Fundación Rosalía de Castro

institución cultural galega

A Fundación Rosalía de Castro é unha institución cultural galega, constituída o 15 de novembro de 1947 por Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) no Hotel Compostela de Santiago de Compostela baixo o nome Patronato Rosalía de Castro que se converteu en Fundación Rosalía de Castro nun acto celebrado no Colexio de Fonseca da mesma cidade o 29 de decembro de 1995. Os seus estatutos foron legalizados pola Xunta de Galicia en decembro de 1997 e renovados en 2008 (en vigor desde 2009).

Fundación Rosalía de Castro
Logo
TipoCultural
Data de fundación15 de novembro de 1947
Fundador(es)Xosé Mosquera Pérez. Outros membros fundadores: Ramón Otero Pedrayo, Manuel Gómez Román, Luís Iglesias Iglesias, Fermín Bouza-Brey, Paulino Pedret, Felipe Cordero Carrete, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Beiras, Xaime Isla Couto, Antón Fraguas, Agustín Sixto Seco e Xesús Ferro Couselo
Nomeado en referencia aRosalía de Castro
Presidente/aAnxo Angueira (2012-) Editar o valor en Wikidata
SedePadrón
EnderezoA Matanza, s/n. 15917
PaísGalicia
Na rede
https://rosalia.gal/
Facebook: FundacionRosalia Twitter: casaderosalia Instagram: casaderosaliadecastro Youtube: UClt1Ls8gHKLmtftWM3vpocA BNE: XX164138 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

En 2015 réxese por unha Presidencia elixida polo Padroado entre os seus membros. O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación e está composto por quince membros institucionais e por personalidades da cultura que teñan especial vínculo coa obra de Rosalía de Castro. O Padroado designa un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un Tesoureiro de entre os seus membros. Designará tamén unha Comisión Executiva que se compón pola Presidencia, pola Vicepresidencia, pola Secretaría, pola Tesouraría e por catro vogalías (sendo unha delas a Dirección do Centro de Estudos Rosalianos) cuxas funcións son: a xestión ordinaria dos asuntos da Fundación, a adopción de Acordos por razón de urxencia dando ulterior conta ao Padroado e as funcións que este delegue.

Nos seus 67 anos de historia contou con nove presidentes que foron —cronoloxicamente citados—: Luís Iglesias Iglesias, Juan Gil Armada, Xosé Mosquera Pérez, Octavio Sanmartín Domínguez, Agustín Sixto Seco, Carlos Baliñas Fernández (en funcións tras a morte de Sixto Seco), Helena Villar Janeiro, Ana Blanco Gómez (durante dous meses tras a dimisión de Villar Janeiro) e Anxo Angueira, que a dirixe a maio de 2015.

Este organismo naceu coa vontade de restaurar a casa na que vivira Rosalía de Castro nos seus derradeiros anos e de a converter nunha casa museo (e sostela posteriormente), coidar do Panteón de Galegos Ilustres e difundir e promover a cultura galega.

Entre as súas finalidades están: fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos; a promoción do estudo, da edición e da divulgación da vida e obra de Rosalía, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior; conservar o conxunto da Casa-Museo de Rosalía, conservar e incrementar o patrimonio rosaliano (mobles, pertenzas, recordos persoais de Rosalía etc.) dispoñéndoo do mellor xeito para que poida ser contemplado e estudado, coidar do Mausoleo de Rosalía sito no Panteón de Galegos Ilustres (Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago) e máis da campa que albergou antes o seu corpo no cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón, A Coruña); celebrar actos, cando menos, nas dúas datas rosalianas (24 de febreiro e 15 de xullo) ademais da celebración da Misa Votiva do 25 de xullo —acto que se viña celebrando desde 1932 e desde 1969 en lingua galega converténdose no único acto público en que se consentían o galego, as reivindicacións galeguistas e a presenza de políticos disidentes durante a ditadura franquista— e da Ofrenda Floral no Panteón de Galegos Ilustres ante a tumba da poetisa e fomentar e difundir a lingua e a cultura galegas[1].

No ano 2015 estaba representada no Pleno do Consello da Cultura Galega e na Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE).

Ten a súa sede na Casa da Matanza (antigamente coñecida como Horta da Paz[2]), en Padrón (A Coruña).

Creación

editar
 
Primeira páxina do Libro de Actas do Patronato Rosalía de Castro.

No ano 1946, saíu á venda a Casa da Matanza por 100 000 pesetas. Nese momento, Xosé Mosquera Pérez, xornalista de Unión Radio Galicia na década de 1930 e redactor de La Noche, coñeceu a noticia por medio de Xesús Rey-Alvite e, xunto con Manuel Beiras e Camilo Agrasar foron a Padrón para negociar coa dona da casa[3]. Non obstante, descubriron que non tiñan medios suficientes para comprala. Así pois, Mosquera decidiu pedirlle axuda económica ao seu amigo José Villar Granjel[4] e contoulle a intención que tiña de adquirir a casa para a converter nun símbolo de galeguidade e para fundar un Padroado composto por galegos ilustres que conservasen a casa e a memoria de Rosalía.

Así foi como o 15 de novembro de 1947 Xosé Mosquera convocou en Santiago un grupo de antigos galeguistas (Ramón Otero Pedrayo, Manuel Gómez Román, Luís Iglesias Iglesias, Fermín Bouza-Brey, Paulino Pedret, Felipe Cordero Carrete, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Beiras García, Xaime Isla Couto, Antón Fraguas e Xesús Ferro Couselo) e constituíron o Padroado Rosalía de Castro co propósito de facerse cargo do inmoble e de transformar a casa nun verdadeiro museo rosaliano, con biblioteca especializada, aberto ao público.

Tan só dúas semanas despois, faleceu José Villar Granjel e legou a súa metade da casa ao Padroado. Xosé Mosquera, pola súa banda, estaba gravemente endebedado co pago da súa metade da casa, débeda que pagou o Centro Galego de Bos Aires, conseguindo así que toda a casa fose propiedade do Padroado[5]. Como agradecemento colocóuselle unha placa ao lado do Mausoleo de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres.

Historia

editar

De 1949 a 1970: das presidencias de Luís Iglesias a Octavio Sanmartín

editar

A inscrición legal e a constitución da xunta de goberno do Padroado formalizáronse durante a presidencia de Luís Iglesias ao tempo que se lle deu realce á Misa Votiva por Rosalía cada 25 de xullo en Santiago. Foron asignándose diferentes cargos directivos a diferentes composteláns para que levasen o Padroado desde alí. Así, aparecían ligadas á casa personaxes como Pura Lorenzana, Xesús Carro, Chamoso Lamas, Xosé Landeira Yrago, Raimundo García Domínguez (Borobó) ou Ramón Piñeiro[6]. O 10 de setembro de 1950 produciuse a primeira e única visita da derradeira descendente de Rosalía, a súa filla Gala Murguía de Castro (1871-1964), coa intención de que describise a casa en tempo da súa nai para preservar a casa igual que en 1885[7].

O 26 de abril de 1951 comezou a presidencia o marqués de Figueroa, Juan Gil Armada. Neste tempo realizouse unha restauración de urxencia na casa de Rosalía dirixida por Manuel Gómez Román[8]. Un ano despois, o 24 de xullo de 1952, o Padroado recibiu simbolicamente, nun acto celebrado no Concello de Padrón, a chave da Casa de mans do seu alcalde. Porén, neste tempo a vida da casa comezou a decaer e as visitas á casa eran levadas a cabo por Camilo Agrasar, barbeiro da vila de Padrón e grande amante da figura de Rosalía[9]; ademais dun dos impulsores do nacemento do Padroado[10]. As relacións cos Centros Galegos de Hispanoamérica tamén foron promovidas nestes anos.

Xosé Mosquera Pérez, un dos fundadores do Padroado, asumiu a presidencia tras a dimisión do marqués de Figueroa en 1961 mais o seu estado de saúde non lle permitiu levar a cabo todas as súas ambicións en torno á casa de Rosalía. Faleceu en 1965.

Entre 1965 e 1970 ocupou a presidencia Octavio Sanmartín Domínguez. Durante o seu mandato o Padroado adoptou oficialmente a lingua galega posibilitando que a Misa Votiva pasase a ser oficiada nesa lingua. Con todo, Octavio Sanmartín non foi capaz de realizar toda a actividade que planeara por cuestións de saúde, polo que decidiu pasar os poderes a unha nova xunta.

Desde 1970: o nacemento e vida da Casa-Museo

editar

1970-2004: Agustín Sixto Seco

editar

Rememorando a constitución orixinal do Padroado, o 29 de decembro de 1970 Agustín Sixto Seco inaugurou a nova xunta de goberno no salón artesoado de Fonseca en Santiago de Compostela. Con el comezou unha nova etapa da historia do Padroado (e da futura Fundación).

En febreiro de 1971 comezaron as obras de restauración da casa de Rosalía da man do arquitecto Andrés Fernández-Albalat grazas a unha subscrición popular iniciada por La Voz de Galicia[11].

Poucos meses despois, o 15 de xullo de 1971, a Casa da Matanza foi aberta ao público. Por petición de Sixto Seco, esta quedou ao coidado de Maruxa Villanueva, Custodia da Casa a partir dese mesmo ano e Mestresa a partir de 1972[12] quen viviría nunha vivenda contigua á Casa desde 1974 ata a súa morte en novembro de 1998. Neste acto izaronse por primeira vez as bandeiras de España e de Galicia ante as principais autoridades civís, militares e académicas de Galicia.

Un ano máis tarde, o 15 de xullo de 1972,[13] inaugurouse a Casa Museo de Rosalía baixo a dirección de Xosé Filgueira Valverde. Colocouse tamén unha placa de pedra á entrada do xardín nas catro linguas do Estado (galego, catalán, vasco e castelán) cos días e coas horas de visita da Casa-Museo de Rosalía.

A partir da década de 1970, grazas á apertura política, o Padroado baleirouse de todas as connotacións políticas nacionalistas, especialmente da de refuxio do galeguismo.

Dous anos despois da inauguración da Casa-Museo esta foi declarada Monumento Nacional por Xoán Carlos de Bordón, naquel entón Príncipe de España, acabando co perigo de que o trazado da AP-9 pasase pola horta. Isto significaba que se protexería toda a súa contorna mais o certo é que non foi así, xa que a aldea quedou desfigurada e perdéronse as vistas a Padrón e ao río Sar.

En 1975 un grupo de activistas culturais e escritores galegos por iniciativa do presidente do Padroado, Agustín Sixto Seco, acordan espallar por vilas e cidades de Galicia o espírito da Casa-Museo de Rosalía, sendo en Vilagarcía de Arousa onde se inaugura esta primeira delegación baixo a presidencia do profesor, escritor e galeguista Manuel Trigo Díaz que desenvolve toda unha serie de actividades, ata o seu pasamento en 1992, arredor da obra e figura de Rosalía e que convoca por vez primeira o Premio Medalla de Ouro do Padroado que se lle concede ese ano ao poeta galego Xavier Rodríguez Barrio.

Con motivo do centenario da morte de Rosalía, en 1985 inaugurouse un Auditorio dunha capacidade aproximada de 150 persoas que funcionaba como un salón de actos onde se realizaban diversos actos culturais tanto da Fundación como de quen o solicitase[14].

En 1995 recibiu a Medalla de Prata de Galicia polos seus méritos ao servizo de Galicia. Pese a iso, co paso dos anos, a Casa comezou a presentar unha serie de problemas e carencias que convertían a Casa da Matanza nun auténtico caos. Debido a isto en 1997, con motivo do 25 aniversario da inauguración da Casa-Museo e do cincuentenario da Fundación fíxose unha remodelación xeral que se alongou durante tres anos con pequenos reaxustes[15].

Tamén en 1997 acordouse a creación do Centro de Estudos Rosalianos (CER) co propósito de estudar e de difundir a obra rosaliana por todo o mundo desde a propia sede da Fundación seguindo o artigo 6 —especialmente o punto primeiro— dos estatutos:

Fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía de Castro, do seu esposo Manuel Martínez Murguía e dos seus fillos; promover o estudo, edición e divulgación da súa vida e obra, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior a través do Centro de Estudos Rosalianos, que ten a mesma sede que a Fundación[1].

O 15 de xullo de 1999 inaugurouse o CER baixo a dirección de Xesús Alonso Montero[16].

Coa chegada do 2002 a Fundación entrou nunha grave crise que a levou a reducir o seu programa "ao mínimo"[17] a consecuencia das escasas subvencións que recibía en comparación á veciña Fundación Camilo José Cela; unha crise da que tardou moito en saír.

Agustín Sixto Seco finou o 30 de decembro de 2004[18] deixando un baleiro na presidencia que ocupou Carlos Baliñas, en funcións mentres non se escollese a un novo presidente[19][20].

2004-2012: Helena Villar Janeiro

editar
 
Helena Villar Janeiro.

Helena Villar Janeiro foi elixida presidenta da Fundación[21] e tomou posesión do cargo o 3 de agosto de 2005 con varios proxectos en mente, entre eles a creación dunha aula pedagóxica e a remodelación do Museo[22]. A partir deste momento promocionáronse diversas actividades culturais, exposicións, concursos, a Ruta rosaliana[23] etc. para promover a vida e a obra de Rosalía.

Durante o mandato de Villar Janeiro decidiuse a supresión da Misa Votiva e da Ofrenda Floral no ano 2007 o que causou un gran descontento por moitos galegos xa que a Fundación defendía que a Misa Votiva "se convertera nunha parafernalia na que levaban a voz cantante moitos políticos que non se caracterizaban precisamente por ser defensores da nosa lingua"[24] e que "non lle corresponde a unha fundación organizar misas e que no canto da cerimonia relixiosa se celebra agora, en Bonaval o 25 de xullo, un acto civil no que o presidente da Xunta se achega á sociedade galega"[25]. Os seus detractores defendían que, a pesar de ser un acto relixioso, non deixaba de ser unha homenaxe a Rosalía no día de Santiago e no día de Galicia.

En 2008 inaugurouse unha aula didáctica que poñía a Casa-Museo ao servizo do ensino galego, promovía a entrada de Rosalía e a súa lectura nas aulas dos primeiros niveis de educación e así mesmo proporcionaba ao profesorado ferramentas para axudar a introducir a figura de Rosalía dunha forma axeitada[26].

Con todo, co paso dos anos, a escaseza de fondos e o desinterese pola Casa-Museo fixéronse notorios[27] chegando a perder importantes apoios económicos[28]. Todo isto sumado a outros factores económicos levaron a Villar Janeiro a renunciar ao seu cargo o 12 de abril de 2012[29].

Desde 2012: Anxo Angueira

editar
 
Anxo Angueira.

O 1 de xuño de 2012 foi elixido Anxo Angueira como novo presidente da Fundación[30]. En outubro dese mesmo ano a Fundación recibiu os fondos necesarios por parte da Consellaría de Cultura para a rehabilitación e o correcto funcionamento da Casa-Museo que levaba anos en constante decadencia[31][32].

Así foi como en decembro de 2012 comezaba a primeira fase da restauración da Casa-Museo en que se restaurou a planta baixa ata mediados de marzo de 2013 e en outubro de 2013 comezaba a segunda fase en que restaurou o primeiro andar e que concluíu a mediados de decembro dese mesmo ano[33]. Unha segunda etapa da restauración era a adaptación da Casa-Museo aos tempos modernos xa que moitos aspectos do Museo quedaran desfasados, así, co investimento da Deputación da Coruña[34] comezaron a renovar a museografía da planta baixa e inaugurouse a mesma en marzo de 2015[35]. A maio de 2015 espérase poder realizar a reforma da museografía do primeiro andar da Casa-Museo e completar así a reforma.

En decembro de 2015 Anxo Angueira xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, anunciaron a apertura do Arquivo informatizado da Fundación logo de rematar unha primeira fase de organización, descrición e informatización dos fondos da entidade. O Arquivo da Fundación constitúe un espazo aberto á investigación para que se coñezan e se difundan os seus fondos[36].

Tamén comezou a difusión de Rosalía a través de Internet como na páxina web do Consello da Cultura Galega[37] ou mesmo a través da rede social Twitter[38][39] incluíndo a creación en 2013 dunha nova páxina web[40] máis actualizada con motivo do 150 aniversario de Cantares gallegos.

En 2024 levou o Premio Arraianos.[41]

Contribucións á lingua, literatura e cultura galegas

editar

Obras e folletos

editar

A primeira obra editada polo Padroado foi Inéditos de Rosalía (1953) de Juan Naya.

A partir de 1971 o Padroado tratou de editar anualmente algún libro ou folleto en relación directa coa obra de Rosalía ou dirixidos á formación dos nenos galegos baixo o título común de «Edicións do Patronato». Entre estas colaboracións destacan:

  • 1972: Casa de Rosalía: pasado e presente (Vigo), un libriño que recolle as efemérides do Padroado desde a súa fundación e os actos e os discursos pronunciados un ano antes, con motivo da inauguración da Casa.
  • 1973: Poesía de Rosalía (Vigo), edición preparada por Ricardo Carvalho Calero.
  • 1974: Rosalía no seu fogar (Vigo), unha especie de guía da Casa-Museo, bilingüe escrita por Filgueira Valverde.
  • 1975: Presencia de Rosalía: Homenaxe no noventa cabodano do seu pasamento (Vigo), libro-homenaxe á poetisa que contén traballos de diversos autores.
  • 1981: Símbolos de Galicia: a bandeira, o escudo e o himno (A Coruña), por Helena Villar Janeiro.
  • 1982: Rosalía de Castro (Santiago), biografía cuatrilingüe.
  • 1987: Rosalía de Castro entre a Poesía e a Política (Vigo), libro sobre a historia do Padroado escrita por Carlos Baliñas.

Ademais o Padroado (e posterior Fundación) publicou unha serie de publicacións coa intención de promocionar a Casa e, tamén, transmitir a Rosalía:

  • 1985: Rosalía no espello (Padrón)
  • 1987: Rosalía de Castro, entre a poesía e a política (Santiago)
  • 1995: Arredor do centenario de Rosalía, 1985 (Vigo)
  • 1995: 25 anos do Patronato Rosalía de Castro = 29 de decembro de 1970-29 de decembro de 1995 (Padrón)
  • 1997: Vintesete escritores de fóra falan de Rosalía de Castro (Padrón)
  • 1997: Daquelas que cantan: Rosalía na palabra de once escritoras galegas: Cincuentenario da Fundación Rosalía de Castro (Padrón)
  • 1999: A Cantora do Sar: da man de Rosalía e co seu Patronato (Padrón)
  • 1999: A Casa-Museo de Rosalía (Padrón)
  • 2004: Rosalía ilustrada (Padrón)
  • 2012: Antoloxía para a infancia / Rosalía de Castro (Padrón)

Música e recitais

editar
  • Ana Romaní e Manuel Beiras foron os encargados de coidar a faceta musical do Padroado. Así en 1980 realizouse un recital de «Música xoven para Rosalía» e un concurso de composicións.
  • En 1983 editouse o disco Rosalía na voz dos poetas (reeditado en 2003), en que, sobre un fondo musical orixinal, diversos poetas recitaban poesías de Rosalía.
  • En 2014 editouse o libro De Cantares Hoxe no que 35 poetas recrearon os poemas de Cantares gallegos.
  • Tamén se organizaban recitais de poesía no recinto da Casa-Museo.
  • En 2017 realizouse un recital lírico a cargo do barítono Eliseu Mera e do pianista Cándido Cabaleiro consistente en cancións baseadas en textos de Rosalía[42], inaugurando o piano que pertencera a Gala Murguía e que foi doado pouco atrás á Fundación.

Teatro

editar

Outras achegas

editar
  1. 1,0 1,1 "Estatutos da Fundación Rosalía de Castro" (PDF). Fundación Rosalía de Castro. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de maio de 2015. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  2. García Domínguez 1999: p. 113
  3. García Domínguez 1999: pp. 115-116
  4. "La Casa de Rosalía" (en castelán). El Correo Gallego. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  5. García Domínguez 1999: p. 117
  6. García Domínguez 1999: pp. 117-119
  7. García Domínguez 1999: pp. 122-125
  8. Rey Lama 1999: p. 23
  9. Rey Lama 1999: p. 24
  10. "Centenario de Camilo Agrasar". Galicia Hoxe. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2015. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  11. Rey Lama 1999: pp. 27-33
  12. Dourado Deira 2009: p. 52
  13. Angueira, Anxo. "50 anos da CdR". Nós Diario. Consultado o 2021-06-29. 
  14. Rey Lama 1999: p. 39
  15. Rey Lama 1999: pp. 36-38
  16. "Centro de Estudos Rosalianos". Fundación Rosalía de Castro. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  17. "A precaria situación económica limita as actividades da Fundación Rosalía". Consello da Cultura Galega. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  18. "O falecemento de Agustín Sixto Seco supón a desaparición de boa parte da historia viva do galeguismo". Consello da Cultura Galega. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  19. "La directiva de la Fundación Rosalía se reorganiza tras el fallecimiento de Sixto Seco" (en castelán). La Voz de Galicia. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  20. "Carlos Baliñas preside en funciones la Fundación Rosalía" (en castelán). La Voz de Galicia. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  21. "A Fundación Rosalía de Castro elixe unha nova directiva con Helena Villar á fronte". Consello da Cultura Galega. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  22. "«Reformaremos a Casa-Museo de Rosalía según as tendencias»". La Voz de Galicia. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  23. Rey Lama 1999: pp. 51-53
  24. ""Un hermoso día", señor Agís". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2015. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  25. "Tensión na Fundación Rosalía pola supresión da misa do 25 de xullo". Galicia Hoxe. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  26. "A Casa-Museo de Rosalía de Castro inaugura na súa sede de A Matanza un aula didáctica". La Voz de Galicia. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  27. "«Estamos buscando apoios en empresas»". La Voz de Galicia. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  28. "La Fundación Rosalía destina el 40 % del presupuesto a la gerente" (en castelán). La Voz de Galicia. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  29. "Helena Villar confirma su dimisión como presidenta de la Fundación Rosalía" (en castelán). La Voz de Galicia. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  30. "Anxo Angueira foi elixido novo presidente da Fundación Rosalía". Consello da Cultura Galega. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  31. "Cultura destina 200.000 euros a acondicionar la Casa Museo Rosalía" (en castelán). El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2015. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  32. "La Fundación Rosalía ampliará y actualizará los fondos museísticos" (en castelán). El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2015. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  33. "Unha nova Casa de Rosalía". Fundación Rosalía de Castro. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  34. "A Deputación da Coruña apoia a reforma da Casa-Museo". Fundación Rosalía de Castro. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  35. "Ábrese ao público a Casa coa planta baixa renovada". Fundación Rosalía de Castro. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  36. "A Casa de Rosalía estrea arquivo informatizado". La Voz de Galicia. Consultado o 21 de febreiro de 2016. 
  37. Páxina web do Consello da Cultura Galega
  38. Twitter.com/FundRosalia
  39. "Rosalía 2.0" (en castelán). El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2015. Consultado o 26 de abril de 2015. 
  40. Páxina web nova
  41. Diario, Nós (2024-08-02). "Os Premios Arraianos honran a Uxía, Beramendi e a Fundación Rosalía". Nós Diario. Consultado o 2024-08-02. 
  42. "Concierto con textos rosalianos en Padrón". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-12-23. Consultado o 2017-12-27. 
  43. "25 ilustradores galegos debuxarán os poemas de Rosalía". Consello da Cultura Galega. Consultado o 26 de abril de 2015. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar