Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive
O Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) foi un grupo armado galego terrorista cuxo obxectivo era a independencia de Galiza e a instauración dun réxime socialista, operativo en Galicia entre 1987 e 1991.
Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive | |
---|---|
![]() | |
![]() | |
Tipo | organización armada |
Ideoloxía | Independentismo galego e Socialismo |
Data de fundación | 1986 |
Data de disolución | 1991 |
Organización relacionada | Assembleia do Povo Unido e Galiza Ceive-OLN |
Persoas relacionadas | Antón Arias Curto e Manuel Chao Dobarro |
[ editar datos en Wikidata ] |
Traxectoria Editar
Fundouse en 1986 e estivo formado no inicio por militantes de Galiza Ceive-OLN e algún membro do PCLN, partido escindido da UPG. En xaneiro de 1987 realizan a súa primeira acción ao roubaren dinamita nas minas das Pontes de García Rodríguez. O 5 de febreiro poñen a súa primeira bomba na Audiencia provincial da Coruña.
O 1 de maio de 1988 atentaron contra Celulosas de Pontevedra, e durante o resto do ano roubaron bancos e diversos depósitos de armas. O 27 de maio dese ano atentaron contra un chalé propiedade de Manuel Fraga en Perbes, e como consecuencia foron detidos Alfredo Santos Conde, Manuel Álvarez Fernández, Xohan Arias López, Maria Pilar Casanova Fernández e Miguel Campuzano, que daquela era xefe de propaganda do sindicato INTG. Tamén se descubría un zulo en Abeleda[Cómpre referencia]. O 5 de xuño dese ano explotaron un coche-bomba no aparcadoiro da comisaría de policía nacional de Ourense, e o 30 de xuño eran detidos como consecuencia desta acción Antón Arias Curto, J.A. Matalobos Rebolo e José Manuel Sanmartín Bouza, todos eles formantes do Estado Maior Irmandiño (EMI). En resposta, atentaron contra a estatua de Franco en Ferrol con dinamita, e o 7 de setembro colocaron unha bomba nunha sede do Barclays Bank. Deste último feito foi acusada a portuguesa Alexandra de Queiroz Vaz Pinheiro.
En 1989 chega a dirixir o EGPGC Manuel Chao Dobarro, e o 1 de febreiro o grupo asasinou o garda civil Benedicto García Ruzo e feriu de gravidade a outro cando pretendían roubarlles armas, no concello de Irixoa[1]. A policía nacional e a Garda Civil desartellaron o comando, coa detención de Josefa Rodríguez Porca, xefa do comando, Francisco Javier Filgueira, Juan Carlos Deibe Varela, Manuel Irago Pereira, Francisco Xavier Niño Ricoy, Manuel Quintáns López e Eduardo Abad Loxo. Ademais, descubríronlles un zulo con 14 kgs de xelamonite e goma 2. Un informe policial da altura sinalaba a 14 empresarios galegos como vítimas dunha chantaxe que permitía financiar as actividades do grupo.
O 3 de xullo de 1990 fixo estourar tres artefactos en dúas oficinas do INEM de Ferrol e no Banco Pastor de Cerceda. O 11 de outubro de 1990 cometeu varios atentados con bomba contra negocios de persoas relacionadas co tráfico de drogas (en Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vilanova de Arousa), entre eles o realizado contra a discoteca Clangor, en Santiago de Compostela, alegando que era un centro de narcotráfico[2]. No atentado morreron tres persoas: unha estudante que estaba na discoteca e os dous terroristas Xosé Ignacio Villar Regueiro e Dolores Castro Lama. Como consecuencia, produciuse a detención en Les (Val de Arán) o 21 de novembro de 1991 de Manuel Chao Dobarro Álvaro e de Alexandra de Queiroz Vaz Pinheiro Patricia e de Maria do Carmo Viso Rubín, dirixente da Assembleia do Povo Unido (APU)[3].
O último atentado tivo lugar o 13 de setembro de 1991 voando varias torres de alta tensión nas Pontes o que deixou sen enerxía eléctrica a comarca de ferrolterra, unhas 300.000 persoas, durante unha noite e dous días. Realizaron un total de 90 accións terroristas.
En 1994 Chao Dobarro foi condenado a 17 anos de cárcere, De Queiroz a 10 (que despois chegarían a 56), e a seis os membros da APU Maria do Carmo Viso Rubín, Ignacio Jesús Martínez Orero, Isabel Cabarco Pemuy e Oliva Rodríguez Valladares. Ademais, foron condenados a longas penas de cárcere Josefa Rodríguez Porca (76 anos), Juan Carlos Deive (72 anos) e Fancisco Javier Filgueira (76 anos)[4].
Visibilidade política Editar
A súa expresión política foi Galiza Ceive-OLN, primeiro integrada na Frente Popular Galega e logo dando orixe á Assembleia do Povo Unido.
Notas Editar
- ↑ El ex guerrilheiro juzgado por matar a un guardia civil dice que disparó «a ciegas» Arquivado 24/10/2013, en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 7/4/03
- ↑ La ofensiva "guerrilleira" siembra el temor entre los narcotraficantes gallegos El País, 13-10-90
- ↑ Detenidos en Ferrol ocho presuntos miembros del Exército Guerrilleiro El País, 20-11-1991
- ↑ El último capítulo de una breve historia radical Arquivado 26/10/2013, en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 7/4/2003
Véxase tamén Editar
Ligazóns externas Editar
- Nova Poesía Galega - 1ª Declaraçom do EGPGC. Esta páxina web contén o logotipo do EGPGC.