Valdoviño

concello da comarca de Ferrol, na provincia da Coruña

Valdoviño é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE no 2014 contaba con 6.796 habitantes (6.978 no 2009, 6.896 no 2006, 6.888 no 2005, 6.854 no 2004, 6.877 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valdoviñés».

Valdoviño
Escudo de Valdoviño
Situación
Xentilicio[1]valdoviñés
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Ferrol
Poboación6.889 hab. (2023)[2][3]
Área88,2 km²[3]
Densidade78,11 hab./km²
Entidades de poboación9 parroquias[4]
Política (2023 [5])
AlcaldeAlberto González Fernández (político) (PSdeG-PSOE[6])
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 4
PSdeG-PSOE: 7
Eleccións municipais en Valdoviño
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes54,07%
Na rede
https://www.concellodevaldovino.com
Facebook: concellodevaldovino Twitter: C_Valdovino Instagram: concello_valdovino Youtube: UCBIkA3PdZoPcPPz-72dNutQ Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Ocupa unha franxa costeira desde a praia de Campelo ata a entrada da ría de Cedeira. Nesta poboación leváronse a cabo no século XVIII (1767) os primeiros cultivos de patacas traídas desde América[8]. As praias do termo municipal de Valdoviño son moi populares polo seu paisaxe natural e entre os afeccionados ao surf. Entre elas, destacan o areal da Frouxeira, duns 3,6 km de lonxitude, e a praia de Pantín, onde anualmente cada mes de setembro se celebra o Pantín Classic, campionato internacional de surf que comezou a súa andaina en 1988.

A lagoa da Frouxeira é un destacado ecosistema de gran valor ornitolóxico por ser lugar de descanso de aves migratorias e de cría dalgunhas especies de aves.

Toponimia editar

O nome do concello fai pensar a algúns nunha agricultura baseada na vide, así val do viño sería a orixe do topónimo. Tamén hai quen manexa outra hipótese: val do Aviño, rego que atravesa o chan do municipio, se ben as últimas investigacións indican que o nome provén do propietario dunha pequena explotación agraria, chamado Baldovino, Baldoviño ou Balduino, do cal hai abondosa documentación nos textos medievais.[9]

Historia editar

Valdoviño formou parte da Terra de Trasancos, desta época son os castros de[10][11]:

O actual concello de Valdoviño foi formado coa unión de varias parroquias das xurisdicións da Terra de Trasancos e de Cedeira. A creación do novo concello e o seu nome aparecen aprobados no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 20 de xuño de 1836. Ao novo concello déuselle o nome de Valdoviño porque nesa parroquia non existía ningunha entidade singular de poboación con ese mesmo nome. Ás veces, apareceu escrito en antigas actas e outros documentos con "b" (Baldoviño), pero foi unicamente debido a erros ortográficos.

Previamente, producíranse varios intentos de creación de concellos en toda España, a gran maioría infrutuosos debido aos cambios políticos; así, en 1821 e en 1822, aparecen nomeados os concellos de Valdoviño e Pantín no repartimento de impostos, aínda que, probablemente, non chegasen a funcionar como tales.

A primeira casa consistorial estivo en San Bartolomeu de Lourido nun edificio que se viña utilizando como lugar de reunións da xurisdición de Trasancos e que máis tarde pasaría a ser cárcere municipal.

En 1856, a Coroa Española pon a poxa a lagoa de Valdoviño e os terreos que a arrodean. É adquirida por José Pardo Bazán, pai da escritora Emilia Pardo Bazán, por 91.000 reais.

En 1930 comezan as obras da estrada á praia da Frouxeira. Este mesmo ano comeza a extracción en Valdoviño de pirita arsenical de prata e aurífera para a produción de ouro.

En 1940 procédese ao desartellado dos dous canóns Vickers United do calibre 38,1 sitos en Meirás; procedéndose ao seu traslado a Alxeciras. Estes canóns foron substituídos por baterías antiaéreas. En novembro de 1974, comeza o servizo de traída de augas dende o encoro das Forcadas.

O 8 de xullo de 1993 concedéuselle por vez primeira a Bandeira Azul á praia da Frouxeira, símbolo do importantísimo desenvolvemento turístico vivido no concello nas últimas décadas. En xullo de 1993, a lagoa da Frouxeira inscríbese no convenio Ramsar. Entre 1993 e 1994 constrúese o faro de Punta Frouxeira.

Goberno municipal editar

 
Casa do Concello

O alcalde máis antigo do que existe documentación é José Sanjurjo e aparece citado o 23 de xullo de 1840.

Dende a súa creación en 1836, e nos cen anos seguintes, a historia política de Valdoviño foi convulsa, con suspensións da corporación local, encarceramento de políticos e persoal municipal ou manipulacións nas eleccións. As irregularidades seguiríanse a producir durante moitos anos, incluso durante o réxime de Francisco Franco, cando déronse casos de rebeldía de concelleiros contra os alcaldes nomeados pola ditadura.

En abril de 1931 proclámase a Segunda República en Valdoviño. O primeiro alcalde do novo sistema político foi José López Rodríguez. As eleccións celebradas en 1931 deparan os seguintes resultados: 10 concelleiros do Partido Republicano Radical contra os 6 obtidos pola ORGA. Entre outubro e decembro de 1934 houbo dous alcaldes, dúas corporacións e dúas casas consistoriais. Tivo que intervir o gobernador civil. Nas eleccións de 1935 pasan a ser de 8 Republicanos Radicais e 6 Republicanos Independentes - había dúas vacantes -. En 1936 a corporación municipal quedou constituída por 14 concelleiros de Izquierda Republicana, un Galeguista e un socialista.

O último alcalde da ditadura foi José Morales, que dirixiu a alcaldía ata o 19 de abril de 1979, data na que é nomeado Manuel Villarnovo. A primeira alcaldesa foi María Elisa Garrido Cantarero (PSdeG-PSOE), que accedeu ao cargo o 17 de xuño de 1995.

Tralas eleccións de maio de 2007, resultou elixida alcaldesa de Valdoviño María Isabel Álvarez Diéguez, de Terra Galega. Na noite anterior ao pleno de constitución, asinouse un pacto de goberno entre Terra Galega, Partido Popular e a Unión de Independentes de Valdoviño.

Poboación editar

Evolución da poboación de Valdoviño   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
6.178 8.027 8.477 7.035 6.854 6.978 6.926 6.857 6.811 6.796 {{{13}}} {{{14}}} {{{15}}} {{{16}}} {{{17}}} {{{18}}} {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Censo total 2014 6.796 habitantes
Menores de 15 anos 713 (10.49 %)
Entre 15 e 64 anos 4.141 (60.93 %)
Maiores de 65 anos 1.942 (28.57 %)

Patrimonio editar

 
Capela Virxe do Porto, ao fondo o Faro de Meirás.

A Casa Consistorial atópase aloxada no interior dun edificio sito na Porta do Sol, construído polo arquitecto modernista ferrolán Rodolfo Ucha Piñeiro en 1945. É un edificio de planta rectangular e tres alturas, que destaca polo corpo de planta cadrada, que sobresae do seu tellado en forma de torre, lugar onde sitúanse o reloxo e o escudo do Concello.

O pazo de Riva atópase localizado no lugar que lle dá nome, na parroquia de Valdoviño. É un pazo tradicional de arquitectura galega, de planta irregular formada por varios corpos e dúas alturas, onde merecen especial mención, na súa entrada principal, os seus balcóns de madeira pintados de cor verde e vermella. Ademais, conta con dous hórreos, un reloxo de sol e o escudo da familia dos Ponce de León, que fan lembrar o pasado señorial deste edificio.

O pazo de Timiraos é outro dos exemplos destas casas señoriais que salpican todo o concello de Valdoviño. Na actualidade, despois dun longo proceso de restauración, consérvase en moi bo estado. Merecen especial mención os escudos modernos da súa fachada principal, que nos aclara a orixe deste edificio.

A capela de San Mamede é un pequeno templo sen un estilo claramente definido. A súa planta rectangular dunha soa nave remata no presbiterio, onde destaca a decoración do seu altar maior.

A igrexa de Santa Eulalia de Valdoviño atópase localizada no alto dun outeiro, dende onde domínase toda a zona e gran parte da praia e da lagoa da Frouxeira. É un templo de estilo ecléctico e planta rectangular dunha soa nave, á que se acaroan catro corpos utilizados como capelas laterais, ábsida hexagonal e coro alto.

A lagoa da Frouxeira é unha das zonas húmidas máis importantes de todo o Concello. Localízase ao pé da praia da Frouxeira. Constitúe un ecosistema de gran valor, no que habitan milleiros de aves, en especial, migratorias, que atopan na lagoa o lugar ideal para descansar e aniñar. Foi declarada como Espazo Natural Protexido polo Convenio Ramsar.

A igrexa de Santiago de Lago é un templo de estilo barroco levantado no século XVIII, con planta rectangular, dúas capelas laterais, ábsida e sancristía. Na súa fachada principal, merece especial atención a fornela sita sobre a súa portada, coa imaxe do Santo e, no seu interior, sito no seu altar maior, gárdase un retablo barroco.

A igrexa de San Vicente de Meirás é un pequeno templo de planta rectangular cunha soa nave, dúas capelas laterais, presbiterio e sancristía, que destaca pola súa torre campanario de planta cadrada sita no centro da súa fachada principal e rematada en forma piramidal. O seu elemento de maior interese é o retablo gótico do seu altar maior.

A igrexa de Santiago de Pantín é un templo de estilo ecléctico con planta de cruz latina, unha soa nave, presbiterio e dúas capelas laterais. Na súa fachada principal, á que se atopa acaroada a unha das súas bandas unha torre campanario de planta cadrada e coroada por unha cúpula, destaca, sita sobre a súa portada, un fornelo coa imaxe de Santiago. No seu interior gárdanse, sitos nas súas capelas laterais, retablos neogóticos.

A igrexa de San martiño de Vilarrube atópase localizada sobre unha ladeira, arrodeada de árbores no lugar de Adro. É un templo de estilo barroco con planta rectangular dunha soa nave cuberta con bóveda de canón, ábsida, dúas capelas laterais e sancristía. Destaca pola cor branca da súa fachada, que presenta unha torre campanario de planta circular e rematada por unha cúpula. Merece especial mención o retablo neogótico do seu altar maior, coas imaxes da Sagrada Familia e de San Martiño, patrón da igrexa.

O pazo de Vilarrube atópase sito nos arredores da igrexa de San Martiño, sobre o cumio dun monte dominando toda a enseada de Esteiro. É un edificio de grandes dimensións e planta irregular fundado polas familias Piñeiro e Maseda, cuxos escudos consérvanse na súa fachada. Merecen especial mención os xardíns que arrodean todo o edificio e a pequena ermida sita no seu interior, que garda un interesante retablo barroco. Na actualidade, é de propiedade privada, non podendo ser visitado.

A ponte de Porto do Cabo localízase na parroquia de San Martiño de Vilarrube. Foi construída na época medieval e utilizada dende as súas orixes para salvar o río Porto do Cabo, do que recibe o seu nome. Posúe dous arcos de medio punto, un deles de menor medida, utilizado nos medres do río.

Economía editar

Valdoviño é un concello con importante base agrícola, forestal e en menor medida gandeira. Nos últimos anos instalouse un parque eólico no límite con Narón. O concello tamén ten unha grande importancia como lugar residencial e nos meses de verán unha importante ocupación turística pola súa fermosa natureza. As empresas máis importantes existentes en Valdoviño son a química Gairesa orixinaria do concello e a carpintaría Cándido Hermida. Hai tamén unha piscifactoria de Isidro de la Cal.

Galería de imaxes editar

Parroquias editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Valdoviño

Lago (Santiago) | Loira (San Pedro) | Lourido (San Bartolomeu) | Meirás (San Vicente) | Pantín (Santiago) | O Sequeiro (Santa María) | Valdoviño (Santalla) | Vilaboa (San Vicente) | Vilarrube (San Martiño)


Lugares de Valdoviño editar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Valdoviño vexa: Lugares de Valdoviño.

Notas editar

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Valdoviño".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Valdoviño reivindiva o ter sido o lugar de orixe da primeira pataca europea. Diario de Ferrol
  9. Porto Dapena, José Alvaro (2015). "Sobre o topónimo "Valdoviño"". Estudios mindonienses: Anuario de estudios histórico-teológicos de la diócesis de Mondoñedo-Ferrol. (31): 437–462. ISSN 0213-4357. 
  10. Castros da Terra de Trasancos
  11. Catálogo de Edificaciones Concello de Valdoviño. Xunta de Galicia (en PDF)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar