Cardeal Richelieu

Armand-Jean du Plessis, máis coñecido como o cardeal Richelieu, nado en París o 9 de setembro de 1585 e finado en París o 4 de decembro de 1642, foi o primeiro ministro do rei de Francia, Lois XIII.

Armand-Jean du Plessis de Richelieu
Cardeal Richelieu
Cardeal da Igrexa católica
Biografía
Nacemento9 de setembro de 1585 en París
Pasamento4 de decembro de 1642 en París
Alma máterCollège de Navarre
ProfesiónHome de estado
Ordes
Consagración episcopal17 de abril de 1607, por Anne d'Escars de Givry
Creado cardeal5 de setembro de 1622, por Gregorio XV
Primeiro Ministro do Rei de Francia
(cargo civil)
Abade territorial de Cluny
(cargo eclesiástico)
1624 (cargo civil)
1637 (cargo eclesiástico) - 1642 (morte)
PredecesorConcino Concini (primeiro ministro)
Jacques IV Vény d'Arbouze (abade territorial)
SucesorJules Mazarin (primeiro ministro)
Armand de Bourbon-Conti (abade territorial)
Cargos anterioresBispo de Luçon (1605-1624)
Outros

Escudo de Armand-Jean du Plessis de Richelieu
Ficha en catholic-hierarchy.org

Traxectoria editar

Inicios editar

Nado nunha familia aristocrática de Poitieu, prosperou axiña na carreira eclesiástica e tamén na política. Salientou nos Estados Xerais de 1614, o que lle valeu á chamada á corte por parte da raíña nai e rexente María de Médicis. Ocupou o cargo de secretario de Estado de Interior e da Guerra.

No enfrontamento entre María de Médicis e o seu fillo Luis XIII fixo de mediador e se gañou a confianza deste último que o nomeou cardeal en 1622 e primeiro ministro en 1624.

Política interior editar

Nese cargo, acometeu unha forte centralización do poder, dando orixe ao célebre centralismo francés propio da monarquía absoluta e seguido polas faccións dominantes tras a revolución francesa. Nesta liña acabou violentamente co que consideraba un Estado protestante dentro da monarquía francesa. Combateu coas armas os hugonotes ripándolles as súas prazas fortes e a súa organización autónoma. O feito de armas máis célebre foi a toma de La Rochelle en 1628, onde dirixiu persoalmente as operacións militares construído un dique mediante un alarde de enxeñería bélica que illou á cidade do mar. As hostilidades cos hugonotes remataron mediante a imposición da paz de Alais de 28 de xuño de 1629 na que se garantía a liberdade relixiosa recoñecida por Henrique IV no Edicto de Nantes, pero desartellando todo poder político protestante.

Así mesmo, esvaiu os núcleos de poder da nobreza, tanto territorial como cortesán, emprendendo unha dura represión contra as conxuras e as resistencias ás súas medidas. Os intendentes reais impoñían o seu poder gobernativo sobre os poderes nobiliarios locais e xeraron un enorme descontento. O propio irmán do rei Gastón de Orleáns, quen cualificou a Richelieu de formidable tirano, alentou un levantamento en Languedoc dirixido polo duque de Montmorency. A rebelión foi esmagada e o duque decapitado o 30 de outubro de 1632.

Outra medida polémica foi a prohibición dos duelos, que foron duramente perseguidos. A xustiza emanaba do monarca e non era tolerable o axuste de contas privado.

Fundou a Academia Francesa como elemento clave da identidade cultural e simbólica da monarquía francesa e mandou erguer a Universidade da Sorbona e o Palacio Real de París.

Os gastos da monarquía xeraron unha forte presión fiscal. O imposto directo nominal, a talla, chegou a triplicarse e a dedución da renda bruta das terras achegouse ao 13 por cento. Isto, unido a un crónico estado de guerra, trouxo a fame e as pragas así como grandes bolsas de pobreza. Tal estado de cousas ocasionou a eclosión de movementos relixiosos de atención aos desfavorecidos como as irmandades e conferencias de Vicente de Paúl, a quen nalgún momento Richelieu apoiou, pero a quen lle fixo caso omiso na súa reclamación dunha política de pacificación.

Política exterior editar

En política exterior definiu dous eixos fundamentais: a expansión colonial en América e África e o debilitamento dos Habsburgo como casa imperial e dominadora de Europa Central, a Península Ibérica e América Central e do Sur. Para iso, na guerra dos Trinta Anos aliouse co bando teoricamente protestante axudando aos holandeses contra España e a Gustavo Adolfo II de Suecia e Cristián IV de Dinamarca na súa guerra contra os exércitos xermánicos. Nesta mesma dirección apoiou o secesionismo de Portugal e Cataluña, xerando en España un debilitamento interior que afectará á supremacía militar dos terzos españois en Europa e da tradicional e familiar alianza dos Habsburgo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar