ASTANO

estaleiro galego
(Redirección desde «Astano»)

ASTANO (acrónimo de Astilleros y talleres del noroeste) foi unha empresa do sector naval situada en Fene, actualmente integrada en Navantia. Foi fundada en 1941 por José María González-Llanos tamén fundador de FENYA, enxeñeiro e antigo director de Bazán, cun capital social de 1 600 000 pesetas e 33 empregados. O concello de Fene puxo o nome de Astano á avenida principal do Polígono industrial Vilar do Colo. Dende o 1 de xaneiro de 2005 pasou a chamarse Navantia Fene, propiedade da SEPI. Para Astano traballaron empresas locais como Fenya ou Imenosa.

Astano

Estatua do fundador, Avda. de Esteiro (Ferrol)
Fundación15 de outubro de 1941 (82 anos)
MatrizAstillero Fene, Navantia (SEPI)
LocalizaciónNavantia, Avenida das Pías, 15500 Fene, A Coruña
FundadorJosé María González-Llanos
Persoas clavePedro Barrié de la Maza
IndustriaNaval
ProdutosBuques, offshore, reparacións navais
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar
 
Maqueta de Astano, nas súas orixes. Exponav.

No ano 1917[1] estableceuse un pequeno estaleiro de ribeira na zona de Perlío, que facía buques de pesca en madeira propiedade de Ramón Aguilar Pérez, coñecido como Ramón de Roque.[2] Este pequeno estaleiro foi mercado por Llanos en 1941 xunto con outros socios e foi ampliándose desde a ribeira da ría de Ferrol, no concello de Fene, comezando a dedicarse á construción de barcos pesqueiros en madeira.

En 1944 converteuse en sociedade anónima, entrando na empresa o Banco Pastor, e co seu capital acometeuse o paso á construción en metal iniciado o ano anterior, e comezou unha medra sostida apoiada na expansión da pesca e nun mercado protexido. A entrada na dirección da empresa do enxeñeiro e ex-director de Bazán José María González-Llanos iniciou o crecemento de Astano, que chegou a ser un dos máis importantes estaleiros do mundo. A empresa modernizou as instalacións, creou escolas de aprendices, comedores para os traballadores, vivendas sociais (Vivendas de San Valentín en Perlío), economato e beneficios sociais e melloras económicas. Pasou ademais da construción de buques en madeira a construír os maiores buques que se estaban a botar no mundo.

Evolución do cadro de persoal.[3]

A primeira crise chegou en 1956 co esgotamento dos caladoiros do Gran Sol e comezou un xiro cara á elaboración de navíos de carga, fundamentalmente para carbón e petróleo nun mercado en expansión. A crise definitiva chegou en 1971 coa empresa nunha situación crítica, o que provocou a toma de control polo Instituto Nacional de Industria, que non conseguiu endereitala. A subseguinte crise do petróleo de 1973 acabou por condenar o estaleiro a perdas cada vez maiores e unha situación sen saída. Cando en 1972 se botou o Arteaga, navío de 323 000 toneladas, de enorme éxito na construción naval nacional, a empresa estaba en franca decadencia, o que non impediu o seu crecemento tecnolóxico e a botadura dos petroleiros máis grandes, o Al-Andalus en 1974 de 362 946 toneladas de peso morto e 362,57 metros de eslora, e o Santa María en 1975 de 365 000 toneladas de peso morto. Son os maiores buques construídos e botados en bancada do mundo. A factoría traballaba por debaixo da súa capacidade e en 1979 o INI fíxose cargo da totalidade da empresa, inxectando un capital de 3 500 millóns de pesetas.

Nese contexto de profunda reconversión produciuse a negociación do ingreso de España na Unión Europea (entón Comunidade Económica Europea). O plan para o sector naval da CEE era moi duro e propoñía unha enorme redución da capacidade produtiva en toda a Unión. A España esixíaselle o peche dun estaleiro entre os de Puerto Real, Sestao ou Fene. O goberno socialista de Felipe González propuxo limitar a produción de Astano á construción Off-Shore, sector que estaba entrando nunha recesión, o que foi aceptado pola CEE con fortes reservas. O estaleiro puido volver á construción naval civil o 1 de xaneiro de 2015, cando rematou o veto.[4]

Construción naval

editar
 
A Discoverer Enterprise encaixada na ponte das Pías.
Construcións off-shore de Astano
 
Discoverer Enterprise no golfo de México.
Número Nome Tipo Botado
266 Drillmar I Plataforma 15-09-1989
267 Gryphon A FPSO 15-04-1992
269 Alba FSU FSU 09-03-1993
273 Petrojarl Foinaven FPSO 28-08-1995
274 Captain FPSO FPSO 2-07-1996
275 Discoverer Enterprise Drill Ship 12-12-1997
276 Discoverer Spirit Drill Ship 14-05-1999
277 Discoverer Deep Seas Drill Ship 22-12-1999
279 Farwah FPSO 7-10-2002

Dende os seus inicios Astano leva botados preto de 300 buques e construcións navais. Dende as súas orixes como estaleiro de pesqueiros en madeira e logo aceiro a empresa foi evolucionando, pasando da construción de petroleiros ata un LNG (o Laieta, primeiro gaseiro construído en España) e construcións offshore como os FPSO dos que foi un dos pioneiros en todo o mundo.

Astano foi o primeiro estaleiro do mundo en construír un buque Off-Shore para a perforación e extracción de petróleo. Tódolos que existían ata entón eran transformacións de buques existentes. O Discoverer Enterprise[6] botado en 1998 foi o primeiro dunha serie de dous máis: Discoverer Spirit botado en 1999 e Discoverer Deep Seas botado en 2000 construídos para a multinacional norteamericana Transocean.

Astano ademais foi o estaleiro que sufriu unha máis forte reconversión perdendo 3 600 empregos fronte a reducións menores en Puerto Real e Sestao. A empresa enfrontábase a un mercado pequeno e moi competitivo cunha factoría sobredimensionada e con baixa produtividade, o que provocou a necesidade de enormes axudas do goberno, consideradas ilegais pola Unión Europea. Nesa situación de inviabilidade chegouse en 2004 á negociación coa UE, na que o goberno optou por integrar as instalacións no grupo de estaleiros do sector militar, primeiro chamado Izar e despois Navantia. Isto deu lugar a unha última reconversión pasando de 1 150 empregados a 300. Actualmente o estaleiro está adicado só á construción naval militar, bloques, e ás reparacións de todo tipo de buques.

Reparacións navais

editar
 
Vista interior de Astano.

Ademais da construción naval Astano adícase á reparación de todo tipo de buques, tamén militares. Astano ten nas súas instalacións 11 peiraos que suman 2 700 metros.

Tamén hai dous diques para reparacións:

  • Dique número 2 de 260×38 metros.
  • Dique número 1 de 160×24 metros.
  • 2 grellas de 337×58 metros.
  • 18 guindastres cunha potencia de entre 10 e 100 toneladas.
  • 1 guindastre pórtico de 800 toneladas de capacidade de elevación.

O tamaño máximo dun buque construído foi de 346×60 metros (385 000 TPM).

A icona pola que é coñecida a empresa é o seu guindastre pórtico, unha construción cunha capacidade de elevación de 800 toneladas, construída entre 1970 e 1971. Foi deseñada pola empresa alemá PHB Jucho e construída pola MTM Maquinista Terrestre y Marítima de Barcelona no propio estaleiro. Mide 145 metros entre piares e 75 metros de alto baixo o pórtico. No momento da súa construción era a maior de toda Europa.[7]

Buques construídos

editar

Dende 1941 Astano leva construídos preto de 300 buques.[8]

Nome Tipo Botado Entregado
editar

Dende a integración de Astano en Navantia, como Navantia Fene, e a fin do veto á construción naval, o estaleiro ten diversificado os seus traballos. Pasou á reparación naval de buques militares, construción de pezas e bloques para o sector militar, un exemplo disto é o proxecto de dous buques militares loxísticos como o Cantabria (A-15) para a mariña australiana. O estaleiro tamén participa en proxectos de eólica mariña para Iberdrola como o campo Wikinger ou East Anglia Array.

Construcións en eólica mariña offshore[9]
Data Nome Cliente Número
Decembro de 2014   Wikinger Iberdrola 29 jackets
  Statoil
Xuño de 2015   Hywind Statoil 5
Xaneiro de 2017   Nissum Bredning Siemens 4
2018   East Anglia Array Iberdrola 42 jackets
Agosto de 2018   Windfloat Windar Renovables 1

Galería de imaxes

editar
  1. Aguilar Sardina, Jacobo: "La construcción naval en Perlío (Fene) Taller de Ramón Aguilar" fenecom.blogspot.com.es 24/7/2009 (en castelán).
  2. Aguilar Sardina, Jacobo: "Astano en el Recuerdo (I)" fenecom.blogspot.com.es 22/5/2009 (en castelán).
  3. Ferrás Sexto, Carlos (1993). Desenvolvemento urbanístico e económico en Fene durante os séculos XIX e XX. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela, Fene: Concello de Fene. p. 132. ISBN 84-7191-938-9. 
  4. Mayoral, Montse (7/9/2014). "El astillero de Fene, en la encrucijada". Diario de Ferrol (en castelán). 
  5. Actividad económica en Ferrolterra y área de influencia Ferrolterra: Empresa y sociedad
  6. "Discoverer Enterprise" Arquivado 19 de febreiro de 2018 en Wayback Machine. na páxina web de Transocean.
  7. Aguilar Sardina, Jacobo: "Imágenes de la Grúa Pórtico" fenecom.blogspot.com.es 30/6/2009 (en castelán).
  8. Aguilar Sardina, Jacobo: Buques construidos y características en Astano" fenecom1.blogspot.com.es 11/3/2014 (en castelán).
  9. Navantia y Windar logran en Portugal otra obra de eólica marina

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Pérez Rodríguez, M. A. (2000). Astano. Un estaleiro na ría. Cadernos FerrolAnálisis 13. Club de Prensa de Ferrol. ISBN 978-92-0-298687-9. 
  • ————————— (2001). Astano II. Un estaleiro na ría. Cadernos FerrolAnálisis 14. Club de Prensa de Ferrol. ISBN 978-92-0-338403-2. 
  • Serantes Caínzos, José Manuel (2011). Astano: un estaleiro, unha vivencia. Concello de Fene / Deputación da Coruña. 
  • Ferrás Sexto, Carlos (1993). Desenvolvemento urbanístico e económico en Fene durante os séculos XIX e XX. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela, Fene: Concello de Fene. ISBN 84-7191-938-9. 

Ligazóns externas

editar