Ilustración (deseño gráfico)

representación gráfica ligada a un texto
Para outros usos véxase Ilustración (homónimos).

Denomínase ilustración (do latín illustrātio, -ōnis, 'iluminación') á representación iconográfica de contidos diversos que frecuentemente realzan, acompañan, completan ou contribúen á mellor comprensión dun texto, ou simplemente que o adorna.

Ilustración do Codex Vidobonensis (1550).

Dentro dunha concepción contemporánea, o termo adscríbese a aquelas imaxes producidas con técnicas artísticas tradicionais que, desde o perfeccionamento das técnicas de impresión de finais do século XVIII, como a litografía e o gravado litográfico, permitiron unha maior facilidade e perfeccionamento para a súa difusión masiva. Hoxe en día a ilustración é un dos elementos máis importantes do deseño gráfico.

As ilustracións son comúns en xornais, revistas e libros, especialmente nos libros de arte e, especialmente, na literatura infantil e xuvenil (asumindo, non poucas veces, un papel máis importante que o do propio texto), sendo tamén utilizadas na publicidade e na propaganda. Pero existen tamén ilustracións independentes de textos, onde a propia ilustración é a información principal. Un exemplo sería un libro sen texto, non infrecuente en libros infantís ou en banda deseñada.

A ilustración editorial ten a súa orixe na miniatura, utilizada amplamente na Idade Media nos manuscritos, pero actualmente difire desta por servirse de medios mecánicos (e, máis recentemente, de medios fotomecánicos e dixitais) para a súa reprodución. Por tanto, a súa evolución e historia está intimamente ligada á imprenta e ao gravado.

A ilustración posúe unha tradición antiga, que se remonta ás primeiras formas pictóricas (como as pinturas rupestres), continuando pola invención da imprenta, a Revolución Industrial até a nosa era dixital. Actualmente esta tradición é especialmente importante para os libros de arte, os científicos, a banda deseñada e os filmes de deseños animados.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Arnhein, Rudolph: Arte y percepción visual. Alianza Editorial.
  • Bayard, Émile (1898): L'Illustration et les illustrateurs. París: Librairie Ch. Delagrave.
  • Chichoni, Oscar: Mekanika. Norma Editorial.
  • Lambert, Susan: El dibujo, técnica y utilidad. Tursen Editorial.
  • Martínez Moro, J. Serie Tesis: Ilustrar lo sublime. Universidad del País Vasco.
  • Melot, Michel (1984): L'Illustration; histoire d'un art. Genève: Éditions Skira. ISBN 2-605-00033-8

Outros artigos

editar