Valga
Coordenadas: 42°41′21″N 08°38′53″O / 42.68917, -8.64806
Valga é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2014 era de 6.050 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valgués, valguesa».
Valga | |
---|---|
Casa do Concello. | |
Situación | |
Xentilicio[1] | valgués, valguesa |
Xeografía | |
Provincia | Provincia de Pontevedra |
Comarca | Comarca de Caldas |
Poboación | 5.752 hab. (2022)[2][3] |
Área | 40,6 km²[3] |
Densidade | 141,67 hab./km² |
Entidades de poboación | 5 parroquias[4] |
Capital do concello | Ponte Valga |
Política (2023 [5]) | |
Alcalde | José María Bello Maneiro (PPdeG[6]) |
Concelleiros | BNG: 2 PPdeG: 9 PSdeG-PSOE: 2 |
Eleccións municipais en Valga | |
Uso do galego[7] (2011) | |
Galegofalantes | 85,70% |
Na rede | |
http://www.valga.gal/ | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Poboación Editar
Censo total 2014 | 6.050 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 823 (13.60 %) |
Entre 15 e 64 anos | 3.996 (66.05 %) |
Maiores de 65 anos | 1.261 (20.84 %) |

Localización Editar
Valga atópase na beira esquerda do curso baixo do río Ulla; está cruzado pola autoestrada AP-9, o camiño de ferro da Coruña a Vigo, a N-550 da Coruña a Pontevedra e a C-550 de Fisterra a Tui.
A parte norte ocúpaa o amplo val do Ulla, ao que verten os ríos Louro e Valga, que transcorren paralelos parte do seu percorrido. Nos lindes do suroeste atópanse o monte Fontebecha (372 m), O Mecho (365 m) e o Outeiro da Marquesa (356 m). Cara ao sueste está a ladeira do monte Xesteiras (que chega aos 716 m entre Cuntis e A Estrada). Nesta zona máis interior do concello sobresaen o Monte Gorgullón (283 m), o Monte Ouroso (354 m), o Outeiro da Carballeira (350 m), o Outeiro dos Lobos (402 m), o Alto dos Salgueiros (372 m), o Monte da Lagoa (397 m) e o Monte Lomba (371 m). As vías de comunicación circulan en dirección norte-sur na depresión entre as unidades montañosas de Fontebecha e de Xesteiras.
As temperaturas son suaves, cunha media de 13 °C. Chove bastante, até chegar aos 1.700 mm anuais.
Historia Editar
Durante a idade Media o territorio era señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e dividíase entre Cordeiro e Padrón.
O 27 de abril de 1809, durante a Guerra de Independencia española tivo lugar a Batalla de Casal do Eirigo. Nela os voluntarios do lugar, dirixidos por Pablo Morillo e polo presbítero Felipe Concha fixeron retroceder até Pontecesures as tropas de Ney e Maucunne. Parece que con tal ocasión foi construída a ermida de Nosa Señora da Saúde.
O concello xurdiu da división municipal de 1821, levando o nome de Cordeiro até 1836. En 1925 segregouse a parroquia de San Xulián de Requeixo, dando lugar ao actual concello de Pontecesures.
Patrimonio Editar
O petróglifo dos Penoucos de Campo Redondo, na parroquia de Valga, data da Idade de Bronce, e está declarado Ben de Interese Cultural. Da cultura castrexa son os poboados do Castro e a Roda do Castro (Setecoros) e O Castro (Cordeiro).
A capela dos Martores data do século V, sendo ampliada no XVII. A igrexa de Santa María de Xanza e a de Santa Cristina de Campaña son románicas. A igrexa vella de Santa Comba de Louro foi derrubada no século XVIII.
Dada a orografía do territorio, abundan os miradoiros, como o de Chan do Monte en Setecoros, o de Campo Redondo e o miradoiro do monte Xesteiras.
Valga celebra o 31 de agosto a Festa da anguía e a Mostra da Caña do País.
Símbolos Editar
En 2017, o pleno do concello aprobou un novo escudo municipal, deseñado polo historiador Eduardo Pardo de Guevara, vicepresidente da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
O escudo anterior databa de 1816 e representaba un año pendurado dunha corda sobre unha ponte. O motivo do año e a corda procede da insignia da Orde do Vélaro de Ouro, se ben o símbolo desta e o animal que aparece na lenda orixinal é un carneiro adulto. A razón pola que se recorreu a esta imaxe parece deberse ao nome da parroquia de Cordeiro —Cordario no século XI[8], derivado do latín vulgar cordarium—, posiblemente alusivo á existencia dunha antiga cordoaría na zona, que evolucionou ata coincidir co nome da cría da ovella. A ponte fai referencia ao lugar de Ponte Valga, sede da casa do concello.
O brasonamento do novo escudo é o seguinte:
De azur e sobre ondas de prata e azur, a ponte de ouro, surmontado do año alterado de prata e de dúas cordas de ouro, cos seus extremos ou cabos soltos e dispostas nos flancos. Ao timbre, a coroa real pechada.[9]
Nas novas armas corríxese a anomalía que supuña o uso da simboloxía do Vélaro de Ouro sen ter o concello relación ningunha coa Orde. Ademais, a representación actual do año, vivo e ceibo, resulta menos agresiva cá imaxe do seu coiro atado e colgante.[10]
Tamén no 2017 adoptouse un himno municipal[11], composto polo músico valgués Manu Conde, membro do grupo Milladoiro, con letra anónima, segundo o concello. Un veciño afirmou que a letra do himno se basea nunha composición poética súa que el mesmo dera a coñecer ao concello. Segundo este veciño, a letra fora despois sometida a modificacións que el nunca autorizou, polo que se desvinculou do proxecto. Con todo, denunciou que a letra final foi desenvolvida a partir do seu texto, co que mantén unha gran semellanza, sen recoñecemento á súa autoría orixinal.[12]
Valga na literatura popular Editar
Rosalía de Castro escribiu o seguinte:
- Vexo Valga á beira hermosa/ dun camiño todo prata,/ casta virxe candorosa,/ sentadiña en chan de rosa,/ vestidiña de escalrata.
- Cantigueiro
- Véxote no Milladoiro,/ no Faramelo, en Padrón,/ e astra pola Ponte Valga/ te vexo no corazón [13].
Asociacións culturais e deportivas Editar
O concello de Valga conta con diferentes asociacións culturais, como a Banda de Música Municipal de Valga, a Escola de Música Municipal de Valga[14], a Escola Municipal de Teatro e a Asociación Cultural e Xuvenil A Eira[15], entre outras moitas.
O Furia Athlétic Club é un equipo de fútbol localizado na parroquia de Santa Cristina de Campaña.[16]
Galería de imaxes Editar
- Artigo principal: Galería de imaxes de Valga.
-
Igrexa de Santa María de Xanza.
-
Placa altimétrica.
Parroquias Editar
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Valga | |
---|---|
Campaña (Santa Cristina) | Cordeiro (Santa Comba) | Setecoros (San Salvador) | Valga (San Miguel) | Xanza (Santa María) |
Lugares de Valga Editar
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Valga vexa: Lugares de Valga.
Notas Editar
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020.(en castelán).
- ↑ 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Valga".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
- ↑ Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Eleccións 2023" (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023.
- ↑ "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2023.
- ↑ Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google
- ↑ "Urraca Garcés | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2019-12-12.
- ↑ "Archivo:Escudo de Valga (Pontevedra).svg" (en castelán).
- ↑ "El riesgo de "maltrato animal" desaparece del escudo y el estandarte oficiales de Valga". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2019-12-12.
- ↑ Administrador. "Símbolos corporativos". Web Concello de Valga. Consultado o 2019-12-13.
- ↑ "Un vecino de Valga acusa al Concello de plagiar un poema suyo en el himno municipal". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-05-27. Consultado o 2019-12-12.
- ↑ O Milladoiro é lugar da parroquia de Biduído, concello de Ames; O Faramello non está en Padrón senón que é lugar da parroquia de Ribasar, no concello de Rois; Ponte Valga é lugar da parroquia e concello de Valga. No texto: hastra
- ↑ "Escola de Música Municipal de Valga". Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2014. Consultado o 04 de decembro de 2014.
- ↑ "Asociación Cultural e Xuvenil A Eira". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2014. Consultado o 04 de decembro de 2014.
- ↑ Furia Athletic Club
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Valga |
Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |