Castela
Castela[1] (en castelán: Castilla) é o nome dunha rexión histórica española que se corresponde con parte dos territorios pertencentes ao antigo Reino de Castela.
A primitiva Castela xurdiu durante as orixes da Reconquista na cabeceira do Ebro, ante o pulo de cántabros e vascóns. Dependendo dos autores e as épocas, considérase composto de territorios diferentes. A evolución histórica fai aínda máis imprecisos os seus compoñentes: o Reino de Castela foi nun primeiro momento un condado dependente do Reino de León, que finalmente se separou deste, e posteriormente formou parte, xunto a outros reinos, da Coroa de Castela.
Así, o nome de Castela empregouse na Baixa Idade Media para denominar á Coroa de Castela, o conxunto de todos os territorios dos monarcas da Coroa (por contraposición ao resto de reis hispánicos, os de Aragón, Navarra e Portugal).
Xeografía
editarAdministrativamente Castela non ten recoñecemento oficial e o territorio da rexión de Castela confórmano as seguintes provincias:
- A actual Comunidade de Madrid.
- A actual Comunidade da Rioxa, que formou parte da rexión histórica de Castela a Vella, pero que se segregou dela no ano 1982[2].
- A actual Comunidade de Cantabria, que formou parte da rexión histórica de Castela a Vella, pero que se segregou dela no ano 1981 para formar a súa propia Comunidade autónoma uniprovincial[3].
- As provincias de Ávila, Burgos, Palencia, Segovia, Soria e mais Valladolid en Castela e León.
- Albacete, Cidade Real, Cuenca, Guadalaxara, e máis Toledo en Castela-A Mancha.
- Boa parte do movemento castelanista político e cultural considera que as provincias de León, Salamanca e Zamora tamén forman parte de Castela[4]. Aínda que é unha posición rexeitada polos sectores políticos leonesistas.[Cómpre referencia]
Hai un movemento (chamado leonesismo) en varias provincias, popular e político, que di que non forman parte de Castela as tres provincias da antiga rexión leonesa: León, Salamanca e Zamora. Tamén se di que a provincia de Albacete non é Castela, pois historicamente foi parte da Rexión de Murcia. Desde certos movementos políticos e culturais[quen?] incluso se reclaman as comarcas de Requena e Utiel, actualmente na Comunidade Valenciana, pois historicamente foron parte da provincia de Cuenca.
- Poboación: 9 521 132 habitantes (2003).
- Superficie: 150.281 km².
- Densidade de poboación: 63,4 hab/km².
- Cidades importantes: Madrid, Valladolid, Toledo, Burgos.
Historia
editarCastela xurdiu como condado vasalo do reino de León. Debe o seu nome á gran cantidade de castelos na zona. No século IX independizouse de León, aínda que os dous reinos se reunificaron no século XIII na Coroa de Castela, aínda que ambos reinos seguiron mantendo as súas propias institucións.
Durante a Idade Media, o Reino de Castela foi espallándose cara ao sur, conquistando territorio aos árabes. En 1230, os reinos de León e Castela uníronse baixo un mesmo rei e formando un mesmo reino. Dende o tempo dos Reis Católicos dividíase en dúas rexións: Castela a Vella, que correspondía á metade norte e tiña a capital en Valladolid ou Burgos, e máis Castela a Nova, no sur do Sistema Central e con capital en Madrid.
Na época moderna Castela converteuse en nación hexemónica cultural e dominadora económica da Península Ibérica. Despois da Guerra de Sucesión Española confirmouse o castelán coma lingua oficial en toda España e creouse un modelo de estado xacobino baseado no modelo castelán.
Ao creárense as autonomías, Castela a Vella perdeu as dúas provincias de fóra da Meseta, A Rioxa (territorio fronteirizo disputado polos reinos medievais de Castela e Navarra durante a Idade Media, pero que se incorporou a Castela a partir do 1076[2]) e máis Cantabria, e engadiuse a rexión de León, formando Castela e León. Castela a Nova dividiuse na Comunidade de Madrid, que abranguía soamente a provincia de Madrid, e máis Castela-A Mancha, que gañou a provincia de Albacete, cuxos dous terzos do territorio eran casteláns e só un terzo pertencía ao antigo Reino de Murcia, cando Javier de Burgos creou a provincia e a asignou nominalmente ao Reino de Murcia[5]. Debido a este feito, cando se creou a Comunidade de Castela-A Mancha, a maioría dos representantes de Albacete preferiron incorporar Albacete á devandita Comunidade autónoma[6].
Na actualidade existen algúns partidos nacionalistas casteláns minoritarios, coma Tierra Comunera (TC), hoxe Partido Castellano, ou Izquierda Castellana (Iz-Ca), que defenden a unión de todas as comunidades autónomas castelás. Ningún destes partidos ten actualmente representación en ningún dos parlamentos autonómicos.
Notas
editar- ↑ López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419.
- ↑ 2,0 2,1 "Historia de La Rioja". Consultado o 6 de agosto de 2008.
- ↑ VV.AA.: Historia de Cantabria, Santander, 2007.
- ↑ ECHAZARRA, J. Castellanismo (1975-2012): ¿nacionalismo imposible?. Burgos, 2012. 285 p.
- ↑ El nacimiento de una provincia (en castelán)
- ↑ La cuestión de Albacete Arquivado 04 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine. (en castelán)