Carlos IV de España
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2014.) |
Carlos IV de Borbón, nado no Palacio Real de Portici (Reino de Nápoles) o 11 de novembro de 1748 e finado en Roma (Estados Pontificios) o 20 de xaneiro de 1819, foi rei de España desde o 14 de decembro de 1788 até o 19 de marzo de 1808 cando, como consecuencia do golpe de Estado que pasou á historia como o motín de Aranjuez, abdicou en favor do seu fillo Fernando, príncipe de Asturias.
Era fillo e sucesor de Carlos III e da súa esposa María Amalia de Saxonia.
Primeiros anos
editarCando naceu, seu pai era o rei das Dúas Sicilias. Foi bautizado co nome de Carlos Antonio Pascual Francisco Javier Juan Nepomuceno José Januario Serafin Diego.
No verán de 1765 foi chamado polo seu pai, sendo xa rei de España, para informalo do noivado que lle fora decidido, como Príncipe de Asturias, coa súa prima irmá a princesa María Luísa de Parma.
Acceso ao trono
editarSucedeu ao seu pai, Carlos III, ao morrer este o 14 de decembro de 1788.
Accedeu ao trono cunha ampla experiencia nos asuntos de Estado, aínda que o seu reinado foi desastroso, porque se viu superado pola repercusión dos sucesos acaecidos en Francia en 1789 e tamén pola súa falta de enerxía persoal, que fixo que deixara o goberno en mans da súa esposa María Luísa de Parma e do seu valido, Manuel Godoy, de quen se dicía que era amante da raíña. Porén, hoxe en día esas afirmacións foron desmentidas por varios historiadores.[1][2]
Estes acontecementos frustraron as expectativas coas que iniciou o seu reinado. Á morte de Carlos III, o empeoramento da economía e a desorde da administración revelaban os límites do reformismo, mentres que a Revolución francesa poñóa enriba da mesa unha alternativa ao Antigo Réxime.
Pode dicirse, por tanto, que coa morte de Carlos III rematou a historia do reformismo ilustrado en España, pois o estalido case inmediato da Revolución francesa ao ano seguinte provocou unha reacción de terror que converteu o reinado do seu fillo e sucesor, Carlos IV, nun período moito máis conservador.
Ao final do reinado deste último, a invasión francesa arrastraría ao país a un ciclo de revolución e reacción que marcaría todo o século XIX, sen deixar espazo para continuar un reformismo sereno como o que desenvolvera Carlos III.[3]
Reinado
editarGoberno do conde de Floridablanca
editarAs primeiras decisións de Carlos IV mostraron uns propósitos reformistas. Confirmou no seu posto (por consello do seu pai) como primeiro Secretario de Estado e de Despacho a Xosé Moñino e Redondo, conde de Floridablanca, un ilustrado que iniciou a súa xestión con medidas como a condonación do atraso das contribucións, a limitación do prezo do pan, a restrición da acumulación de bens das mans mortas, a supresión de vinculeiros e morgados e o impulso do desenvlvemento económico. O propio monarca tomou a iniciativa de derrogar a lei sálica imposta polo seu antecesor Filipe V, medida ratificada polas Cortes de 1789, pero que non se chegou a promulgar (esta falta da promulgación foi un dos motivos alegados polos tradicionalistas que emprenderon, á morte de Fernando VII, as Guerras carlistas).
O estalido da Revolución francesa en 1789 cambiou radicalmente a política española. Conforme ían chegando as noticias de Francia, o nerviosismo da Corona crece e acaba por pechar as Cortes que, controladas por Floridablanca, se reuniran para recoñecer ao príncipe de Asturias.
O illamento parece ser a receita para evitar a propagación das ideas revolucionarias a España. Floridablanca, ante a gravidade dos feitos deixou en suspenso os Pactos de Familia, establecieu controus na fronteira para impedir a expansión revolucionaria e efectuo unha forte presión diplomática en apoio a Lois XVI.
Tamén puxo fin aos proxectos reformistas do reinado anterior e substituínos polo conservadorismo e a represión (fundamentalmente a cargo da Inquisición, que detivo a Cabarrús, desterrou a Jovellanos e despoxou dos seus cargos a Campomanes).
Goberno do conde de Aranda
editarEn 1792, Floridablanca foi substituído polo conde de Aranda, amigo de Voltaire e doutros revolucionarios franceses. O Rei encomendoulle a tarefa de salvarlle-la vida ao rei Lois XVI tralo fracaso da fuga de Varennes e a aceptación da Constitución francesa de 1791.
Porén, a radicalización revolucionaria a partir de 1792 e a saída do trono de Lois XVI coa proclamación da Primeira República Francesa provocou a caída do conde de Aranda e a chegada ao poder de Manuel Godoy o 15 de novembro de 1792.
Primeiro goberno de Manuel Godoy
editarManuel Godoy era un garda de corps que ascendeu rapidamente na Corte grazas á amizade e confianza que lle outorgaron os reis. En poucos anos pasou de ser un fidalgo a converterse en duque de Alcudia e de Sueca, capitán xeneral e, desde finais de 1792, en «ministro universal» de Carlos IV, cun enorme poder.
De pensamento ilustrado impulsou medidas reformistas como as disposicións para favorecer a ensinanza das ciencias aplicadas, a protección das Sociedades Económicas de Amigos do País e a chamada desamortización de Godoy de bens pertencentes a hospitais, casas de misericordia e hospicios rexentados por comunidades relixiosas.
Pero a Revolución francesa condicionou a súa actuación na política española. As sías primeiras medidas encamiñáronse a salvar a vida de Lois XVI, procesado e condenado a morte. Pese aos esforzos de todas as Cortes europeas, o monarca francés foi guillotinado en xaneiro de 1793, o que xeneralizou unha guerra das potencias europeas contra a Francia revolucionaria coñecida como a guerra da Convención, na que España participou e foi derrotada pola Francia republicana, froito do desastroso abastecemento, a pésima preparación do exército e a escasa moral da tropa fronte aos enardecidos sans culottes franceses.
Un exército de 25.000 homes[Cómpre referencia] dirixido polo xeneral Ricardos entrou no Rosellón e logrou algúns éxitos (como a toma de Perpiñán). Pero a partir de 1794 as tropas españolas víronse forzadas á retirada. Os franceses, pola súa parte, ocuparon Figueres, Irún, San Sebastián, Bilbao, Vitoria e Miranda de Ebro.
Godoy subscribiu entón con Francia a Paz de Basilea, en 1795. A República francesa devolveu a España as prazas ocupadas, a cambio do territorio español da illa A Española —colonia de Santo Domingo—. En agradecemento, o rei Carlos IV concedeulle a Godoy o título de príncipe da Paz.
En 1796, concluída a fase máis radical da Revolución, Godoy asinou o Tratado de San Ildefonso, polo que España se converteu en aliada de Francia. Este cambio de postura buscaba o enfrontamento con Gran Bretaña, principal adversario da Francia revolucionaria e tradicional inimiga de España, coa que disputaba a hexemonía marítima e, concretamente, o comercio con América.
La escuadra española sufriu unha severa derrota fronte ao cabo de San Vicente en 1797, pero Cádiz e Santa Cruz de Tenerife resistiron os ataques do almirante Nelson. En América, os británicos ocuparon a illa Trinidad, e sufriron unha derrota en Porto Rico. Isto provocou a caída de Godoy, en maio de 1798.
Gobernos de Saavedra e Urquijo
editarTras isto, dous ilustrados, Francisco de Saavedra e Mariano Luís de Urquijo, sucedéronse á fronte do goberno entre 1798 e 1800.
Segundo goberno de Manuel Godoy
editarA chegada ao poder de Napoleón en 1799 e a súa proclamación como emperador en 1804 alterou as relacións internacionais, e España renovou a alianza con Francia. Napoleón necesitaba, na súa loita contra os británicos, contar coa colaboración de España, sobre todo da súa escuadra. Por iso, premeu a Carlos IV para que restablecera a súa confianza en Godoy. Este asumiu de novo o poder en 1800 asinou o Convenio de Aranjuez de 1801 polo que poñía a disposición de Napoleón a escuadra española, o que implicaba de novo a guerra contra Gran Bretaña.
Godoy declarou en 1801 a guerra a Portugal, principal aliado británico no continente, antes de que o fixera Francia. Este conflito, coñecido como a guerra das Laranxas, significou a ocupación de Olivenza por España que, ademais obtivo o compromiso de Portugal de impedir o atraque de buques británicos nos seus portos.
Pero en 1805 a derrota da escuadra franco-española na batalla de Trafalgar pola armada británica modificou a situación radicalmente. Fronte á hexemonía de Gran Bretaña nos mares, Napoleón decretou o bloqueo continental, medida á que se sumou España. E en 1807 foi subscrito o Tratado de Fontainebleau que establecía a repartición de Portugal entre Francia, España e o propio Godoy, ademais de conceder o dereito de paso por España das tropas francesas encargadas da ocupación dese país.
Crise final
editarCon tal sucesión de guerras agravpise até o extremo a crise da facenda, e os ministros de Carlos IV mostráronse incapaces de solucionala; entre outras cousas, porque o temor á revolución lles impedía introducir as necesarias reformas, que lesionarían os intereses dos estamentos privilexiados, alterando a orde tradicional.[5]
A presenza de soldados franceses en territorio español (moitos máis dos permitidos polo tratado de Fontainebleau, e que, ademais, no canto de ir cara a Portugal ocuparan numerosas prazas) aumentou a oposición cara a Godoy, enfrontado cos sectores máis tradicionais pola súa política reformista e entreguista cara a Bonaparte.
A finais de 1807 produciuse a conxura de El Escorial, conspiración encabezada por Fernando, príncipe de Asturias, que pretendía a substitución de Godoy e o destronamento do rei. Pero, frustrado o intento, o propio Fernando, no chamado proceso de El Escorial, delatou aos seus colaboradores.
En marzo de 1808, ante a evidencia da ocupación francesa, Godoy aconsellou aos reis que, imitando á Familia Real portuguesa, abadoaran España. Pero produciuse o Motín de Aranjuez, levantamento popular (instigado, unha vez máis, polo príncipe Fernando e a súa camarilla) en contra dos reis, aproveitando a súa presenza no Palacio Real de Aranjuez. Godoy foi apresado polos amotinados. Carlos IV, ante o cariz dos acontecementos, abdicou no seu fillo Fernando, que se convertía así en Fernando VI.
Napoleón, receoso ante o cambio de monarca, e vendo o comportamento e debilidade da Famlia Real, convocou a toos os seus membros a un encontro na localidade francesa de Baiona.
Fernando VII, baixo a presión do emperador e dos seus pais, devolveu a Coroa a Carlos IV o día 6 de maio, sen saber que a véspera Carlos IV pactara a cesión dos seus dereitos en favor de Napoleón quen, finalmente, designou como novo rei de España ao seu irmán Xosé.
Final
editarCarlos permaneceu prisioneiro de Napoleón, residindo en Marsella, até a derrota final do emperador en 1814. Nese mesmo ano Fernando VII foi reposto no trono español pola Xunta Central. Pero Fenando mantivo ao seu pai desterrado por temor a que lle disputara o poder. Carlos e a súa esposa continuaron o exilio na Corte papal, residindo no palazzo Borghese.[5]
Carlos IV morreu en Roma o 20 de xaneiro de 1819, poucos días despois de que falecera a súa esposa María Luísa. Posteriormente os restos mortais da parella foron trasladados á Cripta Real do mosteiro do Escorial.
Mecenado
editarCarlos interesouse desde a súa xuventude pola arte.
Violinista afeccionado, en 1775 comprou para a Corte o quinteto de instrumentos Stradivarius conservado no Palacio Real de Madrid (os chamados Stradivarius Palatinos) rodeándose dun grupo de notábeis músicos dirixido polo violinista e compositor Gaetano Brunetti.
Tamén se interesou pola pintura, encargando obras a Luis Meléndez, Claude Joseph Vernet e Luis Paret, e nomeando a Francisco de Goya pintor de cámara en 1789.
Matrimonio e fillos
editarCarlos IV contraeu matrimonio en 1765 coa súa prima María Luísa de Borbón-Parma (era filla de Filipe I, duque de Parma, fillo de Filipe V).
Tiveron 14 fillos das vinte e catro veces que María Luísa estivo embarazada, pero só sete chegaron á idade adulta:
- Carlos Clemente Antonio (19 de setembro de 1771 - 7 de marzo de 1774).
- Carlota Xoaquina (25 de abril de 1775 – 7 de xaneiro de 1830), que casou co infante portugués Xoán María de Braganza, futuro rei Xoán VI de Portugal.
- María Luisa Carlota (11 de setembro de 1777 - 2 de xullo de 1782).
- María Amalia (9 de xaneiro de 1779 – 22 de xullo de 1798), que caou co seu tío Antonio Pascual de Borbón, infante de España, fillo de Carlos III) e irmán máis novo de Carlos IV.
- Carlos Domingo Eusebio (5 de marzo de 1780 - 11 de xuño de 1783)
- María Luísa Xosefina (6 de xullo de 1782 – 13 de marzo de 1824), que casou con Luís de Borbón-Parma, duque de Parma e rei de Etruria.
- Carlos Francisco de Paula (5 de setembro de 1783 - 11 de novembro de 1784).
- Filipe Francisco de Paula (5 de setembro de 1783 - 18 de outubro de 1784).
- Fernando (14 de outubro de 1784 – 29 de setembro de 1833), rei de España como Fernando VII.
- Carlos María Isidro (29 de marzo de 1788 – 10 de marzo de 1855), conde de Molina, fundador do carlismo e pretendente ao trono de España. Casou coa súa sobriña a infanta María Francisca de Portugal, filla do rei Xoán VI de Portugal e de Carlota Xoaquina, irmá de Carlos.
- María Isabel (6 de xullo de 1789 – 13 de setembro de 1848), que casou co seu primo Francisco I das Dúas Sicilias e, despois, con Francisco, conde do Balzo.
- María Teresa (16 de febreiro de 1791 - 2 de novembro de 1794). Morta a causa da varíola.
- Filipe María Francisco (28 de marzo de 1792 - 1 de marzo de 1794).
- Francisco de Paula Antonio, duque de Cádiz (10 de marzo de 1794 – 13 de agosto de 1865), que casou coa su sobriña, Luísa Carlota de Borbón-Dúas Sicilias, filla da súa irmá María Isabel de Borbón e Francisco I das Dúas Sicilias. O seu primoxénito, Francisco de Asís de Borbón, casou coa raíña Isabel II de España.
Xenealoxía
editarFilmografía
editar- Goya's Ghosts [Os fantasmas de Goya] (2006), de Miloš Forman. O personaxe de Carlos IV foi interpretado por Randy Quaid.
Notas
editar- ↑ Parra (2002).
- ↑ Rúspoli (2004).
- ↑ Biografias y Vidas. "Carlos III de España". Consultado o 24 de xuño de 2004.
- ↑ Coñecida popularmente como El Caballito
- ↑ 5,0 5,1 Biografías y Vidas. "Carlos IV de España". Consultado o 24 de xuño de 2014.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Carlos IV de España |
Bibliografía
editarLibros de historia
editar- Anes, Gonzalo (1975): El Antiguo Régimen: los Borbones. Historia de España Alfaguara. IV. Madrid: Alienza Editorial / Alfaguara. ISBN 978-84-206-2044-0.
- Artola, Miguel (1973): La burguesía revolucionaria (1808-1869). Historia de España Alfaguara. V. Madrid: Alianza Editorial / Alfaguara. ISBN 978-84-2062-046-7.
- Lynch, John (1999): La España del siglo XVIII. 2ª ed. Barcelona: Crítica. ISBN 978-84-74-23-961-3.
- Parra López, E. La (2002): Manuel Godoy: la aventura del poder. Barcelona: Tusquets. ISBN 978-84-8310-405-7.Crítica en "El Cultural" do diario El Mundo (España), 03/10/2002.
- Rúspoli, E. (2004): Godoy: La lealtad de un gobernante ilustrado. ISBN 978-84-8460-387-0. Barcelona: Temas de Hoy (Grupo Planeta). Crítica[Ligazón morta] en Forum Libertas.com
Novelas históricas
editar- Pérez Galdós, Benito (1983): Trafalgar. Episodios Nacionales, 1ª Serie, nº 1. Madrid: Alianza Editorial / Librería y Casa Editorial Hernando. ISBN 978-84-206-5001-3.
- Pérez Galdós, Benito (1983): La Corte de Carlos IV. Episodios Nacionales, 1ª Serie, nº 2. Madrid: Alianza Editorial / Librería y Casa Editorial Hernando. ISBN 978-84-206-5002-1.
- Pérez Galdós, Benito (1983): El 19 de Marzo y el 2 de Mayo. Episodios Nacionales, 1ª Serie, nº 3. Madrid: Alianza Editorial / Librería y Casa Editorial Hernando. ISBN 978-84-2065-003-X.
Outros artigos
editar- Abdicacións de Baiona
- Manuel Godoy
- Motín de Aranjuez
- Proceso de El Escorial
- Tratado de Fontainebleau
Ligazóns externas
editar- Xuízo de Napoleón sobre Carlos IV de España (en castelán)
- Biografía de Carlos IV ofrecida pola Biblioteca Virtual Miguel Cervantes Arquivado 18 de novembro de 2010 en Wayback Machine. (en castelán)
- Carlos IV na Biblioteca Virtual de Polígrafos da Fundación Ignacio Larramendi (en castelán)
Predecesor: Rei Carlos VII das Dúas Sicilias (Futuro Carlos III de España) |
|
Sucesor: Fernando de Borbón e de Borbón-Parma |
Predecesor: Carlos III |
Rei de España 1788-1808 |
Sucesor: Fernando VII |