Xesús Ferro Couselo
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Xesús Ferro Couselo, nado en Cordeiro (Valga) o 30 de xullo de 1906 e finado en Ourense o 23 de abril de 1975, foi un historiador e investigador galego. En 1996 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.[1]
Nome orixinal | (es) Xesús Ferro |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 30 de xullo de 1906 Cordeiro, España |
Morte | 23 de abril de 1975 (68 anos) Ourense, España |
Relixión | católica |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | político, historiador |
Partido político | Partido Galeguista |
Membro de | |
Xénero artístico | Historia, investigación |
Familia | |
Cónxuxe | María Teresa Delgado Pilar |
Fillos | Xesús e Teresa |
Premios | |
Traxectoria
editarFillo de Gumersindo Ferro Barreiro, funcionario do concello de Valga, e de María Couselo Bouzas, irmá do sacerdote agrarista, cofundador do Seminario de Estudos Galegos e profesor do seminario de Santiago José Couselo Bouzas. Xesús Ferro foi á escola do Forno e á escola do Coxo, no lugar da Canle.
En 1918 ingresou no seminario en Santiago de Compostela, co propósito de facerse sacerdote. En 1926 comezou os estudos de Filosofía e Letras, na especialidade de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1931. En 1947 doutoraríase en Madrid, cunha tese sobre os petróglifos galegos. Aproveitou eses anos universitarios para colaborar co SEG, onde fai amizade con Xaquín Lorenzo. Ao tempo, acadou o doutoramento en Teoloxía a través da Universidade Pontificia, mais deixou o seminario ao decatarse de non ter a vocación de sacerdote.
En 1931 trasladouse a Vigo para dar clases no colexio Apóstolo Santiago dos xesuítas en Teis, onde coincidiu con Xosé Manuel Cabada Vázquez. Foi un dos fundadores da revista Logos e como delegado por Vigo participou na fundación do Partido Galeguista. Logo da expulsión dos xesuítas marchou en 1933 a Tui para ensinar no colexio Lábor, fundado por Serxio Saborido ao tempo que preparaba as oposicións para ser catedrático de instituto. Malia suspender as probas, entrou a dar clases de Filosofía de forma interina no instituto da vila, e alí fundou a revista Tude (1935).[2] O 1 de abril de 1935 afiliouse aos grupos galeguistas Ultreya.
Ferro Couselo estaba en Madrid para facer as oposicións cando estoupou a Guerra civil española. Malia ser católico, inscribiuse nas Milicias Populares Galegas e na sección de ensino da CNT. Rematada a guerra, instalouse na súa casa natal do Novaíño. En 1940 morreu a súa nai, e o seu pai faríao en 1947. O 30 de xullo de 1941 casou con María Teresa Delgado Pilar, á que coñecera en Tui e coa que coincidira en Madrid. Tiveron dous fillos: Xesús e Teresa.
En 1941 Ferro Couselo marchou a Ourense, logo de aprobar as oposicións para o Corpo facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Esta cidade, na que permaneceu o resto da súa vida, fíxoo Fillo de Adopción. En 1942 creou o equipo de colaboradores do Museo Arqueolóxico con Vicente Risco, Xaquín Lorenzo e Florentino López Cuevillas. Trala inauguración do mesmo en 1968, foi nomeado director. Foi designado perito calígrafo, participando en audiencias e xulgados galegos para comprobar se certas sinaturas e documentos eran reais ou falsificacións.
Ao tempo, non esqueceu o galeguismo político: en 1945 participou na xuntanza que se celebrou na casa de Francisco Fernández del Riego en Coruxo para reorganizar o Partido Galeguista no interior, e en 1950 foi un dos vogais do Consello de Administración que dirixía a Editorial Galaxia, clave para a recuperación do galeguismo cultural en Galicia. Ademais participou na fundación en 1950 da revista Posío.[3]
En 1951 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega, lendo o seu discurso de ingreso en Celanova en 1952. Nese mesmo ano fundou en Ourense a revista Posío, Arte y Letras, da que foi director. En 1963 entrou a formar parte do consello de redacción da revista Grial, ano en que xunto co autor da idea Francisco Fernández del Riego e mais Manuel Gómez Román propuxo que a Real Academia Galega instituíse a data do 17 de maio como Día das Letras Galegas.
Foi un dos fundadores en 1967 da Asociación Cultural Auriense, que presidiu entre 1969 e 1973. En 1971 creou o Boletín Avriense, publicación histórica de grande importancia.
Ten unha extensa bibliografía composta de 121 traballos dos cales hai 5 escritos en portugués e 14 en lingua galega; os restantes están redactados en castelán. En 1972 recibiu a Encomenda de Afonso X o Sabio polo seu labor científico.
Obras destacadas en galego
editarEnsaio
editar- O Xénesis e as primeiras dispersións dos pobos (1931-32).
- Grandeza e fin da case e torre de Marceo (1952).
- O Deus Bandua da Veiga (1956).
- Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego (1958).
- Os topónimos 'Grou', 'Grove' e 'Grova', 'Tombo' e 'Teriñuelo'. en Actas do Congresso Internacional de Etnografia, promovido pela Câmara Municipal de Santo Tirso (1963), III, Lisboa, Junta de Investigações do Ultramar, 1965:225-228. [Reed.]: en Olga Gallego Domínguez, Xesús Ferro Couselo: Vida e obra, A Coruña, RAG, 1996:64-66.
- A vida e fala dos devanceiros (Escolma de documentos galegos dos séculos XIII e XVI). (1967, Galaxia).
- O Magosto do Señor San Martiño (1967).
- «Hidrónimos galaicos. Notas para un estudio sobre el significado de los nombres de algunos ríos de Galicia». en Boletín Auriense, III, (1973): Ourense, pp. 123-130.
Obras colectivas
editar- Homaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacemento (1958, Galaxia).
Obras destacadas en castelán
editarEnsaio
editar- Los petroglifos de término y las insculturas rupestres en Galicia (1952, edición do autor), tese de doutoramento lida en 1946.
- Del Orense monumental (1964).
- Las obras del convento e iglesia de Montederramo en los siglos XVI y XVII. Separata do Tomo I do Boletín Auriense. Ourense (1971).
- El topónimo 'Bousés'. Boletín Auriense, IV, 1974:260-261. [Reed.]: en Xesús Ferro Couselo, Obra selecta, Vigo, Galaxia, 1996:39-41.
Galería de imaxes
editar-
Toma de posesión como profesor do Instituto de Tui, 1934.
-
Primeira páxina do Libro de Actas do Patronato Rosalía de Castro, 1947.
-
A vida e a fala dos devanceiros. Galaxia, 1967.
Notas
editar- ↑ "Letras Galegas 1996. Xesús Ferro Couselo". Real Academia Galega.
- ↑ Fundou a revista Tude inspirado polo seu amigo Xosé Manuel Cabada, que fundara unha revista no instituto de Linares, Xaén, que dirixía.
- ↑ "Editorial Galaxia. Xesús Ferro Couselo". Editorial Galaxia. Arquivado dende o orixinal o 13/08/2020. Consultado o 08/08/2020.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Diccionario enciclopédico galego universal. La Voz de Galicia. 2003-2004. ISBN 84-7680-429-6.
- "Ferro Couselo, Xesús". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 97-98.
- Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 82.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 153-154. ISBN 84-7492-465-0.
- Otero Fernández, David (1996). A vida de Xesús Ferro Couselo. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-029-7.
- Taboada Chivite, Xesús (2005). "Ferro Couselo, Xesús". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
Outros artigos
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xesús Ferro Couselo |