Narón
Narón (xentilicio «naronés/naronesa») é un concello da provincia da Coruña situado entre a ría de Ferrol e o océano Atlántico e pertencente á comarca de Ferrol, sendo na actualidade a área de expansión urbana máis importante da comarca. Narón limita cos concellos de Ferrol, Valdoviño, San Sadurniño e Neda. Segundo o IGE en 2020 tiña 39.056 habitantes (20.177 mulleres e 18.879 homes), o que a converte na oitava vila de Galicia (38.285 no 2010, 35.664 no 2006, 35.083 no 2005, 34.404 no 2004, 33.825 en 2003), sendo o cuarto núcleo de poboación na provincia da Coruña despois da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Narón | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 39.051 (2023) (583,63 hab./km²) | ||||
Xentilicio | naronés, naronesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 66,91 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 26 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Marián Ferreiro Díaz (2017–) | ||||
Eleccións municipais en Narón | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15570 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15054 | ||||
Páxina web | naron.es |
É un concello mixto, con sete parroquias (Castro, Doso, Pedroso, San Xiao de Narón, Sedes, Trasancos e O Val) eminentemente rurais nas que viven menos da cuarta parte da poboación e cun núcleo urbano de máis de 29.000 hab. formado polos barrios da Gándara, A Solaina, O Alto do Castiñeiro, Piñeiros, O Couto, Freixeiro e Xuvia, destacando pola súa poboación as catro primeiras. Reordenado polo Concello de Narón baixo o nome de Narón ou Cidade de Narón, que agrupa máis das 3/4 partes da poboación de Narón.
Xeografía
editarNarón ten unha superficie duns 66 km² e debuxa un perímetro irregular. Dende a ría de Ferrol onde desemboca o río Inxerto e seguindo o seu curso hoxe totalmente canalizado ao seu paso pola Gándara (baixo a Estrada de Castelao) ata as vivendas da Virxe do Mar. Cos anos a urbanización da Gándara fixo que se modificasen eses límites naturais en función de acordos entre o concello de Narón e Ferrol. O límite entre os dous concellos segue por Santa Icía ata a estrada de Valdoviño e cun perfil irregular ata o océano Atlántico na praia de Ponzos. A franxa de océano de Narón ten praias virxes como O Casal ou Lopesa que estiveron practicamente inaccesibles ata a construción da senda litoral costa Ártabra, un camiño peonil e para bicicletas. Narón limita con Valdoviño compartindo a praia de Lopesa na zona do Val, onde un pequeno cordal pecha a chaira de Trasancos, e logo nas parroquias de Sedes e Pedroso, onde o Monte de Nenos (367 m, a maior altura de Narón) forma o peche setentrional do concello, e dende onde se ven asombrosas vistas da ría de Ferrol e a terra de Trasancos. Na marxe meridional, dende a desembocadura do Xuvia ata A Gándara só destaca o pequeno Couto que dá nome á parroquia onde se sitúa.
|
|
Clima
editarO clima en Narón é temperado. A temperatura media anual é de 14,2 °C. As precipitacións son de 998 mm por ano.[Cómpre referencia]
Dados climáticos | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima media (°C) | 13,1 | 13,4 | 15,4 | 16,5 | 18,2 | 20,6 | 22,4 | 23,0 | 22,0 | 19,0 | 15,6 | 13,6 | 17,7
|
Temperatura media (°C) | 10,0 | 10,1 | 11,8 | 12,9 | 14,7 | 16,9 | 18,8 | 19,2 | 18,2 | 15,4 | 12,3 | 10,4 | 14,2
|
Temperatura mínima media (°C) | 7,0 | 6,9 | 8,3 | 9,3 | 11,2 | 13,3 | 15,2 | 15,5 | 14,5 | 11,9 | 9,1 | 7,3 | 10,7
|
Precipitacións (mm) | 116 | 95 | 89 | 80 | 71 | 48 | 30 | 41 | 70 | 101 | 129 | 128 | 998
|
Fonte: Clima Narón es.climate-data.org [cando?] [Cómpre referencia] |
Demografía
editarA evolución da poboación de Narón está ligada á inmigración que recibiu na segunda metade do século XX, poboación chegada do agro ás cidades, a situación de Narón como periferia de Ferrol.[Cómpre referencia] O aumento moderado da poboación nos últimos anos e o mantemento deste nivel de crecemento está máis ligado á creación de infraestruturas propias no concello, servizos, autoestrada, polígonos industriais e ordenamento urbanístico.[Cómpre referencia] Desde 2014 Narón está preto de acadar os 40.000 habitantes:[1] no 2016 estivo a falta de 574 persoas para acadar ese valor.
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Censo total (2017) [1] |
39.280 habitantes | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
De 0 a 15 anos | 6.052 | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
de 16 a 64 anos | 25.392 | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
de 65 e máis anos | 7.836 |
Historia
editarNa Ría de Ferrol non se atoparon asentamentos do neolítico antigo (6000-4000 anos antes da era actual) nin anteriores a esas datas. Si se teñen atopado petróglifos nas inmediacións da veciña Ermida de Chamorro (Serantes, Ferrol)[2] e a Pena das Coviñas en Brión. En Río do Pozo teríase atopado a pegada máis antiga atopada en Trasancos. Unha ferramenta de pedra traballada para cortar carne, un chopping tool de datación exacta descoñecida. No Val, no Monte da Lagoa (Pena Grande) nos límites con Ferrol foi identificado un Valado Prehistórico, causewayed enclosure ou henge.
En 1867 Leandro de Saralegui Medina falaba da existencia dos restos de dous dolmens preto de Ferrol. Un deles destruído no século XVIII para aproveitar as pedras na construción e o outro preto de Chamorro (Serantes) do que só quedaban dous chantos de 2,90 m e 3,56 m, tamén destruído.
Os asentamentos máis antigos na terra de Trasancos da que formaban parte o actual Narón, Ferrol, San Sadurniño, Valdoviño e Neda son 65 mámoas (4000 a 2000 anos antes da era actual):
- No monte de Nenos 16
- Na zona baixa do Val e Leixa 6
- No monte da Cha e Brión 30
- No monte de Campaíñas e Mougá 13
Para contar a historia de Narón habería que falar da cultura propiamente megalítica ou das mámoas, que arrinca dun Neolítico final (do 3.000 ao 2.700 a.C).
As mámoas foron inicialmente concibidas como lugares destinados a enterramentos, e concentrábanse tanto en vales coma en outeiros, tanto no interior como na costa. O aspecto de montiños que teñen desde lonxe é o que lles dá nomes como Monte de Nenos ou Montiños de Moura.
Aínda que a actividade agrícola provocou a súa destrución nas áreas dedicadas ao cultivo, quedan en Narón dous campos de mámoas. Un primeiro conxunto con catorce túmulos, situado no cumio do monte de Nenos, e outro nos límites co concello de San Sadurniño. Os dous datan da Idade de Bronce. No Monte de Nenos está unha canteira prehistórica das pedras para os dolmens.
Tódalas mámoas foron violadas e ningunha foi escavada. Nos enxovais das cámaras acháronse armas, machados ou puntas de frecha. Narón non ten museo de arte prehistórica e os achados feitos desta época son de particulares.
Os castros identificados no que hoxe é Narón son quince[3][4][5]:
- Castro de Quintá (O Val)
- Castro do Vilar (San Mateo, Trasancos)[6]
- Castro de Sequeiro (San Xiao de Narón)
- Castro da Revolta (San Xiao de Narón)[7]
- Castro de Eiravedra (Sedes)
- Castro dos Bicás (San Xiao de Narón)[8]
- Castro da Ermida (desaparecido, Pedroso)[9]
- Castro do Petouzal (O Couto)
- Castro de Castro (desaparecido, Castro)
- Castro de San Estevo (Sedes)
- Castro de Vilasuso (O Val)[10]
- Castro de Pereiruga (Pedroso)
- Castro de Pena Lopesa (O Val)
- Castro da Pedreira (O Val)
- Castro de Sedes (Sedes)
En Ferrol foron identificados uns 15 castros, en Neda 5, en Valdoviño 20, en San Sadurniño 5, en Ares 5 e en Fene 9.
Na época da Romanización, a vida cotiá dos castros non sofre variación. Tampouco o medio nin as institucións políticas sufriron grandes cambios, xa que a romanización apenas tivo incidencia nas nosas terras. O que si é certo é que do seu paso polo noso territorio quedaron algúns sinais importantes. En Lóngaras, A Gándara, atopouse un cuncheiro que foi escavado polo arqueólogo municipal André Pena Graña. Entre as cunchas de ostras apareceron anacos de cerámica romana datada no século I antes da era actual e século I despois da era actual. En Covas (Ferrol) consérvase a explotación aurífera de Covarradeiras.
No ano 844, entre xuño e agosto, as naves normandas chegaron ao Mar da Xoiva (Ría de Xuvia). Saquearon e queimaron o mosteiro prerrománico de San Martiño. Os duques e condes de Ramiro dirixiron unha expedición á Terra de Faro (proximidades da cidade da Coruña) onde derrotaron aos piratas logrando que marchen a Lisboa e Sevilla onde continuaron os saqueos. Duascentas naves saquearon as vidas dos veciños. Aínda que Galicia sufriría varios ataques máis, sería esta a única invasión normanda documentada nas crónicas de Trasancos.
San Martiño de Xuvia cítase por primeira vez nun documento con data 15 de maio do 977. Foi unha doazón ao mosteiro feita por Visclávara Vistráriz, señora de Trasancos e descendente do que fora duque e bispo de Xuvia.
In dei nomine amen. Inuicctissimo almo atque Pannonie nato olimpo in regno Martino nempe uocato cuius baselica siccta est in ualle Trasanquos fluminis Iuuie ripa, [...] in quo loco domino nostro pontifex et uenerabilis Argimirus tenuit mire ducato per ordinationem Ranimiri prinipis,[...]"
Nos séculos XI e XII o mosteiro de Xuvia gaña importancia ata o século XIII en que o mosteiro de Sobrado pasa a ser o máis importante do país.
No século XIII fúndase Ferrol, Neda e A Graña.
No século XVIII créanse os Reais Arsenais de Esteiro e con eles complexos fabrís industriais, muíños para fariñas, moenda de trapos para facer pasta de papel de estraza e común, e triturar pedra para curtir. O muíño de mareas das Aceñas, dous muíños de vento e o muíño de Amenadás entre outros.
Ata o ano 977, no que aparece na colección diplomática do mosteiro de San Martiño de Xuvia o primeiro documento, a historia de Trasancos escribíase nas epígrafes doutras terras. Coa lectura do manuscrito, asinado por Visclavara Suarit, sabemos que San Martiño é o eixo de toda a vida trasanquesa, non só como difusor cultural a través da escritura senón como centro político, económico e relixioso.
Os condes e duques, señores destas terras, manteñen aínda os antigos títulos de príncipes, pervivindo así ao longo dun milenio institucións do pasado. Estes príncipes teñen uns infantes aos que lles conceden as "villae". Á súa vez estes cabaleiros viven das rendas que perciben dos labregos e das taxas que lles impoñen aos homes libres da súa xurisdición. Trasancos acolle o máis importante clan de Galicia, que ten residencia no mosteiro de San Martiño. É a dinastía dos Petriz ou Froilaz, máis tarde condes de Trava, que contribuíron a consolidar este mosteiro, xunto ao de San Salvador de Pedroso, entre os máis influentes de Galicia. Nos primeiros anos do s. XIII, a terra de Trasancos sofre profundos cambios, e fúndanse as vilas de Neda e Ferrol.
Este feito trouxo fondas implicacións en todos os eidos e a ruptura da autarquía política e económica tradicional. Houbo tamén neste momento loitas internas entre fidalgos para chegar a establecerse como comedeiros dos mosteiros, e creouse un ambiente social violento e enrarecido. Chegan, así, anos escuros e caos económico, a desastrosa Batalla do Salgado contra os árabes e os primeiros gromos de peste negra. Con isto San Martiño vai perder unha poboación que no século XVI non se recuperara.
Polo ano 1418 rómpese en Trasancos o equilibrio social entre liñaxes, da que se deriva a Primeira Revolta Irmandiña, dirixida por Roi Xordo. Cando labregos e fidalgos de San Martiño intentarían frustradamente sorprender a Nuno Freire de Andrade en Ferrol. O sangue irmandiño decorreu polo Eume e o Xuvia, e quedou Trasancos baleiro.
Século XIV
editarO século XIV vería outra revolta máis e outra nova derrota. Avanzando o XIV e XV, e coa reforma dos Reis Católicos, o protagonismo dos mosteiros de Xuvia e Pedroso acabará definitivamente. O noso concello articúlase no século XVI nunha serie de coutos ou xurisdicións de novo cuño, relacionadas cunha serie de casas tradicionais. O couto de Trasancos era xurisdición de Antonio de Castro. Tamén existían San Xiao de Narón, dependente da vila de Ferrol, San Mateo de Trasancos, O Val e o Couto de Pedroso, que comprendía catro parroquias. Coa merca da xurisdición dos coutos monásticos, os fidalgos impoñen as bases da preeminencia territorial. Os labregos trasanqueses con terras propias víronse despoxados delas mediante roubos ou vendas impostas pola fidalguía. A partir de entón só as poderán obter por un alugueiro curto de entre seis e oito anos.
Revolución industrial
editarO vello rigor das freguesías é recuperado a mediados do século XVIII, tras douscentos anos de decadencia, de maneira que a comarca acada un activo papel económico e cultural que será pioneiro en Galicia. Outro factor importante que fai prosperar as nosas terras é a creación en varias freguesías dunha rede de complexos fabrís industriais. Con elas obtíñanse diferentes fariñas, tratadas en muíños que aínda hoxe conservamos e que configuran a paisaxe dun inmobiliario arqueolóxico e industrial valorado nos nosos días.
Creación do Concello
editarEn 1820 as Cortes de Cádiz crean sobre o papel os concellos de Trasancos e Pedroso pero non será ata 1837 cando na casa da Pena de Embade comece o Concello de Narón, o concello tiña entón 5.018 veciños.Coincidindo coa creación dos concellos prodúcese unha masiva compra de terras polos grandes latifundistas. Isto ocasiona unha deterioración progresiva e un endebedamento dos labregos, co que desaparece a pequena propiedade. A mediados do século XIX, a industria do Concello de Narón renóvase totalmente, xurdindo os laminados de cobre e os teares. A desamortización fai que as terras pasen a mans de caciques e os labregos teñen que emigrar.
Século XX
editarAo inicio do século XX Narón como outros concellos de Galiza estaba nas mans de caciques. Os postos municipais eran herdados de pais a fillos. O 13 de marzo de 1918 día da Feira do Trece en Sedes prodúcese a chamada Revolta das Pedradas. Traballadores das fábricas de Xuvia protestan polas condicións de traballo, ás súas queixas súmanse os labregos protestando polos impostos. Un concelleiro pagaba 1,92 pesetas de impostos e un labrego 110 pesetas. A todo isto sumábase o malestar pola chegada do ferrocarril. Os labregos tiñan medo de que trouxese produtos que os deixasen sen poder vender os seus. Das protestas diante do negocio do alcalde Xosé Fernández Lemos pásase ao lanzamento de pedras. O alcalde fai chamar á Garda Civil que dispara contra os labregos. A Benemérita mata a seis labregos, fire a moitos e leva presos. Esa mesma tarde o Concello de Narón facía público un comunicado.
"vandálico atropelo do que foi vítima o señor alcalde na súa propiedade por parte duns cantos bandidos que enarborando a bandeira da fame trataban de saquear o seu establecemento"
Os traballadores dos estaleiros solidarízanse cos labregos e van en manifestación a pé ata a Feira do Trece. Os labregos organizáronse en sindicatos e cooperativas. Xurdiron así as cooperativas de Pedroso, Sedes, San Mateu, O Val ou Castro.
En 1933 o concello xa en mans republicanas fixo un monumento na Feira do Trece onde foran asasinados os labregos, durante a guerra civil foi destruído. Ese mesmo ano Bartolomé Freire puxo a funcionar en Narón un pequeno almacén de ferralla co tempo o negocio medraría, chegando a ser a actual Megasa.
En 1960 trasládase a Xuvia a Casa do Concello. O estaleiro Astano a finais dos anos 60 en mans do Banco Pastor e a principios dos 70 co INI da o salto á construción de grandes petroleiros. Unha nova onda de inmigrantes coas súas familias chega a Narón. En 1968 inaugúrase a Ponte das Pías, os barrios da Gándara e Santa Icía medran como periferia de Ferrol. A crise do petróleo e a entrada de España na CEE no 1985 condenan o sector naval á reconversión. A reindustrialización de Ferrolterra pasa por un polígono industrial que se constrúe nas marismas da Gándara. Durante anos o polígono está baleiro. Pequenas empresas de servizos e comerciais comezan a ocupar os terreos. O 13 de setembro de 1991 o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive voa unhas torres de alta tensión nas Pontes deixando durante 48 horas a toda a comarca sen enerxía eléctrica.
En 1992 Alcampo abre no polígono industrial da Gándara o seu hipermercado, o futuro de Narón pasa por outro tipo de empresas. Asumida a realidade comercial da Gándara o polígono esgota a superficie, as empresas comezan a instalarse na estrada de Cedeira no que agora se chama polígono das Lagoas. Nos anos 90 o constante crecemento de Megasa e o esgotamento do carbón da mina das Pontes fan que centos de camións enchan a estrada de Castela transportando chatarra, aceiro e carbón. A noite do 13 de xaneiro de 1998 á 1:15 o Discoverer Enterprise esnaquizaba a ponte das Pías. Durante os meses que duraron as obras de reparación da ponte, os concellos de Ferrolterra volveron ter as comunicacións do século XIX. O tren inaugurado en 1913 ocupa o papel de transporte de proximidades que nunca tivo. A Ponte das Pías reconstrúese ampliada agora con catro carrís, dous en cada sentido. Narón, como periferia de Ferrol padeceu o narcotráfico e a inseguridade cidadá. O 14 de setembro de 1996 a maior manifestación de Narón con cinco mil persoas contra o narcotráfico recorreu o Concello saíndo dende Freixeiro [11].
Século XXI
editarConstrúese a autoestrada AP-9 que chega a Ferrol por unha nova ponte sobre a ría pasando por Narón, con dous novos ramais: un ata Xuvia e o outro ata A Gándara onde xa está o centro comercial Odeón. A autoestrada en Freixerio enlaza co novo polígono de Río do Pozo xurdido co obxectivo de trasladar Megasa fóra de Xuvia, proxecto rexeitado pola empresa e que deixaría durante anos o polígono baleiro como pasara co da Gándara. En sucesivas ampliacións Río do Pozo chega a ter máis de dous millóns de metros cadrados e segue medrando cruzado pola AG-64 a Autovía Ferrol-Vilalba. A estrada de Castela volve ser unha estrada residencial. Esgotada a superficie para construír en A Gándara e Santa Icía o Concello traslada a casa do concello ao Alto do Castiñeiro. Narón é unha cidade con centro urbano.
Cultura
editarToponimia
editarO topónimo «Narón» sería da raíz preindoeuropea “nar-“ que significa auga, curso de auga. San Xiao de Narón por onde pasa o río Salgueiro deu nome ao concello ao ser onde se reunía o concello no século XIX, dende 1837 na Pena de Embade[12]. En 1960 construíuse en Xuvia a Casa do Concello deseñada polo arquitecto ferrolán García Lastra. Xa no século XXI a Casa do Concello trasládase ao Alto do Castiñero sendo dende entón o centro administrativo do concello.
Ata a constitución do Concello de Narón en 1837 o territorio que hoxe ocupan Narón, Ferrol, San Sadurniño, Valdoviño e Neda era coñecido como «Trasancos»: os que queiman o monte para cultivar. En lingua antigoeuropea: “Trs-“ = "queimar", "tostar", lat. torreo, "facer rozas para cultivar"[13].
Patrimonio
editarO 15 de outubro de 2001 André Pena Graña atopou no castro de Santa Comba unha lousiña circular do tamaño e da forma dunha fusaiola duns catro centímetros de diámetro coa seguinte inscrición a Reva datada no século I da era actual: REBE TRASANCI AVG[VST]E[14].
O concello conta cunha grande oferta cultural, no ano 2008 inaugurouse un dos maiores teatros e centros culturais de toda Galiza: O Pazo da Cultura de Narón, ademais de contar xa cunha biblioteca no Alto e cun museo etnográfico na parroquia de Sedes sobre a vida labrega nesta comarca do país, Aldea Nova.
- Casa da Cultura. De principios do século XX foi unha casa de indianos, está situada na Estrada de Castela. É un dos centros culturais máis importantes da poboación primeiro como biblioteca pública é lugar onde realízanse ao longo de todo o ano numerosos actos culturais. Foi mercada polo concello e restaurada no ano 1982.
- Presa do Rei. Foi mandada construír polo rei Afonso XIII e utilizada nas súas orixes para dar enerxía á Real Casa da Moeda de Xuvia, situada do outro lado do río Xuvia, xa no concello de Neda.
- Mosteiro de San Martiño de Xuvia. Tamén coñecido como Mosteiro do Couto, foi mandado construír polo Conde de Traba no século XII sobre os restos dun templo anterior ao século X. É de estilo románico galego e forma conxunto coa Igrexa de San Martiño de Xuvia. Foi declarado Monumento Artístico Nacional.
- Igrexa de San Martiño de Xuvia. Mandouna levantar no ano 1137 polo Conde de Traba. É un templo románico con planta basilical de tres naves, divididas por arcos de medio punto e tres ábsidas semicirculares. No seu interior gárdase o sepulcro gótico de Rodrigo Esquío, cabaleiro do século XV.
- Igrexa de Santa Rita de Xuvia. É un templo de estilo ecléctico, con planta rectangular dunha soa nave dividida en varios treitos e cuberta con bóveda de canón, capelas laterais e presbiterio. Merece especial mención a súa fachada principal, na que destacan as súas dúas altas torres campanario coroadas por dúas cúpulas con forma piramidal e un rosetón sito sobre a súa portada principal, que da iluminación ao templo.
- Ponte de Xuvia. É unha ponte de finais do século XIX, que foi levantada sobre os restos dunha antiga ponte romana. Atópase localizada no límite entre os concellos de Narón e de Neda.
- Muíño de Xuvia: en 1858 era o principal muíño do país en capacidade de produción na súa clase. Recibía o trigo en barcos do Báltico, de América e de Santander. Pero non acabou aí a súa contribución á economía da zona, e anos máis tarde este muíño fariñeiro chegou a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre. A posterior perda da súa importancia económica non lle restou un chisco da súa beleza, reflectida nunha fermosa presa, recollida por un paseo de magnolios. A poucos metros desta fermosa estampa atópase o desaugadoiro do río Xuvia na ponte dos Andrade, que serve como liña estremeira dos concellos de Narón e Neda. Ademais de muíño fariñeiro, chegou a mover unha fábrica de papel, unha fábrica de tecidos e unha fábrica de laminados de cobre que alternaron e complementaron a historia do muíño. Encóntrase o final do paseo marítimo de Xuvia, preto do Ponto, e este muíño encóntrase en desuso actualmente.
- Aldea Nova é un parque temático integral de desenvolvemento rural, situado en Sedes, inaugurouse en 2007 co apoio da Unión Europea e a través dun plan PODER (Programa Operativo de Desenvolvemento e Diversificación Económica de zonas Rurais). Encóntrase na parroquia naronesa de Sedes, nunha saia do monte de Nenos. Aldea Nova é o único espazo aberto e vivo adicado ao desenvolvemento rural sostible en Galicia, así como ao seu estudo, divulgación e experimentación. É un proxecto que pretende impulsar, en definitiva, a revitalización social, económica e ambiental destas áreas máis aló do mundo urbano, seguen conservando tanto a esencia da cultura tradicional galega. Os responsables de Aldea Nova teñen entre un dos seus obxectivos explicar á sociedade as enerxías renovables e a súa grande importancia de cara a preservar o medio ambiente
- Igrexa de Santa María a Maior do Val. É un templo barroco con planta de cruz latina sito en Baltar, ao norte da parroquia de O Val. Destaca pola súa fachada coroada por unha espadana dobre, que se atopa arrodeada por unha balconada de pedra. Sobre a súa portada principal hai un rosetón, utilizado para alumear o interior do templo.
- Convento de Baltar. Foi nas sas orixes, século XVI, un pazo mandado construír pola Marquesa de Lago-San Sadurniño. Máis tarde foi reconvertido en Convento grazas á súa doazón, realizada pola Marquesa aos freires claretianos. Como elementos máis importantes merecen especial mención a Capela do Sagrado Corazón e unha fonte barroca.
- Capela de Santa Margarida (O Val). Foi construída no século XV e é un dos templos máis antigos de todo o Concello. É unha pequena igrexa de planta rectangular cunha soa nave e presbiterio cuberto con bóveda de cruceiro.
- Pena Molexa. É un dos monumentos naturais máis singulares de Narón. Atópase localizada no lugar de Vilasuso, na parroquia de O Val, e trátase dunha grande rocha de varias toneladas de peso sobre a cal sitúanse outras de menor tamaño. Conta a lenda que un feitizo converteu a unha fada nesta espectacular rocha.
- Pazo de Libunca, coñecido tamén como Chalé de Cabezas, localízase na parroquia de Castro e foi mandado construír pola Familia Montenegro a comezos do século XX. Na actualidade foi reconvertido nun hotel e nos seus arredores hai un xardín botánico.
Etnografía
editarFestas e celebracións
editar- Feira do Trece. Sedes. Cada día 13 do mes e o último domingo de cada mes[15].
- Festa de San Xosé Obreiro. O primeiro de maio.
- Festa de Santa Rita. En Xuvia o 22 de maio.
- Rally Cidade de Narón. Datas 8, 9 e 10 de xuño[16].
- Oenach atlántico. Aldea Nova, Sedes. Datas 27, 28 e 29 de xullo[17].
- Festas do Pemento do Couto. O 30 de xullo.
- Festival Internacional de Folclore de Narón, mediados de xullo[18].
- Día de Narón, 23 de novembro, festivo local.
Cidades irmandadas
editarNarón está irmandado co concello de Cerro, A Habana (Cuba).[19] En 2017 o concello iniciou xestións par irmandar Narón con Caracas.[20]
Economía e urbanismo
editarÉ unha cidade inconclusa que aínda mantén características da súa orixe como cidade dormitorio de Ferrol, que vivía tamén do sector naval, e que pouco a pouco se vai convertendo no principal motor industrial e de lecer de Ferrolterra, situándose coma un dos concellos economicamente máis fortes de Galiza.
En Narón hai tres zonas industriais importantes:
- Río do Pozo, un dos meirandes polígonos industriais de toda Galiza, no que se instalaron empresas tan importantes coma a sede de Pull and Bear, Indipunt (tamén do grupo Inditex), Cándido Hermida, Gabadi, Megasa, unha cementeira ou o centro loxístico de Lidl.
- Polígono industrial da Gándara (parte do cal pertence a Ferrol), onde se atopa o maior centro comercial da comarca, o C.C. Odeón, e Poligal.
- Polígono das Lagoas, Cementos Cosmos ou o Grupo Intaf.
O concello conta con vías rápidas de alta capacidade, xa que a autoestrada AP-9 atravesa o núcleo urbano, conta con dous ramais que unen o parque empresarial do Río do Pozo coa autoestrada e a circunvalación de Narón dende A Gándara ata Xuvia. Pasa ademais a autovía Ferrol - Vilalba e a vía de FEVE Ferrol - Xixón ten varios apeadoiros no concello.
A cidade de Narón é unha cidade que sofre dunha grave desorde urbanística e que logo de varias décadas, co novo plano urbanístico vai emendando ese problema pouco a pouco. Exemplo disto son as liñas de alta tensión que ata hai pouco pasaban polo medio de populosos barrios, as vías de RENFE e FEVE que exercen de barreira e numerosas rúas sen saída e de escasos equipamentos . Porén, grazas ao gran crecemento en número de vivendas, a cidade vai gañando en calidade de vida, aínda que prazas e parques son aínda unha utopía e segue a dominar o cemento .
Infraestruturas
editarHoteis [Cómpre referencia] | |
---|---|
Categoría | Cantidade |
3 hoteis | |
1 hotel | |
3 hoteis |
Lixo e reciclaxe
editarO concello de Narón ten un dos servizos de recollida de lixo e reciclaxe máis antigos existentes en Galiza,[Cómpre referencia] primeiro coa recollida de papel e vidro que foi ampliando cos anos ata a construción pola mancomunidade de municipos da planta de compostaxe de Mougá[21]. O proxecto fracasou por unha mala recollida selectiva do lixo.[22] O concello de Narón está adherido ao servizo prestado por Sogama. En Río do Pozo hai unha planta de transferencia de lixo de Sogama que tamén é empregada por Ferrol. En Río do Pozo tamén existe un Punto Limpo compartido con Neda onde se poden achegar cascallos, electrodomésticos, plásticos, mobles ou chatarra. O concello recolle de xeito separado papel-cartón, aceite usado e pilas. Tamén hai algúns colectores para a recollida de roupa á marxe do servizo municipal. Os envases son recollidos en colectores amarelos e faise cargo deles Sogama. O Concello de Narón aprobou en xaneiro de 2013 unha nova normativa ambiental que obriga a separar o lixo para a súa reciclaxe.
Servizo de auga
editarCosma é a concesionaria do servizo de augas en Narón. A auga que se consome en Narón provén do encoro das Forcadas[23] situado en Valdoviño e propiedade[24][25] do concello de Ferrol que fornece ademais de Ferrol e Narón, a Fene, Mugardos, Ares e Valdoviño. A auga potabilízase en Catabois. O ciclo da auga remata na EDAR de Cabo Prioriño (Ferrol)[26] e na EDAR de Punta Avarenta (Ares).
Saúde
editarO concello de Narón forma parte da área de saúde de Ferrol, zona norte da provincia da Coruña. O principal centro sanitario é o Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos de Ferrol. A atención sanitaria primaria é o Centro de Saúde de Narón que está situado xunto á Casa do Concello. Hai dous consultorios máis: o do Val e o de Pedroso.
Centros de ensino
editarO principal centro de ensino de Narón é o IES As Telleiras e o de formación profesional Terra de Trasancos, ambos en Freixeiro.
Lecer e entretemento
editarExisten varias áreas recreativas coma a do muíño de Pedroso, que conta tamén con cámping, ademais do da Picota, no Couto, en obras, e a Presa do Rei en Xuvia; e un parque urbano ás beiras do río Freixeiro, onde se está a construír unha das meirandes urbanizacións de toda a comarca, que incluirá o terceiro centro comercial do municipio. Os outros centros comerciais son Odeón e o CC Narón xunto á Casa do Concello. O CC Odeón é o maior centro comercial da comarca; nel hai ximnasio e numerosos restaurantes e cafetarías, así como doce salas de cine e xunto a el o maior hotel de Narón.
Deporte
editarNarón ten un equipo de fútbol na terceira división, o Narón Balompé Piñeiros, e o Rally Cidade de Narón do certame galego. Ademais, en Narón practícanse moitas disciplinas deportivas.
Política e goberno
editarO alcalde de Narón é, dende xaneiro de 2009, Xosé Manuel Blanco (Terra Galega) gobernou apoiado por BNG e PSdeG. Nas eleccións municipais de 2015 acadou 10 concelleiros, a un da maioría absoluta. No seu primeiro mandato, ao igual que o seu antecesor no cargo, Xoán Gato, mantivo un pacto de goberno co Partido Popular, cuxa voceira no Concello, Ángeles Díaz Pardo, era a primeira tenente de Alcaldía.
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xuño de 2018) |
Eleccións municipais, 24 de maio de 2015[27] | Histórico de alcaldes do Concello[28] | ||||
---|---|---|---|---|---|
Partido | Votos | % | Concelleiros | Nome | Período |
Terra Galega | 6 408 | 38,51 % | 10 | Marián Ferreiro Díaz | 23 de setembro de 2017-actualidade |
PPdeG | 3 639 | 21,87 % | 5 | Xosé Manuel Blanco | 2009-setembro 2017 |
PSdeG | 1 489 | 8,95 % | 2 | Xoán Gato Díaz | 13/12/1985-21/01/2009 |
BNG | 1 353 | 8,13 % | 2 | Antonio Martínez Aneiros | 19/04/1979-13/12/1985 |
EU | 1 008 | 6,06 % | 1 | Antonio Sánchez Berbis | 23/12/1974-16/04/1979 |
ENE | 888 | 5,34 % | 1 | Nemesio Quintia Luaces | 27/11/1974–23/12/1974 |
Coalición de goberno: Terra Galega e BNG[29] | Marcial Calvo Hermida | 10/09/1954–27/11/1974 | |||
Manuel Prado Fernández | 24/01/1947–06/09/1954 |
En setembro de 2012 a edil de Converxencia Galega María Porto incorporouse ao goberno de Xosé Manuel Blanco para facerse cargo das áreas de Relacións Institucionais, Novas Tecnoloxías e Turismo[30][31]. En setembro de 2017, Marián Ferreiro Díaz substituíu a Xosé Manuel Blanco que renunciou ao cargo por motivos de idade[32].
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Narón.
-
Biblioteca do Alto do Castiñeiro.
-
Pazo da Cultura.
-
Fonte do Carballo.
-
Fonte na Solaina.
-
Praza de Galicia.
-
Parque cemiterio de Narón.
-
Vista dos accesos á empacadora de lixo de Sogama en Río do Pozo.
-
Servizo de recarga eléctrica en Narón.
-
Oenach atlántico de Sedes, en 2015.
-
Anduriña, A Gándara.
-
Servizo de bombeiros de Narón en Río do Pozo.
-
Placa altimétrica do concello.
-
Monumento ás vítimas da Revolta das Pedradas, Sedes, Narón.
Parroquias
editarLugares de Narón
editar- Artigo principal: Lugares de Narón.
Notas
editar- ↑ "Narón celebra los 40.000". La Voz de Galicia. 4/10/2014.
- ↑ O Petroglifo de Chamorro (San Salvador de Serantes, Ferrol) (en Dialnet) Juan A. Carneiro Rey, Ramón Fábregas Valcarce. Gallaecia, ISSN 0211-8653, Nº 22, 2003 , páxs. 73-86
- ↑ "Os castros. Páxina web do Concello de Narón". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2014. Consultado o 22 de novembro de 2012.
- ↑ Castros de Narón. O Noso Patrimonio
- ↑ Castro de Pena Grande
- ↑ Castro de Vilar (en castelán)
- ↑ Castro de Revolta Arquivado 24 de abril de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Castro de Bicás Arquivado 21 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Castro da Ermida Arquivado 19 de agosto de 2014 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Castro de Vilasuso Arquivado 19 de agosto de 2014 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ La espada de Damocles de la droga Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine. lavozdegalicia.com
- ↑ Segundo Fernando Cabeza Quiles, IvanFernandezCoba.blogspot.com
- ↑ "1º Prehistoria. Neolítico". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 01 de agosto de 2012.
- ↑ "Un excepcional achado epigráfico, André Pena Graña, arqueólogo do Concello de Narón". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2016. Consultado o 01 de marzo de 2013.
- ↑ "Feira do Trece". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2012. Consultado o 01 de agosto de 2012.
- ↑ Rallye de Narón
- ↑ Sedes Narón
- ↑ O rico folclore de tres continentes encheu o Pazo da Cultura de Narón diariodeferrol.com
- ↑ Narón se reunirá con el cónsul de Cuba para retomar su hermanamiento con el municipio de Cerro ferrol360.es
- ↑ LA ALCALDESA RECIBIÓ EN SU DESPACHO AL CONSUL GENERAL DE VENEZUELA EN GALICIA Y ASTURIAS naron.es
- ↑ "Vieiros: Galiza Hoxe - A aposta científica pola compostaxe". www.vieiros.com. Consultado o 2019-03-27.
- ↑ Santamarta, Rubén (2005/01/12). "Medio Ambiente derriba la antigua planta de compostaje de Mougá". www.lavozdegalicia.es.
- ↑ Estado de los embalses y pantanos de España. Embalse: FORCADAS
- ↑ Dende o Encoro das Forcadas situado no concello de Valdoviño e propiedade do Concello de Ferrol a auga captada percorre 17,4 km... Emafesa, concesionaria do servizo de aguas de Ferrol
- ↑ "Os Concellos de Ferrol e Valdoviño celebran o 50 aniversario do inicio das obras da presa das Forcadas". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 07 de marzo de 2016.
- ↑ Cosma, S.A. (Compañía de Servicios Medioambientales do Atlántico, Sociedad Anónima) (en castelán).
- ↑ Eleccións en Narón lavoz.com
- ↑ Concello de Narón (ed.). "O 23 de novembro, Día de Narón!!". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2013. Consultado o 13 de novembro de 2013.
- ↑ Los dos ediles del BNG de Narón se ocuparán de cuatro concejalías. diariodeferrol.com
- ↑ Narón presenta su cuatripartito como «un goberno único e sen illotes» (en castelán)
- ↑ "Converxencia Galega intégrase no goberno municipal de Narón". Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2016. Consultado o 11 de setembro de 2012.
- ↑ "Marián Ferreiro, primera alcaldesa de Narón". lavozdegalicia.es. Consultado o 24-09-2017.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Narón |
Bibliografía
editar- Narón, terra de futuro, 2004. Concello de Narón.
- Narón, unha historia ilustrada na Terra de Trasancos, 2019. Merlán, Eva e outros.
- Pena Graña, André. Muiñería Industrial: A Real Fábrica de Fariñas da Ponte de Xuvia, 2003. Concello de Narón.
- Pena Graña, André. Narón, un concello con historia de seu I. Concellaría de Cultura, 1991 (Primeira edición). ISBN 84-920185-9-3, 9788492018598 (en Calameo)
- Pena Graña, André. Narón, un concello con historia de seu II. Concellaría de Cultura, 1992. ISBN 84 87674321 (en Calameo)
- Pena Graña, André. Narón, un concello con historia de seu III. Concellaría de Cultura, 2007. ISBN 978 84 92018598 (en Calameo)