Francisco de Asís de Borbón
Francisco de Asís María Fernando de Borbón e Borbón-Dúas Sicilias, nado en Aranjuez o 13 de maio de 1822 e finado en Épinay-sur-Seine (Francia) o 17 de abril de 1902, foi fillo do infante de España Francisco de Paula de Borbón e de Luisa Carlota de Borbón-Dúas Sicilias, foi rei consorte de España[1] (1846-1868) e II duque de Cádiz.
Traxectoria
editarMatrimonio con Isabel
editarSegundo criterios políticos e dinásticos, Francisco de Asís foi obrigado a contraer matrimonio coa súa prima irmá a raíña Isabel II. Eran primos carnais porque os seus pais, o infante Francisco de Paula de Borbón e o rei Fernando VII, eran irmáns. A elección de Francisco de Asís como esposo de Isabel II produciuse tras desfecharse outras candidaturas; o esposo da raíña debía ostentar rango aristocrático pero non opcións de herdar outro trono europeo. Tamén a raíña se opoñía a tal enlace, pois malia a súa mocidade xa era consciente da homosexualidade do seu primo. En calquera caso, de crer a Jesús Pabón na súa biografía de Narváez, o rei consorte era pai de varios fillos ilexítimos e tiña varias amantes coñecidas.
O matrimonio celebrouse o 10 de outubro de 1846 no Salón do Trono do Palacio Real de Madrid, conxuntamente co matrimonio da infanta Luísa Fernanda (irmá de Isabel) con Antonio de Orleáns -duque de Montpensier-. O mesmo día recibiu a dignidade de rei e o tratamento de Maxestade, ademais do grado de capitán xeneral dos exércitos.
Reinado
editarO goberno de Isabel II e Francisco de Asís de Borbón, produciu algunha que outra desconveniencia ás que se sumaron as constantes intrigas palacianas, plans, confabulacións, complots e toda unha serie de artimañas coa única finalidade de separar aos Reis. Son coñecidas as coplas a costa da suposta homosexualidade do rei -ao que alcumaban "Paquita"- algunhas das cales se conservaron publicadas en libelos e gacetas da época:
Gran problema es en la Corte
averiguar si el Consorte
cuando acude al escusado
mea de pie o mea sentado.[2]
A alusión a que o rei ouriñaba sentado se fundamenta en datos reais, pois Francisco de Asís sufría hipospadia, unha malformación de uretra: non tiña o orificio de saída na glande, senón no tronco do pene, e iso impedíalle ouriñar de pé.[3]
O reinado de Isabel e Francisco desenvolveuse no medio dun turbulento clima político, que culminou finalmente na Revolución de 1868 (A Gloriosa), que expulsou de España a dinastía borbónica. Non foi allea a ese clima a vida privada dos reis. Aínda que os autores contemporáneos entenden a vida persoal da raíña no contexto dun matrimonio desgraciado e a presión da vida palaciana, os políticos da oposición aproveitaron esta circunstancia para empregala como arma. Constrúese así o mito sobre a Raíña ninfómana que ridiculiza á soberana e a distancia máis aínda do seu pobo.[4]
O fanatismo relixioso da raíña, baixo a influencia da súa titora espiritual, sor Patrocinio, así como os problemas políticos, contribuíron dunha ou outra forma ao desprestixio e descrédito popular do reinado de Isabel II.
Tendo que enfrontar a revolución de 1854, os reis conseguiron salvar o seu trono ao chamar novamente ao goberno a Baldomero Espartero. Pero en 1856, Francisco e Isabel II, que se sentían moi seguros no trono, apoiaron a Leopoldo O'Donnell.
É pouco coñecida a faceta de mecenas do Rei consorte, malia que foi moi destacada. Mandou restaurar e embelecer numerosos monumentos da capital madrileña, entre eles as igrexas das Calatravas e San Jerónimo el Real, que se atopaban en franca ruína nese momento e foron rehabilitadas grazas ao interese que puxo niso Francisco de Asís.
Exilio e Restauración borbónica
editarO 7 de xullo de 1868 comeza a Revolución Española, dirixida por Juan Prim e por Antonio de Orleáns, duque de Montpensier, coa única finalidade de derrocar a Isabel II, malia que os reis eran parentes sanguíneos do duque. A familia real parte ao exilio instalándose en París. En 1870 Isabel II abdicou en favor do seu fillo Afonso XII.
Trala morte en duelo, por man do seu curmán o duque de Montpensier, do seu irmán máis novo don Enrique, adoptou aos seus sobriños, os catro fillos deste.
Restaurada a monarquía, Francisco de Asís de Borbón mantivo a súa residencia en Francia, onde faleceu o 17 de abril de 1902, sendo o seu corpo trasladado ao Panteón dos Reis do Mosteiro do Escorial.
O rei Francisco de Asís ten dedicada unha rúa en Madrid, con ese mesmo nome, no barrio de Argüelles.
Descendentes
editarDo matrimonio coa súa curmá Isabel II naceron doce fillos, pero só cinco deles superaron a nenez. Os seus fillos foron:
- Luis de Borbón, nado e finado o 2 de maio de 1849 en Madrid.[5]
- Fernando de Borbón y Borbón, nado e finado o 11 de xullo de 1850 en Madrid.[6]
- María Isabel Francisca de Borbón (1851–1931), infanta de España, foi dúas veces Princesa de Asturias; chamada popularmente "la Chata", casou co príncipe Caetano de Borbón-Dúas Sicilias. Non tivo fillos.
- María Cristina de Borbón y Borbón, nada o 5 de xaneiro de 1854 en Madrid e finada o 7 de xaneiro de 1854 en Madrid.[7]
- Un aborto, que tivo lugar o 23 de setembro de 1855 en San Lorenzo de El Escorial.
- Francisco de Asís de Borbón, nacido e morto o 21 de xuño de 1856 en Madrid.
- Afonso XII (1857–1885), rei de España.
- María de la Concepción de Borbón y Borbón (1859-1861).
- María del Pilar de Borbón (1861-1879), infanta de España e finada prematuramente de convulsións.
- María de la Paz de Borbón (1862–1946), infanta de España; casada co seu curmán, o príncipe Luis Fernando de Baviera.
- María Eulalia de Borbón (1864–1958), infanta de España, casada co seu curmán Antonio de Orleáns y Borbón.
- Francisco de Asís Leopoldo de Borbón y Borbón (1866), infante de España, foi apadriñado por Leopoldo II de Bélxica. Finou prematuramente.
Pode que a consanguinidade dos pais e avós influíse nas mortes prematuras de varios dos infantes, aínda que a paternidade destes fillos sexa discutida, e hoxe en día non se saiba de certo quen era o pai biolóxico de cada un deles.
Distincións
editar- Cabaleiro da Orde do Vélaro de Oro (Reino de España).
- Cabaleiro Gran Cruz da Real e Distinguida Orde de Carlos III (Reino de España).
- Colar da Orde de Isabel la Católica (Reino de España).
- Cabaleiro de la Suprema Orde de la Santísima Anunciación (Reino de Sardeña, 1849).
- Cabaleiro Gran Cruz da Orde dos Santos Mauricio y Lázaro (Reino de Sardeña, 1849).
- Senador Gran Cruz con Colar da Sagrada Orde Militar Constantiniana de San Xurxo (Ducado de Parma, 1853).
Antepasados
editarNotas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 14 de febreiro de 2014.
- ↑ Antonio Fraguas de Pablo, Forges, Historia de aquí. Estudosos como José Luis Gordilla Goucières sosteñen que estas coplas, maiormente as publicadas, son obra colectiva de intelectuais liberais do momento, entre os cales cita a Pedro de Répide e Manuel del Palacio.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2013. Consultado o 14 de febreiro de 2014.
- ↑
Es madre, y de sus hijos se murmura;
es vieja y con enredos se entretiene;
es rica, y nadie sabe lo que tiene;
es enferma de amor, y pide cura.
Aunque pocos le han visto la figura,
dicen que con su espíritu se aviene,
y tímido o viril, según conviene,
el eco de su voz vibra en la altura.
Pilláronla una vez en un renuncio,
y aun puedes ver impreso en los diarios
de su historia fatal el claro anuncio.
Vive en la corte, haciendo calendarios,
y en la plaza del Rey o en la del Nuncio
admite flete a precios ordinarios.
(Aparecido en Gil Blas, 14-1-1865). Fuente: Revista Política, nº 57, maio-xuño de 2005. - ↑ Ficha do infante Luis de Borbón
- ↑ "Xenealoxía da dinastía Borbón". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2020. Consultado o 14 de febreiro de 2014.
- ↑ "Xenealoxía da dinastía Borbón". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2020. Consultado o 14 de febreiro de 2014.
Predecesor: María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias (Raíña consorte) |
Rei consorte de España 1846 - 1868 |
Sucesor: María Victoria dal Pozzo (Raíña consorte) |
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco de Asís de Borbón |