Neda

concello da comarca de Ferrol, na provincia da Coruña

Neda é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol, situado na ría de Ferrol. Segundo o IGE en 2014 tiña 5.327 habitantes (5.528 no 2009, 5.675 no 2006, 5.771 no 2005, 5.804 no 2004, 5.913 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «nedense».

Modelo:Xeografía políticaNeda
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°30′00″N 8°09′31″O / 43.5, -8.1585
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor en Wikidata
CapitalNeda Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación4.910 (2023) Editar o valor en Wikidata (205,53 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie23,89 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude758 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataÁngel Alvariño Saavedra (2015–) Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Neda Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15510 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE15055 Editar o valor en Wikidata

Sitio webneda.es Editar o valor en Wikidata

Xeografía

editar

Neda é un pequeno municipio da Coruña, situado no fondo leste da ría de Ferrol (ría de Xuvia, anteriormente, na Idade Media chamada mar de Neda[Cómpre referencia]). Conta cunha poboación que apenas supera os 5.800 habitantes, nunha superficie de 24 km², que se estenden, dende a ribeira da ría e seguindo polos vales dos ríos Belelle, Xuvia e Castro, en chaira, que vai ascendendo aos montes Ancos, Marraxón e Louseira. Na marxe máis occidental do concello, xa na costa da Ría de Ferrol atopamos territorio de marismas cun paseo marítimo, e na marxe norte da desembocadura do río Besteiro, pequeno afluente do río Belelle, unha illa tamén composta por terreo de marisma, a cal é posible acceder cando hai marea baixa. As marismas non se atopan en moi bo estado por causa da influencia das obras do paseo marítimo no fluxo normal das augas, o que propicia un estancamento destas, e pola cantidade de lixo que se pode atopar diseminado na zona. Malia todo, neste lugar podemos atopar especies animais como os parrulos, moi numerosos, garzas que son un mínimo de oito e que a diferenza dos parrulos, móvense continuamente por todo o norte da ría. Tamén podemos atopar especies como o corvos mariños que, grazas a abundancia de peixes na marxe nedense da ría se atopan habitualmente nun tronco varado ben visible dende o paseo marítimo. En canto a especies acuáticas, os munxes son moi correntes. As troitas son vistas na desembocadura do Río Belelle, na cal, se se ten sorte, podemos ver especies mamíferas como as Lontras que están a ser reintroducidas. Os roedores son comúns nas marxes máis humanizadas das marismas. Na lagoa creada polo paseo marítimo podemos atopar un solo moi contaminado polos aceites e o estancamento de auga o que fai que certos grupos de cangrexos adoptasen cores amarronadas acorde co solo do lugar, que é ben diferente ao do resto nedense da ría, tinguido pola cor verde de certas algas que crecen na zona. En canto á flora, atopamos nestas marismas plantas propias de terreos coma estes, especies invasoras como a pampa arxentina. No paseo atopamos árbores coma piñeiros.

O terreo de Neda é bastante irregular excepto pola planicie do río Belelle. O monte máis alto é o monte das Louseiras con territorio compartido co veciño San Sadurniño, no que se chega aos 500msnm. Os montes de Ancos e o Marraxón, divididos polo val do Belelle, miden 200 e até 400 metros de altura respectivamente. O Marraxón, ao contrario que Ancos, non pertence completamente ao concello de Neda senón que a marxe sur pertence ao concello de Fene. Os dous montes teñen na súa maioría plantacións de eucaliptos con excepción das marxes do Belelle que están compostas por unha gran extensión de árbores autóctonas, que se estende dende a Fervenza até a vila. Climáticamente Neda inclúese no clima oceánico de tipo cfb por atoparse no norte de Galicia. Ademais, a situación xeográfica do concello propicia o estancamento de nubes e ocasionalmente brétemas en todo o val do Belelle o cal fai que Neda sexa un lugar húmido polo xeral. No inverno as temperaturas son frescas e con abundantes choivas e poucas horas de sol, igual que o outono e os principios da primavera. En anos fríos poden chegar a caer precipitacións en forma de neve nas zonas máis orientais do concello pero sen chegaren a perdurar, sendo raro que pase. A finais da primavera e no verán as temperaturas son suaves e cunha tendencia a diminuír en precipitacións pero non se pode dicir que exista polo xeral unha tempada seca nun momento exacto do ano.

O municipio de Neda mantivo unha permanente relación de complementariedade e dependencia co centro comarcal. Dela proveñen efectos inducidos, mais tamén as súas oscilacións viñeron en paralelo coas rexistradas polo municipio urbano.

Dentro dos 5.512 habitantes totais 2.697 son homes e 2.815 mulleres. Até os 30 anos é maior o número de homes que o de mulleres, pero a partir dese estrato invértese a tendencia para inclinar a composición global do municipio. Ao longo dos seus 23,8 km², o municipio de Neda presenta 4 parroquias: Anca, Neda (San Nicolás), Neda (Santa María) e Viladonelle.

Conforme o último nomenclátor de 1991, a zona de maior concentración territorial é Santa María, que conta con 3.876 habitantes, o 61,6% do total, seguida de San Nicolás, co 25,6%. Por outra parte obsérvase unha forte tendencia cara o asentamento nos núcleos, onde residen 5.860 habitantes, o 93,2%, mentres o 6,8% restante faino en zonas diseminadas. En Neda contabilízanse 2.126 activos, dentro dos cales existen 1.644 ocupados e 482 parados. O sector de maior incidencia para o conxunto municipal son os servizos. Neles ocúpanse 807 habitantes, o 49,1% do emprego total. Destacan principalmente os 207 cidadáns dedicados á rama do comercio e as reparacións, o 12,6% do emprego total do municipio; os 119 adicados á Administración Pública, defensa e servizos sociais, o 7,2%; e os 112 empregados na Educación, o 6,8%. En moitos casos estas actividades realízanse no concello veciño de Ferrol, dentro das actividades propias dun foco urbano, na Educación, Administración e Defensa.

Neda presenta unha taxa de actividade do 39,3% e unha taxa de ocupación do 30,4%. O paro rexistrado no INEM presenta unhas altas cifras de desemprego. En 1981 o municipio xa contaba con 490 parados, cifra que aumentou ata os 650 desempregados de 1988, cifra tope de desemprego no municipio, produto da reconversión industrial. No ano 93 mostrábase unha recuperación importante que deixaba o índice de paro en 533 habitantes, aínda que sería en 1996 cando se mostre un mellor momento neste sentido, coa redución ata os 442 desempregados. Para 1997 aumentouse un pouco esta cifra, contabilizando, finalmente, 476 parados.

 
Ponte da ría de Ferrol, ao fondo a do ferrocarril.

O peso comercial de Neda é dunha interesante variedade, segundo recolle o anuario comercial de 1998, onde se reflicte a presenza no municipio de 3 oficinas bancarias; 69 actividades industriais, 29 delas adicadas á construción e 28 á industria manufactureira; 13 actividades comerciais maioristas e 93 actividades comerciais minoristas, 35 delas na contorna das actividades relacionadas coa alimentación. Ademais, o sector da restauración conta con 46 actividades de restauración, bares e hostalería. O tecido empresarial ven definido especialmente por unha serie de empresas concretas. Destaca a presenza de Galicia Textil fabricante de tecidos de algodón, que aporta a máxima facturación do municipio, co cadro de persoal máis amplo, 99 empregados, adicados ao campo téxtil.

Tamén cómpre destacar unha empresa adicada á construción e as actividades contratistas, que conta con 43 empregos directos. Á súa vez, temos que sinalar duas empresas maioristas, adicadas á rama da alimentación, unha dentro da actividade de produtos comestibles e outra en fariñas e cereais.

As principais vías de comunicación son a LC-1 (antiga N-VI) que comunica Betanzos con Ferrol, así como a C-642 cara a Ribadeo e a C-641 cara a Lugo. En 2003 inaugurouse o acceso á AP-9 ata Ferrol cunha nova ponte sobre a ría de Ferrol. A estación de Neda está na liña de ferrocarril entre Ferrol-A Coruña e Monforte de Lemos.

Historia

editar
 
Fervenza do río Belelle.

No actual concello de Neda hai castros en Marraxón (O Roxal-Anca), Castro de Ancos (Monte Ancos-Casadelos-Neda), Vilasuso (Neda) e o Castro de Viladonelle (O Castro-Viladonelle).[1]

Aínda que Neda aparece citada por primeira vez en documentos do século X (chamada "Nida" nun documento do ano 936), conserva restos megalíticos e castrexos, o que é indicativo da importancia desta zona dende a antigüidade. A súa capital, San Nicolás, mantén formas medievais e conserva edificacións dos séculos XVII e XVIII. Podemos afirmar que na Idade Media, Neda era unha vila importante, na que residían notables familias, algunhas enterradas na igrexa parroquial como os Esquiu.

Durante aqueles anos, Neda foi coñecida polo seu porto comercial e o seu estaleiro, no que foi construído o barco que participou na reconquista de Alxeciras, no ano 1344, o que fixo que o rei Afonso XI concedera a Neda os foros, que favoreceron a súa economía.

Se nos referimos ao patrimonio natural, temos que citar o río Belelle, un dos seus eixos de desenvolvemento no pasado. Nos seus bordos tivo lugar a evolución da sociedade da vila, e as súas primeiras industrias forxáronse grazas ás súas augas. Hoxe en día persisten os muíños que abasteceron as industrias panadeiras, tanto dos pequenos negocios familiares como as denominadas "Casas Reales" ou "Fábricas do Bizcocho", propiedade da Casa dos Austrias, que subministraban o pan e as galletas consumidos polos mariñeiros nas travesías.

Na zona da fervenza aínda se pode desfrutar da vexetación típica das fragas atlánticas, polo que podemos afirmar que algo nos queda daquelas fragas de Neda, famosas e apreciadas nos séculos pasados, grazas á boa e abundante madeira que ofrecían. Con esta riqueza madeireira funcionaron os estaleiros na desembocadura do Belelle, ao tempo que se abastecían as vilas veciñas.

A riqueza natural desta zona fai que non sexa estraño atopar animais pouco visibles noutros lugares: miñatos, gabiáns, garzas e parrulos, que aniñan e medran na desembocadura, onde hai unhas interesantes marismas, nas que ás veces é posíbel ver lavercas.

O seu crecemento económico estivo moi vinculado ao río Belelle e a súa sona pola boa auga. A actividade de moenda e fabricación de alimentos para as reais fábricas que na ría se construíron para a Armada Española. Negocios que seguen a día de hoxe co Pan de Neda e o aproveitamento eléctrico do ría Belelle por Unión Fenosa e o río Xuvia pola empresa Galicia Textil.

Durante o 18 de xullo de 1936, a poboación obreira e sindicalista do concello tentou organizar certa resistencia ás forzas golpistas e, algúns deles, dar apoio a infantería ferrolá fiel á República. Logo de esmagar a resistencia, a represión franquista contra os veciños do concello foi dura coma en toda a comarca de Ferrol. Organizáronse certos grupos guerrilleiros nos montes de Sansadurniño, Neda e Moeche que obtiveron certa relevancia durante os comezos da ditadura.[Cómpre referencia]

Poboación

editar
Censo total 2014 5.327 habitantes
Menores de 15 anos 536 (10.06 %)
Entre 15 e 64 anos 3.245 (60.91 %)
Maiores de 65 anos 1.546 (29.02 %)

Fonte: INE

Evolución da poboación de Neda   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
4.753 6.565 9.172 6.935 5.804 5.489 5.422
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Economía

editar

A economía do concello está baseada na pesca, a agricultura, explotación forestal e na súa grande empresa: Galicia Textil. Nos últimos anos o turismo estase a mostrar como outro importante factor. Por Neda pasa o Camiño Inglés. O novo pulo que deu a festa do Pan de Neda está a dar unha nova oportunidade de negocio a produtos de calidade. A construción de novos accesos como a AP-9 supuxeron outro factor importante.

Rutas e camiños

editar

Camiño inglés

editar
Véxase tamén: Camiño inglés.
 
Cruceiro de San Nicolás.

Atravesa o municipio cara a Compostela e pódese unir co que vai ao norte cara ao santuario de Santo André de Teixido. A parte do camiño que pasa polo municipio nedense consiste en cruzar a ponte peonil (vindo polo paseo marítimo de Narón vese a simple vista, é unha ponte cun dobre arco), atopando o albergue enfronte, xunto a un parque e ao IES Fernando Esquío (dende Ferrol queda a uns 13 km). Logo seguindo polo paseo marítimo hai que chegar até a Igrexa de Santa María de Neda, onde hai unha ponte peonil sobre o río Belelle, unha vez cruzada torceremos cara a dereita pola primeira rúa (Camiño do Paraíso), continuando por el até a Torre do Reloxo, onde antigamente era o Hospital de Peregrinos, actualmente trátase da Casa Consistorial, outro lugar onde asinar as credenciais. Seguimos cara a dereita pola Rúa Real, onde podemos ver casas asoportaladas dos séculos XVII-XVIII, até a Rúa do Castro.

No cruzamento cóllese á dereita, xunto a Igrexa de San Nicolás de Neda do século XIV, que posúe un cruceiro dos más antigos de Galicia, logo retrocedemos para tomar á esquerda pola Praza da Reitoral e saír da Vila pola Avenida Morgado. Despois torcemos á dereita cara a estación do tren, pasando por debaixo da autoestrada e torceremos entón á esquerda, até saír á estrada AC-115.

Seguimos por esa estrada uns metros cara á dereita e logo pola primeira á esquerda (camiño do Murallón), subimos por el até o final. Torceremos á dereita baixando até O puntal de Arriba, logo á esquerda por Conces, despois pola primeira bifurcación á esquerda ata a fonte e un lavadoiro, e despois á dereita, entrando no Concello de Fene.

Outras rutas

editar
  • Camiño circular polo Marraxón.
  • Ruta circular de Neda, a chamada PRG-16
  • Ruta dos muíños.
  • Senda e travesía da Louseira.
  • Paseo marítimo do río Xuvia.

Festas

editar

A Festa do Pan

editar
Artigo principal: Pan de Neda.

A Festa do Pan de Neda é un evento anual para promover o produto gastronómico máis famoso da vila de Neda. Con esta festa preténdese exaltar e valorar o labor dos panadeiros e forneiros de Neda. A primeira celebrouse en 1989, e foi organizada pola "A.V. Ancos" facéndoa coincidir co remate das festas de Sta. María de Neda.

Celébrase o primeiro domingo de setembro, no seu inicio no recinto feiral de Albarón, pero a partir da XIX edición a súa situación pasou ao paseo Marítimo de Xuvia, á altura do albergue de Peregrinos. O motivo polo que se modificou a súa localización foi facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida.

Festa de Santa María

editar

As festas patronais de Neda celébranse polo 8 de setembro. A festa comeza coa tirada de bombas de palenque en honor a Santa María que anuncia o seu inicio. Despois celébrase unha misa solemne en honor á mesma virxe, habendo no segundo día actos semellantes. O último día de festa, durante toda a tarde, celébrase a festa dos nenos con diversas actividades lúdicas .

Outras festas

editar

En Neda celébranse outras festas como:

  • No Roxal, en honor a San Paio nos días 2 e 3 de maio.
  • Nos Pazos, en honor a San Isidro, o 15 de maio.
  • En Casadelos, en honor a San Antonio, o 13 de xuño.
  • En Anca, en honor a San Pedro, o 29 de xuño e en honor a Virxe dos Remedios o 12 de outubro.
  • Na Cobeluda, a festa do río, os días 1 e 2 de agosto.
  • Na Cruz do Pouso, en honor a San Roque, o 16 de agosto.
  • No Puntal, a festa da Mercede, o 24 de setembro.
  • En Viladonelle, en honor a San Andrés, o 30 de novembro.
 
Igrexa de San Nicolás.

Patrimonio

editar

Igrexa de San Nicolás

editar

A Igrexa de San Nicolás de Neda está situada na rúa Reitoral e foi levada no século XV. É un templo de estilo gótico cunha soa nave, ábsida rectangular e capelas laterais. No seu interior merece especial mención, situado no presbiterio, o sepulcro de Diego Esquío. Nos seus arredores destaca o Cruceiro de San Nicolás. É un dos mellores exemplos de todo o municipio e foi realizados en granito galego no século XV. Da feitura orixinal mantense só a Cruz gótica, unha das poucas que se conservan deste estilo en Galicia, coa imaxe do Cristo polas dúas caras e catro figuras aos seus pés.

Casa da Moeda

editar
Artigo principal: Real Casa da Moeda de Xuvia.

A casa da moeda estableceuse en Xuvia no ano 1790, co nome de "Fábrica Nacional de Cobrería" para a fabricación de cobre na construción dos barcos dos estaleiros de Ferrol. Debido á guerra, en 1811, esta fábrica convértese nunha fábrica de moeda. Cuñou as pezas de cobre durante os reinados de Fernando VII e Isabel II. Era das poucas fábricas de cobre que desenvolvían unha actividade cuñatoria, e a súa maquinaria desenvolvía unha beleza na moeda non alcanzada en épocas anteriores. Ademais das moedas destinadas á circulación, non convén tampouco pasar por alto a cuñaxe de medallas dedicadas a motivos diversos, dotadas dun importante interese histórico e avaladas pola oficialidade de ser emitidas por unha ceca do Estado. Hoxe en día, esta fábrica xa non realiza ningún traballo, e os seus terreos forman parte da empresa Galicia Textil.[2][3]

Torre do Reloxo

editar

A Torre do Reloxo encóntrase situada na rúa Calvo Sotelo, contigua á Casa Consistorial de Neda, e foi levantada no ano 1876 sobre os restos dun antigo edificio utilizado como hospital de peregrinos, a Casa Hospital e a Capela do Santo Espírito. Destacan os escudos da súa escaleira principal pertencentes ás familias señoriais dos Esquío e Andrade

Vila de Neda

editar

A Vila de Neda é unha casona do século XIX situada na Estrada de Castela, ao seu paso pola Ponte de Xuvia. É un edificio de dúas plantas e mansarda, que destaca polo seu fermoso soportal cuberto situado na fachada principal. É un dos mellores exemplos deste tipo de construcións de todo o Concello

Casa da Rúa Castro

editar

A Casa situada na Rúa Castro é un edificio de estilo tradicional levantado a finais do século XIX. Destaca o balcón de ferro forxado do seu piso superior, protexido por dúas fermosas galerías.

Casa Mariñeira

editar

A Casa Mariñeira de Neda é un dos mellores exemplos de casa mariñeiras cos que conta o municipio. É un edificio de planta cuadrangular e dúas alturas, que destaca pola súa fermosa balaustrada decorada con flores de cores rechamantes.

Casa Rivero

editar

A Casa Rivero encóntrase situada na Avenida de Xuvia de Neda. Foi construída no século XIX e posúe unha planta irregular.

 
Igrexa de Santa María de Neda.

Igrexa de Santa María de Neda

editar

A Igrexa de Santa María de Neda está localizada a escasos metros da Ponte do Río Belelle. Foi levantada no século XVIII e o seu estilo predominante é o barroco. É un templo de planta de cruz latina cunha soa nave dividida en tres tramos, que destaca pola súa torre campanario de dous corpos situada no centro da súa fachada principal e rematada por unha fermosa cúpula. No seu interior gárdase, situada no seu altar maior, a imaxe de madeira do Cristo de Cadea. O Cruceiro de Santa María atópase a carón da igrexa. Foi construído con granito galego e destaca pola figura de madeira do Cristo.

Muíños

editar
  • Muíño do Parrando: último muíño antes da desembocadura do río Belelle, situado á marxe esquerda da ponte de Santa María. Na actualidade é dunha vivenda.
  • Muíño do Cubo: situado á marxe esquerda do río Belelle. O seu estado de conservación é bo pero non está en funcionamento. Na parte alta é unha vivenda e o cubo do muíño úsase como piscina.
  • Muíño da Roda ou de Marraxón: situado á marxe esquerda do río Belelle, no lugar da Ponte Grande. O seu estado de conservación exterior é bo. É unha vivenda particular. O seu nome de Roda provén de se mover antigamente cunha roda de aspas.
  • Muíño de Moncho: está situado á marxe dereita do río. A súa presa dá continuidade a unha serie de pequenos muíños situados nunha canle. Na actualidade non está a traballar e o seu interior é unha vivenda con garaxe e cortellos.
  • Muíño do Tiniguilado : está situado na marxe dereita do río. Aproveita as augas do Muíño de Moncho. O nome ven de que na beira do camiño había un alboio para gardar os carros da repartición de fariña. Úsase como vivenda.
  • Muíño do Foxo: está situado na marxe dereita do río. Aproveita as augas dos muíños de Moncho e de Tinguilado. Agora é unha vivenda.
  • Muíño de Carballo ou de Balbina : situado á marxe dereita do río Belelle no lugar da Ponte Grande . Traballou até fai pouco tempo atendido polo muiñeiro Jenaro "O Galleto". A propiedade ten dúas pontes, que daban paso á xente a pé dende Pename ata A Mourela.
  • Muíño de Alejandro "O Carrizo": situado á marxe esquerda do río Belelle no lugar da Mourela Baixa. Coñécese tamén como "Fábrica de papel da Mourela". O seu estado de conservación é bo, pero non traballa. Na planta alta ten vivendas. Seguindo as súas augas había un pequeno "chánquelo" (muíño pequeno que aproveitaba as augas do muíño principal).
  • Muíño de José Rico: está situado na marxe dereita do río, no lugar de Camiño Vello. Na actualidade hai unha panadería.
  • Muíño de Bigotes: está situado na marxe esquerda do río Belelle no lugar de Maciñeira. Traballou até o ano 1970 e ao morrer o seu coidador pasou a ser un taller de carpintería de aluminio. Logo foi unha piscifactoría e na actualidade está abandonado.
  • Muíño do Furgado: localízase na marxe dereita do río Belelle. Aproveitaba as augas da canle do Muíño das Bombas e de Antonio Pilar. O seu estado é ruinoso.
  • Muíño de Antonio de Pilar : sito na marxe dereita do río Belelle. Aproveitaba as augas da canle do muíño e das Bombas para facer a moenda. Está restaurado e serve e vivenda particular.
  • Muíño de Luís de Canido: está situado na marxe dereita do río Belelle. Está en período de recuperación. Neste lugar instaurouse unha colonia de verán. O muíño ten acceso polo de Luciano co que compartía cubo.
  • Muíño de Luciano: está localizado na marxe dereita do río Belelle. Na porta de entrada ao muíño, na parte alta, destaca unha cruz pero descoñécese o seu significado. O seu estado é ruinoso.

Galería de imaxes

editar
Artigo principal: Galería de imaxes de Neda.

Parroquias

editar
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Neda

Anca (San Pedro) | Neda (San Nicolás) | Santa María de Neda (Santa María) | Viladonelle (Santo André)

  1. Castros de Neda http://onosopatrimonio.blogspot.com.es
  2. Pita Fernández, Ricardo Luís (1996). A Real Casa da Moeda de Xubia: breve historia e catálogo das súas cuñacións. Andavira, Santiago de Compostela. ISBN 84-89641-37-4.
  3. Pita Fernández, Ricardo Luís (1999). Numismática galega. A Moeda en Galicia e Galicia na Moeda. Santiago de Compostela. ISBN 84-605-9958-2.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar