas máis características en común.[17]

Actualmente non existe un consenso en canto ao número de xéneros, xa que as diversas clasificacións non derivan tanto da retórica clásica, coa súa división en lírico, épico e dramático, como da novela popular e o cinema, que se caracterizan pola escasa complexidade da súa regulación. Con todo, existen algúns xéneros bastante definidos e con moita tradició,[16] como os que se distinguen en monografías como Gente del cómic e Mangavisión:

Tamén se poden considerar as bandas deseñadas de vangarda, underground e alternativas, as expresionistas e as de non ficción (biografía, crónica e reportaxe, ensaio...)

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tira.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para banda.
  3. Vilavedra, Dolores (2004). Dicionario da literatura galega IV. Galaxia. p. 39. 
  4. Gabilliet 2010, p. xiv.
  5. Gabilliet 2010, p. xiv; Beaty 2012, p. 61; Grove 2010, pp. 16, 21, 59.
  6. Alaniz 2010, p. 7.
  7. Frahm 2003.
  8. Escudero, Vicente en Breve historia de los cómics. Capítulo 1: La era de los pioneros y la formación de un arte para Totem n.º 7, Editorial Nueva Frontera, S. A., Madrid, 1978, pp 4 a 5.
  9. Wong 2002, p. 11; Cooper-Chen 2010, p. 177.
  10. Johnson-Woods 2010, p. 301.
  11. Cooper-Chen 2010, p. 177; Thompson 2007, p. xiii.
  12. Couch 2000.
  13. Gabilliet 2010, p. xiv; Beerbohm 2003; Sabin 2005, p. 186; Rowland 1990, p. 13.
  14. Petersen 2010, p. 41; Power 2009, p. 24; Gravett 2004, p. 9.
  15. Beares, Octavio (2021). A historia do cómic en Galicia. Galaxia. ISBN 978-84-9151-758-0. 
  16. 16,0 16,1 Tubau, Iván en Curso de dibujante de historietas, CEAC, Barcelona, 1975, vol. 6, p. 22.
  17. Barbieri, Daniele en Los lenguajes del cómic, Colección Instrumentos Paidós, Ediciones Paidós Ibérica, S. A., Barcelona, 1998, p. 204.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar