Capela Sistina
A Capela Sistina é unha capela localizada no Palacio Apostólico, ao norte da Basílica de San Pedro, no Vaticano. Foi construída a partir de 1475 e inaugurada o 9 de agosto de 1483 polo Papa Sisto IV. O interior foi redecorado a partir de 1508, baixo encomenda do Papa Xulio II, con frescos de Michelangelo Buonarroti, entre os que se atopa a célebre Creación de Adán. Michelangelo terminou o seu traballo en 1541, xa baixo o pontificado de Paulo III, coa conclusión da representación do Xuízo Final, sobre o altar.
É tamén famosa por ser o local onde se reúnen os conclaves e se fan certas cerimonias, como as coroacións papais.
A capela ten forma rectangular (40,93 m por 13,41 m, as dimensións do Templo de Salomón, tal como veñen descritas no Antigo Testamento). Ten 20,70 metros de altura.
Despois das obras de restauración entre 1981 e 1994, coas que se recuperou o brillo orixinal dos tempos de Michelangelo, a capela volveu abrirse ao público que visita o Museo do Vaticano. A pintura do teito da Capela Sistina está no filme O tormento e a éxtase.
Contexto histórico
editar- Artigo principal: Renacemento.
A virada do Quattrocento para o Cinquecento foi un dos momentos máis influentes na Historia da Arte Occidental, quizais mundial. Italia, con epicentro en Florenza, deu ao mundo unha ampla gama de xeniais artistas.
A Capela Sistina é un dos locais máis propicios para aquilatar a dimensión desta explosión creativa. Para a súa feitura concorreron os maiores nomes dos que dispuña Italia no momento.
Sisto IV, como parte da política que emprendía para o restablecemento do prestixio e fortalecemento do papado, convocou en Roma os maiores artistas de Italia. Florencia era o centro de excelencia até entón. De alí e de Umbría viñeron os principais artistas, feito que desprazaría a Roma como capitalidade cultural, que atinxiría o cénit algunhas décadas despois, coa elección de Xulio II para ocupar a Cátedra de San Pedro.
Para a historia da cultura o significado do proxecto e construción da Sistina é inmenso, xuntamente coas demais obras encomendadas por Sisto IV. Non só porque marca a perda da capitalidade cultural para Roma, senón por se tratar do ciclo pictórico de maior relevo de Italia no final do século XV, “constituíndo alén diso un documento inapreciable para observar as virtudes e os límites da pintura do Quattrocento”.[1]
Con excepción de Ghirlandaio, os pintores que nela deixaron o seu talento avanzaron coa súa obra ó século seguinte e os xenios que mudaron os rumbos da pintura no período están todos estreitamente relacionados con eles: Ghirlandaio fora mestre de Michelangelo; Rafael aprendiz de Pietro Perugino; e polo taller de Andrea del Verrocchio pasaron Leonardo da Vinci, Perugino e Sandro Botticelli.
Arquitectura e decoración
editarBaccio Pontelli foi o autor do proxecto arquitectónico para a construción da capela. Este florentino era un dos responsables da reformulación e revitalización urbanística que Sisto IV efectuaba en Roma, tendo realizado decenas de obras públicas.
No proxecto, construído coa supervisión de Giovannino de Dolci entre 1473 e 1484, participaron Perugino, Botticelli, Ghirlandaio, Rosselli, Signorelli, Pinturicchio, Piero di Cosimo, Bartolomeo della Gatta, Rafael e outros. Coroando este festival, algúns anos despois, un dos maiores xenios artísticos de todos os tempos: Michelangelo Buonarroti.
As dimensións do proxecto de Baccio Pontelli tiveron como inspiración as descricións contidas no Antigo Testamento relativas ao Templo de Salomón. A súa forma é rectangular medindo 40,93 m de lonxitude, 13,41 m de largura e 20,70 m de altura. Os numerosos artistas vestiron o seu interior, esculpindo e pintando as súas paredes, transformándoa nun estupendo e célebre lugar coñecido en todo o mundo polas marabillosas obras de arte que encerra.
Unha finísima transenna de mármore, no que traballaron Mino de Fiesole, Giovanni Dálmata e Andréa Bregno, divide a capela en dúas partes desiguais. Os mesmos artistas levaron a cabo a construción do coro.
Internamente, as paredes, divididas por cornixas horizontais, presentan 3 niveis:
- o primeiro nivel, xunto ao chan en mármore - que, nalgúns sectores, presenta o característico marchetado cosmatesco - simula refinadas tapicerías. No lado dereito, próximo á transenna está o coro;
- o intermedio é onde figuran os frescos narrando os episodios da vida de Cristo e de Moisés. A cronoloxía iníciase a partir da parede do altar, onde se encontraban, antes da creación do Xuízo Final de Michelangelo, as primeiras escenas e un retablo de Perugino representando a Virxe da Asunción, a quen foi dedicada a capela.
- o andar máis alto, onde están as pilastras que sustentan as pendentes do teito. Encima da cornixa están situadas as lunettes, entre as que foron colocadas as imaxes dos primeiros Papas.
Frescos
editarFrescos inspirados en escenas do Antigo e Novo Testamento decoran as paredes laterais, así como o teito.
Precisamente, na parede esquerda, a partir do altar, están as escenas do Antigo Testamento, que representan:
- 1 – Moisés camiño de Exipto e a circuncisión dos seus fillos, obra de Pinturicchio;
- 2 – Escenas da Vida de Moisés, de Botticelli;
- 3 – Paso do Mar Vermello, de Cosimo Rosselli;
- 4 – Moisés no Monte Sinaí e a Adoración do Becerro de Ouro, de Rosselli;
- 5 – O Castigo de Korah, Natan e Abiram, de Botticelli;
- 6 – A Morte de Moisés, de Lucas Signorelli.
Na parte dereita, tamén a partir do altar, as escenas do Novo Testamento:
- 1 – O Bautismo de Xesús, de Pinturicchio;
- 2 – Tentación de Cristo e a Purificación do Leproso, de Botticelli;
- 3 – Vocación dos Apóstolos, de Ghirlandaio;
- 4 – Sermón da Montaña, de Rosselli,
- 5 – A Entrega das Chaves a San Pedro, de Perugino;
- 6 – A Derradeira Cea, de Rosselli.
Entre as xanelas, seis de cada lado, figuran 24 retratos de Papas, pintados por Botticelli, Ghirlandaio e Frai Diamante. Na bóveda están os famosos frescos de Michelangelo, pintados entre 1508 e 1512. O mesmo artista realizaría entre os anos de 1535 e 1541, na parede do altar, o Xuízo Final.
Rafael realizou unha serie de tapicerías que, en ocasións especiais, visten as paredes.
As escenas de Botticelli
editarBotticelli, o talentoso discípulo de Filippino Lippi, exercía o seu oficio en Florencia. Chamado a Roma por Sisto IV para a decoración da capela, alí executou entre 1481 e 1482 algúns frescos: O Castigo de Korah, Dathan e Abiram; Tentación de Cristo e a Purificación do Leproso e Escenas da Vida de Moisés.
Escenas da Vida de Moisés, fresco de medidas 348 cm x 558 cm, é a obra máis complexa. Botticelli tivo que se empeñar para entrelazar os diversos episodios que alí figuran nunha narrativa ben articulada. O cadro ten certas irregularidades. É máis apreciado en virtude de detalles illados que polo conxunto. Os episodios están narrados no Libro do Éxodo, capítulos II, III e XIII.
O Castigo de Korah, de 348,5 cm x 570 cm, é a representación da narración contida no Libro dos Números, capítulo XVI, onde Korah, subleva 250.000 hebreos contra a autoridade de Moisés e do seu irmán Aarón.
Tentación de Cristo e a Purificación do Leproso, de 345,5 cm x 555 cm, ilustra as 3 tentacións de Cristo no deserto e a cura do leproso narradas no Evanxeo de Mateu, capítulos IV e VIII. No centro do cadro vese o edificio do Hospital do Santo Espírito mandado construír por Sisto IV.
O Teito da Capela Sistina
editarNa realización desta grandilocuente obra concorreron amor e odio. Michelangelo tería feito este traballo contrariado, convencido que era máis un escultor que un pintor. Encargado polo Papa Xulio II, sobriño de Sisto IV, para pintar o teito da capela, xulgou ser unha conspiración dos seus rivais para desvialo da obra para a cal fora chamado a Roma: o mausoleo do Papa. Mais dedicouse á tarefa e o fixo con tanta mestría que practicamente ofuscou as obras primas dos seus antecesores na empresa. Os frescos no teito da Capela Sistina son, de feito, un dos maiores tesouros artísticos da humanidade.
É difícil acreditar que teña sido obra dun só home, pois dispensara os asistentes que contratara inicialmente, insatisfeito coa produción destes, e que mesmo aínda atoparía forzas para retornar ao local, dúas décadas despois, e pintar na parede do altar, sacrificando, inclusive, algúns frescos de Perugino, o Xuízo Final, entre 1535 e 1541, xa baixo o pontificado de Paulo III.
A superficie da bóveda foi dividida en áreas concibíndose arquitectonicamente o traballo de maneira que resultase nunha articulación do espazo limitado por piares. Nas áreas triangulares colocou as figuras de profetas e sibilas; nas rectangulares, os episodios da Xénese.
- Deus separando a Luz das Tebras;
- Deus creando o Sol e a Lúa;
- Deus separando a Terra das Augas;
- A Creación de Adán;
- A Creación de Eva;
- O Pecado Orixinal e a Expulsión do Paraíso;
- O Sacrificio de Noé;
- O Diluvio Universal;
- Noé Embriagado.
O Xuízo Final
editarA parede do altar foi destinada a conservar a maior pintura na cal Michelangelo dedicou, desde 1534, todo seu enxeño e forza: o Xuízo Final.
O fresco ocupa enteiramente a parede de detrás do altar. Para a súa execución, dúas xanelas foron pechadas e algunhas pinturas da época de Sisto IV apagadas: os primeiros retratos de Papas; a primeira escena da vida de Cristo e a primeira da vida de Moisés, unha imaxe da Virxe da Asunción de Perugino, e os frescos das dúas lunettes, onde o propio Michelangelo pintara os ancestrais de Cristo.
Aquí, o "Pai do Barroco", como queren algúns, xa ispe de forma marcante os novos rumbos que o artista imprimirá na súa arte. A liberdade en relación aos cánones anteriores, da chamada Alta Renascenza, maniféstase na rigorosa maneira coa que trata a figura humana.
Michelangelo expresa vigorosamente o concepto de Xustiza Divina, severa e implacable en relación aos condenados. O Cristo, parte central da composición, é o Xuíz dos elixidos que soben ao Ceo pola súa dereita, en canto os condenados, abaixo á súa esquerda, esperan a Caronte e Minos.
A resurrección dos mortos e os anxos tocando trompetas completan a composición.
A polémica da restauración
editarNo último cuarto do século XX, obras emprendidas no teito da Capela Sistina coa intención de recuperar o brillo orixinal do tempo de Michelangelo foron motivo de innumerables controversias.
A restauración das obras de arte estaban a se facer ao longo dos anos, e desde a década de 1960 xa se traballaba nos frescos máis antigos. O proxecto máis ambicioso, a cargo do restaurador Gianluigi Colalucci, iniciouse en 1979 coa limpeza da parede do altar: o Xuízo Final.
Durante este período a capela estivo fechada ao público que visita o Museo do Vaticano - cerca de 3 000 000 persoas por ano - só volvendo a ser reaberta o 8 de abril de 1994.
Conclaves
editarOs conclaves que foron realizados na Capela Sistina
Século XV
editarConclave | Duración | Cardeal electo | Papa | Pontificado |
---|---|---|---|---|
06/08/1492-10/08/1492 | 4 días | Rodrigo Borgia | Alexandre VI | 10/08/1492-18/08/1503 |
Século XVI
editarSéculo XVII
editarSéculo XVIII
editarConclave | Duración | Cardeal electo | Papa | Pontificado |
---|---|---|---|---|
31/03/1721–08/05/1721 | 1 mes e 8 días | Michelangelo dei Conti | Inocencio XIII | 08/05/1721–07/03/1724 |
20/03/1724–29/05/1724 | 2 meses e 9 días | Pietro Francesco Orsini | Bieito XIII, O.P. | 29/05/1724–21/02/1730 |
05/03/1730–07/04/1730 | 1mes e 2 días | Lorenzo Corsini | Clemente XII | 07/04/1730–06/02/1740 |
18/02/1740–17/08/1740 | 5 meses e 31 días | Prospero Lorenzo Lambertini | Bieito XIV | 17/08/1740–03/05/1758 |
15/05/1758-06/07/1758 | 1 mes e 22días | Carlo Della Torre Rezzonico | Clemente XIII | 06/07/1758-02/02/1769 |
15/02/1769–19/05/1769 | 3 meses e 4 días | Giovanni Vicenzo Antonio Ganganelli | Clemente XIV, O.F.M. Conv. | 19/05/1769–22/09/1774 |
05/10/1774–15/02/1775 | 4 meses e 10 días | Giovanni Angelo Brachi | Pío VI | 15/02/1775–29/08/1799 |
Século XIX
editarConclave | Duración | Cardeal electo | Papa | Pontificado |
---|---|---|---|---|
02/09/1823–28/09/1823 | 26 días | Annibale Sermatti della Genga | León XII | 28/09/1823–10/02/1829 |
24/02/1829–31/03/1829 | 1 mes e 7 días | Francesco Severino Castiglione | Pío VIII | 31/03/1829–30/11/1830 |
14/12/1830–02/02/1831 | 1mes e 19 días | Bartolomeu Albert Cappellari | Gregorio XVI, O.S.B. Cam. | 02/02/1831–01/06/1846 |
14/06/1846–16/06/1846 | 3 días | Giovanni Maria Mastai-Ferretti | Pío IX, O.P. | 16/06/1846–07/02/1878 |
18/02/1878–20/02/1878 | 3 días | Gioacchino Vicenzo Raffaele Luigi Pecci | León XIII | 20/02/1878–20/07/1903 |
Século XX
editarConclave | Duración | Cardeal electo | Papa | Pontificado |
---|---|---|---|---|
31/07/1903–04/08/1903 | 5 días | Giuseppe Melchiore Sarto | Pío X | 04/08/1903–20/08/1914 |
31/08/1914–03/09/1914 | 4 días | Giacomo della Chiesa | Bieito XV | 03/09/1914–22/01/1922 |
02/02/1922–06/02/1922 | 4 días | Achille Ratti | Pío XI | 06/02/1922–10/02/1939 |
01/03/1939–02/03/1939 | 2 días | Eugenio Pacelli | Pío XII | 02/03/1939–09/10/1958 |
25/10/1958–28/10/1958 | 3 días | Angelo Giuseppe Roncalli | Xoán XXIII, T.O.R. | 28/10/1958–03/06/1963 |
19/06/1963–21/06/1963 | 3 días | Giovanni Battista Montini | Paulo VI | 21/06/1963–06/08/1978 |
25/08/1978–26/08/1978 | 2 días | Albino Luciani | Xoán Paulo I | 26/08/1978–28/09/1978 |
14/10/1978–16/10/1978 | 3 días | Karol Jozef Wojtyla | Xoán Paulo II | 16/10/1978–02/04/2005 |
Século XXI
editarConclave | Duración | Cardeal electo | Papa | Pontificado |
---|---|---|---|---|
18/04/2005–19/04/2005 | 2 días | Joseph Alois Ratzinger | Bieito XVI | 19/04/2005 – 28/02/2013 |
12/03/2013–13/03/2013 | 1 día | Jorge Mario Bergoglio | Francisco | 13/03/2013 – presente |
Notas
editar- ↑ História Geral da Arte, Pintura I. Rio de Janeiro: Ed. del Prado, pg. 124s.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Capela Sistina |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Capela Sistina visita virtual en Vatican.va