Carlos Lemaur y Burriel, nado en Montmirail o 1 de xaneiro de 1724 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1785 foi un enxeñeiro militar e arquitecto francés recrutado polo rei Fernando VI de España para incorporarse ás obras emprendidas polos Borbóns en España, a partir de 1750. Participou de maneira relevante en proxectos de canles navegables como as de Castela e Guadarrama, así como en camiños reais, sobre todo baixo Carlos III. Proxectou e construíu o pazo de Raxoi en Santiago de Compostela e a portada principal da catedral de Lugo. Colaborou tamén no deseño urbano de novas poboacións na Serra Morena, moi probablemente en La Carolina.[1] Escribiu libros sobre matemáticas e astronomía e traduciu do francés ao castelán libros técnicos e científicos.

Infotaula de personaCarlos Lemaur

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1 de xaneiro de 1724 Editar o valor em Wikidata
Montmirail, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte25 de novembro de 1785 Editar o valor em Wikidata (61 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteSuicidio Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónenxeñeiro militar , arquitecto , enxeñeiro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FillosFrancisco Lemaur (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Formación e primeiros anos editar

Os seus pais foron Carlos Antonio Lemaur y Lemaur e Mariana de Burriel, orixinarios de Montmirail, na rexión da Champaña. Dos seus primeiros anos e da súa formación inicial coñécese pouco, mais sábese que cursou estudos militares en París dende 1740, participando nos equipos de enxeñeiros xeógrafos en Flandres e, contra 1744,[2] graduouse como enxeñeiro, chegando a ter o grao de tenente. Da súa formación só se sabe a partir das súas propias afirmacións en documentos en que alegaba as súas capacidades.

Traslado a España editar

 
Pazo de Raxoi

A partir do ascenso de Fernando VI, as ideas da Ilustración francesa adquiriron grande interese no goberno dende onde se vía a xeografía e os recursos naturais como motores do desenvolvemento da economía española, para o que había que emprender obras que fixesen posible un proxecto nacional impulsor do progreso. O embaixador español en París, Francisco Pignatelli, moi probablemente por interese do marqués de la Ensenada, propuxo a Lemaur a súa incorporación a algúns proxectos relacionados con camiños, canais e fortificacións en España. Lemaur aceptou a condición de que lle fosen pagadas as débedas que contraera entón, o que se lle debeu conceder, pois en 1750 xa se atopaba en España.

En 1753 ocupouse do proxecto e das obras da canle de Castela, tendo serios enfrontamentos de carácter técnico e persoal con Antonio de Ulloa. En 1754, escribiu "Relación histórica del proyecto de Canales de Castilla y la ejecución del de Campos hasta hoy". Coa caída do marqués de la Ensenada, Ulloa foi despedido da obra da canle e pouco despois, en febreiro de 1755, tamén o foi Lemaur. Ese ano aparece traballando nas obras do porto de Corcubión. En 1757 pasou a Galicia, ocupándose de traballos de fortificacións dos portos así como no trazado do Camiño Real de Galicia.

En 1763, traballando nas obras do Camiño Real, descubriu tramos da vía romana que unía Brigantium e Asturica Augusta, así como restos arqueolóxicos de seis lápidas romanas que debuxou coas súas inscricións latinas. O trazado escollido por Lemaur para ese tramo do camiño fíxoo coincidir co itinerario de Antonino.[3]

En 1774, Miguel de Múzquis, quen foi un defensor da súa obra e persoa, comunicou a Lemaur que "o rei resolvera que pasase ás novas poboacións da Serra Morena, para formar os planos das obras de rego e, en xeral a todas aquelas que conviñesen nesas colonias".[4] Talvez desta comunicación xurda a hipótese de varios autores respecto á responsabilidade de Lemaur no trazado de polo menos a poboación de La Carolina, en Xaén.

Produción académica editar

En 1758 foi chamado á corte para formar parte da Sociedade de Matemáticas, que por eses anos dirixía Pedro Lucuze. Os seus traballos sobre astronomía e matemáticas foron impresos en España, e era evidente na súa práctica profesional, tanto no referente á hidroloxía e á construción como ás obras defensivas portuarias en que participou, que dominaba a materia, o que corrobora o recoñecemento de formar parte da devandita Sociedade. Ingresou na Real Sociedade Económica Matritense de Amigos do País en 1776, tendo o grao de coronel dos Reais Exércitos e enxeñeiro xefe.[5]

Entre as súas obras máis coñecidas atópase o Tratado de Dinámica que escribiu para a Sociedade Matemática de Madrid e o Discurso sobre Astronomía o introducción al conocimiento de los fenómenos astronómicos, sus leyes, su causa y su aplicación a los usos de la vida civil, impreso en 1762. Realizou a tradución do francés da Historia de las Matemáticas, de Montucla en 1759 e escribiu o libro Elementos de Matemáticas puras, Aritmética universal, geometría elemental y trigonometría, concluído en 1762 e publicado en 1778. Outro traballo de carácter técnico foi Examen de los carros actualmente en uso en Galicia.

A canle de Guadarrama editar

Pouco antes de morrer, en 1785, Lemaur presentou "Relación histórica del proyecto de un canal navegable desde el río Guadarrama al Océano, pasando por Madrid, Aranjuez, y atravesando la Mancha y Sierra Morena, con la exposición del orden y método de ejecución para asegurar el éxito, y la más pronta utilidad de tan grande obra", documento que foi relevante para persuadir o rei da relevancia que tería no transporte de pedra para as numerosas obras que Carlos III emprendía en Madrid con grande intensidade eses anos. Con algúns contratempos financeiros, o Banco Nacional de San Carlos financiou a obra, polo menos nos seus inicios, cando o banco estaba dirixido por Francisco Cabarrús.

O proxecto da canle de Guadarrama, moi ambicioso para a súa época, consistía nunha canle que salvaría máis de 120 metros dende a presa de El Gasco, cunha cortina de 90 metros, unha das máis altas para ese tempo en Europa, e que descendería a Madrid conectando esa zona con Andalucía e chegando ao Mediterráneo. Os problemas financeiros fixéronse moi notables e Lemaur deixou todo o trazo e concepto fluvial concluído; porén, as condicións de financiamento e os encontróns con Cabarrús e o Banco de San Carlos levárono a unha situación desesperada. Sábese que se suicidou o 25 de novembro de 1785, deixando todo o seu traballo aos seus fillos Carlos, Francisco, Félix e Manuel, que se ocuparon de continuar a canle. Con todo, as condicións eran precarias e os recursos non fluíron, chegando os herdeiros a tomar decisións pouco ortodoxas e menos convenientes para a presa de El Gasco, como o emprego de mesturas para a argamasa do remate da cortina con arxilas cunha resistencia inadecuada, o que provocou que durante en maio de 1799 esa parte se desplomase durante unha tormenta. Finalmente a obra abandonouse.

Familia editar

Carlos Lemaur y Burriel e a súa dona Juana de la Muraire y Colart, casaron en España e tiveron catro fillos e unha filla: Carlos, Francisco, Manuel, Félix e Isidora Lemaur y de la Muraire. Francisco Lemaur seguiu os pasos do seu pai como enxeñeiro militar e emigrou á Habana a finais do século XVIII.

Notas editar

  1. Non se sabe con certeza a autoría do proxecto da poboación iniciada en 1767. Algúns autores, como Antonio Bonet Correa, cualifícana como extraordinaria concepción urbanística ilustrada.
  2. López Lambas, María Eugenia. "El Camino Real de Galicia. Aspectos jurídicos", tese de doutoramento, Madrid, 1995, p. 268.
  3. López Lambas, Op. cit. p.289
  4. Ibid., p. 275.
  5. Ibid. p. 284, loc. cit. Memorias da Sociedade, catálogo de referencia ano de 1780.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Capel, Horacio et. al. "Los ingenieros militares en España, siglo XVIII: repertorio biográfico e inventario de su labor científica y espacial", Universidade de Barcelona, 1983, 429 pp. ISBN 8475281176
  • Pita González, María Soledad. "Carlos Lemaur: ingeniero militar, arquitecto e impulsor del desarrollo económico de Galicia en el siglo XVIII", Revista NORBA-ARTE, ISSN 0213-2214, vol. XXVIII-XXIX (2008-2009) / 99-112.
  • Ruiz González, E. y Sena Medina, G., "Carlos Lemaur y el Camino de Despeñaperros", en Actas del II Congreso Histórico, La Carolina, 1985. Córdoba, 1988.
  • Pardo Mejide, A. "El plan de Lemaur sobre los juncales de la ría de Betanzos en el siglo XVIII", Estudios Geográficos, No. 102, febreiro 1969, pp. 75-105.
  • Llaguno y Amirola, Eugenio. "Noticias de los arquitectos y arquitectura de España desde su restauración", Madrid, 1829, T.IV, p.287.
  • Sánchez Lázaro, Teresa. "Carlos Lemaur y el canal de Guadarrama", Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Madrid, 1995. ISBN 8438000886.