Ruta rosaliana

Ruta relacionada con Rosalía de Castro

A Ruta rosaliana é un percorrido que se fai polos lugares máis singulares na vida da poeta de Galicia Rosalía de Castro, todos eles vinculados sentimentalmente coa escritora, manifestándose de forma patente na obra poética de Rosalía.

Sitúa tódalas coordenadas usando OSM
Descargar coordenadas como: KML · GPX

Avelino Abuín de Tembra, escritor que elaborou algunha das máis destacadas antoloxías sobre a obra de Rosalía de Castro, foi quen ideou a creación dun itinerario e promoveu a viaxe polos lugares máis sobranceiros na vida da poetisa[1].

Letreiro co plano da Ruta rosaliana en Iria Flavia.

Percorrido editar

O Camiño Novo en Compostela editar

42°52′25″N 08°33′07″O / 42.87361, -8.55194

Comeza o itinerario na praza de Vigo en Compostela, ó pé do monumento a Rosalía, que se lle dedicou en 1982, no lugar onde naceu, nunha casa hoxe desaparecida, a carón do Camiño Novo. Por trás da casa estendíanse os campos de San Xosé, de Ramírez e de Cornes, hoxe integrados na zona urbana de Santiago.

Lectura relacionada: "En Cornes", de Follas novas.

 
Ortoño; *Aquí naceu o Seminario de Estudos Galegos * XII-X-MCMXXIII*

Ortoño editar

42°51′09″N 08°38′18″O / 42.85250, -8.63833

Pasou Rosalía a súa infancia en Ortoño, concello de Ames, no Castro de Ortoño, domicilio da familia paterna. Neste lugar fundouse en conmemoración da figura de Rosalía o Seminario de Estudos Galegos en 1923.

Lectura relacionada: "Acolá enriba", poema 12 (levou o n.º 14 a partir da 2ª edición) de Cantares gallegos.

 
Igrexa de San Xulián de Bastavales.

Bastavales editar

42°49′27″N 08°40′13″O / 42.82417, -8.67028

San Xulián de Bastavales en Brión é unha importante freguesía da arcebispado compostelán. Na aldea de Soigrexa tivo residencia esporádica Rosalía. As campás do templo de Bastavales son un dos seus elementos máis singulares, instaladas en 1828. Rosalía podía escoitalas dende a casa do Castro de Ortoño. Comezouse a construír a igrexa en 1585 e rematouse en 1772. A nave está orientada cara ao abrente, axexando cara ao monte Ruibal e o mítico Castro Lupario. Por Bastavales transcorre o río Sar, moi vinculado tamén á poesía rosaliana.

Lectura relacionada: "Campanas de Bastabales", poema 9 de Cantares gallegos (n.º 11 na 2ª edición).

 
Torres de Lestrobe ou Pazo de Hermida.

Pazo de Hermida editar

42°43′58″N 08°40′16″O / 42.73278, -8.67111

Artigo principal: Pazo de Hermida.

No Pazo de Hermida, en Lestrobe (Dodro), propiedade de parentes próximos, pasou Rosalía tempadas enteiras e mesmo escribiu alí parte da súa obra. Neste lugar naceron Ovidio e Gala, fillos da escritora. O panorama que se contempla é o val do Sar e Ulla e a veiga de Lestrobe.

Lectura relacionada: "Como chove mihudiño", poema 28 (n.º 32 na 2ª edición) de Cantares gallegos.

 
Estatua de Rosalía no paseo do Espolón en Padrón.

Padrón editar

42°44′20″N 08°39′41″O / 42.73889, -8.66139

A vila de Padrón está vinculada tamén coa poetisa galega. Na vila padronesa podemos atopar a casa onde Rosalía viviu, na rúa Juan Rodríguez, camiñar paseniño polo Espolón, a carón do río Sar, ou pasear sosegadamente polo xardín botánico de Padrón.

Lectura relacionada: "Estranxeira na súa patría", de Follas novas.

Pazo de Arretén editar

42°44′45″N 08°38′47″O / 42.74583, -8.64639

Artigo principal: Pazo de Arretén.

En Arretén, o pazo dos devanceiros maternos de Rosalía, coñecido como a Casa Grande e así aparece nos versos de Rosalía. O pazo de Arretén está delicadamente restaurado.

Lectura relacionada: "Ô pazo d'A...", de Follas novas.

 
Casa Museo Rosalía de Castro.

Casa da Matanza editar

42°44′18″N 8°39′07″O / 42.73833, -8.65194

Artigo principal: Casa Museo Rosalía de Castro.

A Casa Museo está na aldea da Matanza, regresando do pazo de Arretén. A visita ó museo, xunto coa horta, representa un dos puntos culminantes da Ruta rosaliana.

A Casa da Matanza é a casa na que Rosalía viviu os derradeiros anos da súa vida. Neste espazo faise un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Na planta baixa, denominada O perfil dunha sombra, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o seu contorno e a relación do pobo galego coa figura da escritora. Na primeira planta, denominada O seu, proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga.

Lectura relacionada: "Miña casiña, meu lar", de Follas novas.

 
Lápida de Rosalía en Iria Flavia.
 
Colexiata de Iria Flavia.

Iria Flavia editar

42°44′45″N 8°39′20″O / 42.74583, -8.65556

Artigo principal: Cemiterio de Adina.

A igrexa de Iria Flavia está rodeada por un fermoso adro. É o cemiterio onde estivo soterrada entre 1885 e 1891, a tumba está sinalizada. É o cemiterio de Adina que canta Rosalía, unha antiga necrópole do século V.

Lectura relacionada: "¡Padron! ... ¡Padron!", de Follas novas.

 
Mausoleo de Rosalía en Bonaval.

O Panteón de Galegos Ilustres editar

42°52′58″N 08°32′19″O / 42.88278, -8.53861

Artigo principal: Panteón de Galegos Ilustres.

En San Domingos de Bonaval, de regreso a Santiago, conclúe a viaxe. En Bonaval está o Museo do Pobo Galego e o Panteón de Galegos Ilustres. Neste lugar sagrado e íntimo podemos contemplar o mausoleo de Rosalía.

Lectura relacionada: "!Adiós¡", de Follas novas.

Notas editar

  1. "O amor galicián»". Galicia Hoxe. 3-3-2009. Arquivado dende o orixinal o 02-04-2017. Consultado o 13-06-2014. A súa outra paixón foi a figura e a obra de Rosalía de Castro (...) Froito desta paixón son as antoloxías que realizou da escritora. Porén, foi máis alá e creou para ela unha ruta literaria, que percorre as paisaxes que evocaron os seus escritos 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar