Castelo do Príncipe
O Castelo do Príncipe é unha fortaleza construída no século XVIII, sita na parroquia da Ameixenda, no concello de Cee. Foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 1994.[1][2] Dá nome á aldea de Castelo do Príncipe.
Castelo do Príncipe | |
---|---|
ben de interese cultural e ben de interese cultural | |
Castelo do Príncipe | |
Coordenadas | 42°55′43″N 9°10′09″O / 42.928628, -9.169142 |
Estilo arquitectónico | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarO Castelo do Príncipe comezouse a construír en 1740 xunto co Castelo do Cardeal, situado á outra beira da ría de Corcubión. O enxeñeiro encargado da obra sería Francisco Llobet, sendo substituído por Carlos Lemaur (de procedencia francesa, algo moi habitual durante o reinado dos Borbóns) no 1744, ano no que comezan os traballos definitivos. As obras rematan en 1755. O nome do Príncipe déuselle en honra ao fillo de Carlos III de España, o futuro rei Carlos IV.
O papel estratéxico da Costa da Morte vai perdendo relevancia durante o século XIX, polo que a finais dese século o castelo, ao igual ca outras tantas fortalezas, deixaría de pertencer ao Estado tras poxa pública. O primeiro propietario foi o empresario, banqueiro e político fisterrán residente en Corcubión Plácido Castro Rivas, o cal compra tamén en 1892 o Castelo de San Carlos de Fisterra. No ano 1928, despois de abandonar a vila de Corcubión, Plácido Castro fai unha doazón de varios bens inmobles (entre os que se atopa o Castelo do Príncipe) á Asociación de Periodistas de Madrid, que o acaba hipotecando e, posteriormente, queda en mans do banco. Durante moitos anos o edificio queda abandonado até que en 1985 o empresario galego Xosé Ramón Oreiro se fai con el por 30 millóns de pesetas. Oreiro fai a maior reforma que se fixo nesta fortaleza, converténdoa nunha luxosa vivenda.
No ano 2006, o castelo foi comprado por un empresario da Rioxa por unha cifra en torno aos 3 millóns de euros e actualmente atópase á venda por 6 millóns de euros.[3][4]
Arquitectura
editarAo igual que o castelo do Cardeal, montaba 12 pezas de artillaría noutras tantas troneiras dirixidas cara ao mar. Ao amplo adarve que ten ascendíase por unha rampla ou por dúas escaleiras de pedra, existindo tamén espaldóns resoltos con arcos rebaixados. Un grande edificio que dirixe as súas ás cara aos semibaluartes do hornabeque contiña os servizos loxísticos (dependencias para a gornición que acadaba os 88 soldados, almacéns e polvoreira). O aparello é de cantería ben labrada no seu perímetro exterior e gran parte da súas fábricas interiores, o que lle dá gran realce visto dende o mar ou dende terra, onde tiña o foxo e a ponte para entrar ao centro da cortina.[3]
Polémica
editarDado o seu carácter de Ben de Interese Cultural, adquirido no ano 1994, está sometido á LEI 5/2016 do 4 de maio, do Patrimonio cultural de Galicia. No seu artigo 48 especifícase que os propietarios destes bens permitirán a súa visita pública un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas diarias, sendo estes definidos previamente. Por este motivo veciños do concello de Cee comezaron a demandar ao actual dono a apertura inmediata das súas portas, xa que esta fortaleza atópase pechada ao público.[5][6]
Notas
editar- ↑ "Rexistro de Bens de Interese Cultural". www.cultura.gal. Consultado o 2018-12-08.
- ↑ Xunta de Galicia (13 de decembro de 2016). "Bens de Interese Cultural (BIC)". abert@s. Arquivado dende o orixinal (csv) o 26 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019.
- ↑ 3,0 3,1 Víctor Castiñeira (2017-03-29). "Castelo do Príncipe (II): O contexto da construción do Castelo e das outras fortalezas defensivas das nosas costas". Que pasa na costa. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2018. Consultado o 2018-12-08.
- ↑ Víctor Castiñeira (2017-04-05). "Castelo do Príncipe (III): O castelo na actualidade". Que pasa na costa. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2018. Consultado o 2018-12-08.
- ↑ Víctor Castiñeira (2017-04-12). "Castelo do Príncipe (IV): A lexislación". Que pasa na costa. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2018. Consultado o 2018-12-08.
- ↑ Lorena Martínez (2016-09-07). "Abren unha campaña de firmas para pedir que o castelo da Ameixenda sexa público". Que pasa na costa. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2018. Consultado o 2018-12-08.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castelo do Príncipe |