Fisterra
Coordenadas: 42°54′31″N 9°15′46″O / 42.908611111111, -9.2627777777778
Fisterra (do latín finis terrae 'fin da terra')[8] é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».
Fisterra | |
---|---|
![]() Vista panorámica da vila | |
Situación | |
Xentilicio[1] | fisterrán / fisterrá |
Xeografía | |
Provincia | Provincia da Coruña |
Comarca | Comarca de Fisterra |
Poboación | 4.726 hab. (2022)[2][3] |
Área | 29,4 km²[3] |
Densidade | 160,75 hab./km² |
Entidades de poboación | 4 parroquias[4] |
Política (2023 [5]) | |
Alcaldesa | Áurea Domínguez Sisto (AV[6]) |
Concelleiros | BNG: 1 PPdeG: 5 PSdeG-PSOE: 2 Outros: AV: 3 |
Eleccións municipais en Fisterra | |
Uso do galego[7] (2011) | |
Galegofalantes | 71,21% |
Na rede | |
www.concellofisterra.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Toponimia Editar
O topónimo ten orixe latina, de finis terrae 'fin da terra'. Antigamente pensábase que o cabo Fisterra era o punto máis occidental do mundo coñecido, ao veren as lexións romanas o afundimento do sol nas augas do océano Atlántico.
Xeografía Editar
O municipio de Fisterra é unha península que penetra no océano Atlántico. O seu relevo é bastante accidentado e alcanza a máxima altitude nos montes próximos a Cee (Seoane, 249 m; San Xoán, 247 m; Veladoiro, 241 m) e no Facho (247 m), onde descende bruscamente cara ao mar configurando esa paisaxe enérxica e ata abrupta, que singulariza o concello. Entre ambos os bloques graníticos esténdese o istmo de Langosteira, formado por sedimentos cuaternarios.
Na costa sucédense grandes areais (O Rostro, Mar de Fóra, Lagosteira, Sardiñeiro) e abruptos cantís entre os que sobresaen o Cabo da Nave, o Faro e o Monte Facho.
Clima Editar
O réxime termopluviométrico é o típico deste sector costeiro, temperaturas suaves (14,4 °C de media) e precipitacións que non superan os 1000 mm, sendo un dos enclaves menos pluviosos da costa galega.
Historia Editar
Os restos arqueolóxicos achados nas parroquias de San Martiño e San Vicente de Duio fixeron pensar na existencia dun importante asentamento lacustre que máis tarde sería romanizado. Nestas parroquias atopáronse restos do que sería a vía romana per loca maritima que conducía ata a fin da terra coñecida onde, segundo a lenda, estaría o Promontorium Nerium e o "Ara Solis" lugar de adoración ao Sol construído polos fenicios e supostamente mandado destruír polo Apóstolo Santiago, nome que mantén a praza da vila.
Desde a idade media estas terras convertéronse en termo do peregrino xacobeo, que prolongaba ata aquí o seu camiño para venerar as reliquias de San Guillerme e a imaxe do Santo Cristo. Segundo Benjamín Trillo Trillo, O camiño de Santiago é o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o Sol na fin do mundo[9]. Co fin de acoller os numerosos peregrinos, en 1749 construíuse o Hospital de Peregrinos da nosa Señora do Rosario. Os peregrinos e peregrinas que fan o camiño de Santiago adoitan rematar aquí a súa viaxe.
A tradición oral mestura lendas de temática relixiosa, marítima e pétrea, como as da ermida de San Guillerme, a Orca Vella, Pedras Santas, Santo Cristo de Fisterra ou a cidade de Dugium.
En 1544 houbo unha batalla contra os franceses. En 1805 os franceses foron aliados contra os ingleses, e en 1809 distinguíronse pola resistencia contra a invasión francesa, aínda que non puideron evitar o desmantelamento do castelo de San Carlos, construído no século XVII para a defensa do porto.
Patrimonio Editar
A vila de Fisterra está formada por un núcleo antigo crecido en anfiteatro sobre o peirao.
O castelo de San Carlos foi construído a mediados do século XVIII dentro dun plan defensivo da ría de Corcubión xunto co castelo do Príncipe, en Ameixenda (Cee) e o castelo do Cardeal, en Corcubión.
Deseñado polos enxeñeiros Lemaur e Exarch, en 1757 iniciouse a súa construción, co reformulamento xeral, a explanación do soar, a cimentación sobre rocha a base de pedra e barro e un tramo de muralla. Ten forma irregular para adaptarse ao terreo rochoso sobre o que está asentado.
Foi rematado en 1767, por Real Orde de Carlos III. No asalto francés a Fisterra durante a Guerra da Independencia Española sufriu un incendio que comportou a súa destrución. Ata entón contaba con tres frontes e unha nave interior coa dependencia do oficial, o cuartel e a polvoreira. Posteriormente reformouse a nave central, e foi restaurado recentemente.
Poboación Editar

| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Censo total 2014 | 4824 habitantes | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Menores de 15 anos | 566 (11.73 %) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Entre 15 e 64 anos | 3122 (64.72 %) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Maiores de 65 anos | 1136 (23.55 %) |
Economía Editar
Fisterra, terra de gran tradición marítima, vive cara ao mar. O peirao da vila acolle boa parte da actividade económica. A frota está formada por pequenos barcos de baixura que utilizan diversas artes de pesca coma o palangre, nasas ou vetas, poxando as capturas na lonxa e xunto co turismo, xera unha demanda de servizos, avituallamento de barcos, carga e descarga, hostalaría, administración, etc., que dá ocupación a boa parte da poboación.
Os restantes sectores, a agricultura de subsistencia, a industria e construción completan o cadro económico do municipio.
Fisterra na literatura popular Editar
- O Cristo de Finisterre/ ten unha pistola d'ouro// pra matar aos do Son/ por riba de Monte Louro [10].
- Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros [11]
- Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ axúdame a remontar/ a laxe de Touriñana [12][13][14].
- Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ veño de tan lonxe terra,/ Santo, por che ver a cara./ Veño da Virxe da Barca,/ veño de abalar a pedra./ Tamén veño de vos ver,/ Santo Cristo de Fisterra [15].
- Santo Cristo de Fisterra,/ ten unha pistola de ouro/ para matar os do Son/ por riba do Monte Louro [16].
Galería de imaxes Editar
- Artigo principal: Galería de imaxes de Fisterra.
-
Camiño de Santiago, Fisterra.
-
Vista da vila.
-
Castelo de San Carlos.
-
Capela da Nosa Señora do bo Suceso.
-
Faro de Fisterra.
-
O Cabo.
-
Vista desde o cabo.
-
Igrexa parroquial de santa María das Areas de Fisterra.
Lugares de Fisterra Editar
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Fisterra vexa: lugares de Fisterra.
Praias Editar
O territorio do municipio é principalmente rodeado polo mar e ofrece excelentes praias, dependendo da posición con augas fortes ou tranquilos (na sombra do cabo Fisterra).
Parroquias Editar
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Fisterra | |
---|---|
Duio (San Vicenzo) | Fisterra (Santa María) | San Martiño de Duio (San Martiño) | Sardiñeiro (San Xoán) |
Notas Editar
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020.(en castelán).
- ↑ 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Fisterra".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
- ↑ Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google
- ↑ Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 278 páx. ISBN 978-84-9865-892-1
- ↑ Trillo Trillo, Benjamín (1982). Las huellas de Santiago en la cultura de Finisterre. Finisterre: Ayuntamiento de Finisterre. ISBN 978-84-500-8624-9. OCLC 431330018.
- ↑ Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: d-ouro, Montelouro.
- ↑ Cantigas do viño. Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos.
- ↑ Refírese á punta do cabo Touriñán, situado na parroquia do mesmo nome, no oeste do concello de Muxía.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 183.
- ↑ Lino Lema Bouzas 1993, 13. No orixinal: da Touriñana.
- ↑ Copla une a devoción ao Cristo de Fisterra e á Virxe da Barca.
- ↑ Monte Louro é lugar da parroquia de Louro, en Muros. Fermín Bouza-Brey 1929, 184. No orixinal: ôs do Son.
- ↑ "Visor Sixpac Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2017. Consultado o 16 de maio de 2017.
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fisterra |
Bibliografía Editar
- ANÓNIMO: Cantigas do viño. Edicións Castrelos, Col. O Moucho 6, Vigo 1968.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- TRILLO TRILLO, Benjamín: "As pegadas de Santiago na cultura de Fisterra". Concello de Fisterra, 1982. ISBN 9788450086249.