Ilustración científica

A ilustración científica é unha disciplina artístico-científica, un tipo de arte vinculado á ciencia que se enfoca en aproximar a través da ilustración un obxecto de estudo, comunicando información de carácter científico. Permite transmitir ao observador a análise do obxecto de interese, mostrando as súas características reais e fidedignas plasmadas en papel ou noutros formatos. Nalgúns casos está vinculada tamén á ilustración técnica, e ao debuxo técnico.

Ilustración de Haeckel das Ascidiae.
Ilustración botánica dun Lilium superbum) por Georg Dionysius Ehret (1750-3), acuarela e gouache sobre pel, no Victoria and Albert Museum (nº D.589-1886).[1]

As ilustracións necesitan ser cientificamente precisas, pero a miúdo a súa compoñente artística fai que as usen para imprimilas en libros e outros medios como ornamento, ou ser consideradas obras de interese artístico, histórico ou comercial.[2]

As súas funcións son favorecer a comunicación e divulgación, ordenando as informacións visuais que axudan a sintetizar ou conceptualizar determinada información científica.

Hoxe ademais das técnicas clásicas, os ilustradores e ilustradoras, alén do apoio fotográfico utilizan técnicas de infografía por ordenador e ilustracións e animacións en 3D.

Historia

editar

A ilustración científica foi fundamental no desenvolvemento, difusión e divulgación da Ciencia en xeral, e en particular da Astronomía, da Anatomía e a Medicina, da Paleoloxía a través da Paleoarte, da Xeoloxía e Xeografía mediante a Cartografía, da Arqueoloxía, da Botánica, etc.

No tocante á Botánica, os primeiros herbarios e farmacopeas de moitas culturas incluíron a representación gráfica das plantas. Isto estaba destinado a axudar á identificación clara das especies, xeralmente con algún propósito medicinal.

 
"Xibóns xogando", pintura de Xuande (1427)

O primeiro traballo botánico ilustrado que sobrevive é o Codex vindobonensis, unha copia do De Materia Medica de Dioscórides, sendo Nerón o emperador de Roma, e foi feita no ano 512 para Juliana Anicia, filla do antigo emperador romano occidental Olibrio[3], aínda que se poden considerar precursores da ilustración con intención naturalista as pinturas rupestres, ou as primeiras exploracións anatómicas; O historiador exipcio Manetón sinala ao emperador Djer como un anatomista, e tamén desa época eran os gregos Erasístrato, Herófilo e Galeno, que inspiraron ilustracións medievais baseadas nos seus traballos. Ademais, os debuxos naturalistas dos antigos exipcios eran tan precisos que permiten recoñecer especies de aves que hoxe non teñen o mesmo hábitat.

Durante a Idade Media, logo dun período de desconexión cos coñecementos do mundo antigo, os avances tecnolóxicos e a evolución do pensamento científico do mundo oriental, que recollera aquel saber clásico, do mundo bizantino herdeiro do saber latino, e mesmo do extremo Oriente, foron decisivos na construción da ciencia moderna. En Europa, o pensamento de Santo Agostiño foi fundamental ao orientar a visión do home medieval sobre a relación entre a fe cristiá e o estudo da natureza. Agostiño afirmaba que a interpretación das escrituras debería facerse de acordo cos coñecementos dispoñíbeis en cada época sobre o mundo natural. No século XII comezan unha serie de cambios culturais, ideolóxicos e sociais que levan a un gusto novo polas disciplinas científicas e desembocan no xurdimento da Ciencia medieval. Escolásticos como Robert Grosseteste, Roger Bacon e Alberte o Magno traerían novas tendencias para unha abordaxe empírica da natureza representando un preludio do pensamento moderno. Grosseteste ilustra os seus traballos de óptica e os códices ilustran os traballos de anatomía baseándose no contacto retomado cos textos clásicos, até que no Renacemento se recupera a disección de cadáveres, vetada no medievo. Tamén nese tempo se desenvolve a perspectiva e é un tempo decisivo na historia do debuxo técnico

 
Estudo da refracción da luz por unha lente esférica, por Robert Grosseteste, ca. 1250

Coa chegada dos europeos a América e Australia e nas sucesivas viaxes de exploración, os traballos de ilustración científica proliferaron, documentando a flora e a fauna nos seus cadernos de campo ou de navegación, nos que empregaban diferentes técnicas de ilustración tradicional utilizadas na época, especialmente tintas, acuarelas e grafito.

O problema de describir con precisión as plantas entre rexións e idiomas, antes da introdución da taxonomía, era potencialmente perigoso para as preparacións medicinais. A baixa calidade de impresión dos traballos ás veces presentaba dificultades para identificar as especies representadas.

 
Estudos de embrións (1510–1513) nos que Leonardo da Vinci recolle as súas observacións anatómicas
 
Ilustración do modelo platónico do Sistema Solar presentado por Kepler na súa obra Misterium Cosmographicum (1596).

Cando os sistemas de nomenclatura botánica comezaron a publicarse, a necesidade dun debuxo ou pintura volveuse opcional. Con todo, foi neste momento que a profesión de ilustrador científico, en particular de ilustrador botánico, comezou a xurdir como tal.

O século XVIII viu moitos avances nos procesos de impresión, e as ilustracións fixéronse máis precisas nas súas cores e pormenores. O crecente interese de botánicos afeccionados, xardineiros e historiadores da natureza proporcionou un mercado para as publicacións botánicas; As ilustracións aumentaron o atractivo e a accesibilidade destas ao lector xeral. As guías de campo, Floras, catálogos e revistas producidas desde esta época seguiron incluíndo ilustracións.

Dúas das máis prestixiosas revistas científicas, Nature e Science, naceron como Illustrated Journal e incluían numerosas ilustracións nas súas páxinas e outras específicas como Botanical Magazine, antes chamada Curtis's Botanical Magazine, que segue a publicarse como revista ilustrada (tras intervalos de pausa) desde 1787.

 
Primeira portada da revista Nature.

O desenvolvemento de placas fotográficas non deixou obsoletos os debuxos e gravuras, a pesar das melloras na reprodución de fotos en materiais impresos. A transmisión da información mediante ilustración científica sintetiza e clarifica os conceptos, eliminando e simplificando información adicional da fotografía, aínda que pode facer uso dela, de igual maneira que un plano de debuxo técnico, mecánico ou arquitectónico transmite información de maneira distinta á imaxe fotográfica.

Un ilustrador botánico pode crear un compromiso de precisión, unha imaxe idealizada de varias mostras e a inclusión da cara e o reverso das características como as follas. Ademais, os detalles das seccións pódense dar a escala ampliada e incluír ao redor das marxes da imaxe. Porén, na idade media e en épocas máis recentes os ilustradores tamén debuxaron con pretensión científica obxectos que co tempo se demostraron lendas, como as árbores de percebes e gansos do medievo (as Barnacle Trees) ou a hydra de Hamburgo, pormenorizadamente debuxada polo zoólogo Albertus Seba, incluída no seu Thesaurus, a partir dun exemplar momificado, que o tamén zoólogo e ilustrador Carl von Linné demostrou ser falsa.

 
Fauna de Australia e Nova Zelandia. Imaxe publicada na primeira edición (1876) da enciclopedia Nordisk familjebok.
 
Sepias, por Albertus Seba, publicadas no Thesaurus.
 
Silveira de amoras ilustrada no Dioscórides de Viena (século VI).

A ilustración botánica é unha característica de moitos libros notables sobre plantas, dos que hai múltiples exemplos. Recentemente produciuse un auxe na arte e ilustración científica. Numerosas universidades ofertan cursos desta disciplina, por exemplo a UNAM, a UBU, a UPV/EHU, a UNB ou a Newcastle University. Hai tamén por todo o mundo asociacións de ilustradores científicos e de artistas botánicos. Ademais da necesidade dunha ilustración científica clara, as representacións botánicas continúan sendo unha forma popular de «arte mural».[4]

Ao traballar con outros científicos, conservacionistas, horticultores e galerías locais e de todo o mundo, os ilustradores e artistas de hoxe están a ampliar os límites do que tradicionalmente se considerou parte do xénero, e unha parte importante do traballo involucra coñecementos en informática, levando a cabo proxectos de carácter interdisciplinar, multidisciplinar, pluridisciplinar ou transdisciplinar, segundo os casos.

 
Células de cortiza (arriba) de Micrographia (1665).

Galería de imaxes

editar
  1. "American Turk's cap Lily". Victoria and Albert Museum. Consultado o 12 de decembro de 2007. 
  2. Sydney Living Museums (13 de xullo de 2016). "The art in the illustration". Consultado o 29 de xullo de 2016. 
  3. "Kew Gardens website". 
  4. Antique botanical illustrations for use as home decor at Fine Rare Prints

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • De Bray, Lys (2001). The Art of Botanical Illustration: A history of classic illustrators and their achievements. Quantum Publishing, Londres.
  • Blunt, Wilfrid e Stearn, William T. (1994). The Art of Botanical Illustration. Antique Collector's Club, Londres.
  • Morris, Colleen; Louisa Murray: (2016). The Florilegium: the Royal Botanic Gardens Sydney celebrating 200 years: plants of the three gardens of the Royal Botanic Gardens and Domain Trust, The Florilegium Society no Real Xardín Botánico de Sídney.
  • Sherwood, Shirley (2001). A Passion for Plants: Contemporary Botanical Masterworks. Cassell and Co, Londres.
  • Sherwood, Shirley e Rix, Martyn (2008). Treasures of Botanical Art. Real Xardín Botánico de Kew;

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar