A impresión é o proceso e o resultado de reproducir textos e imaxes, polo xeral con tinta sobre papel. É posible imprimir sobre gran diversidade de materiais, sendo necesario utilizar diferentes sistemas de impresión en cada caso. Pódese realizar de forma doméstica, artesanal, comercial ou industrial a grande escala, e é unha parte esencial da edición de libros e toda clase de publicacións impresas coma xornais, revistas, cartas, documentos etc.

Proceso de impresión dunha publicación.

Ata a aparición da impresión dixital todos os métodos utilizaban a técnica do gravado, cuxa característica principal é a utilización dun prelo que transfería mediante un golpe sobre o papel a imaxe dunha matriz untada con tinta. Ao longo da historia houbo diferentes sistemas de gravado, algúns coma a serigrafía ou a litografía fóronse adaptando á evolución da técnica e aínda perduran, outros coma a xilografía que fora amplamente utilizada, perderon vixencia e hoxe só se utilizan para a reprodución de obras de arte. As técnicas de impresión evolucionaron con rapidez, dando lugar a novos procedementos que satisfacían novas necesidades ou respondían a avances técnicos. Así foron aparecendo as técnicas do augaforte, o fotogravado (que apareceu a partir da fotografía), a impresión offset, o rotograbado[1] e a xerografía.

As técnicas modernas de impresión dixital están estreitamente relacionadas co tratamento informático dos datos a imprimir. Os datos son enviados directamente á máquina impresora mediante o uso dun software específico de autoedición. Para executar unha impresión dixital é necesario o uso dunha impresora, aparello electrónico que traslada o aspecto visual a unha superficie física a través de variados recursos. As impresoras máis comúns son as de inxección de tinta, que utilizan cartuchos de tinta, e as láser, nas que a tinta aloxada nun depósito de tóner é modulada e dirixida mediante un feixe de raios láser.

As modernas técnicas de impresión en 3D ofrecen novas aplicacións en diversos campos.

Sistemas de impresión

editar
 
Cuarto de montaxe de páxinas arredor de 1920

Os sistemas de impresión son moi variados, así como os seus resultados. Pódense distinguir grandes grupos con necesidades, procesos e resultados moi diferentes: os artísticos e artesanais, os dixitais e os industriais.

Artísticos

editar

Os métodos de impresión artísticos son aqueles nos que se grava manualmente unha imaxe sobre unha superficie ríxida que despois acollerá tinta e será transferida por presión a outra superficie como papel ou tea, permitindo así facer de xeito mecánico múltiples copias da mesma. Exemplos son a xilografía,[2] o linogravado, o gravado con buril, o gravado con punta seca, a augaforte, o verniz brando, a mezzotinta, a litografía e a serigrafía.

Dixitais

editar

A impresión dixital é toda aquela en que se imprime directamente en papel dende un ficheiro informático. É o sistema máis habitual en pequenas tiraxes.

Algúns dos sistemas habituais son:

  • Inxección de tinta: habitual en impresión doméstica e de pequena tiraxe polo seu baixo custo.
  • Impresora láser: común en documentos de oficina, a impresión por láser permite máis velocidade que a de inxección.

Industrias

editar
  • Tipografía ou impresión tipográfica: é o sistema da imprenta tradicional de tipos móbiles inventado por Johannes Gutenberg. Foi o sistema habitual para imprimir libros e outros textos dende o século XV ata ben entrado o século XX.
  • Litografía: moi popular no século XIX para crear e reproducir imaxes como carteis. Empregaba orixinalmente unha pedra puída sobre a que se debuxa a imaxe cunha materia graxa.
  • Offset: semellante ao proceso litográfico, empregando placas de metal (habitualmente en forma de roda) e engadindo unha placa intermedia ao proceso que mellora o resultado.
  • Serigrafía: utiliza unha malla tensada nun marco e emprégase para imprimir sobre diversos materiais, dende camisetas até baldosas.
  • Tampografía: emprega unha placa metálica ou plástica, revestida dunha emulsión fotosensible. É coñecida pola súa capacidade para imprimir superficies tridimensionais complexas. Utilízase para a marcaxe de pezas industriais e a publicidade.
  • Flexografía: utiliza unha placa con relevo para imprimir, admite diversos tipos de tinta e úsase para embalaxes de cartón corrugado, bolsas de plástico e de papel, etiquetas autoadhesivas ou envoltorios alimentarios.
  • Ocogravado: usado principalmente para revistas e embalaxes.

Impresión en 3D

editar

A impresión en 3D é unha forma de fabricación tecnolóxica na que os obxectos físicos se crean a partir de modelos dixitais tridimensionais empregando impresoras 3D.

Historia

editar
 
Xilografía de Hiroshige.
 
Xilografía de Jost Amman que amosa un gravador.

A impresión foi documentada por primeira vez na China na Dinastía Tang como un método para imprimir estampados na ropa; os exemplos máis antigos que sobreviven na China datan de antes do ano 220,[3] e de Exipto nos séculos VI e VII.[4]

Na dinastía Tang, un escritor chinés chamado Fenzhi mencionou por primeira vez no seu libro Yuan xian san ji que a impresión xilográfica se empregaba para imprimir escrituras budistas durante os anos de Zhenguan (627-649 d. C.). A obra impresa chinesa máis antiga da que se ten constancia é unha impresión xilográfica de escrituras budistas do período Wu Zetian (684-705), descuberto en Tubofan (provincia de Xinjiang) en 1906. Foi roubado polos invasores xaponeses e atópase en posesión do Museo da Caligrafía en Toquio. O libro impreso máis antigo documentado que aínda se conserva, unha copia dun texto budista, o Sutra do diamante, está datado en 848, mais escavacións nun pagode coreano puido desenterrar outro texto máis antigo datado en 750-751.[5][6] Na historiografía moderna chinesa, a impresión está considerada como unha das catro grandes invencións da China antiga.

Un monumento conmemorativo ao trono de 1023, dinastía Song do norte da China, documentaba que o goberno central nese tempo empregaba follas de bronce para imprimir o papel moeda e tamén bloques de bronce para imprimir os números e os caracteres na moeda. Na dinastía Jin, a xente empregou a mesma técnica pero máis desenvolvida para imprimir papel moeda e documentos oficiais formais. O exemplo típico deste tipo de impresión tipográfica con bloques de bronce é un cheque impreso da dinastía Jin do ano 1216.

Impresión en occidente

editar

A imprenta de tipos móbiles, predecesora dos actuais sistemas de impresión foi inventada por Johannes Gutenberg contra 1450.[7]

Máis tarde apareceu a litografía, un sistema de impresión desenvolvido por Aloys Senefelder quen, sabendo que a auga e o aceite se repelen naturalmente, empregou unha pedra calcaria e unha barra de cera para realizar unha impresión, co que revolucionou as artes gráficas permitindo a impresión de imaxe de gran calidade. O sistema de impresión offset deriva da litografía.[8]

  1. Lilien, Otto M. (1972). History of Industrial Gravure Printing up to 1920 (en inglés). London: Lund Humphries. 
  2. Historia de la imprenta. "La evolución tecnológica- Grabado en madera". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2017. 
  3. Shelagh Vainker in Anne Farrer (ed), "Caves of the Thousand Buddhas", British Museum, 1990. ISBN 0-7141-1447-2.
  4. Arthur M. Hind: An introduction to a history of woodcut. EE. UU.: Houghton Mifflin, 1935. Reimpresión: Dover Publications, 1963, ISBN 0-486-20952-0.
  5. Stearns, Peter. The Encyclopedia of World History: Ancient, Medieval, and Modern, Chronologically Arranged. 2001.
  6. History of Printing History World. Consultado o 16 de novembro de 2012.
  7. Historia de la imprenta. "Los tipos móviles". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2017. 
  8. Torres Rojas, Álvaro (2014). Impresión offset. IC Editorial. ISBN 978-84-16067-70-1. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Saunders, Gill; Miles, Rosie (1 de maio 2006). Prints Now: Directions and Definitions. Victoria and Albert Museum. ISBN 1-85177-480-7. 
  • Lafontaine, Gerard S. (1958). Dictionary of Terms Used in the Paper, Printing, and Allied Industries. Toronto: H. Smith Paper Mills. 110 p.
  • Nesbitt, Alexander (1957). The History and Technique of Lettering. Dover Books. 
  • Steinberg, S.H. (1996). Five Hundred Years of Printing. Londres e Newcastle: The British Library and Oak Knoll Press. 
  • Gaskell, Philip (1995). A New Introduction to Bibliography. Winchester e Newcastle: St Paul's Bibliographies e Oak Knoll Press. 
  • Elizabeth L. Eisenstein, The Printing Press as an Agent of Change, Cambridge University Press, setembro de 1980, Paperback, 832 páxinas, ISBN 0-521-29955-1
  • Marshall McLuhan, The Gutenberg Galaxy: The Making of Typographic Man (1962) Univ. of Toronto Press (primeira ed.); reimpreso por Routledge & Kegan Paul ISBN 0-7100-1818-5
  • Tam, Pui-Wing The New Paper Trail, The Wall Street Journal Online, 13 de febreiro de 2006, Pg.R8

Outras páxinas

editar

Ligazóns externas

editar