Joan Prim i Prats

(Redirección desde «Juan Prim»)

Joan Prim i Prats, nado en Reus o 6 de decembro de 1814[1] e finado en Madrid o 30 de decembro de 1870, conde de Reus, marqués de los Castillejos, Grande de España de primeira clase e vizconde del Bruch, foi un militar e político progresista catalán que influíu de xeito importante na política española da segunda metade do século XIX.

Modelo:BiografíaJoan Prim i Prats

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ca) Joan Prim Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ca) Anton Joan Pau Maria Prim Editar o valor en Wikidata
6 de decembro de 1814 Editar o valor en Wikidata
Reus, España Editar o valor en Wikidata
Morte30 de decembro de 1870 Editar o valor en Wikidata (56 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehomicidio, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaReus Cemetery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Presidente do Consello de Ministros
18 de xuño de 1869 – 27 de decembro de 1870
← Francisco Serrano DomínguezJuan Bautista Topete y Carballo →
Ministro da Guerra
8 de outubro de 1868 – 27 de decembro de 1870
← Rafael Mayalde y Villarroya (pt) TraducirJuan Bautista Topete y Carballo →
Gobernador de Porto Rico
1847 – setembro de 1848
← Rafael Arístegui y VélezJuan de la Pezuela (pt) Traducir →
Deputado no Congreso dos Deputados
24 de marzo de 1841 – 3 de marzo de 1869 Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónUniversidade de Cervera Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoMilitar e política Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónmilitar, político, oficial, soldado Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Progresista Editar o valor en Wikidata
ProfesoresAlexandre Garcia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
LealdadeImperio Español Editar o valor en Wikidata
Rama militarExército de Terra de España Editar o valor en Wikidata
Rango militarXeneral Editar o valor en Wikidata
ConflitoBatalha dos Castillejos (pt) Traducir
primeira guerra carlista
Guerra Hispano-Marroquina (pt) Traducir
Battle of Monte Negrón (en) Traducir
Battle of Tétouan (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloMarquês dos Castillejos (pt) Traducir (1864–1870) Editar o valor en Wikidata
CónxuxeFrancisca de Agüero y González (1856–1870) Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
27 de decembro de 1870assassination of Juan Prim (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteNordisk familjebok
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1146877

Foi gobernador militar de Barcelona (1843), capitán xeneral de Porto Rico (1847) e presidente do Consello de Ministros de España entre 1869 e 1870, tras gañar as eleccións de 1869. Foi o principal apoio de Amadeu I de Savoia, até que foi asasinado.

Joan Prim i Prats.

Traxectoria

editar

Fillo do notario de Reus, Pau Prim, que fora tenente coronel no exército. Tivo como mestre na escola a Alexandre Garcia. Aos 19 anos, alistouse nos "Tiradores de Isabel II", un corpo franco de miqueletes, voluntarios que suplían a falta de tropas regulares, e aos que dera nome o seu primeiro xefe, un valenciano chamado Miquelot. Os miqueletes foran disolvidos na paz de Ryswick pero en Cataluña conservaron este nome os fusileiros de montaña e os corpos improvisados en tempos de guerra ou axitación, e foi nestes corpos, en pleno alzamento carlista, onde se alistou Prim e onde mostrou unhas dotes de valor e temeridade relevantes.

Guerras carlistas

editar

Polas súas vitorias sobre partidas carlistas, durante a primeira guerra carlista, foi ascendido a tenente.

Á fronte dunha compañía tomou Vilamajó del Vallés defendida por forzas carlistas superiores, e resultou ferido. Novas accións vitoriosas elevárono a capitán. A toma de San Miguel de Sarradell onde capturou persoalmente a bandeira do cuarto batallón carlista de Cataluña, fixo que se lle concedera a Cruz de San Fernando de primeira clase. Seguidamente asaltou Solsona e logrou escalar persoalmente ao forte abrindo as portas, acción pola que foi ascendido a comandante.

Seguiron novas mostras de valor extraordinario que eran obxecto de comentario en todo o país; os seus propios soldados aclamábano. Por unha acción extraordinaria en Angers foi ascendido a maior de batallón e encargóuselle o mando na zona de liña de Solsona - Castellvell, pola cal pasaban convois de aprovisionamento carlista. Nos combates perdeu varias veces o cabalo e el mesmo resultou ferido varias veces, gañando outra cruz de San Fernando e o grao de coronel.

Con só 26 anos o seu nome xa era un símbolo de valor; entón rematou a guerra, na cal tomara parte de 35 accións, conseguindo todos os graos no campo de batalla.

Vida política

editar
 
Monumento a Prim na cidade de Reus.

Tras o Motín da Granxa de San Ildefonso os constitucionalistas dividíronse en conservadores e progresistas. Estes últimos, dirixidos por José María Calatrava e Juan Álvarez Mendizábal, contaron pronto coa unión de Prim. Presentouse a deputado pola provincia de Tarragona e obtivo un escano (1841). Como xa se conseguira a paz cos carlistas, os corpos de voluntarios foron disolvidos e dubidábase que se lle recoñecesen os graos a Prim, pero o seu inmenso prestixio, superior ao de calquera outro contemporáneo, e a acta de deputado, facilitaron que fose confirmado como coronel e o rexente Baldomero Espartero nomeouno subinspector de Carabineiros de Andalucía.

Neste posto conseguiu evitar que os conservadores ao mando de Ramón María Narváez e partidarios de devolver a rexencia e María Cristina de Borbón, puideran entrar en España por Xibraltar, e aínda que Leopoldo O'Donnell, outro dos líderes conservadores, entrou no norte até Pamplona, tivo que retirarse.

Porén Prim inimizouse con Espartero e o seu goberno, aos que acusou de favorecer os tecidos ingleses co fin de arruinar a industria téxtil catalá e ter máis sometido o territorio catalán. En 1843 encabezou a sublevación armada de Reus con Milans del Bosch, e tras a sublevación de Barcelona entra nesa cidade e forma unha milicia de voluntarios cataláns cos cales marcha a Madrid, onde entra co xeneral Serrano, Prim foi nomeado gobernador militar da capital e volve a Barcelona para poñer fin ao enfrontamento da Xunta da cidade co goberno español. Pola súa actuación a raíña concedeulle os títulos de conde de Reus e vizconde de Bruch, ao ano seguinte ascendeu a xeneral, politicamente discrepa do goberno moderado de Narváez, acusado de conspiración foi xulgado e condenado. Malia que foi indultado, en 1845 sae fóra de España, Prim dirixiuse a París onde tivo unha entrevista cunha sociedade secreta de militares desterrados fundada recentemente, chamada Orde Militar Española, baixo o liderado de Leopoldo O'Donnell e na que figuraban Narváez e outros, e crese que acordaron cooperar para derrocar a Espartero, e aínda que ao seu regreso foi detido en Perpiñán, foi liberado marchando á súa cidade natal, Reus.

En Porto Rico

editar

Narváez dimitiu por desacordos co príncipe consorte e tras un breve goberno de Istúriz formou goberno Joaquín María Pacheco que lle concedeu a amnistía. O ministro da Guerra, Fernando Fernández de Córdova, amigo de Prim, nomeouno capitán xeneral de Porto Rico en 1847, onde reprimiu as rebelións de escravos e promulgou o Código Negro.

Enfrontouse ás autoridade locais da illa debido aos intentos de Prim de atraer novos colonos e pola súa actitude na represión do bandoleirismo, así capturou ao xefe guerrilleiro coñecido como "El Águila" a quen liberou coa promesa de someterse, pero nada máis de ser liberado intentou mostrar que podía con Prim roubándolle o seu cabalo; Prim capturouno de novo e mandouno fusilar. Un suposto ataque de negros de Martinica contra unha das Antillas Danesas foi repelido grazas ao auxilio de Prim. Soamente exerceu o cargo uns meses ao ser substituído polo goberno o 14 de xullo de 1848, regresando a España.

Deputado

editar

Nas eleccións de 1850 Prim presentouse candidato por varios distritos electorais cataláns, sendo elixido polo de Vic. Pero as Cortes foron disolvidas e convocáronse outras novas eleccións para o 31 de maio de 1851. Prim volveu a presentarse por Vic, pero o goberno, incómodo coa súa posición parlamentaria, nomeouno de novo capitán xeneral de Porto Rico, cargo que aceptou, e que se anularía tras as eleccións. Prim quedaba pois, sen escano e sen cargo. Pero un deputado progresista obtivera escanos por dous distritos, e deixaba libre un deles en Barcelona, ofrecendo apoiar a Prim para obtelo no seu lugar. Dende que Prim reprimiu a rebelión de Jamancia, non gozaba de simpatía en Barcelona, pero prometeu rectificar os seus erros, ser o "campión do liberalismo progresista", defender os dereitos cataláns, e "erixirse máximo defensor das liberdades cidadás"; o pobo creuno e foi elixido, cumprindo despois a palabra dada ao golpear cos seus discursos de gran talento ao goberno, sen deixar pasar ningunha das inxustizas que se cometían en Cataluña.

Cando o ministerio de Juan Bravo Murillo disolveu as Cortes e comezou a gobernar por decreto, houbo certos movementos militares; por iso, o goberno, que o consideraba sospeitoso, obrigou a Prim a saír do país durante un tempo. Estando en Francia houbo novas eleccións, e aínda que a Prim se lle autorizou o regreso cinco días antes, o xeneral foi elixido por Barcelona, encabezando a oposición no Parlamento, pero este foi disolvido novamente pouco despois e Prim saíu de España cara a Francia (1853).

En Turquía

editar

Estando en Turquía iniciouse a guerra de Crimea e Prim pediu ser delegado español observador na fronte turca, petición que lle foi concedida. No mesmo 1853 desembarcou en Constantinopla e estivo como observador entre outras accións, no ataque á illa de Totorkan, aconsellando alí con grande acerto a colocación da artillaría. En 1854 regresou a Francia temporalmente, volvendo seguidamente á fronte turca. O sultán concedeulle a condecoración de Medjidie e un sabre de honra.

Volta a España e os problemas políticos

editar

Estando en Roulschouck coñeceu a nova do vitorioso pronunciamento liberal en España (a Vicalvarada) e regresou apresuradamente. O'Donnell e Espartero chegaran a un acordo de colaboración para exercer o poder, pero ningún desexaba favorecer a Prim quen decidiu presentarse como candidato para as Cortes Constituíntes por Barcelona, eleccións que se celebraron o 8 de novembro de 1854, e comprendendo que os demócratas eran unha forza en ascenso, recolleu nas súas promesas algunhas das súas aspiracións xunto ás dos liberais progresistas. Prim foi elixido pero tivo escasa intervención nas Cortes, onde destacaba a oratoria de Emilio Castelar, e finalmente renunciou para ocupar a Capitanía Xeneral de Granada coa praza anexa de Melilla, que estaba sendo periodicamente atacada polos rifeños. Prim desprazouse á cidade e venceu os rifeños en Cabererizas. En 1856 ascendeu a tenente xeneral cesando pouco despois como capitán xeneral da armada, cando O'Donnell chegou ao poder en substitución de Espartero, o cal foi defendido pola Milicia Nacional ao mando de Pascual Madoz, que foi derrotada e disolvida. Pero O'Donnell pronto foi obrigado a dimitir e a raíña volveu a chamar a Narváez de quen esperaba que revogase a lei de desamortización de bens eclesiásticos votada polas Cortes Constituíntes, como efectivamente fixo.

As críticas de Prim a Narváez motivaron a súa detención, acusado de faltar á honra do militar, o consello de guerra demorouse para evitar que se presentara ás novas eleccións. Pouco antes destas, foi condenado a seis meses de castigo, pena que cumpriu en Alacant e que lle foi conmutada por desterro na cidade baixo palabra de non intentar fuxir. A pesar de non poder facer campaña foi elixido por unha maioría esmagadora polo distrito de Reus. Non puido tomar posesión, e pasados os seis meses, o goberno concedeulle licenza para trasladarse a Vichy (Francia). Narváez caía pouco despois e tras dous breves gobernos volveu ao poder O'Donnell, co seu recentemente formado partido Unión Liberal no cal se integrou Prim, deixando temporalmente o Partido Progresista, e polo que foi designado senador.

Por esta época deuse a cuestión mexicana; había certas reclamacións españolas pendentes dende a independencia e producíranse algúns incidentes que custaron a vida a españois.

En Marrocos

editar
 
Gravado do Xeneral Prim

Outra cuestión candente era a das cabilas que ameazaban Ceuta e Melilla, especialmente a de Anyera, que cometeu certos actos hostís en Ceuta. O'Donnell buscaba un inimigo exterior para distraer a atención dos problemas interiores, e aproveitouse desta circunstancia. O Sultán de Marrocos achegouse a dar satisfaccións, pero a pesar de todo o goberno de O'Donnell declarou a guerra a Marrocos en 1859.

Prim pediu incorporarse á forza expedicionaria e foi nomeado comandante da división de reserva que se estaba formando en Antequera. De alí embarcou cara a Alxeciras e saíu cara a Ceuta á fronte dos seus batallóns e dos voluntarios cataláns. Prim deu entón mostras do seu valor con avances a peito descuberto, en inferioridade numérica, en desvantaxosa posición e con turradas corpo a corpo. Destacan os feitos de armas en Castillejos e Wad Ras. Parece ser que Prim foi extraordinariamente sanguinario en Marrocos até o punto de que durante moitos anos os nenos asustábanse coa frase "Que ven Prim!".

Foi Prim quen decidiu a sorte da batalla de Cabo Negrón. Na Batalla de Tetuán acadou o campamento de Muley Abbas. Tras a sinatura da Paz de Tetuán o 26 de abril de 1860, Prim volveu a España, desembarcando en Alacant, percorrendo o traxecto até Madrid co apoio da multitude. Despois pasou a Cataluña onde o recibimento foi apoteótico. A raíña outorgoulle o marquesado de Castillejos con Grandeza de primeira clase. Pouco despois o goberno nomeouno director do Corpo de Enxeñeiros.

En México

editar

O goberno conservador mexicano de Miramón, ao cal España recoñecía, fora derrotado por Juárez, que unha vez no poder expeleu ao embaixador español e aprazou o pagamento da débeda. Inglaterra e Francia, afectadas por idéntica medida, decidiron tomar as alfándegas de Veracruz e Tampico para cobrar a débeda cos seus ingresos, e España uníuselles na Convención de Londres (outubro de 1861). O acordo estipulaba que non se incorporaría territorio mexicano ningún.

A forza expedicionaria española foille encomendada a Prim, con plenos poderes e pouco despois o xeneral xa saía cara á Habana, onde ao chegar soubo que as forzas españolas xa saíran e apoderáranse de San Juan de Ulua e Veracruz. Aceptadas as escusas que se lle ofreceron por non esperalo, chegou a Veracruz en xaneiro de 1862.

A zona de campamento era insalubre e o chamado vómito negro comezou a facer estragos nas tropas até o punto de que unha expedición ao interior sería un desastre. Entón solicitaron o permiso ao goberno mexicano para acampar en Orizaba, máis saudable, pero o goberno de Juárez deixou pasar o tempo sen acceder nin negar. Ao cabo duns meses Prim entrevistouse co seu parente, o Ministro Echevarría, e esixiulle o libre paso a Orizaba, conseguindo o seu obxectivo. Unha vez as tropas en Orizaba, Córdoba, e Tehuacán iniciáronse as conversas, chamadas Convención de la Soledad. Nese tempo Napoleón III xa decidira converter a México en Imperio co Arquiduque Maximiliano como emperador, e enviou unha mensaxe a Prim pedindo a cooperación das forzas españolas ao seu mando "para afianzar a orde no país mexicano".

Na sesión da Convención, o 15 de abril de 1862, o delegado francés anunciou o apoio do seu goberno aos conservadores opostos a Juárez, e acusou a Prim de querer coroarse el mesmo como emperador. Prim rexeitou esas acusacións e solicitou e obtivo do goberno español a retirada das súas tropas, e o mesmo fixeron os ingleses.

Prim pasou á Habana e de alí fixo unha viaxe a Estados Unidos, dende onde volveu a España, onde recibiu ataques pola súa actuación.

Intrigas políticas

editar

Ao cabo dalgún tempo Prim dimitiu como Director Xeral de Enxeñeiros, cargo que aínda ostentaba e pouco despois, caído O'Donnell, abandonou a Unión Liberal e integrouse de novo no Partido Progresista (1862). Unha filla de Prim chamada Isabel, foi amadriñada pola propia raíña. Nas eleccións do 14 de novembro de 1863 os progresistas non se presentaron por certas cuestións políticas co goberno pero os progresistas buscaban accións que lles achegaran ao poder, e Prim anunciou que dominarían o goberno de España nun prazo de dous anos. Nesta época comezaron a buscar alianzas no exército. Preparouse un golpe para o 6 de xuño de 1864 pero unha delación impediuno. Un novo intento dous meses despois tamén se frustrou pola retirada do coronel ao mando. Soubo o goberno destas conspiracións e invitou a Prim a saír de España, e como se negou foille asignada a súa residencia en Oviedo, máis tarde volvería a Madrid, xa que o goberno de Narváez ditou unha amnistía. As novas eleccións de finais de 1864 foron tamén boicoteadas polos progresistas. En 1865 o goberno endureceu a súa posición e comezou a tomar medidas represivas que culminaron na Noite de San Daniel cunha decena de mortos e medio centenar de feridos en Madrid (10 de abril de 1865), dende entón Prim comezou a conspirar decididamente. Un levantamento en Valencia que el impulsou, fracasou. Saíu de España e dende Francia entrou por Pamplona novamente sen éxito polo abandono de moitos dos comprometidos.

Volto a Francia saíu por mar cara a Valencia onde se preparaba un novo levantamento pero tamén os implicados se volveron atrás. Das súas viaxes clandestinas por España cóntanse diversas anécdotas, non acreditadas, entre elas unha moi célebre na súa cidade natal de Reus, conta que se ocultou nunha bota de viño nunha adega dunha vila próxima, eludindo astutamente a busca dos seus inimigos. O goberno, considerándoo o seu maior inimigo, enviou unha orde para que se presentase perante da raíña, pero Prim, que estaba en París, non a obedeceu. A raíña Isabel decidiu entón pór fin ao goberno de Narváez e chamar a O'Donnell, que unha vez no poder levantou calquera ameaza ou restrición contra Prim. Prim volveu a España pero non deixou de conspirar e organizou outro golpe para o 2 de xaneiro de 1866

O golpe iniciouse en Aranjuez pero non tivo o suficiente apoio e Prim e os sublevados tiveron que pasar a Portugal dende Villarejo de Salvanés, é dicir atravesando unha parte importante de España.

Prim entrou en Portugal o 20 de xaneiro de 1866, pero pouco despois foi expelido do país pasando a Londres e de alí a París onde decidiu que non volvería a intentar acadar o poder para os progresistas mediante un golpe de estado, senón mediante unha revolución que contara co apoio popular. A pesar do dito, e aínda que se cubriu coa participación de civís, intentouse outro golpe de estado o 20 de maio, e tras unha delación aprazouse até xuño. O día 21 de xuño pola noite, iniciouse o golpe en Madrid, que estaba pendente do cuartel de San Gil, onde os sarxentos apoiaban a rebelión, e que con máis dificultades das previstas conseguiron tomar o control. A loita desenvolveuse por Madrid, pero o goberno conseguiu tomar o control na noite do 22 de xuño.

Moitos sarxentos e cabos foron fusilados. Prim, non chegou a saír de Francia. Pouco despois o goberno francés expeleuno do país, debendo escapar por Suíza. Dende Xenebra convocou unha reunión de progresistas, que finalmente se celebrou en Ostende, en agosto de 1866, creándose un comité de acción con progresistas e demócratas, baixo a presidencia de Prim (“Comité de Ostende”). As conspiracións seguiron e un novo golpe planificouse para agosto de 1867 coa participación de civís. Prim saíu de Bruxelas e o 15 de agosto, chegou por mar a Tarragona e de alí seguiu a Valencia. Pero a rebelión non chegou a estalar, o que o fixo volver a Marsella, e de alí presentouse na fronteira catalá esperando a ocasión para entrar no territorio español, ocasión que non chegou, pois, aínda que houbo combates illados en Cataluña e Aragón, non chegaron a ser unha alteración da orde gobernamental, e pouco despois regresou a Xenebra. O 4 de setembro a rebelión estaba concluída. Prim desfixo a idea de volver a entrar en España, como tivo ocasión de facer (se ben é verdade que con máis dificultades das previstas) onde as guarnicións estaban dispostas a sublevarse coa súa única presenza; a súa ausencia motivara o fracaso. Chegouse a dicir que o seu propio “maquiavelismo” propiciara o fracaso do seu propio movemento para que a raíña, ante a ameaza, chamase ao Partido Progresista ao poder. Prim tivo que deixar Suíza, e tras circular por diversos países de Europa, acabou residindo en Londres.

Pouco despois morre O’Donnell. O 23 de abril de 1868 morría tamén Narváez dunha pulmonía. As desacertadas medidas do seu sucesor Luis González Bravo, favoreceron o paso de numerosos xenerais e militares á Unión Liberal, entre eles Zabala e o almirante Juan Bautista Topete. Este último defendía un cambio dinástico e a candidatura do duque de Montpensier, pero sendo consultado Prim deste cambio, deulle a negativa. Non obstante, Prim obtivo a neutralidade de Napoleón III no conflito interior de España, e puido trasladarse a Vichí, pero pronto volveu a Londres. Os contactos cos xenerais exiliados e os descontentos estaban feitos, e a revolución decidida.

A Gloriosa

editar

O 12 de setembro de 1868 saía Prim de Londres no vapor “Buenaventura”, disfrazado como criado dos Sres. Bark, que eran amigos de Prim. Chegado a Xibraltar embarcou no remolcador inglés “Adelia” , por medio do cal chegaría á fragata “Zaragoza”, amarrada xunto con outros buques do escuadrón en Cádiz. O pronunciamento efectuaríase o 17 de setembro de 1868. Efectivamente, sublevada a escuadra e secundado o movemento en Cádiz e a provincia, Prim desembarcou e foi saudado con efusividade. Formouse unha xunta baixo o mando de Topete, con Unionistas, Progresistas e Demócratas en forma paritaria. Logo Prim avanzou pola costa mediterránea sublevando as súas cidades:

Cerca de alí os xenerais Blas Pierrad, Anselm Clave, José María Orense e Mariano Rosell, proclamaran a república en Figueres, e o día 1 entrara en Barcelona o xeneral progresista Baldrich. Prim levaba unha coroa na súa gorra e comezóuselle a dicir que a quitara, pero Prim dixo en catalán:

Cataláns, queredes correr demasiado; non corrades tanto que podedes caer

Finalmente Prim cedeu ante as presións e sacou a coroa dicindo "Abaixo os Borbóns". De Barcelona pasou a Reus, e de Reus a Madrid, onde o 7 de outubro, fixo unha entrada triunfal convertido nun mito popular.

Ao día seguinte recibiu a carteira de Estado no goberno provisional, do que Prim era árbitro. Nas eleccións de xaneiro de 1869 os progresistas, en alianza cos demócratas moderados, obtiveron 160 deputados; 65 a Unión Liberal e 60 os Republicanos. O nomeamento do Xefe do Goberno tiña que contar coa súa aprobación, e a Constitución foi aprobada aceptando a forma monárquica por decisión de Prim. O nomeamento de Serrano como rexente, sen poder efectivo, eliminou o seu máis directo rival. Serrano nomeou a Prim xefe de goberno e Prim reservouse no gabinete, ademais da presidencia, o Ministerio de Guerra, nomeando ministros unionistas e progresistas por igual. Os progresistas propuñan a candidatura ao trono de Fernando de Coburgo, pai do rei Luís de Portugal, mentres que os unionistas propuñan ao duque de Montpensier. A candidatura de Fernando fracasou polo seu matrimonio cunha bailarina e a oposición do príncipe a unir as coroas de Portugal e España. A candidatura de Montpensier, a proposta de Sérreno e Topete, foi rexeitada enerxicamente por Prim, que ademais propuxo excluír do trono a todas as ramas dos Borbóns. Prim ofreceulle a coroa ao duque de Aosta, fillo do rei de Italia, e a Leopoldo Hoenzollern, que rexeitaron a oferta. Entón Prim ofreceu a coroa a un sobriño do rei de Italia, o duque de Xénova, e contou co apoio de Topete a cambio de prometerlle que o rei casaría cunha das fillas de Montpensier. A candidatura foi votada en Cortes con 128 votos contra 58, pero o duque de Xénova rexeitou finalmente o trono.

Amadeo de Savoia

editar

Prim volveu a ofrecer a coroa a Amadeo, Duque de Aosta, quen puxo como condición a conformidade das potencias europeas, e conseguida esta, aceptou. O 26 de novembro de 1870 Amadeo era elixido por 191 votos como rei Amadeu I. O 27 de decembro saíu Amadeo cara España. Prim tivo ese mesmo día sesión parlamentaria e ao saír ao anoitecer entrou co seu coche de cabalos na rúa do Turco, onde o seu paso foi obstaculizado. Uns homes armados abriron fogo. Morreu das feridas do 30 de decembro de 1870, tras coñecer o desembarco de Amadeo.

Francisco Serrano Domínguez

Segue a:
Francisco Serrano Domínguez
Joan Prim i Prats
Precede a:
Juan Bautista Topete y Carballo
Presidente do Goberno de España
  1. Giménez y Guited, 1871, p. 8

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Fradera, Josep M. (2000). "Juan Prim y Prats (1814-1870). Prim conspirador o la pedagogía del sable". En Burdiel, Isabel; Pérez Ledesma, Manuel. Liberales, agitadores y conspiradores. Biografías heterodoxas del siglo XIX (en castelán). Madrid: Espasa Calpe. ISBN 84-239-6048-X. 
  • Gimenez y Guited, Francisco (1871). Historia militar y política del exmo. sr. d. Juan Prim ..., Volumen 1 (en castelán). Barcelona / Madrid: Establecimiento de El Plus Ultra / Librería de D.A. San Martín. 
  • Rueda Vicente, José Andrés (2000). ¿Por qué asesinaron a Prim?. La verdad encontrada en los archivos (en castelán). Pamplona: EUNSA. ISBN 84-313-1814-7. 

Outros artigos

editar