Mans mortas
As mans mortas eran os bens da igrexa católica e das ordes relixiosas que estaban baixo a protección da Monarquía Hispánica. Nin bispos, abades e priores podíanos allear. As autoridades eclesiásticas que o fixesen podían ser suspendidas a divinis e ata excomungados. Ademais o que adquirise os devanditos bens perdíaos; só podería proceder legalmente contra a persoa que llos vendeu, nunca contra a Igrexa.
Historia
editarA Igrexa chegou a acumular, como consecuencia de doazóns ou compras, unha inmensa cantidade de propiedades territoriais e urbanas que a converteron, na Idade Media e o Antigo Réxime, na maior propietaria. A Reforma protestante supuxo a desaparición das ordes relixiosas e unha profunda reforma do clero secular na Europa do Norte (Inglaterra, países nórdicos, norte de Alemaña), o que supuxo a fin da situación de mans mortas e a chegada ao mercado libre desas terras e bens, o que foi esencial na formación do capitalismo. Mentres tanto, a Europa meridional (Francia, Portugal, España, Italia) caracterizouse pola continuación e intensificación da presenza institucional, social e económica da Igrexa.
Desde o século XVIII, a acentuación do regalismo vinculado á monarquía absoluta e a crítica ilustrada, sobre todo cando actúan conxuntamente (despotismo ilustrado), comezaron intentos de desamortización, que ás veces quedaron só en proxectos ou executados en curta medida, concedidos polo Papa e o clero local como unha contribución ao mantemento dunha monarquía en situación financeira precaria (Tratado da regalía de amortización e a chamada desamortización de Carlos IV, en España). Non será ata a Revolución liberal que o programa desamortizador se cumpra en toda a súa extensión, como ocorreu durante a Revolución Francesa (1789) ou o goberno de Mendizábal (1835).
- Artigo principal: Desamortización.
Bibliografía
editar- CALLAHAN, William J. Igrexa, poder e sociedade en España 1750-1874, Madrid: Nerea ISBN 84-86763-12-6 (en castelán)
- DOMÍNGUEZ ORTIZ, Antonio Patrimonio e rendas da Igrexa, en ARTOLA, Miguel (dir) (1991) Enciclopedia de Historia de España. (I Economía. Sociedade; II Institucións políticas. Imperio; III Igrexa. Pensamento. Cultura IV Dicionario Biográfico; V Dicionario Temático; VI Fontes), Madrid: Alianza Editorial ISBN 84-206-5294-6 (en castelán)