Pactos de Familia

Os Pactos de Familia (1733-1789) foron tres alianzas acordadas en distintas datas do século XVIII entre as monarquías do Reino de España e o Reino de Francia contra o Reino de Gran Bretaña.

Bandeira de España (1701- 1760).
Bandeira de Francia (século XVII-1791).

Deben o seu nome á relación de parentesco existente entre os reis asinantes dos pactos, todos eles pertencentes á Casa de Borbón.

Dous dos pactos asináronse na época de Filipe V, e o terceiro na de Carlos III.

Primeiro Pacto de Familia

editar
 
Filipe V de España
 
Lois XV de Francia

O primeiro destes pactos foi asinado por Filipe V de España e Lois XV de Francia o 7 de novembro de 1733 no Real Sitio de El Escorial. Xosé Patiño Rosales e o conde de Rottembourg acordaron o pacto en nome dos seus respectivos reis.

Filipe V, neto de Lois XIV de Francia, ascendeu ao trono español en 1700, sendo o primeiro monarca borbónico de España tras a extinción da rama dos Habsburgo ou dos Austria coa morte de Carlos II de España en 1700.

A súa ascensión ao trono foi seguida da guerra de sucesión española, que terminaría coa sinatura do tratado de Utrecht, acordo polo que España perdeu os territorios dos Países Baixos españois e os que posuía en Italia: o reino de Nápoles, os Presidios de Toscana e o ducado de Milán, pasaron ao Imperio austríaco, garantindo ao emperador Carlos VI de Austria a hexemonía en Italia; Sardeña concedeuse ao elector de Baviera e Sicilia entregouse ao duque de Savoia.[1]

Ademais, Menorca e Xibraltar pasaron ao Reino Unido.

Pola súa parte Francia cedeu a Inglaterra as súas posesións no Canadá: Terra Nova, a baía de Hudson e a Acadia (Nova Escocia) así como a illa de San Cristovo (nas Antillas), ademais da liberdade de comercio coa trata de negros, cuxo privilexio coñecido baixo o nome de asento de negros volve de novo a España

Neste tratado, ademais, Filipe foi recoñecido como rei polas principais potencias europeas, a condición de que os tronos de España e Francia nunca estiveran unidos.

Lois XV, sobriño de Filipe V, estaba casado coa princesa polaca María Leszczynska (filla do rei Estanislau), o que provocou a entrada de Francia na guerra de sucesión de Polonia (1733 - 1738).

Ambos os monarcas, Filipe e Luís, aliáronse no primeiro Pacto de Familia, facendo unha fronte común contra Austria: Filipe coa intención de recuperar as antigas posesións españolas en Italia, e Luís buscando reforzos no seu apoio a Estanislau de Polonia. Lois XV non conseguiría restaurar ao seu sogro Estanislau no trono de Polonia, pero Filipe V si recuperaría Nápoles e Sicilia, onde entronizou como rei ao seu fillo o infante Carlos (o futuro Carlos III de España).

Segundo Pacto de Familia

editar
 
Fernando VI de España

O segundo Pacto de Familia, asinado o 25 de outubro de 1743 en Fontainebleau, foi acordado polos mesmos monarcas, Filipe V de España e Lois XV de Francia, no transcurso da guerra de sucesión de Austria.

Tras a morte de Filipe V en 1746, o novo rei Fernando VI de España levou a cabo unha política de neutralidade activa entre o Reino Unido e o Reino de Francia. Fortaleceu a frota para evitar verse arrastrado á guerra e liquidou o segundo Pacto de Familia, o que o desligou de apoiar a Francia nas súas guerras.

A cambio, o Reino Unido aceptou a supresión do asento de negros e do navío de permiso.

Grazas a esta alianza España gañou Milán e os ducados de Parma, Plasencia e Guastalla para o infante Filipe, quen tomou posesión deles en 1748.

Terceiro Pacto de Familia

editar
 
Carlos III de España

Carlos III de España (1716-1788) volveu á política belicista directamente contra Inglaterra para recuperar Xibraltar e Menorca e asinou o terceiro Pacto de Familia.

Isto levouno a entrar na última fase da guerra dos Sete Anos en apoio do Reino de Francia contra o Reino de Gran Bretaña.

A derrota nesta guerra ocasionou a Carlos III considerábeis perdas ao seu final, en 1763: as dúas Floridas, que entregou ao Reino Unido, e a Colonia do Sacramento (o futuro Uruguai, ao sur do Brasil), que cedeu a Portugal.