A Orde Militar de Santiago é unha orde relixioso-militar xurdida no século XII no Reino de Galicia e que aínda existe hoxe como título de honra.

Variantes do emblema da Orde de Santiago: a Cruz Espataria ou Espada Crucífera.

Historia editar

 
Santiago Matamouros envolto no manto da Orde. Giovanni Battista Tiepolo.

A orde fundouse no ano 1168 polos cabaleiros Pedro Fernández de Fuencalada, Rodrigo Álvarez (da Casa de Traba), Pedro Arias e outros señores feudais que tiveron o seu bautismo de fogo como Orde cando no ano 1170 o rei Fernando II encargou a un grupo de cabaleiros coñecidos coma os Fratres a defensa da cidade de Cáceres, que tiveron que abandonar ó ser conquistada polos musulmáns.

A segunda fundación, de tipo relixioso, hai que atribuírlla ó rei Afonso VIII de Castela, coa aprobación do papa Alexandre III mediante unha bula outorgada o 5 de xullo de 1175 que a converteu nunha orde supranacional, directamente responsábel perante o xefe máximo da Cristiandade.

 
Beltrán de la Cueva co hábito da orde a seu lado.

Os cabaleiros da Orde de Santiago aceptaron os votos de pobreza e obediencia. Porén, ó organizárense pola regra dos agostiños en vez da do Císter, os seus membros non estaban obrigados a faceren voto de castidade e puideron contraer matrimonio (casados eran algúns dos seus fundadores). A bula do papa Alexandre III recomendaba o celibato. Nos Estatutos da fundación da orde precisábase: "En conxugal castidade, vivindo sen pecado, semellan ós primeiros pais, porque mellor é casar que queimarse".

A Orde en Castela e León editar

 
Mosteiro e castelo de Uclés.

Afonso VIII cedeulle Uclés en 1174 á orde, sendo desde aquela a súa casa principal, de onde a designación usada nos primeiros tempos para a Orde como Orde de Uclés. Máis adiante, recibiron en 1211, Moya e Mira, ás que se unirían posteriormente Osa, Campo de Criptana, Pedro Muñoz, Montiel e Alhambra. Os cabaleiros de Santiago participaron na reconquista das comarcas de Teruel e Castelló e combateron na batalla das Navas de Tolosa en 1212. Os monarcas castelán-leoneses concedéronlles privilexios que permitiron á orde repoboar extensas rexións da Andalucía e Murcia. Durante o século XV, a orde trasladou o seu radio de acción a Serra Morena e tomou como lugar habitual de residencia dos seus mestres a poboación de Llerena (Badaxoz), proporcionando un alto crecemento tanto nesta poboación coma nos arredores.

A partir do século XIV as fortalezas das Ordes sufriron unha irreversible deterioración debido ao pouco uso que tiñan e á pouca atención debido a que deixaron de ser núcleos de poder, ademais que a entrada de armas de fogo fixo deles un operativo desfasado. En 1352 o concello de Murcia denunciaba ante o rei a situación de ruína na que se atopaban os castelos santiaguistas de Caravaca e Cehegín. A finais do XV a orde de Santiago fixérase co control en Castela de máis de 20.000 km² nos que habitaban uns 200.000 vasalos, e esta potencia señorial xustificaba que en 1312 Don Juan Manuel fixese ver ao rei Xaime II de Aragón que se obtiña para un dos seus fillos a mestría santiaguista faríase cunha das chaves -a outra era o arcebispado de Toledo- que lle permitirían controlar o reino castelán.

Co pasar do tempo e o fin da Reconquista a Orde de Santiago viuse implicada nas loitas internas de Castela. Ao mesmo tempo, debido aos seus innúmeros bens, tivo que, por varias veces, sustentar as pretensións da Coroa. Por outro lado, sendo o cargo de Gran-mestre de tamaña importancia, eran frecuentes as loitas entre grandes familias para alcanzar esa dignidade. Ata tal punto desacreditaran á orde estes escándalos, que á morte do Gran-mestre Alonso de Cárdenas en 1493, os Reis Católicos pediron á Santa Sé que providenciase unha forma de acabar cos problemas na administración da orde, reservando para si mesmos o mestrado da orde. Así, por unha bula de 1493, o papa concedeu aquela dignidade aos Reis Católicos, medida que era ao mesmo tempo unha recompensa polos servizos prestados polos reis de Castela e Aragón ao servizo da fe católica, pois en 1492 fora conquistada Granada, último reduto musulmán da Península Ibérica.

Tras a morte de Fernando, o Católico, tornouse gran-mestre da Orde Carlos I de España. En 1523 o Papa Hadrián VI uniu para sempre á coroa de España os gran-mestrados das Ordes de Santiago, Calatrava e Alcántara, tornándose este un mero título hereditario dos reis de España. Até entón, o Gran-Mestre de Santiago era elixido polo Consello dos Trece, así chamado por estaren presentes trece cabaleiros designados de entre os gobernadores e comendadores provinciais da Orde.

Con todo a administración ordinaria da Orde pasou o Consello de Ordes, que tiña ao primeiro unha cámara en especial dedicada á Orde de Santiago pero xa en 1566 Filipe II ordenou que se formara un consello único para gobernar todas as ordes. Calcúlase que en 1577 os ingresos da Orde de Santiago estaban en torno a 120.000 ducados e en 1572 tiña 221 cabaleiros, pero a partir de Filipe IV os reis utilizaron a concesión de hábitos das ordes como mercede e premio debido ó seu prestixio e converténdose nun título honorífico sen máis, e así en 1625 eran 925 cabaleiros e o duque de Olivares chegou a poñelos en venda. Actualmente segue existindo a nivel de título honorífico que só o rei pode conceder.

A Orde en Portugal editar

 
A cruz de Santiago no escudo de Sarreaus.

En Portugal a orde comezou tamén a actuar logo desde os seus comezos, aínda en reinado de Afonso Henriques, mais só tivo maior visibilidade a partir do reinado de Afonso II, e sobre todo, Sancho II. Detiveron como sedes o castelo de Palmela e, despois, o de Alcácer do Sal, que se tornou sede da provincia espataria portuguesa.

Foi mestre comendatario da Orde en Alcácer o grande Paio Peres Correia, que acabaría por chegar a Gran-Mestre da Orde, en Uclés. As súas forzas, moitas das veces lideradas por el persoalmente, conquistaron, entre 1234 e 1242, gran parte do Baixo Alentejo e do Algarve (Mértola, Beja, Aljustrel, Almodôvar, Tavira, Castro Marim, Cacela ou Silves). Tamén co auxilio desta Orde Afonso III consumou a conquista do Algarve en 1249, tomando os derradeiros redutos musulmáns de Faro, Loulé, Albufeira e Aljezur. Como recompensa, a Orde foi agraciada, en territorios portugueses, con varias destas terras do Alentejo e do Algarve, coa misión de as poboar e defender. A iso non é alleo, aínda hoxe, o feito de moitas delas teren por patrón a Santiago Maior, e de nas súas armas figurar a cruz espataria.

Chamada máis tarde de Orde de Santiago da Espada, constituíuse en orde honorífica en Portugal, da cal o xefe do Estado portugués se constitúe o Gran-Mestre.

Características da orde editar

 
Vestimenta dun Cabaleiro de Santiago.

Os Cabaleiros de Santiago eran chamados Santiaguistas ou Espatarios, por ser o seu símbolo unha espada en forma crucífera ou cruz de forma espataria.

Facían votos de pobreza e de obediencia, mais, seguindo a regra de Santo Agostiño, ao contrario da do Císter, os seus membros non eran obrigados ao voto de castidade, e podían contraer matrimonio (algúns dos seus fundadores estaban casados). Porén, a bula papal recomendaba o celibato. Os estatutos da fundación da Orde afirmaban, seguindo un principio das cartas paulinas: "En castidade conxugal, vivindo sen pecado, seméllanse aos primeiros padres apostólicos, porque é mellor casar do que vivir consumíndose polas paixóns".

Grandes Mestres da Orde de Santiago editar

  1. Pedro Fernández (1170-1184).
  2. Fernando Díaz (1184-1186).
  3. Sancho Fernández (1186-1193).
  4. Gonzalo Rodríguez (1193-1204).
  5. Suero Rodríguez (1204-1206).
  6. Fernando González de Marañón (1206-1210).
  7. Pedro Arias (1210-1212).
  8. García González de Candamio (1214-1217) (primeira vez).
  9. Martín Peláez Barragán (1218-1221).
  10. García González de Candamio (1222-1224) (segunda vez).
  11. Fernán Pérez Chacín (1224-1226).
  12. Pedro González (1227-1237).
  13. Rodrigo Yánez (1239-1242).
  14. Paio Peres Correia (1243-1275).
  15. Gonzalo Ruiz Girón (1275-1279).
  16. Pedro Núñez (1279-1286).
  17. Gonzalo Martel (1286).
  18. Pedro Fernández Mata (1286-1293).
  19. Juan Osórez (1293-1310).
  20. Diego Muñiz (1310-1318).
  21. García Fernández (1318-1327).
  22. Vasco Rodríguez (1327-1338).
  23. Vasco López (1338).
  24. Alonso Meléndez de Guzmán (1338-1342).
  25. Fadrique Afonso de Castela (1342-1358).
  26. García Álvarez de Toledo (1359-1366).
  27. Gonzalo Mejía (1366-1371).
  28. Fernando Osórez (1371-1383).
  29. Pedro Fernández Cabeza de Vaca (1383-1384).
  30. Rodrigo González Mejía (1384).
  31. Pedro Muñiz de Godoy (1384-1385).
  32. García Fernández de Villagarcía (1385-1387).
  33. Lorenzo Suárez de Figueroa (1387-1409).
  34. Enrique de Castilla (1409-1445).
  35. Álvaro de Luna (1445-1453).
  36. Xoán II de Castela (1453, administrador).
  37. Afonso de Castela (1453-1462) (primeira vez).
  38. Beltrán de la Cueva (1462-1463).
  39. Afonso de Castela (1463-1467) (segunda vez).
  40. Juan Pacheco (1467-1474).
  41. Alonso de Cárdenas (1474-1476, en León) (primeira vez).
  42. Rodrigo Manrique (1474-1476, en Castela).
  43. Fernando II de Aragón, o Católico (1476-1477, administrador).
  44. Alonso de Cárdenas (1477-1493) (segunda vez).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar