Fotografía

técnica e arte de gravar imaxes fixas e duradeiras sobre unha superficie de material sensible á luz

A fotografía é a técnica e arte de gravar imaxes fixas e duradeiras sobre unha superficie de material sensible á luz baseándose no principio da cámara escura. Na cámara escura conséguese proxectar unha imaxe captada por unha lente ou un conxunto de lentes sobre unha superficie, de tal forma que o tamaño da imaxe queda reducido e aumenta a súa nitidez. Para almacenar esta imaxe as cámaras fotográficas utilizaban ata hai algúns anos exclusivamente as películas sensibles, mentres que na actualidade empréganse tamén sensores dixitais.

Persoa tomando unha foto.

A palabra fotografía procede do grego e significa "debuxar coa luz" (de photos = luz, e graphis = debuxo).

A fotografía pode ser clasificada baixo a máis ampla denominación de tratamento de imaxes e, debido a isto, fascinou tanto a científicos como a artistas dende os seus inicios. Os científicos, sobre todo, aproveitaron a súa capacidade para plasmar con precisión todo tipo de circunstancias e estudos, tales como os estudos sobre locomoción humana e animal de Eadweard Muybridge (1887). Os artistas tamén foron seducidos por estes aspectos pero trataron sempre de ir máis alá da mera representación foto-mecánica da realidade.

Desde 1991, o día 19 de agosto celébrase o Día Internacional da Fotografía. En tal día do ano 1839 se formalizou a patente do daguerrotipo, o sistema desenvolvido por Louis Daguerre nese mesmo ano e que se considera o precursor da fotografía moderna [1].

HistoriaEditar

Considérase que a fotografía foi desenvolvida pola primeira vez en Francia na época en que os inicios da sociedade industrial comezaban a achegar innovacións técnicas no campo da óptica. Os procesos fotográficos xurdiron vinculados ao campo científico, onde as teorías positivistas esixían a comprobación empírica de cada elemento da Natureza. Porén, a burguesía axiña popularizou usos diversos da fotografía, principalmente do xénero do retrato, nun intento por emular os retratos pictóricos da nobreza. A fotografía adquiría así unha nova atribución ao converterse en ferramenta de ascenso social.

 
Primeiro gravado heliográfico coñecido, obra de Niépce datada en 1825. Reproduce un gravado flamengo do XVIII e foi un precedente importante para a realización da primeira fotografía da natureza tirada cunha cámara escura un ano despois.

Outra das características deste primeiro período é a multiplicidade de procedementos para o fixado da imaxe. O primeiro negativo sobre papel foi obtido por Joseph Nicéphore Niépce en 1816, e dez anos máis tarde, en 1826, o propio Niépce realizou a primeira fotografía permanente da natureza [2]. En 1839, o invento é presentado publicamente na Academia de Ciencias e Belas Artes de Francia, como fonte empírica de documentación da realidade.

As súas múltiplas utilidades, que ían desde a ciencia até á xustiza e á etnografía levaron ó francés Lumiére a sentenciar: "desde hoxe poderemos viaxar sen nos mover". A multiplicación de procesos non se detén. Ese mesmo ano, Louis Daguerre fai pública a invención do daguerrotipo, que consistía nunha copia única realizada sobre unha emulsión en soporte metálico, polo xeral de cobre. Porén, os daguerrotipos resultaban caros, pesados, difíciles de conservar e precisaban dun tempo de exposición moi prolongado.

Fronte a este formato, o primeiro negativo -co nome de calotipo, talbotipo ou impresión sobre papel salgado- é inventado por William Henry Fox Talbot en 1835 (non foi patentado até 1841). Consistía nun negativo de papel, copiado sobre outra folla, que por contacto creaba un positivado. O papel era impregnado cunha solución ácida de nitrato de prata antes e despois da exposición. O revolucionario deste proceso consistía, primeiro, en rebaixar sensibelmente o tempo de exposición (entre 1 e 7 minutos), e segundo, en que por primeira vez era posíbel tirar múltiples positivados dun único negativo. Talbot conseguía, entón, a reprodutibilidade da fotografía.

En 1839, o astrónomo e químico inglés sir John Frederick William Herschel comunicou un descubrimento realizado en 1819 sobre o poder solvente do hiposulfito de sodio en contacto con sales de prata insolúbeis. Nese ano realizou o primeiro negativo de cristal e estableceu un precedente da súa utilización como axente fixador na fotografía. Herschel tamén introduciu en 1842 o proceso de cianotipia, un proceso monocromo que produce unha impresión azul baseándose en dous compostos químicos, o citrato de ferro e o ferrocianuro de potasio. Porén, foi Anna Atkins, unha científica británica, a que levou o proceso cianotípico á fotografía, converténdose así na que é considerada a primeira muller fotógrafa.

En 1850, Blanquart Evrard comezou a empregar un composto de albumina de ovo e nitrato de prata que, estendido sobre o papel, conseguía que a emulsión do papel non reproducise imperfeccións e rugosidades, de modo que aumentaba a nitidez do produto.

En 1851 faise público un novo fito na historia da fotografía: o colodión húmido, unha especie de verniz que se aplica ás placas e sobre o que se estende a emulsión química. O nome de "colodión húmido" fai referencia á necesidade de que a placa permaneza húmida durante todo o proceso de toma e revelado das imaxes. Aumentábase así a nitidez, pero, en cambio, os fotógrafos tiñan que levar canda si un pequeno laboratorio fotográfico para revelar a placa inmediatamente após a súa toma.

Ao mesmo tempo que se experimentaban diversos sistemas para mellorar a nitidez e o tempo de exposición, algúns científicos traballaban para fixar a cor. Os primeiros experimentos de fotografía en cor non puideron fixar ben a imaxe e, ademais, eran incapaces de evitar que a cor terminase por esvaecerse. Ademais, até a década de 1870 as emulsións dispoñíbeis non eran sensíbeis ás luces verde e encarnada. Con todo, considérase que a primeira fotografía en cor permanente foi realizada polo físico escocés James Clerk Maxwell mediante a mestura das tres cores primarias (vermella, amarela e azul). Porén, a emulsión de Maxwell tiña unha sensibilidade cromática insuficiente, polo que seguiron producíndose investigacións.

 
Fotógrafos en Valdoviño.

Doutra banda, a esixencia de manter húmida a placa desaparece en 1871, co descubrimento do xelatino-bromuro. Neste proceso, aplícase sobre a placa unha solución de bromuro, auga e xelatina sensibilizada con nitrato de prata. Aquilo supuxo eliminar un dos grandes inconvenientes do colodión húmido. Ademais, o tempo de exposición rebaixábase a 0,25 minutos, o que aproxima o concepto de instantánea.

En 1888, George Eastman lanzou ao mercado a cámara Kodak, que substituía as placas de cristal utilizadas até entón polo negativo de papel fotográfico, que pouco tempo despois foi á súa vez substituído polo carrete de celuloide, co que a casa Eastman-Kodak alcanzou un grande éxito comercial.

Xa en 1906, Wratten e Wainwright introducen a placa pancromática, sensíbel a todas as cores do espectro, mellorando así os produtos parcialmente sensíbeis elaborados até entón por outros investigadores como Louis Ducos du Hauron, Charles Cros, Hermann W. Vogel ou Sergei M. Prokudin-Gorskii. E só un ano despois, en 1907, os irmáns Auguste e Louis Lumière presentan a película en cor completamente funcional, o autocromo.

Desde os primeiros anos do s. XX até a década de 1930, continúanse a realizar experimentos e innovacións menores. En 1931 invéntase o flash electrónico; en 1935 aparece a primeira película diapositiva moderna en cor, a Kodakchrome, baseada en tres emulsións coloreadas, que é axiña mellorada polas tecnoloxías descubertas por Agfacolor en 1936: nesta tecnoloxía, os acopladores de cor xa están incluídos nas capas de emulsión. En 1942, Eastman-Kodak comezará a producir películas negativas en cor -as Kodakolor- das que se podían obter copias positivas en cor.

A seguinte revolución na historia da tecnoloxía fotográfica produciuse en 1947, candos os laboratorios Polaroid presentaron perante a Sociedade Óptica Estadounidense a primeira fotografía instantánea, cunha cámara que revelaba e positivaba a imaxe en 60 segundos. En 1963, introduciu aínda a fotografía instantánea en cor. A cámara Polaroid convertíase, desde a súa aparición, no aparato máis sofisticado e áxil até á década de 1990, cando aparezan as primeiras cámaras dixitais.

A tecnoloxía fotográfica dixital, asentada no inicio do s. XXI, constitúe o último paso fundamental no perfeccionamento da fotografía: as imaxes son capturadas por un sensor electrónico que dispón de multitude de unidades fotosensíbeis e que arquiva os datos nunha memoria electrónica. A democratización da fotografía, que xa estaba en claro asentamento coas cámaras Kodak, prosegue coas cámaras dixitais que hoxe ocupan o mercado e cos dispositivos de telefonía móbil que incorporan cámaras fotográficas de alta resolución.

Fotografía en GalizaEditar

As fotografías tomadas en Galiza máis antigas que se coñecen foron feitas por Andrés Cisneros o 7 de setembro de 1858, no marco da visita da raíña Isabel II á Exposición Rexional de 1858, celebrada en Santiago de Compostela.[3]

Fotografía como arteEditar

Cando os coñecementos en óptica estiveron o suficientemente avanzados, os pintores descubriron a maneira de proxectar unha imaxe sobre unha película de papel con aceite. O que lles permitía tomar notas rapidamente coa desvantaxe dunha inversión da imaxe e un reducido tamaño.

Isto coincide coa auxe do realismo na pintura.

Máis tarde descubríronse técnicas usando clara de ovo que facían posible lograr que a imaxe por si mesma se quedase gravada no papel. Esta técnica foise perfeccionando grazas á comprensión do fenómeno químico implicado e a unha continua experimentación con materiais alternativos. Axiña foi posible ter unha caixa cun papel fotosensible oculto da luz, un canón co que enfocala, e un obturador para facer pasar a luz o tempo suficiente para que impresionara á película.

A fotografía como arte, ciencia e experiencia humana foron evolucionado en paralelo durante este tempo. En canto foi posible facer da cámara un dispositivo móbil doado de manexar apareceu a posibilidade de influír no espectador mediante a posición da cámara e o seu enfoque, o que permitían trasladar a subxectividade do fotógrafo á fotografía, amais de ir construíndo unha linguaxe artística.

A linguaxe artística fotográfica partiu da herdanza da pintura, así a todo ampliou rapidamente o seu léxico grazas á facilidade de facer enfoques extremos (picados, contrapicados,..) a captura do movemento con longos tempos de obturador, e a decisión do momento. A presión sobre o fotógrafo para marcar a súa subxectividade na fotografía forxou unha linguaxe chea de sutilezas pero perfectamente comprensible, moi directa para calquera observador.

Hoxe en día a fotografía é practicada en todo o mundo por millóns de persoas armadas con boas cámaras fotográficas. Para a fotografía artística son preferibles actualmente as cámaras cunha boa óptica e moitas opcións que engadan flexibilidade, fronte ás cámaras orientadas ó consumidor, onde a óptica e o obturador son dirixidos pola electrónica restando ó feito de facer unha foto gran parte da súa imprevisibilidade. A aparición das cámaras dixitais, cámaras mixtas con vídeo, e a fotografía en contornos de realidade virtual complican, arrequecendo, o futuro desta arte.

NotasEditar

  1. "La fotografía, el arte de expresar por medio del lente de una cámara la realidad" (en castelán). Consultado o 2022.11.22. 
  2. "Exhibición na Universidade de Texas". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2013. Consultado o 18 de marzo de 2013. 
  3. "As fotos máis antigas de Galicia" Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine., artigo de Quique Alvarellos en El Correo Gallego, 23 de abril de 2013.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar