Coordenadas: 43°30′15.04″N 8°09′14.97″O / 43.5041778, -8.1541583

O pan de Neda é un tipo de pan fabricado en Neda (provincia da Coruña) sen denominación de orixe aínda que recoñecido pola Xunta de Galicia pola súa calidade e importancia social e económica[1]. O pan de Neda é coñecido dende a Idade Media aínda que foi variando de composición co tempo. Cada ano o primeiro domingo de setembro dende 1989 celébrase a festa do Pan de Neda por iniciativa da asociación de veciños de Ancos. Actualmente a festa é organizada polo Concello de Neda e os panadeiros.

Imaxe dunha panadería de Neda.

Historia

editar
 
Fervenza do Río Belelle.

A historia do pan de Neda está vencellada á da construción dunha base naval e de estaleiros na ría de Ferrol por parte do rei Filipe II de España, para facer fronte aos ataques costeiros, como o do pirata inglés Francis Drake, que en 1589 atacou a cidade da Coruña.

Para abastecer á armada, xurdiron en Neda as Reais fábricas de biscoito, aproveitando a fariña moída coas augas do río Belelle, que xa contaba con muíños desde a Idade Media. Estes biscoitos ou bolachas eran unha especie de pan que se mantiña comestible durante meses, necesario para as longas travesías ata América. Chegábanse a producir cinco mil quintais de pan ao mes.

Durante os séculos XVII, XVIII e principios do XIX, Neda e Xuvia estaban consideradas o hórreo de Galiza. Entón a ría de Xuvia era navegable. No século XVIII produciuse en Ferrol a que está considerada a primeira folga de España cando aos traballadores tentaron trocarlles o pan de Neda por pan feito no propio estaleiro.[2] Existe unha captación que leva a auga do río Belelle cruzando a ría pola ponte do ferrocarril ata o arsenal militar.

 
Festa do Pan de Neda en 2015.

As augas do Belelle xa tiñan sona como as mellores do país para a fiaduría, moenda de pan e saúde. En 1917, El Ideal Gallego publica un folleto de 16 páxinas titulado Estudio analítico, químico y bacteriológico del agua de La Fervenza, escrito polo director do laboratorio municipal de Ferrol, Santiago de la Iglesia. Nel deixábase constancia científica da boa calidade das augas do Belelle e da súa pureza atopando nela fungos do xénero dos Pencilium.

Ata os anos 50 continuaron a funcionar os muíños no río Belelle. Dende entón o pan de Neda foi perdendo pouco a pouco a súa importancia aínda que mantivo a súa sona local. En 1989, a Asociación de Veciños de Ancos organizou unha festa para dar a coñecer e promover os produtos. Tanto o pan como as bolas, empanadas ou doces.

O pan de Neda diferénciase do pan de Cea en moitas características. Ademais de ter un sabor máis forte e ser un tipo de pan que se pode comer nada máis sacado do forno, nun ou dous días gaña en corpo e adquire a súa consistente miga, fácil de desfacer pero con corpo. O pan consérvase mantendo esas características unha ou dúas semanas e incluso máis tempo. Os bolos teñen forma redonda de dous e máis quilos.

  1. DiariodeFerrol.com (ed.). "A Festa do Pan de Neda logra a declaración de Interese Turístico por parte da Xunta de Galicia". Consultado o 12 de xullo de 2013. 
  2. "Un viaje a las tripas de Navantia" Arquivado 15 de outubro de 2012 en Wayback Machine., artigo en La Voz de Galicia, 21 de maio de 2012 (en castelán).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar