Deseño gráfico
O deseño gráfico é unha profesión cuxa actividade consiste en proxectar comunicacións visuais destinadas a transmitir mensaxes específicas a grupos sociais, con obxectivos determinados. Esta actividade axuda a optimizar as comunicacións gráficas. Tamén se coñece co nome de deseño en comunicación visual, deseño de comunicación visual ou deseño visual.
Por mor do crecemento masivo no intercambio de información, a demanda de deseñadores gráficos é maior que nunca, particularmente a causa do desenvolvemento de novas tecnoloxías e da necesidade de prestar atención ós factores humanos que escapan á competencia dos enxeñeiros que as desenvolven.[1]
Algunhas clasificacións difundidas do deseño gráfico son: deseño gráfico publicitario, deseño editorial, deseño de identidade corporativa, deseño web, deseño de envase, deseño tipográfico, cartelaría, señalética, entre outros.
Historia do deseño gráfico
editarA definición da profesión do deseñador gráfico é máis ben recente, no que se refire á súa preparación, a súa actividade e os seus obxectivos. Aínda que non existe consenso acerca da data exacta na que naceu o deseño gráfico, algúns o datan durante o período de entre guerras. Outros entenden que comeza a identificarse como tal para finais do século XIX.
Pode argumentarse que comunicacións gráficas con propósitos específicos teñen a súa orixe nas pinturas rupestres do Paleolítico e no nacemento da linguaxe escrita no terceiro milenio a. C. Pero as diferenzas de métodos de traballo, ciencias auxiliares e formación requirida son tales que non é posible identificar con claridade ó deseñador gráfico actual co home da prehistoria, co xilógrafo do século XV ou co litógrafo de 1890.
A diversidade de opinións responde a que algúns consideran como produto do deseño gráfico calquera manifestación gráfica e outros soamente aquelas que xorden como resultado da aplicación dun modelo de produción industrial; é dicir, aquelas manifestacións visuais que foron "proxectadas" contemplando necesidades de diversos tipos: produtivas, simbólicas, ergonómicas ou contextuais.
Notas
editar- ↑ Frascara, Jorge (2000) p. 17.
Véxase tamén
editar- Comunicación visual
- Debuxo técnico
- Editor de gráficos vectoriais
- Historia do debuxo técnico
- Ilustración
- Imaxes xeradas por ordenador
- Vector
Bibliografía
editar- Frascara, Jorge (2000). Diseño Gráfico y Comunicación (Séptima ed.). Ediciones Infinito. ISBN 9879637054.[Ligazón morta]