Tratado de Fontainebleau

O Tratado de Fontainebleau foi asinado o 27 de outubro de 1807[1] na cidade francesa de Fontainebleau entre os respectivos representantes plenipotenciarios de Manuel Godoy, valido do rei español Carlos IV, e Napoleón Bonaparte. Nel estipulábase a invasión militar conxunta franco-española de Portugal e permitíase para iso o paso das tropas francesas por territorio español, sendo así o antecedente da posterior invasión francesa da Península Ibérica e da Guerra da Independencia.

Historia

editar

En 1806, tras fracasar o seu intento de invasión de Inglaterra, Napoleón decreta o Bloqueo Continental,[2] que prohibía o comercio de produtos británicos no continente europeo. Portugal, tradicional aliada de Inglaterra, négase a acatalo e Napoleón decide a súa invasión. Para iso necesita transportar alí as súas tropas terrestres, polo que busca a alianza con España.

O 27 de outubro de 1807, Manuel Godoy, valido de Carlos IV, representado polo seu plenipontenciario, o Conselleiro de Estado e Guerra Eugenio Izquierdo, asina co mariscal Gérard Duroc, representante de Napoleón,[3] o Tratado de Fontainebleau, no que se estipula a invasión militar conxunta franco-española de Portugal, para o que se permite o paso de tropas francesas por territorio español.

O Tratado

editar
 
Partición de Portugal, proposta por Napoleón I, no Tratado de Fointainebleu.

Conforme ao Tratado, unha vez invadido Portugal, este sería dividido en tres zonas:[4]

  • O norte (Oporto e Entre-Minho-e-Douro) sería entregado, co nome de Reino da Lusitania Setentrional, ao antigo rei de Etruria, Carlos Lois I de Borbón, sobriño de Fernando VII, en compensación polos seus territorios italianos entregados a Napoleón.[3]
  • A zona central (Beiras, Tras os Montes e Estremadura portuguesa) reservaríase para un posible cambio por Xibraltar e a illa de Trinidade, en mans de Inglaterra.
  • A zona sur (Alentejo e Algarve) pasaría a Godoy e a súa familia como Principado dos Algarves, independente e hereditario

En canto ás colonias, a súa división entre Francia e España deixábase para un acordo posterior.[5]

Consecuencias

editar

Invasión franco-española de Portugal

editar

Aos poucos días, as tropas españolas do norte, tras entrar pola vila portuguesa de Valença, tomaran Porto, e as do sur, desde Badaxoz chegaran a Setúbal, quedando así fóra de territorio español as tropas máis operativas do seu exército. Pola súa banda, o exército expedicionario francés do xeneral Andoche Junot-que cruzara o río Bidasoa o 18 de outubro antes de asinar o tratado-,[6] atravesaba España (non sen algún incidente), cruzaba a fronteira portuguesa por Alcántara o 20 de novembro e entraba en Lisboa o 30 de novembro. O día anterior, a familia real portuguesa, encabezada polo Príncipe Rexente, futuro Xoán VI, e outras quince mil persoas, saíran cara ao Brasil, onde quedaría fixada a Corte ata 1821.

Inicio da ocupación francesa de España

editar

A presenza das tropas francesas en España, con todo, continuou aumentando e o pobo comezou a observalas como algo ameazante, pois no canto de continuar transitando cara a Portugal foron ocupando, sen ningún apoio do Tratado, diversas localidades como Burgos, Salamanca, Pamplona, Donostia, Barcelona ou Figueres. O total de soldados franceses acantonados en España ascendía a uns 65 000, que controlaban non só as comunicacións con Portugal, senón tamén con Madrid, así como a fronteira francesa. Nese momento, Napoleón formulou a necesidade dunha compensación territorial a Francia que pasaría pola anexión dos territorios até o Ebro.[7]

Algúns autores non descartan a idea dun tratado oculto, do que non hai proba ningunha, polo que Manuel Godoy xa coñecería que, segundo os plans do emperador, 100 000 soldados franceses ocuparían España. Esta ocupación "amistosa", no entanto, terminou por alarmar ao propio Godoy. En marzo de 1808, temendo o peor, a familia real marchou á localidade de Aranjuez para, en caso de necesidade, seguir camiño cara ao sur, a Sevilla, e embarcarse para América, como xa fixera o Príncipe Rexente de Portugal.

Crise da monarquía e inicio da Guerra

editar

O 17 de marzo de 1808 produciuse o Motín de Aranjuez, que provocou a caída de Godoy, a abdicación de Carlos IV e a subida ao trono de Fernando VII. Madrid é ocupada polas tropas francesas do mariscal Murat (23 de marzo), que é recibido por Fernando como aliado, confiando aínda en que Napoleón cumpriría o Tratado de Fontainebleau.

Pero o emperador xa advertira que en España existía un claro baleiro de poder político, pois tanto Carlos como Fernando acudían a el para pedir apoio ás súas respectivas pretensións, ao que hai que engadir a vantaxe militar que lle outorgaba a ocupación de numerosas prazas españolas polas tropas imperiais e a saída das tropas españolas cara a Portugal. Tras convocar a pai e fillo a Baiona, onde chegou Fernando o 20 de abril (deixando en Madrid como o seu representante a unha Xunta de Goberno), e os seus pais, Carlos IV e María Luísa de Parma, o 30 de abril, obtivo deles a abdicación ao seu favor, o 5 de maio de 1808, tras o cal cedeu a Coroa ao seu irmán Xosé I Bonaparte.

Para entón xa se produciu en Madrid o Levantamento do 2 de maio contra a ocupación francesa do país, dando comezo ao que posteriormente coñeceríase como Guerra da Independencia.

  1. Lafuente (1869), p. 570
  2. Mace, Martin; Grehan, John (2013). British Battles of the Napoleonic Wars 1793-1806: Despatches from the Front (en inglés). Barnsley (R.U.): Pen & Sword Books Limited. p. 17. ISBN 9781781593325. 
  3. 3,0 3,1 Napier (1867), p. 9
  4. Martínez & Maqueda & de Diego (1999), p. 38
  5. Queipo de Llano, José María (1838). Historia del levantamiento, Guerra y Revolución de España. Tomo I. París: Imprenta Baudry. 
  6. Stein, Barbara H.; Stein, Stanley J. (2014). Crisis in an Atlantic Empire: Spain and New Spain, 1808-1810 (en inglés). Baltimore: JHU Press. p. 7. ISBN 978-1-4214-1424-9. 
  7. Comellas (2014), p. 48

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar