A Gándara, Narón, Narón
A Gándara é un barrio da cidade de Narón no concello de Narón. Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2007 tiña 7.161 habitantes (3.484 homes e 3.677 mulleres), o que supón un aumento en relación ao ano 2003 cando tiña 6.488 habitantes.
A Gándara | |
---|---|
Praza da Gándara. Mapa OSM, outubro de 2015, da Gándara. | |
Parroquia | Narón |
Concello | Narón |
Coordenadas | 43°29′34″N 8°12′02″O / 43.492783333333, -8.2004833333333 |
Poboación | 7.161 hab. (2007) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Está situado no sur do concello, e limita ao norte cos barrios do Alto do Castiñeiro e A Solaina (Santa Icía), ao sueste coa ría de Ferrol, ao leste co barrio do Couto, e ao oeste co concello de Ferrol.
Este barrio tamén é coñecido polo nome da parroquia que o conforma, Santiago Apóstolo. Esta parroquia naceu nos anos sesenta logo da segregación da parroquia matriz que era a do Couto. Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Historia
editarA chegada a Ferrol do ferrocarril de Renfe en 1913 supuxo a construción dunha ponte sobre a ría de Ferrol. A nova liña dende O Couto ata a estrada de Castela na ponte das Cabras supuxo unha delimitación territorial. Dende entón A Gándara medrou de costas a esta liña. O proxecto de chegada do tren a Ferrol incluía outra liña desdobrada antes da ponte das Cabras polo actual trazado da Estrada da Trincheira, entón trincheira do ferrocarril, e ía ata Bazán. A liña construíuse pero non tivo raís e o trazado aproveitouse para facer o enlace coa autoestrada. Na Gándara durante moitos anos só se podía entrar e saír por cinco pasos a nivel. Dous deles sen barreiras: o do Couto e o do Colmeote. E outros tres que tiveron ata os anos 1980 garda: A Faisca, as vivendas do Bispo e o da rúa Concepción Arenal. Estes pasos fóronse pechando ata a súa total desaparición coa construción do acceso á estrada AP-9. O proxecto para construír un apeadoiro non se concretou e o tren nunca tivo estación na Gándara. O outro acceso por estrada estaba na Frontera, chamada así por estar no límite con Ferrol. Ata a construción do polígono da Gándara o río Inxerto que vai dende a ría de Ferrol pasando por onde está Alcampo facía de barreira natural xunto cas marismas que eran entón a actual parte do polígono da Gándara situado en Ferrol.
A construción da ponte das Pías supuxo o inicio do crecemento da Gándara como cidade dormitorio acollendo a unha onda de traballadores que se achegaban cas súas familias pola proximidade a Ferrol. A finais dos anos 1980 tallouse toda a Gándara. Ata entón, dende a beira do mar ata a liña do ferrocarril era un monte principalmente de piñeiros. Aínda pódese ver unha pequena faixa verde dende O Colmeote ata a estrada da Gándara que lembra como era a Gándara entón. A Gándara eran dous topónimos: A Gándara de Abaixo (a zona máis próxima á estrada da Gándara) e a Gándara de Arriba (a parte próxima á rúa Concepción Arenal), as zonas onde se concentraba a poboación. O crecemento urbanístico entre as dúas zonas e a indefinición dos límites unificou A Gándara como topónimo nos anos 1990. A principios dos anos 1970 o colexio que había na Gándara era o de Santiago Apóstolo, colexio privado onde os alumnos ían de uniforme.
A entrada de España na CEE trouxo imposta a reconversión naval. Como alternativa industrial construíuse o polígono da Gándara para acoller empresas alternativas ao naval. Unha parte do polígono está en Ferrol. Durante anos o polígono estivo baleiro. A chegada do hipermercado Alcampo iniciou o troco do nome e do uso. Pequenas empresas de servizos e comerciais comezaron a asentarse alí. Pasouse de Polígono Industrial da Gándara a Polígono da Gándara sen máis. Esta nova actividade encheu o polígono de concesionarios de coches, empresas de servizos e ata algunha industria que aproveitou para trasladarse alí como Fenya ou crearse con subvencións como Poligal. En terreos do polígono construíuse o Pavillón da Gándara e a Piscina municipal. A Gándara pasou de cidade dormitorio a centro de servizos. A apertura de Odeón en 2002 supuxo outro fito no crecemento do barrio.
Poboación
editarSegundo datos do Instituto Galego de Estatística tiña 7.161 habitantes no ano 2007 dos cales eran 3.484 homes e 3.677 mulleres, o que supón un aumento en relación ao ano 2003 cando tiña 6.488 habitantes. É o barrio máis populoso de Narón. A poboación da Gándara é preto da quinta parte de toda a poboación do Concello de Narón. A Gándara representa menos de 1,5% da superficie do Concello.
Centros educativos
editarEscola infantil da Gándara | CPR Santiago Apóstol[1] | CEIP A Gándara |
Economía
editarAs orixes da Gándara, do seu aproveitamento económico, están na agricultura de autoconsumo, no aproveitamento forestal (rematado nos anos 1980 e aínda cas últimas tallas no Colmeote) e no aproveitamento da ría en marisqueo a pé e en pequenas embarcacións e a súa posterior organización coa Lonxa da Gándara. Aínda queda un pequeno uso en leiras e algún aproveitamento para uso ornamental. O crecemento do barrio coa chegada de inmigrantes para traballar nos estaleiros e a consolidación como zona residencial foi trocando o uso que se lle deu aos terreos. Os pequenos negocios como bares algún dos cales tamén tiña tenda como a Casa Curtis na estrada da Gándara e o uso que se facía do bus número 7 para o transporte de mercadorías deu paso a fornos de pan e a pequenos supermercados de barrio condenados ao peche coa apertura de Alcampo. Ata a apertura do polígono industrial da Gándara eran negocios os que había na zona como obradoiros de costura que traballaban para empresas como Caramelo, unha pequena empresa química de lixivia que houbo na rúa María Pita e pequenos obradoiros de mecánica e mantemento que sempre houbo e que coa transformación do polígono da Gándara en comercial trouxo á zona concesionarios de coches de diversas marcas. Os intentos por asentar industrias na zona levaron á creación de empresas como unha queixería que rematou pechando, Poligal e o traslado da ferrolá Fenya hoxe centro de formación do concello. Este pequeno tecido industrial foi complementado coa apertura do centro comercial Odeón. Os cinco millóns de clientes que se achegan cada ano a Odeón supuxeron a apertura na zona de novos negocios de hostalería e lecer.
Lugares da Gándara
editar- O Colmeote
- Catro Camiños
- Predio dos Frades (xa non existe)
- Gándara de Abaixo (non se emprega)
- Gándara de Arriba (non se emprega)
- A Fronteira
Imaxes da Gándara
editarNotas
editar
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarLugares e parroquias
editarLugares de Narón
editarBarrios de Narón no concello de Narón, na provincia da Coruña | |
---|---|
O Alto do Castiñeiro | O Couto | A Gándara | Piñeiros | A Solaina | Xuvia |