Victoria and Albert Museum

O Victoria and Albert Museum (a miúdo abreviado como V&A) de Londres é o maior museo do mundo de artes aplicadas e decorativas e deseño, así como de escultura, que alberga unha colección permanente de máis de 2,27 millóns de obxectos.[1] Foi fundado en 1852 e leva o nome da raíña Vitoria e do príncipe Alberte.

Victoria and Albert Museum
Victoria & Albert Museum Entrance, London, UK - Diliff.jpg
Entrada principal
Coordenadas51°29′47″N 00°10′19″O / 51.49639, -0.17194Coordenadas: 51°29′47″N 00°10′19″O / 51.49639, -0.17194
PaísReino Unido Reino Unido
CidadeLondres
Inauguración1852
editar datos en Wikidata ]

O V&A está situado no Royal Borough de Kensington e Chelsea, nunha zona coñecida como "Albertopolis" debido á súa asociación con príncipe Alberte, o Albert Memorial e as principais institucións culturais coas que estivo asociado. Estas inclúen o Museo de Historia Natural, o Museo da Ciencia, o Royal Albert Hall e o Imperial College de Londres. O museo é un organismo público non departamental patrocinado polo Departamento de Dixitalización, Cultura, Medios de Comunicación e Deporte. Como noutros museos británicos nacionais, a entrada é gratuíta.

O V&A abrangue 5,1 ha[2] e 145 galerías. A súa colección abrangue 5000 anos de arte, dende a antigüidade ata a actualidade, das culturas de Europa, América do Norte, Asia e o norte de África. Non obstante, a arte da antigüidade na maioría das áreas non está recollida. Os fondos de cerámica, vidro, téxtiles, traxes, prata, ferro, xoias, mobles, obxectos medievais, escultura e gravados, debuxos e fotografías están entre os máis grandes e completos do mundo.

O museo posúe a colección máis grande do mundo de escultura posclásica, sendo o patrimonio do Renacemento italiano o máis grande fóra de Italia. Os departamentos de Asia inclúen arte do sur de Asia, a China, o Xapón, Corea e o mundo islámico. As coleccións do leste asiático atópanse entre as mellores de Europa, especialmente en cerámica e obras en metal, mentres que a colección islámica está entre as máis grandes do mundo occidental. En xeral, é un dos maiores museos do mundo.

Dende 2001, o museo iniciou un importante programa de renovación de 150 millóns de libras esterlinas. O 9 de decembro de 2015 abríronse novas galerías europeas dos séculos XVII e XVIII. Restauráronse os interiores orixinais de Aston Webb para albergar as coleccións europeas de 1600-1815.[3][4] O V&A Museum of Childhood no leste de Londres é unha rama do museo e está a planificarse unha nova rama en Londres.[5] O primeiro museo de V&A fóra de Londres, V&A Dundee abriu o 15 de setembro de 2018.[6]

HistoriaEditar

O Victoria e Albert Museum ten a súa orixe na Grande Exposición de 1851, en cuxa planificación participou Henry Cole, primeiro director do museo.[7] Nun principio, o museo coñecíase como o Museo das Manufacturas, aberto por primeira vez en maio de 1852 na Marlborough House (sendo en setembro, trasladado á Somerset House). As súas coleccións abranguían arte e ciencia aplicada e mercáronse varias das coleccións da Exposición[8] para formar o núcleo da colección Victoria and Albert.

En febreiro de 1854 mantivéronse algunhas discusións para trasladar o museo ao seu enderezo actual e pasou a chamarse South Kensington Museum. En 1855, o arquitecto alemán Gottfried Sempre, a petición de Cole, deseñou un proxecto para o museo, que polo alto prezo demandado, foi rexeitado pola Cámara de Comercio.

A inauguración oficial realizouna a raíña Vitoria o 22 de xuño de 1857.[8] O ano seguinte creáronse aberturas que permitían o uso de iluminación a gas e permitían á clase traballadora visitar o museo nos momentos que lles resultaban máis convenientes, impulsando a industria produtiva.[7]

Nos primeiros anos do museo, a súa colección foi moi enfatizada como "High Art" (unha arte da "alta sociedade"). George Wallis (1811-1891), o primeiro Guardian of the Fine Arts Collection, promoveu apaixonadamente a idea da educación artística a través das coleccións do museo, o que levou á transferencia da colección ao museo School of Design que fora fundado en 1837 en Somerset House; tralo traslado, coñeceuse como a Escola de arte ou Escola de formación artística, pasando a ser o Royal College of Art e alcanzando a plena independencia en 1949. Dende a década de 1860 ata a década de 1880, trasladáronse coleccións científicas dende o edificio principal do museo ata varias galerías improvisadas. En 1893, creouse o Museo da Ciencias.[8]

A primeira pedra do edificio Aston Webb colocouse o 17 de maio de 1899, cando tivo lugar a última aparición pública oficial da raíña Vitoria. Foi durante esa cerimonia cando se produciu o cambio de nome e o South Kensington Museum foi finalmente rebautizado como Victoria and Albert Museum.

ColecciónsEditar

 
No ano 2000 instalouse como un punto focal na rotonda da entrada principal, unha lámpada de cristal soprado de 11 metros de altura, de Dale Chihuly

O museo ten unha extensa colección de artes decorativas europeas, hindús, chinesas, coreanas, xaponesas e islámicas, con case catro millóns de obxectos. Nas súas galerías mostra pintura, escultura, pezas de vidro, xoias, armaduras, armas, roupa, instrumentos musicais, cerámica, arquitectura, mobles, marfil e moitas outras pezas.

A colección de pinturas e debuxos contén unhas dúas mil pinturas ao óleo británicas e europeas, Acuarelas, pastel e miniaturas británicas, sendo o museo nacional destas técnicas. Están representados artistas do Reino Unido do século XIX, como John Constable e J. M. W. Turner.

Grazas ao benefactor vitoriano Constantine Alexander Ionides, que deixou 82 pinturas ao museo en 1901, expóñense obras de Botticelli, Tintoretto, Jean-Baptiste Camille Corot, Gustave Courbet, Eugène Delacroix, Edgar Degas, Jean-François Millet, Dante Gabriel Rossetti e Edward Burne-Jones. Mediante un préstamo da Royal Collection da raíña Isabel II, expóñense aquí os sete cartóns sobreviventes de Os feitos dos apóstolos, tapices de Rafael Sanzio para a Capela Sistina.

Na colección de miniaturas hai obras de autores como Hans Holbein o Mozo ou Rosalba Carriera.

A colección de debuxos inclúe algúns de Dürer, Angelica Kauffmann, John Flaxman, Thomas Girtin, Ingres, Thomas Rowlandson e Aubrey Beardsley.

O museo alberga a Biblioteca Nacional de Arte, que ten como principal tesouro o Codex Forster, composto por apuntamentos de Leonardo da Vinci.

EsculturaEditar

Albergada en 26 galerías do museo, a colección inclúe alabastro, bronce, marfil e xeso. Especialmente recoñecida é a colección renacentista, que inclúe o relevo de marfil da Ascensión de Donatello ou as dezasete esculturas de Rodin doadas polo propio escultor en 1914 e que actualmente están expostas na entrada do museo. Esta colección tamén inclúe esculturas de Oriente Medio.

Cerámica e vidroEditar

Expóñense en 21 galerías; contén porcelanas, cristal, vidro e cerámica de Europa, Oriente Medio e Asia oriental. As porcelanas pertencen aos mellores fabricantes europeos como Meissen, Royal Copenhagen, Sèvres ou Royal Worcester. A colección inclúe vidros pintados con exemplos dende a Idade Media ata mestres como Morgan ou Leach. Nesta colección hai mosaicos turcos e persas.

Mobles e decoraciónEditar

 
Gabinete de John Evelyn, 1644-1646 V&A Museum W.24-1977

Distribuída en 37 galerías, esta colección inclúe mobles e obxectos decorativos, entre os que destacan pezas inglesas e francesas do século XVIII. Hai salas totalmente amobladas que recrean a vida social do lugar e a hora correspondente. Nas galerías desta sección hai unha ampla mostra de instrumentos musicais: frautas, arpas, laúdes, pianos, caixas de música etc. Tamén inclúe o gabinete de John Evelyn.

OuriveríaEditar

En 22 galerías expóñense 35 000 pezas de Europa e Oriente Medio, como copas metálicas, cataviños, obxectos tallados, medallas, caixas de po, armas e armaduras, cornos de caza ou reloxos. Entre tantas pezas destacan unha salgadora de prata coñecida como Burghely Nef, un vaso de filigrana cun castelo fabricado en Alemaña e unha peza central de prata rococó de Ashburnham. Esta colección conta coa representación de fermosas obras de ouro chinesas.

No Victoria and Albert Museum tamén hai obras únicas de xoias contemporáneas de James Rivière, considerado o deseñador de xoias máis importante do século XX, incluído o Optical Titanio Diago.[9] Este colgante único é un interesante e relativamente precoz exemplo do uso do titanio nas xoias. O deseño do colgante, co seu patrón de capas de liñas paralelas, estivo influído pola arte óptica, e relaciónase con temas que Rivière estivo a explorar dende finais dos anos 60.

Arte africanaEditar

O museo alberga unha colección de pinturas do primeiro pintor recoñecido de arte africana contemporánea Fathi Hassan.

Arte indiaEditar

O museo contén unha gran colección de obxectos de arte indios que datan de 1500 a 1900, un período que inclúe o Imperio mogol e a India colonial británica. Exhíbense tecidos, armas, cristalería, cadros, bronces, xoias e ourives; a maioría exponse na galería Nehru.

Téxtil e traxesEditar

O museo ten unha famosa colección de vestidos que abrangue a moda dende o século XVII ata a actualidade e que inclúe todos os accesorios: zapatos, bolsas, paraugas, sombreiros... Cronoloxicamente comeza con tecidos coptos e continúa con tecidos británicos dos últimos tres séculos. A colección tamén ten tapices e bordados. Esta espléndida colección estrutúrase arredor de 18 galerías.

Arte do Extremo OrienteEditar

Unha colección dedicada á arte chinesa, xaponesa, coreana e do sueste asiático. Mostra pezas da vida cotiá, esculturas, mobles, xades e porcelanas, lacas, tecidos, armaduras e gravados. Esta colección móstrase a través de oito galerías, incluíndo a galería de arte chinesa T T Tsui e a Galería Toshiba.

Pinturas, gravados, debuxos e fotografíasEditar

Inclúe pintura británica dos séculos XVIII e XIX, miniaturas, pintura europea dos séculos XVI e XIX e a maior colección mundial de obras de John Constable, con pinturas ao óleo e debuxos. A sala de gravados do museo mostra de forma rotatoria unha colección de copias que ascende a medio millón, incluíndo acuarelas, debuxos a tinta, cubertas de tarxetas e fondos de pantalla.

NotasEditar

  1. "V&A · About us". Victoria and Albert Museum. 
  2. "FuturePlan – Victoria and Albert Museum". vam.ac.uk. 6 de maio de 2011. Consultado o 12 de maio de 2011. 
  3. "'Our Europe is an inclusive Europe': the Victoria and Albert Museum's new European Galleries". Apollo. 2015-12-04. 
  4. "FuturePlan Live: Europe 1600 – 1815". Victoria & Albert Museum. Arquivado dende o orixinal o 8 de decembro de 2015. 
  5. "V&A · The V&A East project". Victoria and Albert Museum. Consultado o 9 de marzo de 2019. 
  6. Moore, Rowan (15 de setembro de 2018). "V&A Dundee review – a flawed treasure house on the Tay". The Guardian. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  7. 7,0 7,1 Physick, John (1982). The Victoria and Albert Museum: The History of Its Building. ISBN 978-0-7148-8001-3. OCLC 230893308. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Sheppard, F.H.W., ed. (1975). Survey of London XXXVIII: The Museums Area of South Kensington and Westminster. 
  9. Victoria and Albert Museum, Londres, Museo n. M.2: 1 a 3-2009

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar