A figura do valido é unha institución política propia do Antigo Réxime na Monarquía Hispánica, que alcanzou a súa plenitude baixo os chamados Austrias menores no século XVII. Porén non foi algo exclusivo da Monarquía hispánica senón que, durante o século XVII, varios estados tamén tiveron figuras semellantes, denominados privados, como o cardeal Richelieu e Mazarino no reino de Francia ou Cecil e Buckingham no Reino de Inglaterra.[1]

Gaspar de Guzmán, Conde-Duque de Olivares, por Velázquez, 1624. Aparece o valido como burócrata, apoiado nunha mesa e exhibindo a chave que o caracteriza como home que dispuña da confianza absoluta do rei Filipe IV. Os seus cargos formais na corte foron sommelier de corps e caballerizo maior (desde 1622), o que o capacitaba para acompañar o rei en todo momento, tanto en palacio coma se saía de caza, e obrigábano a durmir nos seus apousentos. Logo foi tamén camareiro maior (desde 1636).

Aínda que non é un cargo con nomeamento formal, o de valido era o posto de maior confianza do monarca en cuestións temporais. É importante o matiz, porque as cuestións espirituais eran competencia do confesor real, figura de importancia política significativa. As funcións que exercía un valido eran as de máximo nivel na toma de decisións políticas, máis que un conselleiro, pois na práctica gobernaba en nome do rei, nun momento no que as monarquías autoritarias concentrarón un enorme poder na súa figura. Se o rei non pode ou non quere gobernar en por si, é imprescindible o valido.

Utilízanse como sinónimos os termos favorito ou privado. Convén evitar o termo primeiro ministro que nalgunha ocasión (sobre todo a finais do século XVII) se utilizou para situar o valido por encima de calquera outro ministro ou funcionario, pero que se confunde co concepto totalmente diferente de primeiro ministro na monarquía británica, equivalente ao que en España se chama presidente do consello de ministros, un cargo propio da Monarquía constitucional ou a Monarquía parlamentaria, non existente antes do século XIX.

O que non é un valido editar

Non hai que confundir a institución do valido con outras:

  • o rexente é un cargo formal, que goberna só porque o rei é menor de idade. Adoitaba ser un parente próximo deste (nai, por exemplo), aínda que nalgún caso non ocorreu así (o cardeal Cisneros, no interregno entre a morte de Fernando o Católico e a chegada a España de Carlos I). Nada impide que un rexente teña valido (Nithard o foi de Mariana de Austria na minoría de Carlos II).
  • o vicerrei substitúe o rei en ausencia deste no goberno dun territorio afastado. Era a forma en que se gobernaba (España)(onde nunca foron os reis), Italia ou os reinos da Coroa de Aragón (onde esa institución nace durante a Idade Media, coa figura do lugartenente do reino). Adoita ser un membro da máis alta nobreza ou do alto clero, ou un parente do mesmo rei.
  • o confesor real, que ten unha enorme influencia pola súa proximidade á persoa do rei e as condicións en que trata con este de todo tipo de asuntos, en particular de nomeamentos eclesiásticos, pero tamén outras cuestións políticas.
  • o secretario, que só se encarga dunha parte concreta da administración, xa que por moito empeño que poña un rei amante da burocracia como Filipe II, é imposible para unha soa persoa ocuparse de todos os negocios da monarquía. Os Reis Católicos, Carlos V e o citado Filipe II gobernaron axudados por secretarios, habitualmente letrados provenientes das universidades, o mundo dos negocios ou da baixa nobreza como Francisco de los Cobos, ou Antonio Pérez.
  • os conselleiros de cada un dos consellos do réxime polisinodial (clérigos, nobres, xuristas).

Os validos adoitan ser dunha extracción social nobre, pero non da máis alta nobreza, aínda que son engrandecidos polo cargo.

O nacemento da institución editar

A institución do valido nace coa monarquía autoritaria. Na Castela que vive as guerras civís da Baixa Idade Media, é lóxico que o rei busque apoiarse non nun membro dunha casa nobre moi poderosa, que produciría un trato discriminatorio ás demais, e quizais non deteña a súa ambición no cargo de valido. En cambio un personaxe máis escuro, que lle deba todo ao rei e que non sexa nada en por si, senón pola súa proximidade ao rei, é de maior confianza. No contexto do aumento do poder da monarquía, rei e valido aumentan cada un o seu poder se o fai o outro, e deste xeito comparten intereses.

Validos por reinado editar

 
Beltrán de la Cueva, valido de Henrique IV

Os validos de Filipe III e Filipe IV pertencían a dúas familias rivais: os Sandoval e os Zúñiga, e as conspiracións para depolos actuaban tamén dentro das mesmas familias. Baltasar de Zúñiga, valido só de 1621 a 1622, é o único que morreu sen solución de continuidade no cargo (e de morte natural). Xoán Xosé de Austria, sempre gravitando sobre o reinado do seu medio irmán, foi en varias ocasións afastado e achegado ao poder, que ocupou ata a súa morte en 1679.

O fin de todos os validos é a perda de confianza do rei nun momento ou outro. Con peor sorte, Álvaro de Luna e Rodrigo Calderón morreron executados. O Duque de Lerma terminou converténdose en cardeal para escapar a unha condena xudicial polos seus numerosos escándalos.

Do Conde Duque os seus biógrafos destacan a sinceridade do seu interese pola reputación da monarquía. Pero, se non a fama póstuma, o mellor epitafio sen dúbida logrouno Álvaro de Luna, inmortalizado por Jorge Manrique nas súas coplas:

Pues aquel grand Condestable,
maestre que conoscimos
tan privado,
non cumple que dél se hable,
mas sólo cómo lo vimos
degollado.

Sus infinitos tesoros,
sus villas e sus lugares,
su mandar,
¿qué le fueron sino lloros?
¿qué fueron sino pesares
al dexar?

O século XVIII: o fin dos validos editar

Co cambio á dinastía Borbón no século XVIII desaparece o uso do termo valido, aínda que houbo personaxes de gran ascendencia sobre os reis, comezando coa Princesa dos Ursinos en tempos de Filipe V e terminando con Godoy en tempos de Carlos IV ambiciosísimo personaxe que é sen dúbida a figura máis próxima ao concepto, cando xa o Antigo Réxime tocaba ao seu fin. A madurez da administración da monarquía facía que ata en períodos de incapacidade dos reis (a maior parte dos reinados de Filipe V e Fernando VI) funcionase o sistema de secretarios de despacho e o Consello de Castela, único que quedou con funcións importantes no sistema político. A figura máis importante da administración era o Secretario de Estado. Personaxes do talle de Orry, Amelot, Patiño, Campillo, o Marqués da Ensenada, o Marqués de Esquilache, o Marqués de Grimaldi, o Conde de Aranda, Pedro Rodríguez de Campomanes, o Conde de Floridablanca e Gaspar Melchor de Jovellanos tiñan cargos formais por si mesmos no conxunto dunha Administración que funcionaba institucionalmente e non poden considerarse validos.

Notas editar

  1. García 1997, p. 4

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar