Bandeira de Galicia
| ||||||||||||||||
|
A bandeira de Galicia actual foi creada a finais do século XIX polos galeguistas históricos do Rexurdimento e consolidada pola Xeración Nós como insignia nacional[1], a actual bandeira civil. Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo até o inferior dereito. A franxa azul posúe unha largura igual á terceira parte do alto da bandeira.
HistoriaEditar
Antigo estandarte realEditar
- Artigo principal: Bandeira do Reino de Galicia.
- Artigo principal: Escudo do Reino de Galicia.
O antigo estandarte do reino de Galicia compoñíase principalmente por un cáliz dourado sobre fondo azul. Este aparece documentado como motivo principal do escudo de armas do Reino de Galicia dende finais do século XIII. Así aparece documentado como armas os reis de Galyce no armorial Segar de Inglaterra do ano 1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galicia foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz pechado nun relicario (armoriales Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) pasouse á súa representación en forma aberta; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal cáliz en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. Equivocamente, moita xente pensa que as sete cruces corresponden ás cidades do antigo Reino de Galicia aínda que en realidade a súa orixe é soamente decorativa (Escudo de Galicia).
O deseño actualEditar
O actual deseño da bandeira galega remóntase ao Rexurdimento, é neste momento cando se comezan a reformular e crear os símbolos nacionais de Galicia. A finais do século XIX comezáranse a empregar diferentes modelos de bandeiras coa idea de representaren graficamente unha Galicia que camiñe cara á liberdade, neste contexto numerosos intelectuais defenderán a bandeira franca, a bandeira branca coa cruz vermella de Santiago, así como tamén a bandeira branca coa franxa azul, que será aceptada axiña por boa parte do galeguismo e finalmente por toda Galicia. Xa na última década do século XIX, quedaba fixada a actual estética da bandeira:
"A bandeira galega só ten dúas cores: branco e azul. O fondo é branco, e dende o ángulo superior da esquerda ata o ángulo inferior da dereita, atravesando o centro, unha franxa de cor azul que debe ter de ancho a terceira parte do alto ou ancho total da bandeira", publicado no ano 1898 no xornal O Eco de Galicia, A Habana, Cuba.
A bandeira foi prohibida na ditadura de Primo de Rivera de iure e na ditadura de Francisco Franco de facto.[3]
|
Coa volta da democracia, a Lei 5/1984 de 29 de maio de 1984 da Xunta de Galicia regulou a actual bandeira galega. Nela lexíslase que a bandeira de Galicia ha de ter unha lonxitude igual a tres medios do seu ancho. É branca, cunha banda azul celeste dun ancho equivalente á cuarta parte do da bandeira, que a atravesa dende a parte superior á hasta, cara á parte inferior ao batente. Esta versión, sen escudo, denomínase en vexiloloxía -a ciencia que estuda as bandeiras-, "Bandeira Civil", e pode ser utilizada polos cidadáns, pero non pola administración pública, que debe, obrigatoriamente, utilizar a "Bandeira Institucional", con escudo. Esta versión, con escudo, tamén pode ser utilizada pola poboación civil.
A representación moderna e oficial do escudo galego foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega (RAG). A RAG propuxo á Xunta de Galicia conservar a memoria da bandeira galega antiga dentro da moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira civil, formando o que en vexiloloxía se denomina "Bandeira Institucional". A bandeira "de estado", "institucional" ou "oficial" galega é a que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.
"A bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma", Lei 5/1984 de Símbolos de Galicia, Artigo 2.2.
Diversas orixesEditar
A comezos do século XX foron moitos os intelectuais que tentaron atopar a orixe do deseño actual da bandeira galega, entre estes chegouse a presupoñer que a franxa azul representaba ao río Miño e de feito, isto motivaría durante un tempo o cambio de dirección da franxa que pasaría a ser desde a esquina superior dereita á inferior esquerda.
Tamén se chegaron a barallar outras teorías con gran divulgación, tal e como a que adxudicaba a orixe da bandeira a unha confusión coa baseada en que os emigrantes galegos terían pensado que a bandeira da provincia marítima da Coruña que ondeaba no porto e nos transatlánticos era de feito a bandeira de Galicia. Porén, a bandeira branca coa franxa azul xa fora empregada no traslado dos restos de Rosalía de Castro, celebrado os días 25, 26 e 27 de maio de 1891, e a comandancia da Coruña adoptaría a súa nova bandeira (tamén cunha franxa azul) non antes do 22 de xuño do mesmo ano[1].
Outras bandeiras e símbolos históricosEditar
- A figura dun cáliz, copa ou relicario dourado é o símbolo histórico que máis longo tempo vén representando a Galiza como entidade xeográfica e política. Tres cálices dourados aparecen documentados por primeira vez como armas dos reis de Galyce no armorial Segar de Inglaterra do ano c.1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galiza foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz dourado evolucionou cara a unha copa dourada (armoriais Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) cara ao século XV, ao que se lle sumaron un número dispar de cruces no século XVI. Xa no século XVII, no contexto da Contrarreforma, este pasou a ser representado como relicario; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal Graal en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. A estandarización gráfica moderna das armas ou escudo de Galiza foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega.
- No século XVIII, os buques do Reino de Galicia empregaban como pavillón nacional unha bandeira branca cun cáliz dourado e dous grupos de tres cruces vermellas cada un situados en ambas as dúas beiras[4], tal e como se recolle na obra Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer, publicada en Ámsterdan en 1718.
- O nacionalismo de esquerdas adopta a estreleira (bandeira galega coa estrela vermella) como símbolo de liberación nacional e social. Este símbolo é o máis usado en manifestacións nacionalistas ou partidos de fútbol. É a bandeira da principal Central Sindical (CIG: Confederación Intersindical Galega) e dos partidos de esquerda nacionalista.
- O deseño do escudo de Castelao co texto "Denantes mortos que escravos" (1937). Consistía na serea sostendo o escudo cunha fouce e unha estrela.[5]
- Durante a marea negra do Prestige tamén se usou a bandeira galega, con fondo negro e co texto de Nunca Máis.
Bandeira do antigo Reino de Galicia
Bandeira do Reino de Galicia nun gravado de 1701[6]
Pavillón empregado polos buques de Galicia no século XVIII[7]
NotasEditar
- ↑ 1,0 1,1 Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Villares, Xosé Luís Axeitos, Manuel Ferreiro, Fernando López-Acuña, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (2007). Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, ed. "Os Símbolos de Galicia" (PDF). pp. 87–88. ISBN 978-84-96530-46-1.
- ↑ VVAA (2006). Galicia, a forza da palabra. Centenario da Real Academia Galega. Fundación Caixa Galicia. p. 119. ISBN 84-96494-82-9.
- ↑ Parlamento de Galicia: os símbolos de Galicia
- ↑ Nicolaas Witsen, Cornelis van Eyk, Carel Allard (1718). chez David Mortier, Libraire, ed. "Des pavillons. Planche LVI.". Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer. Ámsterdan. p. 17.(en francés)
- ↑ "Non-nos quedaba máis que a fouce de ouro sobor dun fondo azul e a estrela vermella, como emblema do Traballo e da Liberdade. Ourelando o escudo cumpría deixar patente o martirio de Galiza. E a serea, que pertence á heráldica galega, como símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras" ("Os novos símbolos da Nova Galiza" en Nova Galiza (Barcelona), 6, 1 de xullo, px. 2).
- ↑ Denis Landry (5 de novembro de 1701). "La ceremonie du mariage du roy d'Espagne avec la Princesse Marie Louise Gabrielle de Savoye seconde fille du Duc de Savoye". Figueres, Cataluña.(en francés)
- ↑ Nicolaas Witsen, Cornelis van Eyk, Carel Allard (1718). chez David Mortier, Libraire, ed. "Pavillon de Galice". Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer. Ámsterdan. p. 56.(en francés)
Véxase taménEditar
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Lei de símbolos de Galicia |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bandeira de Galicia |
BibliografíaEditar
- Barbosa Álvares, José Manuel (2011) [2006]. Bandeiras da Galiza (2.ª ed.). Através. ISBN 978-84-87305-53-5.
- Barreiro Fernández, Xosé Ramón; Axeitos, Xosé Luís (2007). "A bandeira de Galicia". En Barreiro Fernández, Xosé Ramón; Villares, Ramón. Os Símbolos de Galicia (PDF). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real Academia Galega. pp. 79–104. ISBN 978-84-96530-46-1.
- Costa Casas, Xoán (2020). "A bandeira da Galiza: do concepto á imaxe". Terra e Tempo (Santiago de Compostela) (181. Os símbolos da nación galega): 6–13. ISSN 1575-5509.
- Obelleiro Hermida, María (2020). "A bandeira da Patria: orixes e significación". Terra e Tempo (Santiago de Compostela) (181. Os símbolos da nación galega): 14–19. ISSN 1575-5509.
Outros artigosEditar
Ligazóns externasEditar
- Símbolos de Galicia
- Bandeira Galega
- Glez., Xosé (28 de decembro de 2018). "Himnos e bandeiras". Galicia Confidencial. Redondela.
- Lorenzo Gil, César (18 de outubro de 2018). "O misterio da bandeira galega". Aira das Letras.