Metalurgia Galaica, SA., coñecida polo seu acrónimo Megasa, é unha empresa galega siderometalúrxica situada no concello coruñés de Narón no barrio de Xuvia ao fondo da ría de Ferrol. Adícase á laminación de redondos para construción nun forno eléctrico empregando chatarra ou barras de aceiro. Ten unha capacidade de produción de tres millóns de toneladas.

Megasa S.A.

Megasa, vista dende Neda
TipoSociedade Anónima
Fundación1953
MatrizGrupo Megasa
LocalizaciónEstrada de Castela, 802-820 Xuvia, Narón 15570 A Coruña Galicia Galicia
FundadorBartolomé Freire Lago
IndustriaMetal
ProdutosSiderurxia
Metalurxia
Ferro
Beneficio135 596 853 € (2016)[1]
Número de empregados200[2] (1.000 en todo o grupo)
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

A empresa ten a súa orixe cando Bartolomé Freire Lago, o maior de dez irmáns, funda en Xuvia un almacén de ferralla. A familia Freire é orixinaria das Somozas. Bartolomé Freire era un mozo emprendedor dunha familia de ferreiros que en 1924 e con vinte anos emigra a Cuba. De alí volta en 1931 para seguir a traballar na ferrería da familia. En 1933 trasládase dende As Somozas a Narón. Na ribeira dereita do río Grande de Xuvia crea un pequeno obradoiro no que aproveita e traballa os recortes da chapa de aceiro dos estaleiros da Sociedad Española de Construcción Naval na ría de Ferrol. As pezas véndellas aos ferreiros da zona para facer ferramentas e aparellos para o agro.

O negocio medra rapidamente e en 1937 Freire traslada o negocio a un terreo na estrada de Castela, xunto á estación de Feve en Xuvia, onde dende entón está Megasa. Alí adícanse tamén ao estirado de tubos de aceiro usados e á fabricación de remaches para xuntar chapas de aceiro.

 
Freire Hermanos no polígono da Gándara, Narón.

En 1943 incorpóranse ao negocio os seus irmáns Xosé e Fernando cos que funda Freire Hermanos, S.L. Para fabricar parafusos, porcas, remaches e outros produtos metálicos cun novo forno de fundición de chatarra.

En 1949 a empresa, xa entón cuns sesenta traballadores, pasa a ser unha sociedade anónima. En 1953 “Freire Hermanos” adícase exclusivamente a almacén de ferralla. A fabricación de parafusos e relaminación de ferros pasa a chamarse Metalúrgica Galaica, S.A. (MEGASA). A nova empresa será unha fundición de aceiro en forno eléctrico para a elaboración de aceiro para laminación.

En 1959 Megasa merca Ferrerías de Arcade, S.A. fundición situada ao fondo da ría de Vigo, próxima á desembocadura do río Verdugo. A fundición tiña un forno eléctrico e un tren de laminación de perfiles e chapas.

O elevado consumo de electricidade do forno eléctrico e a falta de subministración local fai que os irmáns Freire decidan a construción dunha central hidroeléctrica. A central eléctrica de Ferrerías (Valdoviño) para abastecer MEGASA constrúese no río das Forcadas. A construción en 1965 do encoro das Forcadas leva ao peche da central ata que en 1980 faise cargo dela outra empresa[3].

O 4 de decembro de 1997 faleceu Bartolomé Freire Lago. Nese mesmo ano Megasa Siderúrxica S.L. (a fábrica de Xuvia) foi escindida do Grupo Megasa, Metalúrxica Galaica S.A.

Empresas do grupo

editar
 
Megasider Río do Pozo, Narón.
 
Aceiro de Megasa.

En España:

  • Megasa
  • Megasider, S.L. fabricante de mallas electrosoldadas e situada en Narón, A Coruña
  • Freire Hermanos. Distribución de material, no Polígono de A Gándara, Narón
  • Megasider Zaragoza. Mercada a ArcelorMittal en 2016, ten 270 traballadores.[4]
  • JAP2 Recuperaciones, en Valencia.

En Portugal:

  • SN Seixal Siderurgia Nacional S.A. Fabricación de alambrón.
  • SN Transformados S.A. produción de maias.
  • Ecometais S.A. reciclaxe de chatarra.
  • SN Maia Siderurgia Nacional S.A. fundición de aceiro en barras.

A empresa ten certificacións ISO 9001, ISO 14001, ISO 50001 e OHSAS 18001.[5]

En 1995 mercou a sociedade portuguesa Siderurgia de Produtos Longos con dúas fábricas: unha en Seixal, preto de Lisboa e outra en Maia, preto de Porto. En 2004 entrou no accionariado de Cimpor[6].

En xuño de 2010 vendeu a súa participación do 6,46% na portuguesa Cimpor por 282 millóns de euros[7].

En xuño de 2013 a dirección anunciou o peche da empresa para o mes de agosto pola imposibilidade de competir coa nova tarifa eléctrica. As empresas cun consumo de máis de 100 MW teñen unha bonificación de 35 euros por megavatio, mentres que as de menos, como o caso de Megasa, cobran 20 euros por MW[8].

Impacto ambiental

editar

Esta empresa levou a cabo uns recheos de 100.000 m² sobre a ría de Ferrol empregando escouras de fundición. Tivo problemas coa Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia por estar relacionada con verteduras contaminantes[9]. A empresa emprega a auga do río Grande de Xuvia cunha captación propia. A fábrica de Xuvia tamén ten depuradora de augas residuais propia.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar