Batalla de Casal do Eirigo

A batalla de Casal do Eirigo foi un enfrontamento na guerra da Independencia española en Galicia que tivo lugar o 27 de abril de 1809, no lugar de Casal do Eirigo, parroquia de Setecoros, hoxe no concello de Valga, entre o exército galego e os campesiños do lugar contra o exército napoleónico.

Batalla de Casal do eirigo
Parte de Guerra da Independencia española
Data 27 de abril de 1809
Lugar Casal do eirigo, Setecoros, Valga
Coordenadas 42°40′06″N 8°38′01″O / 42.6684324, -8.6336009Coordenadas: 42°40′06″N 8°38′01″O / 42.6684324, -8.6336009
Resultado Vitoria do campesiñado
Belixerantes
 FRA Exército napoleónico do Primeiro Imperio Francés Exército do Reino de Galicia

Campesiñado de Casal do eirigo

Baixas
400 mortos e 1000 feridos 60 mortos e 120 feridos

A batalla editar

Baixo os outeiros do monte Xesteira, nas inmediacións da Capela da Saúde, o exército galego, auxiliado polos campesiños do lugar, armados coas súas rudimentarias armas e con máis ganas que posibilidades, libraron unha cruel batalla, corpo a corpo coas tropas napoleónicas invasoras. "Chuzos" e "galletas" contra sabres e fusís; David contra Goliat; labradores contra soldados franceses profesionais. Esta foi a esencia da batalla de Casal do Eirigo. Malia non alcanzar a vitoria completa, os campesiños si lograron facer recuar aos franceses, o que soubo a triunfo.[1][2][3]

A de Casal do Eirigo foi unha batalla sanguenta. Ante a presenza dunha avanzada de franceses en Padrón, as tropas galegas puxeron rumbo ás terras de Iria. A metade de camiño entre Caldas e Valga, xusto no outeiro de Casal do Eirigo, situouse o batallón da Vitoria, capitaneado por Colombo, avanzando tamén até a zona a compañía de Tiradores do Miño e o 1ª e o 2º batallón de Lobeira, integrado por uns catrocentos recrutas mal adestrados e peor armados, xa que apenas dispoñían de cen fusís. Os soldados franceses, ­uns mil homes,­ lanzaron un ataque, pero os destacamentos dos labregos locais lograron rodealos e atacáronos pola retagarda, á vez que os solados abrían fogo desde o cume de Casal do Eirigo. Os franceses tiveron que retirarse e ocultarse en zonas como Xanza, A Tarroeira e San Xulián de Requeixo (Pontecesures).[4]

A loita tivo un segundo acto. Por cada soldado ou paisano galego —­máis que soldados eran campesiños mal armados—­ había cinco franceses armados "até os dentes", e contaban con pezas de artillaría e seccións de cabalaría. O ataque dos franceses foi inminente. Despregáronse polo camiño real (actual estrada N-550) atacando con tres columnas de artillaría. O segundo batallón de Lobera entrou en pánico e os seus integrantes fuxiron, polo que os Tiradores do Miño ocuparon o seu lugar e fixeron retroceder ao inimigo, causándolle moitas baixas. Outros tres batallóns franceses e trescentos xinetes atacaron ao batallón da Vitoria, que loitou heroicamente até o límite das súas posibilidades, até que Colombo ordenou unha retirada que soubo a vitoria xa que as tropas inimigas sufriron 400 mortos e un millar de feridos, por 60 mortos e 120 feridos nos batallóns locais. Pero os franceses non aproveitaron esta retirada, xa que se dedicaron a saquear e queimar casas polas zonas de Setecoros e San Clemente. Ao día seguinte fixéronlles crer que ían cortarlles o paso no viaduto de Pontecesures e que en Padrón se organizaba unha sublevación na súa contra, polo que abandonaron as terras altas de Valga dirixíndose ao val, onde foron acuartelados.[4]

Notas editar

  1. Recreación Batalla Casal do Eirigo 2014 en Valga Arquivado 18 de maio de 2014 en Wayback Machine. Imaxes da recreación da batalla. En Páxinas Galegas. Festas Galicia.
  2. Batalla Casal de Eirigo, en ValgaÁlbum de fotos da recreación da batalla Diario El Correo Gallego. Consultada o 19/05/2014. Arquivado 06/03/2016, en Wayback Machine.
  3. "Vídeo sobre a batalla e a súa reconstrución". Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2014. Consultado o 19 de maio de 2014. 
  4. 4,0 4,1 Batalla de Casal de Eirigo Consultada o 19/05/2014.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar