Un henge é un tipo de construción neolítica consistente en movementos de terra en forma de recinto circular peraltado cunha canle interna. O termo henge foi empregado por primeira vez en 1932 por Thomas Kendrick tomando a raíz do topónimo Stonehenge, e que procede do inglés antigo heng, que significa "suspenso" ou "pendurado".[1][2]

Tres "henges", círculos concéntricos, en liña. Henges de Thornborough en Masham, North Yorkshire, Inglaterra.

Existen tres tipos de henges:

  • Henge: duns 20 a 300 m de diámetro. Adoitan ter pequenas evidencias de ocupación no interior e estruturas rituais como círculos de pedra.
  • Mini henge: de 5 a 20 m de diámetro. Tamén chamados monumento hengiforme ou henge de Dorchester.
  • Super henge ou recinto-henge (henge enclosure en inglés) presentan mostras de ocupación e adoitan ter máis de 300 m de diámetro.

Henges en GaliciaEditar

 
Imaxe da Roda Henge.
 
Monte da Lagoa, Narón.

Téñense localizado en Galiza, máis de 48 posíbeis construcións destas características, se ben a maioría permanecen sen investigar.[3]

En San Pedro de Benquerencia, Barreiros, localizáronse en 2006 os restos dun círculo lítico duns 50 metros de diámetro durante a construción da Autovía do Cantábrico. O henge de Roda ten uns 3700 anos de antigüidade[4][5]. Esta construción consta dun foxo exterior de entre tres e catro metros de diámetro e un metro de profundidade. O círculo está formado por dous muros, entre os cales se depositou terra do foxo, formando así o parapeto. Tería no punto máis alto probablemente os tres metros. Consérvase a zona de entrada, de entre metro e medio e dous metros, orientada ao noroeste. Xunto á entrada hai unha pedra que podería ser un dos menhires que delimitaban o acceso.

Outro henge podería estar en Coeses (Lugo), o Henge de Lavandeiras[6], índa sen estudar. En San Bartolomeu de Xove, nas obras do corredor San Cibrao Ferrol foi atopada unha formación similar ás anteriores.[7]

NotasEditar

  1. "Henge". Dictionary.com (en inglés). Consultado o 6 de agosto de 2015. 
  2. Rothwell, Henry. "Henges – or the archaeology of etymology (or vice versa); The man who gave us the word". Digital digging (en inglés). Consultado o 6 de agosto de 2015. 
  3. Diario, Nós. "Os 'henges' galegos da Idade de Bronce". Nós Diario. Consultado o 2022-01-22. 
  4. [1], artigo de José Alonso en La Voz de Galicia, 22 de xaneiro de 2016 (en castelán).
  5. "A Roda, el Stonehenge gallego", artigo de José Alonso en La Voz de Galicia, 1 de agosto de 2015 (en castelán).
  6. [2]
  7. "A Roda, un henge en Galiza sermosgaliza.gal". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2017. Consultado o 28 de decembro de 2017.